Co agallo da presentación esta semana do Manifesto Grândola Galega, penso que é un bo momento lembrar un texto que escribira hai agora 4 anos e que publicara Laiovento dentro do libro colectivo coordenado por Alfredo Iglesias Diéguez 15-M: O pobo indgnado. O texto vencelle as dúas cuestións que máis me teñen ocupado intelectualmente nesta última década: a procura dunha democracia auténtica por medio da democracia directa, por unha banda, e o Teito do petróleo e o colapso civilizatorio a el asociado, pola outra.
A continuación ofrezo o texto íntegro, coas correccións lingüísticas realizadas pola editorial. O breve ensaio recolle algunhas reflexións que eu xa fixera públicas previamente neste mesmo blog.
Á procura dunha estratexia para unha auténtica Democracia nun contexto de colapso
Un roubo demasiado escandaloso
Naqueles días de 2008 en que o goberno español aprobaba —de maneira aínda máis escandalosa que noutros lugares, onde polo menos se impuñan tímidas condicións— o que deu en denominarse rescate bancario, coidei eu que aquilo era xa demasiado notorio e que ía traer consecuencias moi fundas para a percepción que o conxunto dos cidadáns tiña sobre o sistema que nos goberna. O rei xa non podía agochar que andaba espido: revelábase con absoluta nitidez quen mandaba aquí. Aínda que para moitos de nós, afeitos a pescudar nos miolos do capitalismo e da (suposta) democracia, a suma de constatacións xa había tempo que sobordara os límites do tolerábel, desta volta os gobernos e os seus amos de facto amosaban con tal descaro a realidade da súa obscena relación que até as persoas menos concienciadas politicamente habían terse que decatar. Aquel golpe nas consciencias nun momento en que a crise comezaba a pasar dura factura a boa parte da poboación quedou aí doendo, incubando unha masiva e transversal indignación no corpo social. E cando despois das sucesivas entregas do diñeiro de todos ao sistema financeiro, foron aparecendo na tona da realidade mediaticamente percibíbel as consecuencias daquel impúdico saqueo das arcas públicas, e o propio sistema que fora rescatado se convertía por arte de maxia no que impuña as súas leoninas condicións —eles si que as puñan!— aos gobernos que incorreran en déficits para encherlles as súas contas de resultados cos rescates, xa non podía quedar dúbida. A xente parva de todo non é; e máis que nada, hai estafas demasiado grandes para agochalas debaixo das pantallas habituais con que o sistema hipnomediático adoita disimular as inxustizas vidas de riba que configuran as nosas vidas. Poden mexar por nós e dicir que chove, mais chega un punto en que o cheiro a mexo non sae dos fociños da xente. A semente estaba xa botada, e calquera outra acción de goberno contraria aos intereses da maioría a partir de entón non faría senón botar máis leña no lume. Teño para min que a aprobación parlamentar —descaradamente en contra da opinión da sociedade— da chamada Lei Sinde contra a compartimento de arquivos P2P a comezos deste 2011 foi de feito a pinga que fixo rebordar o vaso. A campaña #nolesvotes encetada por activistas da cultura libre na Internet como resposta diante desta traizón de varios partidos políticos aos seus representados foi a chama inaugural que prendeu nunha morea de combustíbel indignado pronto para estoupar. Xente moi nova e en xeral con pouca ou nula experiencia no activismo político e social comezou a decatarse do potencial da propia Internet para conformar masas críticas (no duplo sentido da palabra), e o 15 de maio demostrouse que esas masas online podían e querían trasladar o seu brado de indignación ás rúas, animadas polos exemplos de diversos países árabes, da Islandia e do veciño Portugal. O que sementara o goberno español con aquel rescate/saqueo caeu en terreo adubado con múltiplas mostras de falta de democracia, non podía tardar en agromar e fíxoo precisamente na primavera deste 2011.
Xa que logo, considero que o estoupido era case inevitábel tras as escandalosas medidas do goberno español a favor do capital, aínda que estas non fosen exclusivas del, senón coordenadas polos gobernos do conxunto de países capitalistas occidentais. Ora ben, que forma tomou este movemento de lóxica —aínda que demorada— protesta? Cal foi a súa evolución cando tocou pasar da indignación á proposta de mudanzas? Darei a miña opinión sobre o que se está vendo até o momento de escribir estas liñas, coa advertencia lóxica de que este movemento continúa a evolucionar e podería deixar esta análise obsoleta en breve tempo.
#EstoNoEsDemocracia
Unha parte fundamental dese conglomerado de colectivos e consciencias individuais que denomino Movemento 15 de maio [1], ten por nome Democracia Real Ya (DRY). O significado do nome é moi revelador e a súa potencia un grande acerto na fronte semiótica desta guerra: dun xeito análogo a como o concepto de Comercio Xusto conseguiu comunicar implicitamente que o maioría das relacións comerciais no capitalismo son intrinsecamente inxustas, ou a Banca Ética dicirnos que o resto non o é… solicitar unha democracia real, auténtica, quer dicir que o que temos agora non é democracia. “Lo llaman democracia y no lo es”, é un dos máis coñecidos slogans que sacaron os indignados ás rúas. Coido que este é un dos meirandes éxitos políticos do movemento no seu conxunto: explicitar a falta de democracia, a falacia de que o sistema actual sexa un goberno do pobo. Na miña opinión, este concepto, esta consciencia, convértese de feito no éxito de maior potencial revolucionario. Mais analicemos a vía pola cal este colectivo que fai bandeira da consecución dunha auténtica democracia, está tentando chegar a ese obxectivo, insistindo en que a análise parte do que se ten feito até o de agora e que probabelmente vexamos avances moi substanciais no terreo propositivo nos próximos meses.
Percibo de entrada un erro estratéxico neste colectivo —e no colectivo paralelo dos acampados— ao dedicárense a elaborar propostas programáticas de política máis ou menos concretas. Considero esa liña de acción como moi pouco útil, alén da función formativa e de práctica política para recentemente iniciados no combate social. Penso que con isto non abordan o problema principal, a raíz da falta de democracia. Seica non nos damos de conta de que malia xa existiren propostas xustas e moi elaboradas xeradas de maneira constante desde os movementos sociais, os contornas académicos e activistas, estas son sistematicamente —nunca mellor dito— bloqueadas e non dispoñen dunha maneira efectiva de ser consideradas e aprobadas polo conxunto soberano dos cidadáns? O problema non é a falta de propostas cidadáns, mais si de vías para se tornaren en realidade, para se plasmaren en leis realmente democráticas. O problema radica no formato de democracia representativa, que usurpa a soberanía dos cidadáns para a deixar nas mans dunha partidocracia, dunha tiranía cuatrianualmente electiva. Coido que isto é algo que o movemento intúe e velaí senón o rexeitamento polo conxunto da clase política plasmado nas manifestacións, nas acampadas e nas voces das redes sociais online e dos blogs. Porén, a súa acción neste sentido non acaba de ser coherente, se cadra por non teren aínda consolidado a análise de onde esta a cerna da falsidade desta presunta democracia. Temo que se o movemento por unha democracia real xa non asume que ese é o principal e primeiro problema por resolver, e se perde nunha esgotadora e amateur re-elaboración de programas políticos, pouco achegará na práctica para traer esa auténtica Democracia. Pararse a pensar propostas cando as posibilidades de facelas realidade son practicamente nulas é pór o carro diante dos bois.
Cantos activistas dedicaron estes últimos anos o seu tempo, esforzo e diñeiro para promover ducias de Iniciativas Lexislativas Populares para nada? Cantos, a falaren con partidos políticos, escoitaren as súas baleiras promesas e a apostaren por partidos que teñen as súas posibilidades de goberno amputadas por unha normativa electoral inxusta e por uns medios de comunicación monopolizados que manufacturan un consenso —como di Chomsky— á medida do poder?
Até o de agora só atopamos certas demandas do colectivo como unha reforma da lexislación electoral, mais sen faceren a mínima mención do problema do control dos medios de comunicación, cuestión chave nos sistemas (pseudo)democráticos actuais [2]. DRY tampouco explica quen pretende que asuma e execute esas demandas: os propios partidos que se benefician precisamente de que as cousas estean como están? Semella inxenuo pensar que o sistema de partidos vai mudar voluntariamente desde dentro, por moitas demandas que elaboremos e moitas acampadas que fagamos. Para min, a única proposta que no momento actual presenta DRY que apunta cara a unha verdadeira estratexia pola Democracia é a seguinte. Na súa páxina de propostas [3] reclaman, entre outras medidas:
“Referéndums obligatorios y vinculantes para las cuestiones de gran calado que modifican las condiciones de vida de los ciudadanos. Referéndums obligatorios para toda introducción de medidas dictadas desde la Unión Europea”.
Isto apuntaría na dirección dunha democracia participativa de tipo mixto, que combinase o sistema parlamentar coa facilitación de numerosos referendos (mecanismos de democracia directa), semellante á suíza ou á estadounidense. Falta que definan cales son esas cuestións de grande calado, que loxicamente non deberían deixar definir aos propios donos da partidocracia: se son os partidos os que determinan o que se somete á decisión directa dos cidadáns e como se fai, non teremos avanzado moito. E por riba, sen abordaren a cuestión do control mediático da opinión pública, todos sabemos como acabaron referendos recentes como o da pseudoconstitución europea. Se cadra por ser unha xeración afeita a buscar a información en medios máis libres, como a Internet, estes mozos non son conscientes da importancia de liberar medios tradicionais como a TV, a radio e a prensa para liberar a democracia. Aquí coido que é fundamental para unha auténtica Democracia esixirmos que se poña so o control directo cidadán os medios de comunicación públicos e favorecer ao máximo a creación e difusión de medios comunitarios.
Penso, con todo, que o sistema mixto que parece reclamar DRY é insuficiente para acadar unha auténtica democracia, que non pode ser senón de tipo directo, apostando por un sistema de referendos permanentes e para a aprobación de absolutamente todas as leis e accións de goberno. É dicir, o que debería guiar a loita por traer a democracia debería ser a creación dunha canle para que todas as propostas cidadáns puidesen materializarse en leis e accións de goberno concretas, procurando unha estratexia capaz de eludir a barreira partidista e a súa falsa representación (“No nos representan” é outro dos lemas do movemento, non o esquezamos).
Partindo dunha difusa aposta no movemento porque o goberno deba ser do pobo, non percibo que se avance na análise que fan até a conclusión lóxica —ao meu entender— de que a Democracia pode e debe ser directa, se cadra por falta de consciencia acerca das posibilidades da tecnoloxía actualmente dispoñíbel (Internet, celulares, DNIe, etc.) para pór en marcha unha ágora cidadá asíncrona de maneira permanente, e mantéñense por agora nun lugar intermedio situado en terreo inimigo: a Democracia Participativa, ese mito doadamente asimilábel polos partidos de cara á galería para o anularen na práctica e o baleiraren de potencialidades emancipadoras.
Unha vez se determine o sistema idóneo para implantar esa Democracia Directa, que podería ser o que eu propuxen xa en 2006 no III Congreso on-line do Observatorio para a Cibersociedade [4] ou algún outro, poderían concentrarse aí todos os apoios precisos para o pór en marcha, e nunha segunda fase, ou —por que non— en paralelo, proceder a dar entrada nel a todas as propostas que maioritariamente apoie a cidadanía. Facelo ao contrario coido que é un erro, pois cargamos o carro con interesantes e valiosas propostas, mais non temos os bois diante para levalo a onde ten que ir: ás institucións que as deben converter en leis.
As consecuencias deste erro estratéxico ao meu entender son dúas. En primeiro lugar, que certos partidos tradicionais están tentando apuntarse ao movemento, co argumento de que eles levan anos defendendo esas mesmas propostas, a pesar de seren parte precisamente do sistema de partidos que dá soporte a esta falsa democracia.
A segunda sería o risco de se esvaecer no nada, de sementar en terreo baldío todas esas valiosas propostas. Non o esquezamos: por fin unha parte importante da sociedade, principalmente a xente nova, espertou politicamente. Iso é algo moi importante e sen dúbida necesario para calquera mudanza social e política. Mais na realidade este espertar unicamente os fixo situárense onde debían estar como parte afectada do tecido social, nun estado avanzado de concienciación e compromiso político onde xa estaba unha parte minoritaria da sociedade, que levaba loitando sen éxito por análogas demandas durante décadas. Ora ben, como pode ese avance de boa parte da sociedade virar nunha auténtica revolución? Achéganos algo novo como opción estratéxica este colectivo que dá voz á indignación e a un compromiso reactivado da xuventude? Teñen un plano ou roteiro minimamente deseñado para mudar a realidade? Nese sentido eu aínda non vexo moito, aínda que recoñeza que ten unha importancia innegábel simplemente que unha parte tan importante da poboación se indigne, reaxa e se xunte para falar do que quere, porque iso é facer Política e o momento histórico require que a fagamos e que a fagamos desde baixo.
Aínda así, coido que é fundamental para o éxito do movemento un reformulación da súa estratexia e dese traballo de elaboración programática cuxo obxectivo final aínda non se tornou explícito. Pode que a estratexia troiana de introducir nas institucións un antipartido [5] sen programa para facer posíbeis todos os programas sexa o camiño adecuado, ou pode que o sexa facer un órdago que deslexitime o sistema mediante a elaboración cidadá, á marxe dos partidos, dunha nova Constitución á islandesa, como comezan a propor algúns indignados en Cataluña liderados por Enric Duran [6]. Non o sei. O que é preciso é decatarse de que sen estratexia para converter en realidade as demandas do pobo, non chegaremos a nada e a loita por unha democracia real ficará nun testemuñalismo voluntarista que malgastará as forzas de milleiros de mozas e mozos indignados e esperanzados por mudaren as cousas.
Esta mocidade reclama un futuro, mais… que futuro?
Mudar as cousas mais en que dirección? Para concluír a miña reflexión quero determe a analizar a viabilidade dalgunhas das propostas desta mocidade que se autodefine sen futuro [7], á luz dos condicionantes non políticos que ameazan o futuro das nosas sociedades.
Segundo podemos ler na web de JuventudSinFuturo o feito de que a xuventude máis preparada da nosa historia vaia vivir peor que os seus pais débese “á política de recortes do goberno español”. Sen negar a influencia a curto prazo destas medidas e o empeoramento da situación que implican, o feito de que se interrompa a tendencia histórica —recente— de que cada xeración viva mellor —en termos materiais exclusivamente— que a anterior, é algo fisicamente inevitábel e derivado de que a Humanidade no seu conxunto vai dispor de cada vez menos enerxía pola primeira vez na súa historia: menos enerxía globalmente, e menos enerxía per cápita [8]. Este feito físico non pode ser negado e ocultado por tras das decisións políticas ou económicas a curto e medio prazo, que de certo poderán agravalo distribuíndo de maneira inxusta a devalante riqueza.
JuventudSinFuturo afirma tamén: “La Reforma del sistema de pensiones, que retrasa la edad de jubilación y reduce la cuantía de nuestras futuras pensiones y nos dificulta aún más encontrar un trabajo digno. Todo ello nos plantea un horizonte sin futuro.” Pensar que é posíbel un futuro semellante á situación de pensións e de traballo asalariado que viñemos gozando até agora é contraditorio coas perspectivas da crise enerxética e entrópica en que estamos inmersos e que non pode senón agravarse. Na opinión de moitos dos que pescudamos na cuestión do peak oil, o futuro da mocidade, se ha de ter algún, ha de pasar por un retorno masivo ao campo, onde deixará de ter sentido o concepto actual de traballo e volveremos a ser labregos pobres —en termos materiais actuais— mais en boa medida, autosuficientes, sen un traballo mais coas nosas necesidades máis básicas potencialmente cubertas pola comunidade agraria local e polo noso propio labor cultivando a terra. Neste sentido JuventudSinFuturo amosa o mesmo grao de incomprensión da gravidade da situación actual e do seu fundamento enerxético e antropolóxico, que os partidos políticos contra os que protesta, incluíndo os da esquerda tradicional [9]. Esta mesma fe nun futuro mellor pódese ler no manifesto de DRY: “Gente que trabaja duro todos los días para vivir y dar un futuro mejor a los que nos rodean (…) hora de construir entre todos una sociedad mejor”.
Boa parte do movemento [10] parece ser vítima da mesma fe no progreso continuado que impide á nosa especie reaxir diante da inevitabilidade do devalo enerxético: “sociedad avanzada… la sostenibilidad ecológica y el desarrollo… progreso” son termos que podemos achar no manifesto de DRY. Nese sentido basean as súas propostas en parámetros igual de anticientíficos que os dos dirixente políticos e económicos actuais que pretenden que o business as usual pode seguir indefinidamente, que o mundo non ten limites físicos, que o sistema monetario pode continuar sen base física real e que as débedas poderán ser devolvidas cando retornarmos a un xa imposíbel crecemento económico. Por exemplo, DRY defende un teórico dereito ao traballo, que na miña opinión será inviábel tras do colapso da sociedade industrial. Hai especialistas en economía ecolóxica e partidarios do Decrecemento que poden e deben facer desde dentro que o Movemento 15 de maio axeite as súas demandas a este contexto realista de colapso civilizatorio, o cal non implica naturalmente aceptar a suposta realpolitik dos mandos capitalistas, mera escusa para o espolio dos minguantes recursos mundiais e locais [11].
Conclusión
Agardo que as carencias expostas neste movemento tanto a nivel teórico e de análise da realidade da Crise e da falta de democracia, como a nivel estratéxico se corrixan decontado para tornar viábel unha auténtica Revolución que permita que o pobo tome o control antes de que os miopes e suicidas que nos gobernan queimen (ou nos rouben) as poucas posibilidades que temos de asentar as bases dun futuro que non será mellor, como apuntei, mais que aínda así pode ser digno e sobre todo, máis xusto. Cando foren conscientes de: 1) Que a Internet serve para algo máis que para pór en contacto a indignación individual, e que ten o potencial para superar o sistema representativo como modelo de goberno por medio da Democracia Directa Electrónica; 2) Que iso é factíbel aquí e agora sen pedir licenza a ninguén nin pedir, reclamar, demandar ou esixir nada ao poder estabelecido; 3) Que só debaixo desa mesma bandeira todas as reivindicacións sociais máis ou menos esparexidas e difusas se poderán unir sumando unha masa social dunha dimensión nunca antes vista [12], e anular a neutralización que a pseudodemocracia representativa e o oligopolio mediático exercen sobre elas… Daquela, daranse de conta do inmenso poder que teñen, que temos todos os cidadáns: o poder de decidir todo aquilo que nos incumba. E cando comprenderen ao mesmo tempo as implicacións profundas do Teito do petróleo, que mudan todos os parámetros do noso sistema social e económico, condicionando o que será factíbel nun futuro sistema político e o que non, comprenderán que non hai un minuto que perder para tirarmos o poder á clase político-económico-mediática que nos desgoberna.
Notas
- ^ Que me perdoen, pero de “15M” paréceme ridículo. Dentro dun tempo… quen saberá se esa M era de maio ou de marzo?
- ^ A data de 7 de xullo [de 2011] só podo atopar nas propostas de DRY unha vaga demanda de “Protección de la libertad de información y del periodismo de investigación” como algo relacionado cos medios.
- ^ http://www.democraciarealya.es/documento-transversal/
- ^ Inoculación de la Democracia Directa en el Sistema Representativo por medio de las NTIC: El sistema D3. Dispoñíbel en
http://www.cibersociedad.net/congres2006/gts/comunicacio.php?id=752http://www.d-3.info/democraciadirecta/descargas/?did=2 - ^ Non sería un partido porque non trasmitiría as opcións dunha parte da sociedade, mais de toda ela.
- ^ http://ca.wikipedia.org/wiki/Enric_Duran_i_Giralt
- ^ Un dos colectivos que fan parte do Movemento 15 de maio denomínase Juventud Sin Futuro: Juventudsinfuturo.net
- ^ Esta situación é debida principalmente ao Teito da extracción mundial de petróleo. Máis información en diversas webs como VesperaDeNada.org, CrisisEnergetica.org ou CrashOil.blogspot.com.
- ^ Vid. p.ex. o meu artigo Es urgente que la izquierda comprenda las implicaciones del Cénit del petróleo http://www.rebelion.org/noticia.php?id=119266
- ^ Coa excepción minoritaria dos activistas polo Decrecemento que participan nel.
- ^ Cónstame que hai divulgadores da cuestión do Teito do petróleo que xa teñen feito difusión dela no movemento. Por exemplo, o físico Antonio Turiel deu palestras nalgunhas das principais acampadas, Pedro Prieto e Joseph Sullivan foron entrevistados, o 14 de xuño en Ágora Sol —a radio da Acampada da madrileña Plaza del Sol— e mesmo en Galiza asembleas de indignados como a das Mariñas (Betanzos) teñen debatido sobre este problema.
- ^ Calquera proposta concreta de política que tente facer o Movemento restará máis ou menos apoios entre a poboación, e de feito xa se están a provocar disensións por buscar o consenso na súa innecesaria formulación. Limitarse a defender a democracia directa, a decisión soberana de cada cidadá e cidadán, só pode na miña opinión sumar o apoio de todos eses cidadáns. As propostas políticas poderían ser elaboradas en paralelo por diversos colectivos, sen seren necesariamente excluíntes e deixando a súa aprobación nas mans dos cidadáns.