///

Unha ollada crítica ao concepto de «pobreza enerxética»

(Artigo publicado dentro do monográfico «A fondo», nº 95, sobre Pobreza Enerxética publicado na edición impresa do semanario Sermos Galiza nº 130, 22/01/2015.)

Nestes últimos anos abriuse paso no debate político e social un concepto novo: o da pobreza enerxética. E non é casual que o fixera no momento no que o petróleo cru chegou ao seu teito de extracción a nivel mundial e comezou a devalar. Coido que esa confluencia merece unha análise do que subxace ao concepto de “pobreza enerxética”. Se entendemos por tal a carencia de recursos enerxéticos, o primeiro que debemos salientar é que o devalar dos combustibles fósiles nos sitúa ao conxunto da especie nunha situación irreversible na que seremos cada ano máis “pobres” enerxeticamente. E non só por dispormos de menos gasolina ou gasóleo e a prezos máis caros (a situación actual do prezo do petróleo non será duradoira e forma parte da extrema volatilidade xa prevista polos analistas do “Peak Oil”), senón tamén pola dificultade para producir electricidade a prezos tan económicos como ate o de agora, pois mesmo as fontes renovables son dependentes das fósiles para construír, instalar e manter os elementos de captación (paneis, aeroxeneradores, etc.). Polo tanto cando falemos de pobreza enerxética deberiamos entendela como un camiño inexorable de toda a nosa especie, e non só como algo que lles está a pasar unicamente ás capas máis desfavorecidas da poboación. Todos e cada un de nós vai ter que dedicar cada vez unha maior parte dos seus ingresos a pagar pola enerxía. Será así ata chegar o punto en que a sociedade xa non poida permitirse este modelo enerxético e este metabolismo civilizatorio. Por outra banda, falamos de pobres enerxéticos, pero… comparados con quen? Se ollamos cara ao pasado e ao futuro da nosa especie, ou a millóns de humanos coetáneos nosos, seguramente os “pobres” enerxéticos resultamos bastante “ricos”.

Pero volvendo á situación da “pobreza enerxética” dentro do marco de queda da dispoñibilidade global de enerxía da especie humana, non podemos esquecer que aínda hoxe, a media nas sociedades industrializadas é de tal nivel que se adoita comparar con dispormos cada un(ha) de nós de centos de “escravos”. É dicir, cada habitante das sociedades da opulencia enerxética temos ao noso dispor, 24 h/día e grazas sobre todo ao petróleo, a enerxía equivalente a unha cantidade de escravos humanos equiparable ás dos reis da antigüidade. Así que cando esa dispoñibilidade cae, mesmo de forma importante… cómpre dicir que somos “pobres” enerxeticamente? É evidente que todo depende de con qué nos comparemos. Richard Heinberg explícao claramente: “A enerxía dun litro de gasolina equivale á dunha persoa traballando duramente durante un mes, e un estadounidense cun soldo mínimo pode comprar un litro de gasolina cuns 20 minutos de traballo. (…) Polo tanto, mesmo para quen ten un soldo baixo, a enerxía foi, e aínda é, tan incriblemente barata que case resulta gratis. De aí a nosa capacidade para crear unha sociedade na que calquera persoa ten centos de escravos enerxéticos.” Non perdamos isto de vista cando falemos de cousas como o “dereito á enerxía” dos “reis enerxéticos” vidos a menos que aínda somos.

Ademais a carencia de enerxía da que falamos hai que avaliala en función das nosas necesidades. É pobre enerxeticamente unha familia que non pode pagar 100 euros de gas natural ou de butano ao mes? Se a súa casa está ben illada ou dispón de calefacción solar pasiva e cociña con biomasa renovable, seguramente non precisará tal gasto. Entón non cómpre falar de pobreza. Pero se vive nun piso dunha mala eficiencia enerxética, precisa do gas para cociñar, ter auga quente e non enfermar co frío, daquela si. De novo a pobreza resulta relativa, e o “dereito” humano debería ser a ter as necesidades básicas cubertas, o cal non implica ter dereito a uns determinados euros/mes para a luz e o gas, nin tan sequera a dispor duns kilojoules/mes.

E para rematar, a reflexión fulcral: cabe falar dalgunha pobreza que non sexa enerxética? É dicir, se a pobreza é —segundo o Estraviz— a “falta do necessário na vida”, logo deberiamos ver que por tras de todo o necesario que é material, está a enerxía: sen ela non podemos obter comida nin auga, nin saúde nin sanidade, nin quecer no inverno, provernos de abrigo nin teito. Todo o material da nosa vida está embebido da enerxía que se precisa para a súa elaboración, distribución e mantemento. E a propia comida fornécenos da enerxía máis vital: a endosomática. Somos seres vivos e polo tanto a principal “riqueza” que precisamos é a enerxía para manter os nosos procesos biolóxicos. Entón, probablemente, falar de pobreza enerxética como se fose só un aspecto máis do problema social da pobreza, é dar unha falsa impresión, se cadra debida á concepción monetarista da economía e á incomprensión da nosa integración nos ciclos de enerxía e materiais da biosfera, e compría mellor falarmos simplemente de pobreza e do papel central que nela e na vida ten a enerxía. Sermos pobres non é carecermos de diñeiro: é, antes que nada, carecermos de enerxía.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso

Futuro feudal

Cada vez veo más seguro un futuro en el que los nietos de quienes abandonaron el