(Publicado previamente no número 97 da revista Luzes, en novembro de 2021.)
É un lugar común do debate político no noso país falar dun suposto problema demográfico na Galiza actual, que se prolongaría nun futuro indeterminado en caso de non tomarmos medidas. Perdemos poboación desde hai unha década (porque morren moitos máis dos que nacen e tamén pola emigración de tipo económico), e a que vai quedando fica máis avellentada. Seica as parellas galegas deben ter máis fillos, propón o natalista partido gobernante. Mais en todo este debate hai algúns factores que se adoitan esquecer e que resultan, porén, fundamentais. O primeiro é que non se está a avaliar cál é a poboación idónea para o noso país, en función da capacidade deste para nos manter. O segundo, que en caso de convir un aumento da poboación, o fomento da natalidade seguramente non é a vía máis ética nun mundo superpoboado onde millóns de seres humanos adoecen por fuxir de países devastados ecolóxica, económica, politicamente ou nos tres planos á vez. O terceiro é que non podemos proxectar as situacións do noso pasado cara ao futuro porque estamos nun intre de ruptura histórica coa suposta «normalidade», que en realidade é unha absoluta anormalidade no devir da nosa especie. Desde o momento en que comeza a Revolución Industrial alimentada polos combustibles fósiles, é dicir, cando comezamos a vivir dun detritus prehistórico finito no canto de facelo do que produce a biosfera cada ano grazas á luz solar, multiplicamos case por 8 o noso número sobre o planeta. Mais ese detritus comeza a dar sinais de se acabar, e non cabe razoablemente pensar que imos seguir soportando un nivel de poboación tan excepcional, sobre todo tendo en conta que o saldo ecolóxico desta moribunda Era Industrial é unha biosfera cunha capacidade mermada para soportar a nosa e outras especies.
E velaí é onde chegamos á cuestión do caos climático (non gusto de empregar «cambio» nin «mudanza» porque dá a falsa impresión de evolución a un estado diferente mais tamén estable). Despois dos últimos meses de fenómenos extremos que non respectaron nin os países máis ricos do planeta, a ninguén se lle pode escapar que isto vai moito peor do que se esperaba. E se a nosa clase política parase por un intre considerar os escenarios que se comezan albiscar no noso país, mais sobre todo na nosa contorna xeográfica e política, coido que ollarían cunha perspectiva moi diferente o suposto problema demográfico de Galiza. Un exemplo: o Meteocat prevé que en tan só 30 anos a temperatura en Cataluña aumente 3 ºC. E todos os informes elaborados a nivel español e internacional coinciden en sinalar a zona sur e mediterránea da Península Ibérica en alto risco climático, e xa se fala abertamente de desertificación no 75% do territorio (algo menor no caso de Portugal). O físico Antonio Turiel, nunha recente entrevista para RTVE, advertía que se a nosa civilización segue polo camiño que vai e se acadan os +2 ºC de aumento no planeta, non serán raras temperaturas de 50 ºC no verán en varias zonas de España, porque é sabido que na bacia mediterránea os incrementos están a ser meirandes cá media global, e a suba do nivel do mar será moi importante. Mais se chegamos aos +3 ºC globais, chegarían en puntos da Iberia a 60 ºC con relativa frecuencia. Neste caso, afirma o científico do CSIC, «a única zona habitable sería o Cantábrico e zonas veciñas» ao que engade algunha outra nos Pirineus. Con este panorama, alguén pensa en serio que os millóns de habitantes do sur e leste ibérico (arquipélagos incluídos) van permanecer de brazos cruzados durante 20 ou 30 anos mentres se cocen a lume lento coma a proverbial rá no caldeiro? Antes ca iso darase por forza unha progresiva migración, rápida en termos históricos, cara ao norte e ao oeste. Estamos a falar do abandono de zonas nas que viven, na actualidade —e sen contar áreas ameazadas en Portugal— uns 40 millóns de persoas.
Esta é a perspectiva demográfica que debería comezar a estudar o noso goberno e que a oposición faría ben en reclamarlles. Con que só escolleren como destino Galiza un 5% desas persoas, estariamos a falar nada menos ca dun fluxo de 2 millóns de refuxiados climáticos, que chamarían ás nosas portas ao longo dun par de décadas ou tres. Así pois, quen minimice as repercusións do caos climático sobre o noso país, que o pense mellor. Cómpre comezar a planificar, como país, como imos alimentar este volume de poboación sumado á nosa, máxime cando o devalar dos combustibles fósiles e os propios efectos climáticos sobre a agricultura mundial van reducir enormemente a capacidade de importar alimentos, e teremos basicamente que vivir do que produzamos aquí. Onde e de que vivirán esas persoas? Como as imos integrar culturalmente? Os inevitables problemas e conflitos a causa desta masiva migración serán inmensamente peores se non os prevemos a tempo.
PD: Case dous anos despois de escribir este artigo, chega a min unha nova publicada por RTVE, que difundiu nas redes sociais a xornalista Azahara Palomeque, e que fala da aceleración desta tendencia migratoria da que eu levo anos a avisar. Mentres, escoito os nosos políticos galegos seguiren a falar dun «reto demográfico» que supostamente temos en Galiza, como se vivisen noutro planeta e aínda non se decataran do que está a pasar co clima na Península Ibérica. O termo «futuro» do titular no meu artigo para Luzes é cada vez máis unha realidade «presente», que debemos ter en conta para a planificar e xestionar axeitadamente.