Hai uns días a escritora Teresa Moure pedíame que fose un dos asinantes iniciais dun novo manifesto que reclama «o fim do apartheid» ortográfico no sistema cultural galego, algo co que non podo estar máis de acordo. Por moito que eu empregue a ortografía do ILG–RAG sempre fun partidario, desque descobrín o debate normativo que se viña dando no idioma da miña familia —que eu tamén fixen meu, pasivamente aos 7 anos e activamente aos 23— dun binormativismo, dunha convivencia pacífica a todos os niveis das dúas principais opcións ortográficas do galego; agora case que diría partidario dun plurinormativismo, algo así como unha teoría queer das normativas ortográficas.
Polo tanto sentinme profundamente honrado polo convite a ser unha desas 20 persoas convidadas antes de se facer público, como un usuario da normativa ILG —deses reintegracionistas sen a familiar saber, como dicía aquel libro de Maragoto— que tendía unha ponte cara ao outro lado.
Pero o caso que quería comentar non é ese, senón a profesión que decidiu Moure colocarme a carón do meu nome (aclaro que ao ser unha das persoas asinantes iniciais non introducín eu mesmo a miña identificación profesional, senón que a puxo Teresa, imaxino). «Manu Casdeiro, escritor», lin con sorpresa. Eu prefería figurar co meu nome real e non con ese alcume, e así llo pedín trocar a Teresa, pero no tema da profesión non lle pedín corrección ningunha. Dixen para min: se unha escritora decide que eu tamén o son, non lle vou levar a contraria! 🙂
Mas ese shock aínda reverbera en min, pois nunca pensara en min mesmo como escritor; si que levo escribindo posiblemente desde os 10 anos, pero nunca se me ocorrera poñer esa categorización como identificativa. Por estudos son informático (licenciado, o que hoxe en día sería enxeñeiro), por especialización profesional, consultor de proxectos en Internet… aínda que como son máis coñecido pola miña faciana de (ciber)activista, estou afeito desde hai moitos anos a ser identificado ou mesmo autoidentificarme como tal. Pero nunca como escritor.
Supoño que a cualificación da amiga Teresa non deixa de ter fundamento obxectivo: escribir, escribo. Escribo posts en varios blogs, artigos para varios medios, textos para libros colectivos, e mesmo libros. E xa se van amoreando unha serie de títulos, como se pode ver na capa do meu wiki persoal.
Así que imaxino que podo perfectamente comezar a pensarme a min mesmo (tamén) como escritor. Recoñezo que non me desgusta. Sei perfectamente que nunca serei un bo escritor, e é por iso que me dá bastante pudor verme na mesma categoría de tanta xente do presente e do pasado que admiro como escritoras/es… Pero iso é o de menos para min, pois nunca pretendín selo, e a miña actual vocación de escritor é máis funcional ca artística, dedicado como estou a axudar na revolución civilizatoria que precisamos con urxencia.
De calquera xeito: grazas, Teresa, por me axudares a perceber a miña propia evolución, a unir o pasado, o presente e o futuro, e por me ofreceres a túa cálida compaña no camiño 🙂
PS: Por certo, se aínda non asinaches o manifesto por O fim do Apartheid, o teu apoio será moi benvido!