///

Por que o Decrecemento? E por que na Galiza?

(Texto achegado no 13/06/2017 á Rede Galega de Decrecemento, impulsada por M.A. Abraira.)

«Decrecemento ou barbarie.»
Serge Latouche & Paul Ariès

1. Por que o Decrecemento?

O Decrecemento non é o mesmo có decrecemento. O decrecemento, en minúscula, é o feito de decrecer, de algo ir a menos, e iso xa está a acontecer coas nosas economías e diversos aspectos da nosa sociedade e modo de vida, así como con certos recursos materiais e enerxéticos desde o comezo desta crise terminal (Solé & Sardà 2016). Mais o Decrecemento, con maiúscula, é outra cousa: é unha palabra-proxectil. É unha proposta provocadora que busca responder afoutamente a un absurdo: querer crecer indefinidamente nun planeta finito. É un retruque sacrílego contra a fe dominante no mundo moderno: a relixión do progreso perpetuo e o seu credo tecnólatra.

Por tras desta consigna provocadora e herética hai moito máis. Desde que Serge Latouche a lanzara hai apenas tres lustros no seu famoso artigo “Por una sociedad de decrecimiento” (Latouche 2003), sumando este novo concepto a unha longa tradición antidesenvolvimentista, altermundialista e ecosocialista, moitas reflexións e propostas teñen callado dentro del (p.ex. Taibo 2010 e 2011). O propio Latouche (2009) dicía que “O decrecemento, como tal, non é verdadeiramente unha alternativa concreta; sería, máis bien, a matriz que daría lugar á eclosión de múltiples alternativas”… alternativas que se sitúan fóra do suicida paradigma do crecemento, que é o que nos ten traído até o borde mesmo do abismo como civilización e como especie.

No mundo real só hai dúas cousas que medran indefinidamente, é dicir, sen dispoñer dun mecanismo interno que deteña a fase de crecemento: o cancro e máis as pragas. E ambas as dúas rematan mal, ao ter para de medrar pola forza dos factores esóxenos: o cancro, acabando coa vida do ser no que xorde; e a praga, esgotando a súa fonte de alimento coa consecuencia inevitable dunha masiva mortandade. O normal —o san— neste planeta é medrar (mesmo exponencialmente) só durante un certo tempo e até un certo punto, e despois deter o crecemento para estabilizarse nun punto óptimo. Así facemos as persoas até chegarmos á madurez, os demais animais, as plantas, e mesmo conxuntos de seres vivos ou sistemas como pode ser unha fraga, unha manda, unha vila ou unha sociedade. Quen non sabe parar ten unha grave enfermidade, pois —como no caso do cancro e as pragas— antes ou despois remata por petar contra os límites, e canto meirande fose a extralimitación e máis rápido chegara a ela, máis destrutivo será o impacto. Porén, coa Revolución Industrial alimentada pola extraordinaria enerxía fósil (carbón, petróleo e gas natural) e co Capitalismo e a súa necesidade intrínseca de medrar para obter plusvalías e reproducir o capital, a nosa especie esqueceu os límites, esqueceu que medrar sen fin é imposible e entrou nunha demencial carreira cara adiante: sempre máis, máis rápido e máis lonxe. Hoxe as consecuencias deste descomunal erro antropolóxico son innegables: un caos climático disparado, o esgotamento das bases enerxéticas e materiais da civilización industrial, a saturación con contaminantes da capacidade de renovación dos ecosistemas, a extinción acelerada de especies, a destrución de terras fértiles, acuíferos, pescarías e ecosistemas completos… E, en paralelo a esta terra cada vez máis inhabitable, unha poboación humana disparada moi por riba da capacidade que ten demostrado este planeta para acollernos. Desde 1970 temos máis que duplicado o noso número. Desde 1800, ¡multiplicámonos por sete e medio! (Casal 2014).

Xa que logo, se cada vez somos máis nun planeta no que cada vez caberemos menos, a conclusión debería ser obvia: cómpre decrecer. Mais non só en número de persoas, senón tamén no consumo que facemos as persoas que hoxe habitamos este mundo. Porque a súa capacidade de albergarnos depende da nosa pegada, dos recursos que consumimos en conxunto e da contaminación que xeramos cos nosos modos de vida. Este é o concepto da pegada ecolóxica, inseparable da proposta decrecentista. Visto doutro modo, o número de planetas Terra que precisaríamos se todos vivisen coma nós: 5 planetas para o modo de vida medio nos EE.UU., 2 e medio no caso de España, e case 4 no caso de Galiza… (GFN; NTNU & CICERO; Veiras 2015b). Mais só temos un planeta. A biocapacidade do planeta, actualmente, é de apenas 1,73 hectares para cada persoa. Polo tanto, o que nós consumimos de máis, é grazas a que outros consomen de menos e apandan coas peores consecuencias do noso modo de vida: “o noso benestar sáelle caro ao resto do planeta” (Veiras 2015a). E esta constatación é básica para a conformación da proposta do Decrecemento: a necesidade de xustiza social e ecolóxica. Temos a obriga moral de decrecer unhas persoas para outras puideren crecer aínda un chisco e chegaren a un nivel de vida digno, suficiente. Por suposto, un nivel de vida igualitario en todo o planeta e que estea dentro das capacidades deste, implica rebaixar moito o nivel material de vida nos países enriquecidos ou industrializados, para poñer fin a este agachado colonialismo ecolóxico. Rebaixar tanto como nos teñamos pasado do que nos corresponde; e a nós correspóndenos rebaixar posiblemente entre un 60% e un 90% do noso consumo e contaminación. Aínda que rebaixar a cantidade do noso consumo material non quere dicir necesariamente vivir con peor cualidade de vida. E isto lévanos aos conceptos da simplicidade (Schumacher 2001; Trainer 2017), do vivir mellor con menos (Lodeiro 2008), do bo vivir (Aguado 2016), mesmo do decrecemento feliz (García Camarero 2017)…

Son estas, sen dúbida, palabras que poden facer torcer a cara a menos xente cá palabra Decrecemento, unha palabra que —malia que nos digan desde a última encarnación dunha socialdemocracia reformista que non se dá despegado do mito do crecemento, que non serve para iso— tampouco pretende que a use ninguén para “gañar eleccións”. O que queremos son políticas de Decrecemento, non slogans que falen de Decrecemento. Queremos gañar a supervivencia, non as eleccións. E se non se fan esas políticas e ese cambio cultural contando con eses políticos descreídos, faranse sen eles ou mesmo contra eles, se é preciso. Porque tamén é posible contruír o decrecemento desde abaixo. E se a alguén non lle gusta a palabra Decrecemento pode pensar esta mudanza civilizatoria en termos de prosperidade sen crecemento (Jackson 2011; Odum & Odum 2001), de acrecemento (Van den Bergh 2011), da abundancia frugal (Latouche 2012), de saír da economía (Latouche 2009), de reducila a un tamaño sostible sen crebala (Heinberg 2016), dun retorno a unha economía dentro dos límites biofísicos (Última Llamada 2014), de volver (como especie) á casa… Hai moitas maneiras de debuxar o horizonte que queremos, e a palabra Decrecemento non quere ser un atranco nin unha denominación ríxida e inamovible. O que queremos é decrecer para sobrevivir, chamémoslle como lle chamarmos, e facelo dunha maneira democraticamente decidida, social e internacionalmente xusta, e consciente da realidade de extralimitación ecosocial.

A alternativa a este Decrecemento democraticamente controlado e socialmente xusto será un decrecemento autoritariamente dirixido e socialmente inxusto, e xa o estamos a ver agromar por todas partes, alimentado do resentimento social ante o fracaso do mito do progreso perpetuo e promovido polas elites dun capitalismo en descomposición que están a facer o posible, cada vez con menos disimulo, para seguir mantendo o poder pase o que pasar. Antes do sistema baseado na explotación capitalista tiñamos un baseado na pura e dura dominación, e se non facemos algo —moito— por evitalo, despois do Capitalismo volveremos ter séculos dun novo sistema da dominación. É dicir, tras a descomposición do Capitalismo por esgotamento, pode haber basicamente dous novos modelos (Fernández & González 2014): ou un democrático e comunitarista, de decrecemento até nos volvermos situar dentro dos límites dun planeta finito, ou ben un modelo nazi e xenocida (Amery 2002; George 2001) que asoballe á maioría para asegurar a uns poucos un nivel material imposible de ofrecer a todos. Coas certeiras palabras de Jorge Riechmann, enfocadas ao tema do transporte —moi emblemático dos modos de vida—: o que está en xogo é ou bicicleta para todos ou coche eléctrico só para uns poucos. Este é o dilema histórico no que se quere posicionar o Decrecemento. Aínda que sabemos moi ben que a nosa postura resultará por un tempo moi dura de defender contra a cultura consumista e tecnoutópica aínda hexemónica, tamén na Galiza (Moure 2015).

2. Por que (e para que) o Decrecemento na Galiza?

Tetrasquel do decrecemento (coas cores do ecoloxismo, marxismo, feminismo, anarquismo, e de fondo, Galiza)
Casdeiro
Xosé Veiras advertía en 2012:

Galicia está entre o grupo de países que máis adebedan en termos ecolóxicos, pois o valor da súa pegada ecolóxica (6,64 hectáreas/persoa) é un 50% superior ao da biocapacidade do seu territorio (4,4). Xa que logo, se dependésemos só da nosa biocapacidade propia esgotaríamos o presuposto ecolóxico anual en 8 meses, o 30 de agosto. Sostemos a nosa economía e o noso estilo de vida grazas ás importacións de recursos e mais á apropiación de servizos ambientais en maior medida do que nos correspondería por poboación (concretamente da capacidade de absorción de CO2). Isto colócanos nunha posición insolidaria e, alén diso, moi vulnerábel.

Insolidarios e vulnerables… Unha razón e unha finalidade para o Decrecemento. Temos que decrecer porque é inxusto que baseemos o noso benestar na privación do que lles corresponde, por xustiza, a outras persoas, porque Galiza é un dos países do mundo que máis contribúe á mudanza do clima, cunha media de emisións por habitante superior á da maioría de grandes países (Veiras, 2015b). E asemade temos que decrecer para deixar de ser vulnerables neste contexto histórico de final do crecemento económico, para ser máis resilientes ante o colapso civilizatorio no que nos adentramos, acompañado dun caos climático de efectos imprevisibles. O concepto de resiliencia é chave para entendermos para qué serve decrecer —alén da cuestión da xustiza e a responsabilidade, que parece precisar menos explicacións— e por qué compre decrecermos canto antes.

Dinos Dennis Meadows (Casal 2013) que xa chegamos tarde pedindo sustentabilidade, que esta civilización xa non hai maneira de sustentala e que cómpre prepararnos para o impacto inevitable cos límites. É dicir, precisamos urxentemente aumentar a nosa resiliencia como sociedades: este é o novo obxectivo social que propón Meadows, máis de corenta anos despois de que nos advertira dos límites ao crecemento e de que remataríamos como estamos a rematar se non abandonabamos o paradigma do crecemento (Meadows et al. 2004; Bardi 2014). E dado que o nivel de consumo actual, a nosa actual pegada ecolóxica e modo de vida consumista, urbano e industrializado, nos sitúa nunha situación de vulnerabilidade e falta de resiliencia, para nos prepararmos é preciso decrecer.

Mais non só por todo isto, xa que a aceleración do caos climático lévanos á terrible consciencia de que non só estamos quecendo un chisco o planeta, senón que podemos estar disparando xa realimentacións climáticas que poden rematar nunha transformación do clima tal, que faga imposible a vida non só da especie humana senón de calquera outra. E para non agravar aínda máis ese proceso e tentar evitar os peores escenarios de mudanza climática, cómpre decrecer xa, urxente e drasticamente, en emisións; e iso implica decrecer —tamén urxente e drasticamente, non queda outra— en produción económica. O que está en xogo, directamente, é termos un futuro.

Agora ben, como decrecermos na Galiza? Catro anos despois da publicación do que fora —en palabras de Carlos Calvo Varela (2014)— “seguramente (…) o livro sobre transformaçom social mais ambicioso dos últimos tempos” camuflado de “manual prático” e publicado por Véspera de Nada no 2013, é agora a recén creada Rede Galega de Decrecemento a que pretende dar un paso máis na vangarda da urxente resiliencia ecosocial do país cunha unha ampla proposta programática que aborde todos os aspectos da nosa vida e que sexa tamén abranguente no terreo da participación, pois o Decrecemento se reclama nidiamente democrático, e así poñer o rumo deste devalar nas mans de todas as persoas e non do capital suicida nin de elites autoritarias e insolidarias. E para este indispensable labor de deseño dos nosos horizontes, xa contamos con algúns aspectos que podemos adiantar claramente: unha Galiza resiliente, que teña decrecido até os niveis que a fagan o menos dependente e vulnerable posible no contexto internacional de colapso —asimétrico e asíncrono, mais ineludible—, será por forza unha Galiza máis rural (Doldán 2012; Véspera de Nada 2013). Será unha Galiza que vivirá máis do seu e para o seu, limitando as exportacións e importacións ao mínimo imprescindible. Será un país que xa non estará rexido por criterios nin valores capitalistas, pois o capitalismo —aparte de ser moralmente deplorable e orixe de boa parte das inxustizas e padecementos actuais da Humanidade— é incompatible co decrecemento material que precisamos (Sarkar 1999); isto é, un país que se guiará polas necesidades sociais e non pola procura incesante do lucro económico… un país cuns vínculos sociais reconstruídos (Doldán 2015). Un país que se saberá de novo alimentar a si mesmo, demostrando que o que se considerou arrogantemente atraso pode ser unha vantaxe (Carreira & Carral 2014) e rexeitando a expoliación da nosa terra (Vilalba 2015). Un país onde as emisións de gases de efecto invernadeiro se terán reducido e mesmo deberían ser negativas, absorbendo nuns solos forestais restaurados todos os millóns de toneladas de CO2 que levamos emitido na nosa tardía e colonizada industrialización (Doldán 2015). Un país que terá retomado o mellor e máis sabio da súa cultura tradicional rural e mariñeira, ao tempo que saberá conservar aquilo de positivo que nos puidera traer a modernización combinado cun radical ecofeminismo que sitúe as mulleres no papel central da transformación civilizatoria. Un país que, necesariamente, ha de ser máis soberano (nos planos político, económico, monetario, alimentar, enerxético…), sen deixar de ser solidario e internacionalista. Un país que pode alumear un camiño para moitos outros, recuperando da nosa tradición o tesouro dunha cosmovisión de xente que sabe vivir cos pés na terra sen comprometer o futuro nin dos seus fillos nin do resto da biosfera.

Esta é a responsabilidade que lle tocou asumir á nosa xeración. Este é o grande reto antropolóxico (e cultural, social, económico e político) que temos ante nós como pobo.

Bibliografía citada

  • Aguado, Mateo (2016): Vivir bien en un planeta finito. Una mirada socio-ecológica al concepto de bienestar humano (tesis doctoral). Universidad Autónoma de Madrid.
  • Amery, Carl (2002): Auschwitz, ¿comienza el siglo XXI? Hitler como precursor. Turner / Fondo de Cultura Económica.
  • Bardi, Ugo (2014): Los límites del crecimiento retomados. La Catarata.
  • Calvo Varela, Carlos (2014): “A Galiza pós-petróleo como utopia”, Praza Pública (14/05/2014). URL: http://praza.gal/opinion/1821/a-galiza-pos-petroleo-como-utopia/
  • Carreira, Xoán Carlos; Carral, Emilio (2014): O pequeno é grande. Agricultura familiar como alternativa: o caso galego. Através.
  • Casal Lodeiro, Manuel (2013): “«15-15» En quince años sólo nos quedará el 15% del petróleo”, De(s)Varia materia (blog persoal, 22/11/2013). URL: https://casdeiro.info/textos/2013/11/22/15-15-en-quince-anos-solo-nos-quedara-el-15-del-petroleo/
  • Casal Lodeiro, Manuel (2014): Nosotros, los detritívoros. Touda. URL: http://www.detritivoros.com
  • Doldán García, Xoán Ramón (2012): “O futuro é rural”, O Peteiro nº 1. URL: http://www.partidodaterra.net/peteiro/1_3/
  • Doldán García, Xoán Ramón (2015): “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza”, en Xan Duro & Xoán Hermida (coords.): Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia. OBenComún.
  • Fernández Durán, Ramón; González Reyes, Luis (2014): En la espiral de la energía. Libros en Acción / Baladre. URL: http://www.ecologistasenaccion.org/article29055.html
  • García Camarero, Julio (2017): Manifiesto de la transición hacia el decrecimiento feliz. URL: https://decrecimientofeliz.com
  • George, Susan (2001): El informe Lugano. Cómo preservar el capitalismo en el siglo XXI. Icaria.
  • GFN (Global Footprint Network). URL: http://www.footprintnetwork.org/
  • Heinberg, Richard (2015): “Cómo reducir la economía sin quebrarla: un plan en diez puntos”, 15/15\15 Revista para una nueva civilización (08/04/15). URL: https://www.15-15-15.org/webzine/2015/04/08/como-reducir-la-economia-sin-quebrarla-un-plan-en-diez-puntos/
  • Jackson, Tim (2011): Prosperidad sin crecimiento. Economía para un planeta finito. Icaria / Intermón-Oxfam.
  • Latouche, Serge (2003): “Por una sociedad de decrecimiento”, Le Monde Diplomatique, 97 (edición española).
  • Latouche, Serge (2008): La apuesta por el decrecimiento. Cómo salir del imaginario dominante. Icaria.
  • Latouche, Serge (2009): Pequeño tratado del decrecimiento sereno. Icaria.
  • Latouche, Serge (2012): La sociedad de la abundancia frugal. Contrasentidos y controversias del decrecimiento. Icaria.
  • Lodeiro, Toni (2008): Consumir menos, vivir mejor: ideas prácticas para un consumo más consciente. Txalaparta.
  • Meadows, Donella; Randers, Jørgen; Meadows, Dennis (2004): Los límites del crecimiento. 30 años después. Círculo de lectores / Galaxia Gutemberg.
  • Moure, Teresa (2015): “Decrescimento (também) para marxistas”, prólogo a Manuel Casal: A esquerda ante o colapso da civilización industrial. Apuntamentos para un debate urxente. Véspera de Nada / Touda. URL: https://www.15-15-15.org/webzine/2015/07/15/decrescimento-tambem-para-marxistas/
  • NTNU & CICERO (Norwegian University of Science and Technology & Center for International Climate and Environment Research ): Carbon Footprint of Nations. URL: http://carbonfootprintofnations.com/
  • Odum, Howard T.; Odum, Elisabeth C. (2001): A Prosperous Way Down: Principles and Policies. University Press of Colorado.
  • Sarkar, Saral (1999): Eco-socialism or Eco-capitalism? A Critical Analysys of Humanity’s Fundamental Choices. Zed Books.
  • Schumacher, Ernst Friedrich (2001): Lo pequeño es hermoso. AKAL.
  • Solé, Jordi; Sarà, Francesc (2016): Por que é que esta crise non acabará nunca. Véspera de Nada / Touda.
  • Taibo, Carlos (dir.) (2010): Decrecimientos: Sobre lo que hay que cambiar en la vida cotidiana. La Catarata.
  • Taibo, Carlos (2011): En defensa del Decrecimiento. Sobre capitalismo, crisis y barbarie. La Catarata.
  • Trainer, Ted (2017): La vía de la simplicidad: hacia un mundo sostenible y justo. Trotta.
  • Última llamada (colectivo promotor) (2014): Manifiesto Última Llamada. URL: https://ultimallamadamanifiesto.wordpress.com/el-manifiesto/
  • Van den Bergh, Jeroen C.J.M. (2011): “Environment versus growth — A criticism of ‘degrowth’ and a plea for ‘a-growth’”, Ecological Economics 70 (2011) 881–890. URL: http://degrowth.org/wp-content/uploads/2011/05/van-den-bergh_degrowth-and-a-growth.pdf
  • Veiras, Xosé (2012): “Galicia entrou xa en ‘déficit ecolóxico’ este ano”, Praza Pública (28/08/12). URL: http://praza.gal/ciencia-e-tecnoloxia/1816/galicia-entrou-xa-en-deficit-ecoloxico-este-ano/
  • Veiras, Xosé (2015a): “Galicia máis alá do PIB”, Praza Pública (14/06/15). URL: http://praza.gal/economia/9676/galicia-mais-ala-do-pib/
  • Veiras, Xosé (2015b): “Galicia perante o cambio climático” en Xan Duro & Xoán Hermida (coords.): Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia. OBenComún.
  • Véspera de nada por unha Galiza sen petróleo, Asociación (2013): Guía para o descenso enerxético. Preparando unha Galiza pospetróleo. Autoedición. URL: http://galiza.pospetroleo.com/descarga-a-guia-para-o-descenso-enerxetico-pdf/
  • Vilalba, Isabel (2015): “Soberanía alimentaria”, en Xan Duro & Xoán Hermida (coords.): Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia. OBenComún.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso

Futuro feudal

Cada vez veo más seguro un futuro en el que los nietos de quienes abandonaron el

Progresismo

Cuando alguien está al borde de un precicipio, lo que tiene que hacer es...