(Artigo publicado no nº 110 da revista Luzes, en novembro de 2022.)
Que non se pode crecer indefinidamente nun planeta finito é unha obviedade. Así e todo, practicamente todas as políticas económicas contradín esa verdade, se cadra porque semellante obviedade ten un pequeno problemiña: desminte que o capitalismo poida continuar. Se estamos nun sistema que só sabe medrar e non podemos facelo ata o infinito, a lóxica dita que nalgún momento haberá que parar, coma todo o que medra agás aos tumores. A contradición entre o ADN tumoral do sistema e a realidade biofísica é tan brutal que a fin do crecemento non podía ser agachada por máis tempo. A hora do Decrecemento e o Poscrecemento por fin chegou, coándose polas fendas que a pandemia, a guerra, a inflación e as disrupcións enerxéticas abriron na inquebrantable fe no progreso perpetuo.
Velaquí un pequeno repaso deste abrocho, comezando polo ámbito académico. Con importante apoio económico da UE botaron a andar dous proxectos que van pescudar nos camiños para abandonar o crecemento económico. Un deles, con sede na Universidade de Vigo, é liderado por Mario Pansera e o Postgrowth Innovation Lab, que conta para esta investigación cun millón de euros. O outro, liderado desde a Autónoma de Barcelona por Yorgos Kallis coa participación de Jason Hickel e Julia Steinberger, recibiu dez veces ese financiamento. Os masters e doutorados sobre a cuestión superan xa o centenar. Once mil científicos asinaron na revista BioScience unha carta reclamando que se abandone o obxectivo do PIB. Os artigos e libros publicados nos últimos anos por todo o mundo rebordarían o espazo destas liñas. Abonde citar apenas o caso de O Capital no Antropoceno de Kohei Saito, quen con máis de medio millón de copias vendidas deste manifesto decrecentista, marxista e poscapitalista está remexendo a alertargada esquerda en Xapón e a boa parte da súa xuventude. Os organismos científicos de primeiro nivel sobre cambio climático (IPCC) e biodiversidade (IPBES) falan xa da necesidade de decrecer nos seus últimos informes.
No ámbito máis de base non deixan de se multiplicar os actos e encontros ao redor do Decrecemento. A chamada asemblea cidadá polo clima defendeu a necesidade de decrecer nas conclusións que presentou ao goberno español. Máis preto de nós, o recente II Encontro da rede polo Decrecemento celebrado en Valón (Ferrol), coa presenza do máis infatigable defensor galego desta proposta, Carlos Taibo, foi todo un éxito de público. Científicos teñen feito informes e intervencións en defensa do decrecemento en diversos parlamentos coma o europeo, británico, italiano, neerlandés, vasco, catalán, valencián, galego, español… Nun país que nos leva anos de adianto neste debate, como é Francia, contan con figuras políticas da Décroissance coma os exministros Yves Cochet e Delphine Batho. En Colombia a ministra Irene Vélez defendeu publicamente o decrecemento, e ante o rebumbio mediático recibiu o respaldo expreso do presidente Petro.
No ámbito político español é significativa a recente aposta de Izquierda Unida polo Decrecemento, con enquisas que demostran que máis dun terzo da súa militancia se identifica con esa proposta (case a metade entre os menores de 35 anos, máis da metade no caso dos que teñen maior nivel formativo), e coa saída do armario como decrecentista do ministro Garzón. IU abriu o proceso «Decrecer para vivir» co que avanzar na elaboración conxunta dun programa decrecentista, con outras organizacións sociais e políticas. Unha vez posto o axóuxere ao gato, tamén Podemos se lanzou na súa recente Universidade de Outono a falar abertamente de «decrecer para vivir mellor». Dentro da iniciativa Sumar de Yolanda Díaz xa está o tema enriba da mesa. Adelante Andalucía atreveuse a reclamar «decrecemento» no parlamento andaluz, cousa que en Euskadi e Catalunya xa fixeran Bildu e a CUP. Era visto que o primeiro que en política comezase falar de Decrecemento sería consideralo un tolo, mais agora vai ser xa «parvo o derradeiro!».