(Este texto forma parte do cap. 5 do libro A esquerda ante o colapso da civilización industrial, esgotado na súa edición orixinal en galego desde comezos de 2016, e recentemente liberado de balde en PDF.)
Malia seren tamén dos que renegan de clasificacións nas coordenadas clásicas no eixo esquerda-dereita e malia a súa escasa representación actual entre as forzas políticas galegas[1], coido que é preciso falar das súas propostas, moitas das cales si que podemos situar claramente na esquerda política. E lonxe de facer mofa delas, como veu sendo frecuente en determinados ámbitos activistas da esquerda galega, debo calificalas como as que demostran maior consciencia da situación real que estamos a vivir neste intre da nosa historia. O feito de que propostas perfectamente coherentes e ben artelladas no plano teórico a prol dunha soberanía sen Estado para Galiza (na liña do que xa apuntamos que se está a propor tamén para Cataluña)[2], a prol dunha soberanía fundamentalmente enerxética e alimentar, a prol dunhas economías sustentables locais de base agraria, e para a reorganización do territorio en base ás entidades naturais a el como son o aldea, a parroquia e mais a bisbarra (xa defendidas polo nacionalismo histórico galego), con estruturas confederadas de democracia directa ancoradas nas experiencias históricas do concello aberto, etc. sexa obxecto de burla e desprezo por parte de moitos, xa fala ás claras de que temos un grave problema de cultura (non só política) á hora de avaliarmos as opcións que temos como país.
O PT é o único partido declaradamente decrecentista que temos na actualidade no país e debería, polo tanto, lonxe de ser ridiculizado, ser imitado por outras forzas con presenza nas institucións e meirande alcance social e mediático, ser referente para a actualización que precisa urxentemente a nosa esquerda e mais o noso soberanismo.
Debo recoñecerlles que sempre son a primeira organización política galega en adoptar as propostas que desde a asociación Véspera de Nada facemos para construír unha Galiza pospetróleo[3] e que realizan un incansable labor de crítica política ás incoherencias das outras forzas políticas de esquerda e nacionalistas galegas, algo que se cadra non facilita a confluencia política con elas, pero que non deixa de estar, por iso, plenamente xustificado, como tamén tento argumentar eu mesmo con este ensaio.
Notas
[1] 11ª forza máis votada nas eleccións ao Parlamento de Galiza en 2012, co 0,22% dos votos.
[2] Evans Pim, Joám (2015): “Mancomunidade: uma terra livre sem estado” en Carlos Taibo & Arturo de Nieves (coords.): Tempos chegados? Sobre o futuro político da Galiza, Galaxia.
[3] http://www.partidodaterra.net/galizasempetroleo/ De feito, varios membros do PT tamén son membros de Véspera de Nada, onde conviven con activistas doutros partidos e unha maioría de membros sen afiliación política.