Diversos autores teñen sinalado que moitas das mouras das nosas lendas agachan en realidade a figura da nosa Vella Deusa pancéltica. Tamén grazas a José Manuel Barbosa coñecemos da presenza na Galiza da pegada de Dana/Anu/Ana, aínda conservada en topónimos coma Anamán. E precisamente grazas a unha conversa na comunidade Desperta do teu sono (no Facebook) con el e mais con Rubém Melide, outro interesado na nosa tradición calaica, veño de me decatar dalgo que se cadra xa antes se tiña proposto, mais que eu é a primeira vez que ligo: a fórmula máxica da lenda da moura Ana Manana, en realidade é unha invocación á deusa Ana/Anu/Dana! (e, xa que logo, a moura é a propia deusa, como xa apuntaban Cuba, Reigosa e Miranda no seu Dicionario dos seres míticos galegos).
Conta a lenda que para chamar a moura había que dicir tres veces Ana Manana! Se non consideramos manana como palabra aparte e pensamos a conxunción das sílabas desa invocación separadas doutro xeito, revélase algo trasparente: Anamanana = Anamán Ana, que segundo a interpretación de Barbosa do litónimo Anamán, significaría «Ana, a máis grande Ana».
Polo que di o Wiktionary, «anaman» significaría en protocéltico, «alma, espíritu»: https://en.wiktionary.org/wiki/Reconstruction:Proto-Celtic/anaman
Se facemos caso da teoría de Benozzo, o protocéltico coincidiría co céltica galaico, así que…