(Este artigo reproduce con unha mínima adaptación para a súa publicación online, a intervención do autor no programa de radio Vivirmos nun mundo finito, na súa emisión nº 17, do día 26 de marzo de 2018.)
Nestes últimos meses estanse a producir importantes mobilizacións en todo o estado español, en defensa das pensións públicas. O debate en torno a elas está moi aceso e adoita xirar en torno a cuestións como o incremento das súas contías, a súa sustentabilidade, as alternativas para as financiar, o papel dos plans privados de pensións, ou, ultimamente, a súa blindaxe constitucional, mesmo coa creación dunha Mesa estatal pola blindaxe das pensións.
En países coma o noso, cunha importante parte da poboación percibindo algún tipo de pensión, este tipo de debates adoita ser apaixoado, e ultimamente é perceptible cómo os colectivos de persoas de máis idade se están a mobilizar e, algúns dirían, mesmo a radicalizar.
Mais… ¿estase a debater a política sobre pensións desde unha óptica consciente da situación de ineludible declive ou máis ben desde a suposición de que todo pode seguir coma antes? ¿Que ten que ver o futuro das pensións con cuestións como o devalar do petróleo, ou o Decrecemento?
Ben, tratarei de dar algúns apuntamentos para situar a cuestión nuns parámetros realistas que teñan en conta a situación civilizatoria de base, que recomendo complementar co habitual rigor e contundencia de Antonio Turiel, nun texto recentemente publicado no seu blog CrashOil.BlogSpot.com.
Preguntémonos antes de nada: que é o que son as pensións? Ben, veñen sendo basicamente, unha achega de diñeiro que fai o Estado a determinados colectivos sociais (persoas xubiladas, persoas viúvas ou orfas, incapacitadas, etc.) por medio da chamada Seguridade Social, vehículo polo que se dota de diversos e importantes servizos á cidadanía, e que conforma a columna vertebral do denominado Estado do Benestar. Este Estado do Benestar veuse desenvolvendo desde hai aproximadamente un século, a partir da Revolución Industrial, e foi utilizado como un dos mecanismos das democracias burguesas para ter acougada a clase traballadora e evitar o espallamento das revolucións de tipo socialista, anarquista, comunista… que daquela tanto amedrentaban aos capitalistas… Polo tanto, as pensións son parte do Estado do Benestar, e este é fillo da Revolución Industrial nun contexto de economía capitalista cun certo verniz social.
E… de onde procede o diñeiro co que se fan posibles as pensións? Ben, pois loxicamente é un diñeiro do Estado, que este recibe de varias fontes: das achegas que, por lei, teñen que facer as propias persoas traballadoras… das achegas que, igualmente, están obrigadas a facer as empresas… e mais de diversos ingresos que o Estado percibe por medio dos impostos. Na medida en que a carga de financiar as pensións se pon nunha desas tres patas ou noutra, entramos no debate político esquerda-dereita que se vive periodicamente, e que na actualidade está a cobrar nova forza, situándose nun lugar central da axenda política e dos programas dos diversos partidos.
Mais onde non se deteñen a mirar estes partidos, e tampouco a maioría de sindicatos, asumíndoo como algo fóra de toda dúbida, é de ónde proceden en última instancia esas tres fontes de financiamento das pensións (e que tamén o son doutras partes do Estado do Benestar); é dicir, de ónde saen os salarios, os ingresos das empresas, os impostos que percibe o Estado… De calquera xeito non é algo moi difícil de responder: proceden da actividade económica, da riqueza producida cada ano no país. É dicir, na medida en que nun país hai unha economía vigorosa —a ser posible en crecemento continuado— teremos suficiente xente empregada, empresas dabondo e unha actividade que o Estado poderá gravar con impostos, ben sexan ao consumo, ás rendas, ás propiedades, etc. etc. E é precisamente aí onde se atopa o tema das pensións coa nosa temática: se estamos a falar de que, por carecer da suficiente enerxía, as nosas economías só poderán decrecer a longo prazo… como imos facer para manter o sistema de pensións, ou en xeral, os servizos e prestacións que o Estado dá á cidadanía? Lembremos que o pagamento das pensións supón na actualidade, en España, nada menos ca… un 40% dos orzamentos xerais do Estado!
Podería pensarse que, se cada vez máis xente vai ir ao paro, o Estado podería compensar a queda dos ingresos por cotizacións dos traballadores, cargando máis sobre a parte que achegan as empresas. Pero se estamos nunha situación de contracción económica permanente e progresiva, non soamente vai haber cada vez menos xente cobrando un salario, senón que cada vez menos empresas poderán manterse en activo, e cada vez o consumo se contraerá máis, co cal o Estado tampouco poderá ter máis ingresos por esa vía. Hai algo que debe quedar claro: nunha economía en contracción, os ingresos do Estado tamén van diminuír. E, polo tanto, aquilo que pode facer ou ofrecer á xente, tamén diminúe. Se o Estado precisa un 40% dos seus ingresos anuais para facer fronte ás pensións, cómo vai poder pagalas se imos cara a unha contracción económica que poderá ser de máis dun 50% nun país coma o noso, algúns din mesmo dun 80%?
Algunha xente, mesmo desde o ecoloxismo ou desde certa concepción suave do Decrecemento, responde a isto que a solución pasa entón por derivar parte dos gastos do Estado, máis superfluos ou innecesarios ou que favorecen a menos xente (pensemos en rescates de empresas financieras ou en construcións de infraestruturas perfectamente prescindibles, ou mesmo no mantemento de importantes aparellos militares), destinándoos, en troques, a cubrir esa parte de financiamento que se perde por outro lado, e así poder manter servizos básicos, incluído o sistema de pensións. Mesmo o pai do Decrecemento, o francés Serge Latouche, afirma no seu libro La apuesta por el decrecimiento (que escribiu en 2006), que “o problema central das pensións” non é “a produción”, senón “o reparto”. A lóxica básica e a ética desta posición política están fóra de toda dúbida: se o Estado vai tendo cada vez menos recursos, faise cada vez máis importante repartilos ben e con xustiza social. E, de feito, esa é a aposta política fundamental do movemento polo Decrecemento. Mais… até onde pode alcanzar esa redistribución?
Imaxinemos, por un momento, que se fai así e que un goberno de esquerdas, decide priorizar o gasto en pensións ou mesmo incluír a chamada blindaxe das pensións na Constitución Española. Aínda que fixer unha reforma fiscal integral para cargar máis do peso das pensións sobre algún tipo de imposto ao capital no canto de facela descansar sobre os salarios ou as cotizacións empresariais, como reclama xente como Miren Etxezarreta, autora do libro Qué pensiones, qué futuro… inevitablemente, no camiño do declive económico do mundo e do país, chegaría un momento no que as prioridades onde gastar os decrecentes ingresos do Estado entrarían en conflito e, por exemplo, habería que elixir entre pagar as pensións e os servizos públicos ou os xuros da débeda aos prestamistas internacionais (por certo: algo que si que tiveron présa por blindar na Constitución PP, PSOE e UPN, en 2011, en canto o capital financeiro internacional comezou a lle ver as orellas ao lobo e comprenderon que nos dirixiamos cara a unha contracción internacional da torta económica e que eles non estaban dispostos a permitir que minguase o seu anaco). Imaxinemos, despois, que este hipotético goberno dá superado tamén ese atranco e que prioriza o pagamento das pensións, pasando por riba dos intereses do capital internacional… Ben, sería todo un logro dese goberno! Ah, pero aínda así teriamos unha economía cada vez máis reducida, e unha poboación cada vez máis empobrecida e máis dependente do Estado e das súas prestacións, sexan estas en forma de pensións ou doutros servizos sociais. Lembremos que xa hoxe temos case 10 millóns de pensionistas en España! Chegaría ao final, sen tardar moito, unha quebra financieira do Estado, incapaz de ingresar o suficiente como para pagar eses milleiros de millóns de euros en pensións, e antes de chegar a ese intre debería priorizar —probablemente empuxado polas elites do país— cuestións como as forzas de seguridade, policía, Garda Civil, exército, para reprimir un descontento social exacerbado e para protexer os privilexios e as propiedades da minoría que ostenta o poder económico. Só hai que lembrar que os impostos que ingresa actualmente o Estado Español veñen nun 75% do IRPF e do IVE, é dicir, dependen directamente da actividade económica, e só un 25% procede de impostos ao capital. Mesmo un goberno de esquerdas que tentase ser coherente na defensa dos intereses da maioría social, se vería acurralado nesa situación e sen capacidade para satisfacer as demandas da poboación que o elixiu, e tería que comezar primeiramente reducindo os importes das pensións para finalmente verse incapaz de pagalas pola súa propia bancarrota. E, no fondo, a razón, o problema, é que non existirá enerxía dabondo para manter unhas pensións para todo o mundo que as precise, mesmo que o Estado non fixer outra cousa —que terá forzosamente que facer: manter hospitais, infraestruturas críticas, etc.
Non o esquezamos: sen enerxía non hai economía, sen economía non hai Estado, e sen Estado non hai pensións nin servizos públicos.
Con todo, non quere isto dicir que vaia chegar necesariamente o día en que sexa totalmente imposible manter algún tipo de pensións, para algunha parte da poboación, por parte dalgunha entidade estatal. Se cadra, organizando un descenso enerxético planificado, democrático e en beneficio de toda a cidadanía, priorizando moi ben aquelas partes do gasto público que se sacrifican e aquelas que se aposta por manter dentro das capacidades nacionais de obter enerxía de fontes renovables, repartindo con criterio social os poucos ingresos que vaian quedando… poderíanse manter dalgunha maneira algúns tipos de pensións públicas e algún tipo de Estado do Benestar… aínda que for moi básico. Mais o que parece totalmente inverosímil é que, sen se pararen a pensar os nosos políticos, sindicatos e colectivos sociais, que estamos nun irrefrenable devalar enerxético e que iso vai arrastrar máis cedo ca tarde toda a economía do país, ningún partido no goberno ou na oposición, ou ningunha forza sindical ou patronal poida deseñar un sistema sustentable de pensións.
Xa que logo, o futuro das pensións nun mundo en decrecemento, pasa inevitablemente por recoñecer que imos cara a ese mundo, e que o que vivimos até o de agora é irrecuperable. E, a partir de aí, pensar cómo se pode asegurar unha vida digna a todas as persoas, sexa desde un Estado con menor capacidade pero máis centrado no social, ou ben desde outras novas institucións de tipo comunitario e local, que —por que non?— poderían facerse cargo no futuro, cos seus propios recursos, reapropiados e autoxestionados, de boa parte do coidado, atención e sustento dos sectores sociais que hoxe cobran unha pensión. Algo na liña do que propuñan Florent Marcellesi, Jean Gadrey e Borja Barragué nun artigo publicado en 2013 en resposta ao economista de cabeceira de Podemos, Vicenç Navarro, cando reclamaban como alternativa:
“Desarrollar los servicios fuera de la lógica mercantil (salud, cultura, movilidad…) y el acceso a las riquezas no económicas (vínculos sociales, participación, naturaleza…) para fomentar el «vivir-bien» de las personas mayores en un mundo sostenible. Al centrarse en el poder adquisitivo, se confunde el «poder de vivir bien» con el «poder pagar» y se profundiza en la mercantilización del mundo.”
E tamén, como di a profesora Etxezarreta: “Hay que desvincular los derechos sociales del trabajo. Históricamente han ido juntos, pero creo que ya no se pueden vincular las pensiones al trabajo. Son un derecho de ciudadanía, hayas trabajado o no. Y además en los próximos años va a trabajar mucha menos gente, pero tienen igual derecho a recibir su pensión.” …aínda que habería que ver qué viabilidade ter recoñecer un dereito coma este, que non se pode seguir sostendo na súa dimensión actual por falla global de recursos físicos e enerxéticos, non xa monetarios.
Porque se teimamos en confiar en que simplemente trocando de política fiscal ou económica sairemos da crise e que poderemos manter un aparato estatal tan potente como o que desfrutamos durante este pasado século… ao final só agraveremos a frustración e carraxe social e deixaremos o terreo abonado para o xordimento da insolidariedade, do todos contra todos, isto é, da opción máis nazi e totalitaria que será a que —de non o evitarmos dicíndolle a verdade á xente— acabará por xestionar o colapso cando a democracia e o Estado social rematen por se esborrallaren. E por ese camiño vai, por exemplo, esa esquerda neokeynesiana, teimando en volver facer medrar a economía para así asegurar as pensións sen ter que sacar os cartos doutra parte, e sen ter que trasformar nada importante no sistema socioeconómico, e confiando en que a produtividade seguirá a medrar dalgunha maneira máxica cando a enerxía fósil comece o seu devalar. E tamén hai moito de pensamento máxico en crer que simplemente introducindo o propósito de blindar as pensións nun texto, a Constitución, estas van quedar aseguradas automáxicamente, con independencia de que a civilización bata co seu límite enerxético, de recursos e de sumidoiros planetarios. …Un pensamento máxico que pode levarnos a un auténtico pesadelo cando espertemos da irrealidade dese soño.
E, por suposto, toda esta situación inevitable da perda de sustento enerxético das pensións, está a se ver agravada e acelerada pola situación —esta si— evitable, do ataque neoliberal ás mesmas, que pretende derivar, nunha fase máis do saqueo terminal do Estado do Benestar, esas fontes que alimentan as pensións públicas, cara ao lucro privado vía fondos de pensións privados, que son moito máis insustentables, como ben nos explica Turiel no artigo do que, a continuación escoitaremos a súa parte final. Aínda que resulta tráxico que a esquerda acuse á dereita de asustar á xente “sementando dúbidas” sobre a sustentabilidade do sistema de pensións, cando ela mesma tería que explicar que é, efectivamente, insustentable, aínda que por outros motivos moito máis graves e fondos, e que a saída, desde logo, non é pasarse aos plans de pensións privados como pretende a dereita ou propón o Banco Mundial, senón nada máis e nada menos, que mudar de sistema socioeconómico e de valores sociais, abandonar o capitalismo e o crecemento económico, e prepararnos para reducir dunha maneira controlada o Estado e tentar, así, que sega a xogar un papel nunha nova civilización poscrecemento e poscapitalista, onde o noso benestar dependerá moito máis dos recursos naturais e renovables que deamos conservado e autoxestionado nas nosas comunidades locais. Din Eduardo Garzón e Carlos Sánchez Mato, de Izquierda Unida, que “Hay recursos de sobra para pagar pensiones dignas a toda la población”. Agora mesmo é evidente que os hai, pois se están a gastar noutras cousas menos sociais. Mais cánto van durar eses recursos? Por que evitan falar dese aspecto fundamental —nunca mellor dito!— da cuestión? Os recursos que fundamentan hoxe a economía mañá non van estar, pois non son infinitos e o petróleo ou o gas que queimamos cada día non van volver. A consecuencia inevitable disto é que os recortes ao final vai ter que habelos, por moito que o queira negar, voluntarista, a maior parte da esquerda… mais o crítico aquí é ver de ónde se recurta e de ónde non: de onde queren os poderosos ou de onde decidamos unha cidadanía informada acerca do camiño que levamos como civilización e acerca dos límites biofísicos dunha sociedade posible?
Convido novamente as persoas que lean este artigo a ler completo o artigo publicado por Antonio Turiel no blog CrashOil.BlogSpot.com, pois axuda a entender moi ben cómo é que funciona, e como é que non pode seguir a funcionar, o sistema de pensións. Antonio Turiel é físico do CSIC e un dos maiores expertos en España acerca do inevitable devalar civilizatorio que temos por diante…