(Versión lixeiramente ampliada do artigo publicado no nº 92 da revista Luzes Foron engadidas algunhas ligazóns para a súa publicación neste blog.)
Quizais, se os nosos dirixentes políticos e sindicais ollasen os informes da Axencia Internacional da Enerxía, os estudos de xeólogos coma os que conforman a organización internacional ASPO —con Campbell e Laherrère á cabeza—, se estudasen as conclusións de avanzados modelos computarizados coma o europeo MEDEAS, se oísen as advertencias de expertos galegos coma o ex-director do INEGA e actual decano de Económicas na USC Xoán Ramón Doldán, terían coñecemento de que estamos adentrándonos nun declive inexorable desa mesma enerxía fósil que fixo posible o grau de industrialización actual. E esta consecuencia desindustrializadora do descenso enerxético é algo que, en realidade, fora xa previsto no MIT hai case 50 anos por pioneiros na Dinámica de Sistemas, nun dos escenarios daquel informe Limits to Growth realizado para o Clube de Roma, no que o output industrial per cápita chegaba a un máximo en torno á segunda década do século XXI e comezaba a partir de aí un profundo devalar, caendo á metade en apenas 20 anos; un escenario, por certo, que estamos cumprindo punto por punto, tal como se ten demostrado en revisións recentes daquel modelo. Por suposto que alén desta tendencia sistémica existen razóns máis ou menos conxunturais do máis diverso para os peches de industrias, fábricas ou empresas concretas que estamos a vivir en Galiza, mais non podemos apartar a ollada da maré de fondo desta etapa da historia na que a civilización humana comezou a bater duramente contra os límites biofísicos do planeta.
A industrialización rematará por ser, moi probablemente, unha etapa breve da historia humana, limitada ao par de séculos escasos que dispuxemos de enerxía fósil en abundancia. O futuro que nos agarda en non moito tempo, como xa nos avisaba en 2012 Doldán nun artigo que debería ser de obrigada lectura, «é rural», sobre todo para países coma o noso nos que non se atopan as derradeiras reservas explotables de combustibles fósiles, nin teñen exércitos imperiais que enviaren polo mundo acaparalos. Teremos nese futuro o que sempre tivemos (e iso se somos espilidos e non o acabamos de estragar antes): rías e terras dunha grande fertilidade con auga e clima axeitados para sustentala, costas nas que faenar, montes que explotar multifuncionalmente, materias primas naturais de grande calidade que utilizar e transformar por medio de pequenas industrias de moderado consumo enerxético e que tamén poden volver ser de baixo impacto ecolóxico.
Así, a crise da nosa grande industria alicerzada nas enerxías fósiles pode significar o renacemento dunha economía de novo asentada na riqueza real do país, unha economía moito máis modesta pero sustentable e resiliente, orientada primeiramente ás necesidades locais antes cá exportación, e dun tamaño axeitado ás capacidades das enerxías renovables locais que —faríamos ben en deixar de autoenganarnos— non poderán termar de sociedades con tal grau de complexidade e industrialización coma as que foron moldeadas por décadas de abundante petróleo, gas natural e carbón. Máis ben é ao contrario, pois son os propios sistemas de alta tecnoloxía que usamos hoxe en día para captarmos fluxos de enerxía solar e eólica —principalmente para transformalos en electricidade— os que dependen da continuidade dunha industria complexa e extensa da que son incapaces de termar eles sós. Pero para poder percorrer ese camiño co menor trauma social posible, tirando del todo o bo que pode darnos, temos que comezar a redefinir o noso campo do concibible, a nosa xanela de Overton, e atrevernos a pensar se non estaremos tentando manter un nivel de industrialización imposible na época posfósil na que nos adentramos. Se non planificamos a reagrarización de Galiza, véndolle o lado bo que sen dúbida pode ter tal volta á casa, ímola vivir cunha enorme frustración, como unha auténtica traxedia colectiva. O final da enerxía fósil non implicará unha simple reconversión industrial, nin apenas unha transición dunhas enerxías a outras, senón toda unha mudanza civilizatoria. Atrevámonos a ollar para o elefante que temos no cuarto: non estamos perante unha crise industrial máis, senón no comezo da fin da propia civilización industrial.