Resulta máis ca evidente que os nacionalismos centrípetos e centrífugos, en calquera lugar do mundo onde existen conflitos deste tipo, se realimentan mutuamente. Así, canto máis nacionalismo español (máis opresión ou represión dos sentimentos identitarios e dos dereitos das outras nacións inseridas no Reino de España), máis nacionalismo vasco, catalán e galego. E canto máis erguen a voz estes e tentan combater ese nacionalismo de imposición, máis rematan por nutriren as posicións opostas.
A única manera de saír deste círculo vicioso de realimentación, é mediante a aplicación da democracia, sen reparos; e con igualdade de oportunidades para todas as propostas políticas. Isto é: o dereito a decidilo todo, o dereito de autodeterminación. É a única vía posible para rachar o nó gordiano dos nacionalismos mutuamente exacerbados.