Xa está dispoñible para todas as persoas subscritas, nos quioscos e na súa tenda online o centésimo número da prestixiosa revista Luzes onde teño o honor de participar cun duplo relato distópico/utópico. Baixo o título común de «Colonización climática vs. o Gran Retorno á Terra» tento ofrecer unha ollada anticipativa a dous extremos dos futuros posibles que temos ante nós como país, atendendo especialmente á dupla ameaza climática-enerxética que temos enriba e ás súas consecuencias, que han facer abalar sen dúbida os alicerces de todo o que coñecemos até o de agora.
Cómpre, como dicía Machiavelli e sempre nos lembra Jorge Riechmann, coñecer os camiños que conducen aos infernos para ser quen de evitalos. E cómpre, sen dúbida, visualizar os futuros vivibles cara onde queremos camiñar, pois sen ver o horizonte camiñamos ás cegas.
Estou moi agradecido tanto á dirección da revista por me ter confiado esta responsabilidade como ao ilustrador que seleccionaron para acompañar este exercizo literario de anticipación, Miguel Robledo, cunhas potentes imáxenes que souberon captar a esencia deste cruce de camiños que temos diante de nós.
Deixo ás persoas lectoras o xogo de recoñecer certos guiños a outras obras apenas agachados no meu texto.

A primeira parte do relato (a distópica, é dicir, «Colonización climática») vén de ser republicada por Luzes no número especial que sacaron este verán de 2026 (nº 155). A mágoa é que malia só reproducir esa parte, deixaron o título do conxunto, co cal queda incomprensible: «Colonización climática vs. O Gran Retorno á Terra».
Veño de publicar en aberto o contido desa primeira parte do relato: https://casdeiro.info/textos/2026/09/21/colonizacion-climatica-vs-o-gran-retorno-a-terra-1a-parte/
Logo virá a segunda 😉