(Texto extraído do meu libro A esquerda ante o colapso da civilización industrial: Apuntamentos para un debate urxente, recentemente publicado tamén en castelán por La Oveja Roja. Para esta versión online engadíronse ao texto orixinal hiperligazóns que permiten ampliar diversas informacións, e elimináronse algunhas notas ao pé.)
Como xa advertía anteriormente, non é pretensión desta obra explicar polo miúdo como chegamos na civilización actual a esta situación sen saída. Quen quixer comprender o camiño histórico e antropolóxico que nos trouxo ata aquí ten unha extensa e moi documentada explicación no libro póstumo de Ramón Fernández Durán que completou o seu compañeiro Luis González Reyes: En la espiral de la energía (Libros en Acción / Baladre, 2014). Quen quixer comprender cómo nos vai afectar na Galiza e como podemos prepararnos desde os niveis individual, familiar e comunitario, pode ler a Guía para o descenso enerxético que publicamos en 2013 desde a Asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo. Algunhas outras obras recomendables para nos situarmos, que combinan rigor científico cun estilo accesible, son El final del crecimiento de Richard Heinberg (El Viejo Topo, 2014), Los límites del crecimiento retomados de Ugo Bardi (La Catarata, 2014), Un futuro sin petróleo: Colapsos y transformaciones socioeconómicas de Roberto Bermejo (La Catarata, 2008), diversos artigos de Xoán Doldán (como por exemplo “Pico do petróleo, crescimento económico e capitalismo” na revista O Golpe, n. 2, Economia e crise, verán de 2013; ou o seu texto publicado en 2015 “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza”), así como os numerosos posts de Antonio Turiel no seu blog The Oil Crash. Tamén me parece moi exhaustivo Peak Energy, Climate Change, and the Collapse of Global Civilization: The Current Peak Oil Crisis de Tariel Mórrígan. Pola miña banda voume limitar a dar neste apartado unhas breves pinceladas esquemáticas, que espero sexan claras e contundentes dabondo para que quen ler o libro sen outro coñecemento previo do problema civilizatorio, poida comprender o punto de partida da miña crítica ás esquerdas.
Dou por suposto que toda persoa que se considere de esquerdas ten a estas alturas asumido que hai unha crise socio-ecolóxica, ou cando menos que a grave crise que padecemos (isto é importante: percíbese loxicamente como moi grave pero non existe a percepción de que sexa unha crise terminal, de que vaia significar o final de todo un sistema-mundo) ten unha compoñente ecolóxica. Pero esa idea, salvo nos pequenos grupos conscientes nos que nos movemos algunhas persoas, é terriblemente difusa. Pode que se intúa que non se pode crecer para sempre, ou mesmo que hai algo que non vai no noso modelo de civilización, pero non se calibra correctamente nin os prazos nin o alcance disto. É este carácter difuso e incompleto da percepción do problema civilizatorio que se agocha tras dos aspectos máis doadamente perceptibles da crise, o que facilita que se pense na continuidade da validez das teorías convencionais na esquerda, que alenta que se formulen cousas coma un keynesianismo verde ou un Green New Deal, fomentadas pola maioría da intelectualidade e do mundo académico de esquerdas. Así é que compre, antes de nada, centrármonos en aclarar o carácter da situación que vivimos.
Partirei duns poucos axiomas, a xeito de premisas, cos que debería concordar racionalmente calquera persoa, for de esquerdas ou non:
- A produción material da economía require consumo enerxético [1].
- Para que a produción creza (isto é, para que haxa crecemento económico [2]), debe crecer tamén o consumo de enerxía.
- As enerxías fósiles, que fornecen o 80% da enerxía que consumimos a nivel mundial, son non renovables, é dicir, esgotables. Ese tipo de enerxía é crítico (dependencia do 90% ou maior) en sectores como o transporte e a agricultura industrializada: constitúe unha dependencia estutural imposible de combater.
- A complexidade dunha sociedade (ou dun modelo de civilización) depende dos fluxos de enerxía dos que dispón: a máis enerxía, é posible crear sociedades máis complexas.
- Para obter enerxía é preciso gastar certa enerxía: a diferencia constitúe a enerxía neta que lle queda á sociedade para funcionar.
A isto engadiría outras premisas, necesarias para chegar á conclusión da inviabilidade da actual civilización, que xa non son tan evidentes para todo o mundo:
- A enerxía neta dos combustibles fósiles está a devalar de maneira exponencial: cada vez é máis custoso enerxeticamente obter este tipo de enerxía.
- A extracción de combustibles fósiles, en termo cuantitativos —é dicir, sen fixarnos na enerxía neta que ofrecen— segue unha curva en forma de campá chamada curva de Hubbert.
- Na actualidade estamos situados no Cénit ou Teito, o punto de máxima extracción posible, desa curva primeiramente do petróleo (Peak Oil). Nos vindeiros anos hanse dar o Cénit do gas natural e mais do carbón. A partir de agora a enerxía fósil, polo tanto, só pode diminuír.
- Os sistemas de captación de enerxía renovable non poden ser escalados na cantidade e ritmo precisos para substituír o devalar da enerxía fósil. Existen numerosos límites físicos e económicos que o impiden. En calquera caso, ademais, só fornecen electricidade e non combustibles líquidos, imprescindibles no actual modelo de transporte e agrícola [3].
- A enerxía nuclear tampouco pode ser un substituto suficiente e está tamén exposta ao esgotamento dos seus propios combustibles non renovables.
- Non existe ningunha outra fonte de enerxía que poida substituír ao petróleo, que sexa real, practicable e escalable na medida necesaria.
- En calquera caso, a transformación da base da economía dunha fonte enerxética primaria a outra, leva décadas e require enormes investimentos económicos e de recursos. E non só, pois tamén require inxentes cantidades de enerxía. Ao longo de toda a historia, o cambio de enerxía base dun modelo civilizatorio veuse realizando cando a anterior fonte primaria estaba aínda no seu apoxeo.
As conclusións de todas esas premisas son demoledoras e chocan coa mentalidade predominante nas sociedades modernas:
- Os niveis de consumo da sociedade actual non é que non poidan extrapolarse a outras sociedades menos desenvolvidas: é que xa non poderán manterse tampouco nas sociedades máis industrializadas.
- Os niveis de complexidade do actual modelo de civilización, que denominamos industrial, non se poden manter. Isto implicará gravísimos problemas para o mantemento de estruturas estatais, entroutras. É dicir, non só perigará o Estado do Benestar, senón o Estado en si mesmo.
- A ratio de persoas dedicadas á produción de alimentos deberá aumentar, ao dimunír a enerxía fósil e outros insumos que facían posible a agricultura industrial.
- A produción de alimentos deberá por forza achegarse ás persoas consumidoras, ao dimunír a enerxía dispoñible para transporte e conservación de alimentos.
- Esas dúas premisas levarán a que por unha banda se deban producir máis alimentos nas cidades e nas súas proximidades, e a que moita xente deixe as cidades polo campo.
- Resultará imposible manter o nivel actual de poboación humana no planeta cando o sistema agrogandeiro industrial deixe de ser viable.
- Boa parte das industriais actuais desaparecerán ou sufrirán graves problemas pola carencia de enerxía e materiais primas derivadas do petróleo.
- Dado que o diñeiro representa riqueza, e en última instancia, emerxía [4], o devalar da enerxía dispoñible causará a inviabilidade dos sistemas monetarios actuais.
- Ao non haber crecemento económico, o sistema financeiro baseado nos xuros compostos, deixará de ser viable.
Como consecuencia da interrelación e realimentación mutua destes feitos ineludibles, a civilización de tipo industrial baseada no crecemento permanente alimentado polos combustibles fósiles que naceu coa Revolución Industrial (resumidamente: a civilización industrial) deixará de ser viable nun prazo de tempo difícil de precisar pero que algúns estudos coinciden en situar entre os cinco e vinte anos. Esta situación porá fin a séculos de crecemento exponencial tanto do consumo enerxético como da poboación humana.
Notas
- ^ Se a enerxía é, por definición, a capacidade de realizar traballo, debería resultar evidente que as nosas sociedades non poden realizar traballo (producir, crear, manter industrias en funcionamento, manter a economía) sen disporen de enerxía, enerxía que no contexto actual é necesariamente baseada no petróleo.
- ^ Como me advirte Xoán Doldán (com. pers., 13/02/2015) isto é unha simplificación, xa que “en senso estrito, o crecemento económico é o aumento dun indicador monetario —que non físico ou material— como é o PIB. En tanto que monetario é o resultado de multiplicar cantidades e prezos dos bens e servizos finais producidos. Podería haber, pois, crecemento económico por elevación só dos prezos, só das cantidades ou de ambas; mesmo poderían reducirse prezos e/ou cantidades se é compensado por un aumento do outro. No producido, o aumento pode darse sobre a produción de servizos —non material—, aínda que, neste caso, cómpre dicir que sendo os servizos non materiais, necesitan de materiais e enerxía para seren fornecidos.”
- ^ Dinos Doldán (2015) fixándose no caso galego: “Como manter unha máquina de transformación enerxética como a galega sen esa afluencia continua de enerxía primaria non renovábel?. É imposíbel. Os únicos recursos enerxéticos verdadeiramente autóctonos son os renovábeis, os únicos que permitirían construír unha alternativa enerxética menos dependente, os únicos que nos levarían a camiñar cara un fornecemento enerxético sustentábel. Ora ben, que a solución pase polos recursos renovábeis non significa que a solución só estea en avanzar no uso destes recursos. Con menor disposición de recursos importados e, consecuentemente, con recursos importados máis caros, manter inalterado o actual consumo interno galego obrigaría a multiplicar varias veces a produción enerxética galega. Isto é inabordábel no curto ou medio prazo, e mesmo non aconsellábel.”
- ^ A emerxía é a enerxía útil (exerxía) que se utilizou directa ou indirectamente na xeración dun produto ou servizo.
[…] a una necesaria descomplejización y decrecimiento acelerado de nuestros sistemas socioeconómicos: eso, y no otra cosa, es un colapso. En segundo lugar, una vez existiese una consciencia social mínimamente amplia, habría que […]