A continuación poderedes ler un artigo meu que a revista O Golpe publicou no seu nº 2, aparecido no mes de xullo. Podedes descargar a versión en PDF (en ortografía ILG-RAG ou reintegrada) ou lelo online baixo estas liñas:
A esquerda e o colapso da civilización industrial
Manuel Casal Lodeiro
(Artigo publicado en O Golpe, nº 2, xullo de 2013.
Versión orixinal do autor previa á adaptación ortográfica realizada pola revista.)
Prólogo: Imaxes para visualizarmos o colapso entrópico
Se xa sería irresponsable pensar en estratexias políticas sen termos en conta as dinámicas sociais e económicas en cada intre histórico xunto coa súa evolución pasada e previsible, aínda o sería máis se non temos en conta as dinámicas antropolóxicas subxacentes a eses niveis, condicionadas á súa vez de maneira absoluta pola situación da biosfera da que facemos parte, nomeadamente polo uso que fai a nosa especie dos recursos enerxéticos. Non podemos entender a historia do pensamento en xeral, nin do pensamento político en particular, sen ubicala nas nosas coordenadas evolutivas dentro da serie de círculos concéntricos que definen o mundo humano: o económico dentro do político, o político dentro do social, o social dentro do cultural, o cultural no antropolóxico, e todo abranguido polo ecolóxico. Nese sentido achámonos nunha situación de inédita gravidade pois, malia estarmos a vivir unha situación crítica e sen precedentes nos círculos máis externos (básicos) que marcan os límites da nosa existencia como especie neste planeta, non se están a ter en consideración nin as súas consecuencias nin a súa simple existencia dentro do pensamento político maioritario, nomeadamente na esquerda.
Asemade da imaxe dos círculos concéntricos, outra metáfora que nos pode resultar moi útil como esquema mental para comprendermos o que estamos a vivir, é imaxinarmos as estruturas sociais e económicas como xigantescas edificacións e as superestruturas como cidades (ou superedificios) onde se ubicarían eses edificios. Estas construcións fómolas levantando grazas aos recursos que formaban parte do propio solo no que se asentaron, o principal dos cales foia enerxía. E agora, tras século e medio de acelerada febre construtiva, chegou o momento en que se aprofundou tanto na extracción que os propios alicerces desas edificacións quedaron expostos e comezan a pandear no aire. Xa non queda apenas de onde extraer máis elementos para seguir a aumentar as construcións con máis e máis pisos (máis e máis complexidade e crecemento) e non só iso senón que furamos tanto no que termaba deles que comezan a caer, un tras outro. Nós, namentres, pelexamos no interior dos edificios por ver cal debería ser o plano que se utilizase para a construción do seguinte andar deste ou daquel outro edificio ou para ver como mellor reformarmos os seus habitáculos, sen sermos conscientes de que a construción enteira, xunto coa cidade na que se asenta, está a afundir sen remedio.
I. Atrancos para unha esquerda postindustrial
Case todo o espectro das chamadas esquerdas en calquera lugar do planeta parte, para a súa análise histórica, para a súa diagnose dos problemas sociais e para as súas propostas de intervención política, dun conxunto de parámetros, propios dunha determinada concepción do mundo, dun determinado modelo mental, cuxos alicerces principais están situados no século XIX, un momento histórico no que comezaba o crecemento acelerado do consumo de enerxía e o desenvolvemento do capitalismo industrial, un periodo histórico que durou ata onte mesmo, cando o Teito do petróleo —ou peak oil— lle marcou o comezo da súa fin. É dicir, analizan o mundo actual cun marco teórico propio dun mundo que deixou xa de existir —inesperadamente para a inmensa maioría— e que xa non volverá. Pretenden, en consecuencia, aplicar estratexias de loita de clases propias daquela fase de ascenso do capitalismo, e que non son eficaces nun contexto radicalmente diferente: un contexto de declinio. A viraxe histórica está a supor o paso da cesión —baixo a presión da loita popular— dunha parte do botín ás camadas populares, a unha desposesión xeralizada da riqueza, ao espolio desas pasadas e exiguas concesións feitas polo poder. E esvaécense os reparos do capital en afondar o abismo social coa clase obreira, e —tras a queda do bloque dirixido pola URSS— aquel temor histórico a que o pobo traballador buscase entre os sistemas realmente existentes outro referente social, político e económico antagonista.
Algúns deses parámetros da esquerda que, ollados desde a óptica consciente da fin da civilización do crecemento e da industria, xa non se corresponden cas inauditas características deste momeno histórico, son os que a continuación enuncio como postulados ou lemas, para ir expoñendo, un por un, a súa súpeta obsolescencia:
“O crecemento perpetuo é posible e desexable”
Desde os seminais traballos Limits to Growth (1972) e Overshoot: The Ecological Basis of Revolutionary Change (1980) sabiamos (ou máis ben debiamos saber) como sociedade que máis cedo ca tarde íamos bater cos límites que o planeta impón ao noso crecemento ilimitado. Porén, a esquerda maioritaria demostrou unha escasa —cando non absolutamente nula— atención a esas advertencias científicas. E, desde logo, a súa incorporación ao seu programa social, político e económico só comezou a ser realizada, tepedamente, hai moi pouco, cando partidos de esquerda e algúns sindicatos comezaron incorporar conceptos propios da ecoloxía social, dalgúns partidos verdes, da economía ecolóxica e do decrecemento… dando orixe por exemplo a correntes ecosocialistas máis ou menos conscientes dos límites da biosfera. Porén, esta incorporación é inconsistente en moitos casos (velaí as contradicións de formacións como Esquerda Unida), cando non desesperantemente lenta e parcial. As grandes mudanzas culturais teñen un ritmo obrigadamente lento (o cultural lag do que fala Catton), tamén na cultura da esquerda, e está por ver que sexamos quen de apuralas para adecualas ao acelerado colapso do paradigma no que baseamos a cultura actual, é dicir o paradigma do crecemento continuo e da abundancia enerxética que o fixo posible.
A esquerda que comparte coa dereita esa visión de que a crise por definición é producir menos (segundo mide ese instrumento-tótem da visión crecentista da economía que é o PIB), non sabe ofrecer máis que tratamentos diferentes —pero igual de miopes— para unha diagnóstico trabucado da situación socioeconómica actual. Interpretan o problema en parámetros puramente económico-financeiros, e polo tanto buscan nun autolimitado conxunto de políticas económicas a solución, tirando habitualmente dos manuais keynesiáns clásicos con escasas adaptacións, sen comprenderen que ese tipo de políticas ten uns condicionantes ecolóxicos para seren factibles e, sobre todo, efectivas. Para eles volver ao crecemento non só segue a ser posible senón que é un fin desexable socialmente: para esta visión tradicional da esquerda, máis crecemento supón máis ingresos para o Estado, máis servizos públicos, máis emprego, máis posibilidades de redistribución e, sobre todo, menos conflito social ao haber máis para todos. Eluden a cuestión, central no Decrecemento, de que máis crecemento nun mundo finito implica esgotamento dos recursos e aumento dos residuos, e que nese sentido é precisamente o camiño máis perigoso para unha especie necesariamente confinada nunha biosfera non infinita. As consecuencias sociais de perseguir un crecemento imposible son xusto o contrario do desexable, a non ser que teñamos como especie unhas agachadas tendencias suicidas.
A famosa senda do crecemento á que queren uns e outros volver, non leva a ningures máis ca ao abismo, e canto máis teimemos en avanzar por ela, máis custoso será o retorno. O intelixente sería volvermos ao val, abandonar o ascenso a unha montaña da que antes ca despois estaremos obrigados a baixar.
“O progreso é unha tendencia histórica sen pasos atrás”
O problema da interpretación acientífica da función do crecemento económico, así como a fe cega na tecnoloxía (convertida na nova maxia), ancóranse nun credo máis profundo e previo na historia: a fe no progreso como tendencia irreversible (é dicir, destino) da historia humana. Esta fe nace, probablemente, coa Ilustración, e é abrazada fervorosamente pola súa filla política, a esquerda, que a leva impresa nos xens desde o seu mesmo nacemento. Co tempo, e coa inestimable axuda da concepción capitalista do progreso, esta idea vaise limitando a ser entendida como un progreso unicamente material, e xa que logo vaise identificando co crecemento económico cuantitativo. Desenvolvemento, crecemento e progreso son, hoxe en día, sinónimos na práctica do discurso político, tanto na esquerda como na dereita.
Cheos de arrogancia pensámonos como a civilización definitiva, eterna, sempre en progreso cara a perfección. Porén, todas as anteriores civilizacións remataron por desaparecer, e a historia humana foise configurando como un proceso con avances e retrocesos en todos os niveis sociais: niveis materiais, de liberdades, nivel de vida, demográficos, culturais… Seica xa temos esquecido as consecuencias da queda do Imperio Romano e os prolongados paróns e retrocesos que desde entón sufriu o suposto progreso perpetuo da nosa especie.
Desta fe se derivan outras subfes, a xeito de memes dogma trunfantes no proceso de selección cultural dos últimos tres séculos, como a da produtividade sempre crecente, que analizarei a continuación.
“O aumento histórico da produtividade é froito dunha revolución científico-técnica imparable”
É común atoparse na esquerda con autores que basean a súa demanda de políticas máis xustas nunha suposta tendencia ao aumento da produtividade, que segundo eles se debe á revolución científico-técnica. Argumentan que este medre “vertixinoso” da produtividade, considerado como irreversible, faría posible liberar os traballadores “de boa parte do traballo físico”, diminuír o tempo de traballo e aumentar salarios e pensiónsi. E non é que non sexan xustas tales medidas, senón que non son defendibles tomando como argumento unha suposta produtividade en perpetuo medre, xa que esta non é froito da técnica nin da ciencia, senón en derradeira e imprescindible instancia, da base enerxética do entramado económico industrial. A enerxía sempre crecente é a que permite unha economía sempre crecente, e unha produtividade que a acompaña neste medre. E así é que cando esa enerxía devala, por moita técnica e ciencia de que dispoñamos, a economía non pode seguir a medrar nin o pode facer a produtividade; de feito se ollamos para a produtividade medida en función da enerxía empregada veremos que leva estancada máis de medio século, signo de que entramos como civilización na fase previa a ese colapso dos rendementos decrecentes que tan ben analizara Joseph Tainter e que levou ao colapso a case todas as civilizacións pretéritasii. Compréndese desde as esquerdas cál é a orixe última do crecemento económico? Sábese diferenciar a enerxía (o que fai posible o traballo, por definición) da tecnoloxía (a ferramenta que permite o seu uso e transformación)? Semella que non, e así é que a esquerda remata baseando nunha falacia termodinámica as súas propostas de cambio social e económico.
Domina a mentalidade actual unha fe, máis propia de tempos preilustrados, na que substituímos o deus ex machina pola propia machina, é dicir, unha fe na tecnoloxía que nos fai crer —tamén na esquerda máis crítica e combativa— que esta é por si soa capaz de producir enerxía, cando o único que podemos facer os humanos con ese froito da nosa mente colectiva que é a tecnoloxía, é transformar unha enerxía que é froito unica e exclusivamente da natureza, sexan fontes renovables (solares directas e indirectas, xeotérmicas) ou non renovables (petróleo, carbón mineral, gas natural, uranio). Esta inasumida superstición, derivada da máis xeral fe no progreso undireccional, vén afectando á esquerda desde os mesmos comezos do capitalismo industrial, malia que o mesmo Marx recoñecera expresamente que a riqueza procede en última instancia da natureza, e malia que desde entón diversos autores veñan alertando da percepción incorrecta da orixe da riqueza e do crecemento, non soamente por parte da esquerda senón en todo o espectro da economía neoclásica. Keynesiáns e neoliberais nas últimas décadas son claros correlixionarios desta fe, e tan só correntes como o Decrecemento e a Economía Ecolóxica renegan expresamente dela ata o punto de chegar a facer da súa rotunda denuncia o punto de partida sine qua non para a transformación civilizatoria necesaria.
A aposta destes críticos é acertada, pois se a esquerda defende a viabilidade de políticas alternativas baseándose en productividades e taxas de crecemento que só foron posibles durante un periodo histórico limitado que xa rematou, estará condenándose a si mesma, de antemán, a un tráxico fracaso. Se nalgo debe apoiarse hoxe unha esquerda realista e científica é no contexto de descenso enerxético irreversible que ten por diante a nosa civilización, a nosa especie, e na consciencia das colosais consecuencias que vai ter en todos os terreos da vida social, política, económica e mesmo cultural e moral. Reclamaban os socialistas históricos con orgullo o adxectivo científico: u-lo científico hoxe de negarmos a realidade do metabolismo termodinámico do conxunto da sociedade? U-lo científico de pecharmos os ollos diante dos límites naturais do planeta?
“O sistema monetario precisa importantes axustes redistribuitivos e fiscais, pero é sostible”
Un dos efectos máis claros dun devalar enerxético (e xa que logo, económico) irreversible sobre o paradigma socioeconómico actual será a non continuidade do sistema monetario tal e como o coñecemos. Isto é debido a que a creación do diñeiro bancario, no modelo actual, está baseada na perpetua creación de débeda, pero isto requere necesariamente que a economía de mañá sexa meirande, en termos cuantitativos, á de hoxe, para permitir non só devolver o crédito senón pagar tamén os xuros. Isto hase mostrar imposible nun contexto de decrecemento económico permanente, que é inevitable debido ao Teito do petróleo e á absoluta correlación existente no metabolismo da civilización industrial, entre consumo desta forma de enerxía e produción de bens e servizos. Polo tanto, sen poder pagar xuros da débeda (tanto sexa pública como privada), non é viable o sistema, e mesmo non cabe esperar que se poida chegar a devolver o principal de todos os préstamos vivos na actualidade.
O analista británico Euan Mearns advertía en 2011iii:
O Teito do petróleo pode ameazar o sistema bancario e financeiro mundial xa que o esquema Ponzi de crecemento baseado na expansión do crédito requere un fluxo crecente de enerxía barata para alimentar a economía real. Cando ese fluxo de combustible barato secou, a economía real fallou e fixo emborcar o sistema mundial bancario de reserva fraccionaria que está no corazón deste esquema Ponzi.
O meu compañeiro na Asociación Véspera de Nada, oprofesor de economía Xoán R. Doldán resumíanos a situación interpretando a política económica que estamos a padecer desde o comezo desta crise terminaliv:
Está claro que o sistema financeiro e monetario actual está caput. (…)
Agora sabemos que separar o financeiro da base material da economía foi posíbel durante un tempo pero é imposíbel no medio ou longo prazo. De momento o poder financeiro e os seus empregados e representantes, que non son outros que os representantes políticos nos diferentes parlamentos, están a «reformar» a economía para expropiar mentres poidan o patrimonio que fica en mans dos Estados e das institucións públicas, ao tempo que acrecentan os mecanismos de opresión e explotación das clases traballadoras, familias e pequenos empresarios, para cubrir as enormes perdas ocasionadas no casino capitalista. (…) non pararán até que haxa non só síntomas de resistencia senón unha resistencia real manifestada en todos os ámbitos. Poderán manter certo tempo o sistema financeiro e monetario baixo esa continua opresión e expropiación pero co obxectivo de acrecentar a concentración do capital financeiro.
Detereime agora nestas reformas espoliadoras que Doldán vencella coa fase terminal do actual sistema financeiro, e das que a esquerda política e social ten unha percepción demasiado limitada.
“Non é unha crise, é un roubo”
A esquerda denuncia con abraiante unanimidade que é falso que vivíramos por riba das nosas posibilidades, como nos din desde os actuais gobernos buscando agachar tras esa desculpa unha brutal redistribución do diñeiro público en beneficio dos seus amos. A súa falsa austeridade recorta, en efecto, de onde non lles convén gastar para trasvasar todo o diñeiro público que faga falta (e aínda máis, é dicir, endebedando o Estado) a onde si lles interesa, como nos explicaba Doldán. Roubo si, está claro, e espolio, e saqueo, e hipoteca para o futuro… pero tamén crise, si, e en realidade unha crise moito peor do que nos contan. Recortes, austeridade, resgates… son palabras que agachan moito máis do que se supón que comunican, nun panorama semiótico cada día máis orwelliano. Dicía Antonio Turiel nunha entrevista que lle fixen a finais de 2012:
Obxectivamente si que temos vivido por riba das nosas posibilidades porque o noso sistema baseouse e baséase en explotarmos os recursos doutros países sen pagarlles de maneira xusta; pero non o fixemos da maneira que nos explica quen malla con ese discurso. En canto aos recortes, é absolutamente incrible o eficaz labor de desinformación que fan moitos medios, comezando por denominaren rescate o que non deixa de ser un plan de liquidación de activos para pagarmos unha débeda impagable e con grande desfeita da economía. Non nos enganemos: cos recortes e o rescate o que se pretende é que un 20 ou 30% da débeda, que está en mans de grandes capitais internacionais, sexa devolta sen merma e aínda por riba cos xuros prometidos; e para conseguir ese fin se hai que destrozar a economía malvendendo activos, pois faise, e coa colaboración ignorante ou complacente dos nosos gobernantes. (…)
Coas medidas de austeridade, polo tanto, non se pretende nin se espera reactivar a economía (o cal, ademais, por limitacións dos recursos é imposible) senón devolverlles ben o seu diñeiro a uns poucos, mentres que a masa de acredores (que inclúe desde o xubilado que colocou o seus aforros de toda a vida en preferentes e similares ata o fornecedor daquel concello que lle debe dous anos de subministros) perde case todo e os cidadáns reciben o castigo de menores servizos. Esa é a realidade, e quen diga outra cousa minte.
O espolio do Estado non debe impedirnos ver a crise terminal que hai de fondo, que non é só financeira, non é só económica… nin é un ciclo económico do que se poida saír. Desta crise non sairemos nunca, como ben nos lembraba naquela entrevista Turielv. Neste sentido o roubo é máis xenocida do que podería parecer nunha análise superficial e meramente política ás esquerdas, pero a crise tamén existe por tras desta histórica e monumental estafa: é a crise terminal da nosa civilización.
“Ou tecnoloxía ou cavernas”
Cando algúns criticamos a fe na tecnoloxía, maioritaria entre as esquerdas como en toda a sociedade actual, algúns queren defenderse dicindo que estamos en contra do propio concepto de tecnoloxía. Semellan non entender que o que criticamos é a dependencia dun determinado conxunto de tecnoloxías: dependencia con respecto á fonte enerxética que requeren ben para funcionaren (p.ex. vehículos con motor de explosión) ben simplemente para existiren. De feito a complexa panoplia tecnolóxica moderna é sumamente dependente dunha colosal cantidade de materiais e elementos compoñentes, fabricados mediante minerais moitos deles xa escasos e en calquera caso extraídos todos eles da codia terrestre mediante unha minaría que depende totalmente dos combusibles fósiles. Iso por non falarmos do vulnerables que son as cadeas de subministro da mundialización diante de calquera percance, aínda que sexa temporal, como se puido comprobar non hai moito tempo coa carencia de discos duros de ordenador a nivel mundial debido a unhas masivas inundacións que paralizaron a maioría das fábricas, concentradas en Tailandiavi.
Criticamos non o concepto de tecnoloxía en si mesmo, o cal sería abondo absurdo pois é unha característica intrínseca á nosa especie desde as súas orixes, senón a suicida dependencia de determinadas tecnoloxías na que nos embarcamos cegamente neste apenas século e medio de auxe industrial. Así é que defendemos con rotundidade outras tecnoloxías posibles e de feito xa existentes e contrastadas polo seu uso histórico: tecnoloxías democráticas, sinxelas, eficientes, de baixo custo enerxético e en materiais, replicables localmente, doadas de entender e de facermos nosas (de código aberto, diríamos agora), que non nos expoñen a riscos inasumibles en caso de colapso económico. Así, un coche que só pode funcionar con derivados do petróleo non terá sentido nun mundo que queda sen petróleo e coas cadeas internacionais de subministro just-in-time de compoñentes rachadas sen remedio, mais unha bicicleta — que tamén é un elemento tecnolóxico— ten máis sentido ca nunca pois consume enerxía renovable —as pedaladas da persoa que a usa—, é duradeira e doada de manter pois pode ser construída e reparada sen coñecementos hiperespecializados, por unha soa persoa, sen dependermos de empresa ou organismo estatal ningún e con material mesmo de refugallo, accesible en calquera lugar do mundo. É o concepto da tecnoloxía apropiada, nos dous sentidos que esa palabra ten, que tras o seu xordimento como proposta cultural nas crises políticas do petróleo da década de 1970 debe volver para instalarse definitivamente nas novas sociedades da postabundancia.
Deben comprender as persoas que se din de esquerda que a práctica totalidade dos elementos tecnolóxicos dos que dependemos na nosa vida diaria nas sociedades industrializadas, nestas sociedades da opulencia enerxética, só son posibles grazas á dispoñibilidade continua de combustibles fósiles baratos. A actitude de “non estamos dispostos a renunciar a estes logros tecnolóxicos” co que algúns reaccionan á crítica decrecentista consciente do peak oil, demostra que non se capta axeitadamente o marco de opcións que temos, e que a consciencia de que moitas partes fundamentais da nosa complexa sociedade van ir deixando de funcionar a medida que o petróleo escasee non dá penetrado en mentalidades formadas no contexto cultural do crecemento continuo. Calquera prantexamento social e político que non asuma o que vai significar ese gran colapso funcional do noso sistema-mundo non só será inútil senón que o podemos criticar como perigoso pois camiñará en direccións sen saída que teremos finalmente que desandar como sociedade, co gasto de enerxía adicional que esa rectificación implicará. Non estamos en condicións de trabucarnos de camiño a estas alturas da viaxe, co depósito do vehículo a piques de ficar baleiro.
“Ou crecemento ou cavernas”
Replicábame nunha ocasión o membro de Esquerda Unida Lino C. Vilasvii: “¿Volvemos a la Edad Media? Esta supuesta solución nos llevaría a la misma situación de decrecimiento traumático, de hambre y miseria, de la que supuestamente nos quiere salvar”. O símil da Idade Media e o das cavernas son recursos superficiais e sistemáticos entre os que critican a opción decrecentista, co que demostran non comprender a contraposición entre decrecemento planificado —e, xa que logo, suavizado— e o que se pode esperar se se deixa o sistema decrecer por si só, é dicir, colapsar. Joseph Tainter, ao igual cós que estudan os sistemas complexos dinámicos e adaptativos, non nolo poden dicir máis claro: os sistemas complexos non se autosimplifican, simplemente colapsan e son substituídos por outros máis simples. Persoas ubicadas politicamente na esquerda convencional, como C. Vilas, non son quen aínda de recoñecer que o feito de anticipar e preparar a sociedade para a fin inevitable dunha civilización marcaría a diferenza entre o aceptable e o traumático. Diante da alternativa Decrecemento ou barbarie, eles negan a posibilidade mesma da barbarie e en consecuencia a necesidade da alternativa que se lle contrapón: se non vai haber colapso ningún, non precisamos elexir entre o colapso caótico e o colapso máis ou menos controlado. Así é que o primeiro paso que deberían dar sería aceptaren a inevitabilidade do colapso, é dicir, a inviabilidade física de o modelo actual continuar e a imposibilidade de se adaptar esponánea e rapidamente a niveis moito máis baixos de enerxía; e, en segundo lugar, recoñeceren a súa inminencia, é dicir, recoñeceren que a crise actual ten un fundamento e desenvolvemento de tipo entrópico. Como xa advertía hai vinteún séculos Lucius Annæus Seneca, e nos lembra con frecuencia o profesor Ugo Bardi, divulgador italiano do peak oil, o camiño á riqueza é lento mais a ruína chega moito máis rápida. Para realizaren desde a esquerda convencional esta mudanza na súa percepción, deben asumir unha visión física, científica, do funcionamento social e comprender a súa termodinámica, como nos lembra Xoán R. Doldánviii:
(…) non existe produción material sen materia. E isto lévanos á termodinámica, esa que tamén nos leva a falar do petróleo. A única forma de (re)utilizar a materia unha e outra vez é mediante o uso de enerxía. A única forma de loitar contra a dispersión material incesante que provocamos é mediante usos crecentes de enerxía. Esa enerxía é limitada agás no caso das enerxías renovábeis, refírome á enerxía primaria. Pero resulta que de forma esmagadora usamos enerxías non renovábeis (esgotábeis por definición (…)), e as renovábeis algunhas son esgotábeis (a biomasa, se non respectamos os ritmos de reposición) e todas, unhas e outras, están limitadas pola tecnoloxía, pola taxa de retorno enerxético, polo espazo dispoñíbel, polos materiais dispoñíbeis… é dicir cando pasamos esa enerxía primaria a unha forma dispoñíbel hai límites. Hai límites enerxéticos, tecnolóxicos e, por tanto, materiais. A produción material poderá medrar si… pero até un límite.
Os partidos autodenominados progresistas identifican polo xeral progreso con crecemento material da economía, e xa que logo para eles todo o que non sexa crecer é un abandono do progreso. Esa idea do progreso como proceso histórico imparable é outro dos mitos gravados a lume na cultura desta civilización do crecemento, se cadra máis aínda na cultura da esquerda, como xa apuntei.
“Quen renuncia a crecer está suicidándose”
Cando persoas desde a esquerda convencional tentan penetrar na realidade do colapso e no que implica a opción do decrecemento voluntario e planificado, en ocasións analizan —desde os seus parámetros autolimitados— a situación na que quedaría situada no contexto económico mundial esa sociedade decrecentista á procura da autosuficiencia que algúns reclamamos. E aí de novo bate cos vicios ideolóxicos do curtopracismo e da mentalidade da competitividade, e pretende achar un problema onde en realidade hai unha vantaxe comparativa (que non competitiva). Os defensores do Protocolo de Uppsala (tamén chamado Protocolo do Esgotamento do Petróleo) defenden, por contra, que unha renuncia progresiva, voluntaria e anticipada ao petróleo non só non coloca a colectividade que fai esa aposta en peor situación cás que teimen en manterse na vía morta do crecemento a toda costa, senón que a sitúa en mellor punto de partida ca estas para resistir a escaseza que tarde ou cedo ha chegará a todos, é dicir, mellora a súa resiliencia sacrificando a sagrada competitividade a curto prazo. En calquera caso, o colapso vai ir (está indo xa) por bairros. Así por exemplo a situación en Grecia afástase aceleradamente da de países como Alemaña. E a situación tamén en España ou en Portugal comeza a prantexar abismos entre clases sociais impensables noutrora. É dicir, esa desigualdade entre o acceso aos recursos económicos (no fondo, enerxéticos) precisos para mover o motor social, xa se está a producir. Pero non é comparable a renuncia voluntaria —e polo tanto planificada— dunha sociedade en transición consciente cara outro modelo de consumo enerxético, en reestruturación acelerada para adaptarse a esa escaseza, que unha sociedade forzada a renunciar contra a súa vontade e que teima en manter niveis de consumo que xa lle son imposibles. Podemos comprendelo mellor, se cadra, comparando isto cunha estratexia similar a escala persoal/familiar: non é igual unha persoa ou familia que á vista de que vai perder o seu traballo a medio prazo opta anticipadamente por unha vida máis simple, renunciando inicialmente a unha media xornada do seu traballo e reducindo en igual ou meirande medida os seus gastos, ca unha persoa que inesperadamente e contra os seus desexos perde o seu traballo e queda con débedas e outro tipo de hipotecas vitais ás que xa non pode facer fronte debido a que mantivo un alto nivel de vida ata o final. Non é casual que este tipo de escenarios nos remita á clásica fábula da chicharra e a formiga. De novo achamos mensaxes da sabedoría popular e do sentido común das culturas preindustriais moito máis acaídos para interpretar o presente e o futuro cós memes trunfantes da cultura capitalista-consumista.
Xa que logo non podemos aceptar a descualificación de “suicidio” social que algúns fan da proposta de saír da imposible carreira internacional de ratos do crecemento e do consumo desorbitado de recursos asociado, e debemos responderlles con rotundidade que, en realidade, abandonar esa carreira é a única maneira de sobrevivir. Robert Hirsch, no seu famoso informe encargado polo goberno dos EUAix, estimaba en vinte anos o tempo necesario para realizar as profundas e extensas transformacións sociais que serían precisas nas sociedades industrializadas para pasarmos do modelo dependente do petróleo a outro baseado en enerxías renovables e locais, e iso contando con que houbese financiación e enerxía dabondo para realizar unha mudanza semellante, un reto colectivo cuxas dimensións non teñen precedentes na historia da humanidade. Se cadra xa non teremos nin tan sequera cinco anos para facelo, pois se ten calculado que o ritmo de queda da extracción, unido á redución das exportacións debido á meirande proporción que reservarán para si os países produtores (o teito das exportacións netas), e á competencia de países que aínda están a crecer, como India e China, pode levar a que tan cedo como en 2018 xa non haxa petróleo dispoñible no mercado mundial para o resto de países! Podemos chegar a albiscar a gravidade de tal perspectiva xeopolítica? A esquerda maioritaria, por moi transformadora que se reclame, parece lonxe de facelo e corre o risco de ser varrida da historia polas consecuencias desta situación e polo seu fracaso en prevelas. Abonde lembrarmos un dato: a organización que máis petróleo consome en todo o planeta é o exército dos EUA. A súa estratexia de acaparar os derradeiros recursos petrolíferos coincide no tempo cos primeiros informes científicos acerca dos síntomas de esgotamento do petróleo, que indicaban que aquela teoría de Marion King Hubbert —orixinador do concepto do peak oil— que se demostrara certa para a extracción histórica de petróleo estadounidense, se estaba a confirmar tamén a nivel do conxunto de pozos do planetax. Aí están como plasmación desa estratexia as invasións de Afganistán e Irak. Aí temos as manobras sobre Libia, Siria e Irán, con outras potencias como China e Rusia xa posicionadas e non dispostas a perder o seu bocado.
“O referente debe seguir a ser a clase traballadora”
Un dos cambios na representación do mundo que máis lle costa facer a case toda a esquerda política é a perda do carácter único (ou cando menos central) do proletariado nas propostas de transformación social. A clase traballadora tal e como a entenden hoxe sindicatos e partidos de esquerda, nace paralemente ao capitalismo e está historicamente unida a el. Antes do capitalismo industrial non existía e despois do capitalismo industrial deixará de existir, polo menos nunha dimensión comparable á actual. Isto descoloca absolutamente á esquerda, que se nega a asumilo. Se cadra no fondo da súa renuencia a aceptar a fin do mundo capitalista-industrial estea inconscientemente o temor á perda do referente proletario que lle dá sentido como campo de acción política. Debería resultar obvio concluír que a esquerda debe repensarse a si mesma se aceptamos que a medio prazo boa parte das industriais nas que se empregan eses traballadores van desaparecer, ao desaparecer a abundancia enerxética fósil que as fixo posibles e lles deu sustento durante a Era Industrial. Desde hai tempo vense reclamando á esquerda, nomeadamente na súa forma sindical, que acolla como o seu referente social non só os traballadores senón tamén os excluidos do sistema capitalista: persoas que nunca traballaron, inmigrantes, mulleres ao cargo dos coidados e labores familiares, persoas sen fogar, etc. E aínda que algo se ten avanzado nese sentido, conviría acelerar esa mudanza de referentes, tamén no simbólico e no discursivo, recoñecendo que cada vez haberá menos traballadores asalariados no sentido clásico e máis excluídos destes e de novos tipos.
Neste proceso comprería asumir tamén que boa parte da poboación que agora vive e traballa (ou subsiste sen emprego) no ámbito urbano terá que desfacer o camiño histórico da emigración que levou as súas familias do campo e das economías familiares labregas, a unhas cidades en proceso de industrialización e crecemento; é dicir, terán que se reconverteren de novo, na súa meirande parte, en labregos e camponeses. Non podemos agardar inxenuamente que a tarefa de facilitar esa migración a asuma un sistema capitalista interesado en baleirar aínda máis o noso campo e telo así libre de atrancos sociais para explotar os seus recursos (renovables ou non). O máis seguro é que esta nova clase neolabrega non sexa unha repetición histórica da dos nosos avós e bisavós: probablemente sexa unha clase de labregos maioritariamente sen terra, porque os posuidores do capital —mellor situados e caladamente conscientes da inevitabilidade do proceso de colapso— están a pousar a súa depredadora ollada con cada vez menos disimulo sobre a terra como recurso, como fonte de riqueza e beneficio, e farán o posible por desprazaren e desposuíren os actuais habitantes do noso campo, coa colaboración decisiva dos que nos desgobernan e dos medios de comunicación de masas, tamén controlados por eles, e que seguirán a ocultar que haxa o máis mínimo problema civilizatorio. Probablemente, como sucedeu xa noutros momentos da historia, o poder contribuirá a este acaparamento de terras afogando os habitantes do rural con máis e máis impostos e abafantes regulamentacións, ao tempo que lles retira o soporte de servizos públicos (escolas, transporte, sanidade…) para escorrentalos da cobizada terra e atraelos a unhas cidades que en realidade o que precisan é un fluxo migratorio inverso para se reduciren ata niveis sostibles.
Polo tanto quen debe xogar un papel central na resistencia a esta forzada deriva histórica é a esquerda como referente que é desa clase aínda traballadora, e tería que facelo en alianza estratéxica cuns sindicatos agrarios cos que construír un novo anticapitalismo postindustrial que defenda o medio rural como principal base e sustento vital para a gran maioría do pobo, tanto desde o punto de vista material (alimentos, auga, materias primas, enerxía) como desde o punto de vista dos medios económicos de vida (traballo, fontes de ingresos monetarios) ou mesmo como alicerce para as novas estruturas sociais dunha civilización neoagraria que substitúa, diversa e local, a moribunda civilización industrial planetaria. E penso que sería bo facelo en paralelo a unha crítica ao propio concepto do traballo, crítica presente desde o albor do movemento obreiro (abonde lembrarmos a Paul Lafargue ou, nos nosos días, a J.M. Naredoxi) e que pula por ser revitalizada desde diversos movementos sociais nesta época que, tal e como é a da fin do capitalismo industrial, pode ser tamén a época da fin do traballo como referente central da vida social. En definitiva, a esquerda debería ollar alén da explotación capitalista da clase traballadora e asumir a loita contra as novas (ou non tanto?) formas de explotación e de pura e simple dominación duns seres humanos sobre outros, que centrarán as loitas do mañá e que penetran cada vez máis as loitas do presente.
Pode e debe oporse con rotundidade a esquerda contra o desmantelamento dos servizos públicos no rural, porque aínda que o Estado poida rematar por colapsar na súa complexa e mastodóntica configuración actual, debemos defender que durante o maior tempo posible se manteña a infraestrutura que lle facilita a vida ao noso campo, mesmo por riba da infraestrutura que haxa que sacrificar nas cidades, onde sería investida nunha vía sen saída en detrimento dos recursos aplicables á consolidación e transición rural. Podemos loitar por tecer redes sociais resilientes e resistentes no rural, construírmos unha sociedade neoagraria preparada para vivir sen petróleo e para facer fronte aos seguros ataques que sufriremos, que estamos xa a sufrir: esmagamento de pequenas explotacións, invasión de tranxénicos e agrotóxicos, contaminación das augas, espolio e destrución de bens naturais comúns de todo tipo, eliminación física da propia terra (caso da megaminaría), modificación do marco legal, destrución cultural do comunitario, e un tráxico e longo etcétera.
Non poderemos facer pervivir a clase obreira despois do petróleo, pero si que podemos axudar a (re)nacer unha meirande clase labrega, digna e forte, que será a columna vertebral dunha Galiza sen petróleo.
“Queremos traballo”
Insistindo na cuestión do traballo, sinalarei outro erro do que debe liberarse a esquerda: a identificación entre o instrumento (o emprego) e o fin (unha vida digna onde as necesidades humanas estean satisfeitas). “Quero un emprego, aínda que sexa nunha fábrica de armas ou nunha mina contaminante”, seguimos escoitando a demasiados traballadores, mesmo os que posúen conciencia de clase e de identifican como de esquerdas. Cando nos daremos librado do mito de traballo e volveremos decatarnos de que o ser humano non precisa traballar? O que precisamos é alimento, vestimenta, un lugar onde habitar… e, a outros niveis, o resto das necesidades presentes na pirámide de Maslow. Pero en absoluto é unha necesidade vital termos un emprego remunerado ao que adicar boa parte da nosa existencia, dese tempo de vida que é o único que realmente posuímos. O traballo é unha categoría social moi recente na historia, un vehículo creado interesadamente polo capitalismo ao longo do seu desenvolvemento industrial, e no que acabou crendo cegamente a esquerda, defendéndoo ao final como se fose un fin en si mesmo. O dereito ao traballo debería ser, xa que logo, repensado, relativizado pola esquerda, e substituído polos dereitos irrenunciables a termos cubertas esas necesidades reais, físicas e psicolóxicas. Ademais, como nos lembraba Antonio Turiel facendo uso el tamén do símil da estafa piramidal, no modelo actual a defensa do emprego leva perigosamente asociada a defensa do crecemento a ultranza:
“estamos afeitos a oír que para que se xere emprego neto o PIB ten que crecer como mínimo un 2,5% anual, sen ter en conta que iso implicaría ter 12 veces o PIB de hoxe no prazo dun século, é dicir, ter que producir 12 veces os bens e servizos de hoxe (polo menos, en canto a valor). E mentres se tenta inventar un tipo de economía inmaterial, iso de momento implicaría 12 veces máis estradas, 12 veces máis coches, 12 veces máis barcos, 12 veces máis de todo, posiblemente mesmo 12 veces máis poboación. Alguén imaxina unha Galiza con 30 millóns de habitantes dentro dun século? Así as cousas, estamos a comungar con rodas de muíño e aceptamos vivir baixo un sistema que só xera emprego sobre a base de o inflar todo a velocidade exponencial, nun xigantesco esquema de Ponzi no que os últimos en entrar manteñen aos que entraron antes pero cada vez peor, e que acaba como acaban todos os esquemas de Ponzi: chega un momento en que a situación é insostible e a estafa piramidal se esborralla.”
Si que achamos unha certa crítica á necesidade do traballo asalariado, xordida como resposta a unha época de crise permanente onde o mito do pleno emprego semella máis lonxano ca nunca, é a defensa da chamada Renda Básica, é dicir, uns ingresos mínimos asegurados polo Estado para cada cidadá(n). Así e todo, enténdoa como unha crítica moi parcial pois segue baseándose na continuidade do sistema monetario (solicita un diñeiro mínimo para todos) e do sistema estatal de benestar, cando o que se cadra compría reclamarmos neste contexto histórico sería a Leira Básica, é dicir, terra suficiente para cada familia satisfacer as súas necesidades básicas de alimento, enerxía renovable (leña, p.ex.) e vivenda: de novo un salto cultural que a esquerda semella demasiado lonxe de facer.
“As conquistas sociais do Estado do Benestar poden e deben continuar”
Como veño dicindo, a esquerda adoita basearse en previsións sen base física acerca da continuidade dos parámetros socieconómicos da Era da Abundancia, e non só cando se reclama a Renda Básica. Así p.ex. Vicenç Navarro defende que un incremento continuo da produtividade podería soster indefinidamente un sistema de pensións como o actual. A esquerda segue a dar por suposto que os aparatos estatais do chamado Benestar (sanidade, servizos públicos, axudas sociais, pensións, etc.) van poder seguir sendo viables indefinidamente, cando en realidade son directa ou indirectamente dependentes dun descomunal fluxo enerxético para soster a súa complexidade e loitar contra a súa degradación entrópica e, aínda por riba, dependen financeiramente duns ingresos estatais estables a través dos impostos, que á súa vez están en función do grao de crecemento do conxunto da actividade económica. Por suposto isto non quere dicir que non exista, adicionalmente, unha ameaza de tipo político que leva ao espolio e desarticulación das pensións e dos servizos públicos, espolio que tampouco é alleo na súa orixe á situación de colapso capitalista que veño describindo, como ben apuntaban as anteriores citas de Doldán e Turiel. Pero en calquera caso, se ha de seguir habendo un Estado (algúns dubídano á luz da enerxía que custa manter un complexo aparato centralizado nun territorio extenso) e se este ha de continuar a fornecer algún tipo de servizo público necesariamente máis modesto e eficiente, deberá ser un Estado que desligue a súa viabilidade económica da necesidade do crecemento económico, e deberá ser, antes que nada, un Estado que asuma a necesidade de decrecer ordeadamente e de maneira socialmente sostible. Non ter isto en conta pode supoñer a extinción da esquerda que aposta polo Estado como vehículo para a transformación social, que non sería quen de sobrevivir ao colapso da estrutura política na que se basea. Non quero dar a entender que non poida haber pensións ou servizos públicos no futuro, senón que habería que reformular non só o Estado senón toda a sociedade baixo parámetros urxentemente decrecentistas e liberados do dogma capitalista para que fose factible (sostible) algunha función estatal dese tipo no futuro.
“A crise que a paguen os ricos”
…Ou tamén expresado así: “que decrezan eles”. Loxicamente se non se entende a natureza da crise nin a proposta que ofrece o Decrecemento, non se pode asumir a necesidade e mesmo a conveniencia de decrecer voluntariamente e canto antes. Algúns proclamados comunistas mesmo chegan a reaccionar contra a proposta decrecentista acusándoa de pequeno-burguesa, reaccionaria ou fascista. Para prantexar o pagamento da crise nos termos que o fai a frase que encabeza esta sección, é preciso ter unha visión totalmente monetarista e non física da crise, da súa orixe e mais das súas consecuencias. Aínda que todos os millonarios do planeta decrecesen no seu consumo persoal de enerxía e recursos, como parecen reclamar algúns, sería mínima a repercusión na actual carreira da nosa civilización cara o colapso máis absoluto. Esta confusión vén acompañada comunmente pola consideración do problema actual como un problema de reparto da riqueza, sen termos en conta que ademais dunha acaparación cada vez meirande e máis inxusta da súa parte da torta por parte dos plutócratas, a proverbial torta macroeconómica está a minguar sen remedio. O Decrecemento non se propón homoxéneo e si, por contra, adaptado e adaptable, para que decreza máis (pague máis) quen máis se extralimitou con respecto ao que pode aturar o planeta, e aí, como é lóxico, halles tocar decrecer moito máis aos países máis consumidores, máis contaminantes, pero tamén ás organizacións, localidades, familias e individuos. Nese sentido os ricos pagarán máis, claro que si, aínda que pagar teremos que pagar todos, sobre todo os que estamos a consumir por riba desa media, se queremos permitir que os que consomen aínda por debaixo poidan mellorar cuantitativamente o seu nivel de vida. É preciso que comecemos a considerar non só as desigualdades económicas entre países e clases sociais, senón tamén, e sobre todo, a desigualdade no consumo enerxético para igualarmos os consumos e sobrevivir todos nas mellores condicións posibles e sen hipotecar os recursos dos que deberán vivir as xeracións vindeiras. Isto resulta difícil de tragar para certa esquerda enrocada en posturas obreiristas e antiecolóxicas nas que a loita de clases é a única realidade subxacente a todo. Isto non deixa de ser outro exemplo máis de disonancia cognitiva: certos militantes e pensadores de esquerda non son quen de integrar o coñecemento do peak oil e da crise entrópica da nosa civilización no seu paradigma mental, ese esquema co que explican e interpretan o mundo, así que se limitan a negar a realidade que non lles encaixa nesa representación e insultan os mensaxeiros da teimuda realidade. Non fan o esforzo de pensar que as bases ideolóxicas da esquerda non teñen por qué ser en absoluto incompatibles coa termodinámica, e de feito se volvemos aos autores de referencia tamén para esta esquerda, atoparemos unha comprensión menos cegada pola exuberancia enerxética do século XX acerca da maneira en que funcionan as civilizacións humanas, aínda que como ben nos lembraba Xoán Hermida nun comentario no meu blog, tampouco podemos crer que Marx chegara a ser tan preclaro como para anticipar a terrible situación na que nos íamos atopar cento trinta anos despois do seu pasamento.
Xa que a crise é antes de nada enerxética, non podemos eludir a nosa parte de culpa, pois facemos parte dun sistema de traballo-crédito-consumo que devora cantidades devastadoras de enerxía e materiais, producindo millóns de toneladas de residuos, modificando o propio clima e outros aspectos críticos da biosfera da que dependemos. Recoñezámolo dunha vez: os traballadores-consumidores somos unha peza imprescindible para que este sistema destrúa o noso futuro.
Explicaba Doldán que:
“evidentemente, os consumos non son todos iguais, como non o son as rendas nin a súa orixe, e, evidentemente, as responsabilidades non son todas iguais, porque quen ten o poder económico é capaz de crear dinámicas contra as que a penas poden loitar os demais e menos aínda mudar. Pero tampouco poderiamos afirmar a ausencia de responsabilidades asociada a unha clase proletaria que, renegando da súa condición, procura a súa liberación a través do consumo. E teñen razón aqueles que piden que decrezan os ricos porque o decrecemento non significa que todos deban reducir o seu consumo nun 10%, por exemplo, senón que uns deberían facelo nun 40%, outros nun 30%, outros nun 10% e outros, quizás, aumentalo nun 7%. Pero non só é unha cuestión de clases, burquesía-proletariado, senón tamén de pobos, de estados… porque, guste ou non, moitos proletarios dos EE.UU., por caso, teñen un consumo material que para si quixeran 100 proletarios doutros países, e o peor que ese consumo material ás veces é por expropiación xa que moita desa produción consumida é grazas ao que ser furtou en terceiros países (por mans da burquesía, claro está). A solidariedade de clase tamén debería pasar por concienciarse do papel que o consumo material dun país ten na explotación dos outros, mesmo cando todo isto obedece á lóxica de acumulación capitalista. Sabémolo, a alienación da clase traballadora por mor da existencia dunha propiedade privada dos medios de producion causa estas cousas. Mais, deberemos agardar a liberación proletaria mundial para manifestar esa solidariedade?. Non son estas denuncias formas de facer ver as contradicións do sistema?”
Polo tanto non podemos lavar as mans e dicir que a crise a paguen só os plutócratas, xa que a súa cota de consumo persoal é ridícula comparada coa do conxunto das nosas sociedades industrializadas, e nese sentido pagaren este pequeno conxunto de seres humanos cunha redución do seu nivel de vida ou de riqueza deixaría a ecuación do colapso inalterada e non evitaría que tivésemos que pagar un altísimo prezo o resto da humanidade actual e futura. Debemos recoñecernos como parte do problema e asumir a parte de transformación que nos toque nas nosas vidas persoais, nas nosas familias e organizacións, nas nosas comunidades… non só por xustiza e pola moralidade de renunciar a sermos ladróns dos nosos propios fillos e netosxii, senón en primeiro lugar por pragmatismo: porque é a única maneira de prepararnos e aumentar as nosas probabilidades de sobrevivir ao colapso.
“Primeiro hai que facerse co poder”
A teima estratéxica de parte da esquerda coa consecución de hexemonías e de toma do poder por vías reformistas ou revolucionarias (o eterno debate), debe ser reavaliada á vista do timing deste colapso social que xa comezou. Mesmo diría eu que xa deixou de ser ese un debate realista, xa que a urxencia da acción non deixa espazo á vía reformista, moi desacreditada xa de por si polos resultados obtidos historicamente polos seus adalides socialdemócratas. Pero, por desgraza para a esquerda política, nin a capacidade do planeta para soportarnos —a denominada capacidade de carga— nin a xeoloxía (o peak oil) agardan por revolucións nin por construcións de maiorías sociais para creba democrática ningunha, por usar a expresión tan do gusto de Xosé Manuel Beiras. E tamén sería inxenuo pensar que os movementos xeopolíticos van agardar polos procesos sociopolíticos que se dean en cada país. O decrecemento traumático témolo xa aquí e a clase traballadora, a que debería ser protagonista do cambio histórico devecido pola esquerda, está moi lonxe de facerse co poder antes de deixar de ser, pola forza dos feitos, traballadora. Pretende a esquerda estatalista controlar e organizar a produción e repartir a riqueza desde riba, pero antes de que conquerir o poder necesario para facelo está xa a presenciar como eses mecanismos de produción e de control, esa mesma riqueza, e o propio mecanismo estatal desaparecen diante dos seus ollos. Probablemente mesmo perda de contado as escasas vías de acceso (electorais) para chegar a ese control, se as democracias parlamentarias burguesas ceden paso a sistemas máis autoritarios e con (aínda) menos liberdades e garantías xurídicas, algo máis que probable.
Non pretendo con isto que desbotemos a cuestión do poder político cando falamos de Decrecemento ou da necesaria resposta diante do colapso. Non o fai tampouco Ted Trainer, quen aposta por un modelo moi próximo ao comunismo libertario e fortemente ancorado no local. Lamentablemente si que é furtada en boa medida esta cuestión en movementos de meirande éxito (dentro do minoritario) coma as Transition Towns, que lideran a nivel mundial a resposta práctica e comunitaria contra o colapso enerxético-ambiental como pioneiros na transición cultural do mundo urbano. E neses casos é pertinente unha crítica á proposta como insuficiente, pero non podemos permitir que sexan desbotadas todas as propostas de acción conscientes do colapso entrópico só porque algunhas deixen de lado a cuestión do poder político, da mesma maneira que non podemos aceptar limitarnos ás que condicionen toda acción a unha previa consecución dese poder político. Se cadra o máis axeitado sería combinarmos a proposta decrecentista máis consciente do significado do peak oil con modelos de democracia directa local como propoñen p.ex. Carlos Taibo e o propio Ted Trainer, adaptados ás características de cada cultura e sociedade.
Así resume Trainer a estratexia social e política que propón (o denominado Simpler Way) e o seu fundamentoxiii. Cito en extenso porque coido que a súa proposta é especialmente interesante:
Os fallos do sistema capitalista-consumista non poden ser arranxados dentro de ou por unha sociedade dirixida polo crecemento, polas forzas do mercado, a produción motivada polo lucro nin pola opulencia desa sociedade. Estas son as causas dos problemas mundiais de sostibilidade e de xustiza. As implicacións dos límites ao crecemento son radicais.
Temos que atopar maneiras de vivir que impliquen moito menores niveis de produción e consumo cós que temos agora nos países ricos; coido que por baixo de 1/5 dese nivel. Pero isto implica eliminar en boa medida as economías do crecemento, opulentas, mundializadas e altamente industrializadas.
É un desafío especialmente para a esquerda que non podemos ter unha sociedade centralizada; a escaseza de recursos e enerxía que se achega fará iso inviable.
O que quere dicir todo isto é que a sociedade de consumo non pode ser reformada para ser sustentable ou xusta; debe ser substituída en boa medida por unha sociedade con estruturas fundamentalmente diferentes.
(…)
O Simpler Way é unha visión dunha sociedade baseada en estilos de vida non opulentos a partir de economías locais pequenas e moi autosuficientes rexidas por control local participativo e non dirixidas por forzas de mercado ou polo ánimo de lucro, e que non tivesen crecemento económico. Fai falta unha mudanza cultural enorme para afastarnos da codicia individualista e competitiva.
(…)
O obxectivo non debe ser as empresas ou a clase capitalista. (…) O grupo onde está o problema, a chave para a transición, é a xente en xeral.
(…) Xa que logo é unha batalla de ideoloxía e de concienciación. Temos que axudar á xente a ver que é precisa e atractiva unha mudanza radical, de xeito que se boten entusiasmados a construír novas economías locais sobre principios maiormente colectivos.
(…) A maior parte das estratexias, incluíndo as de esquerda verde e vermella ao igual cás estratexias convencionais, están erradas. O obxectivo esencial non é loitar contra a sociedade consumista-capitalista, senón construír a alternativa a ela.
Non se pode acadar a revolución desde riba, nin polos gobernos, nin por partidos verdes ou revolucións proletarias. Isto só pode ser unha transición desde baixo liderada por xente do común que busque a maneira de facer viables dun xeito cooperativo as súas comunidades locais, a medida que a economía mundial vaia fallando en fornecer o que precisan.
Os movementos das ecoaldeas e das Cidades en Transición comezaron esta mudanza xeral, pero as iniciativas locais de autosuficiencia, como as hortas comunitarias ou a Permacultura deben incorporar a conciencia de que as reformas que se fagan a unha sociedade consumista-capitalista non poden traer unha sociedade sostible e xusta.
Non se pode conseguir nada significativo e perdurable a non ser que se entenda claramente que os nosos esforzos nestas iniciativas locais son os primeiros pasos da substitución final desta sociedade por unha que non estea dirixida polo mercado, o beneficio, a competencia, o crecemento ou a opulencia. Esta conciencia está lonxe de ser suficientemente evidente nas actuais iniciativas ecoloxistas.
Así que lle digo á xente de esquerda: queredes liberarvos do capitalismo? Entón o máis subversivo que podedes facer é unirvos aos movementos das Cidades en Transición… e laborar para ampliar a súa visión actual demasiado estreita e concienzudamente reformista… para incluír a necesidade de substituír o capitalismo… así como o crecemento e o mercado e todas as forzas movidas polo lucro ou a opulencia.
Doldán é da opinión de que en teoría o modelo si que pode ser artellado desde riba, pero tamén desde baixo, por suposto, sen agardarmos á famosa acumulación de forzas prerrevolucionaria:
Nós queremos que esa transformación inevitable se faga de forma democrática e colectiva, algúns mesmo nos atreveríamos a dicir que de forma comunista. E por iso falamos de decrecemento, para sacudir as conciencias, non para pedir sacrificios fatuos senón para dicirlle á xente que debe tomar e esixir o control das cousas e non agardar solucións máxicas de ningún tipo, que o mundo non volverá a ser como era, e que non se transformará só por desexalo, porque é hora de tomar o poder: o poder para tomar decisións democráticas, para decidir como queremos que se organice esa sociedade que vai vir e que non é a promesa dun paraíso proletario onde reinará a felicidade, senón a que xa se está a construír. Non estamos diante, (hai que dicilo?) de cambios eventuais e pasaxeiros, estamos diante dun auténtico programa de reorganización social e económica que xestione este cambio sen a participación dos pobos. Podemos seguir múltiples camiños, agardar a facernos co control de todo, por exemplo, ou podemos ir construíndo redes, xuntando experiencias, facendo nacer desde abaixo esa nova sociedade á imaxe do que nos parece mellor e procurar que se vaian sumando máis e máis persoas a ese proceso. Non se trata, pois, da procura de solucións individuais senón colectivas, mais consideramos que os individuos terán que ter conciencia de si mesmos e dos problemas que están a suceder, e convencerse da necesidade de xuntar forzas para colectivamente construír, coa urxencia que se require, este novo mundo (…) sen necesidade de que a colectividade sexa pastoreada.
Quero determe para concluír este apartado nun dos clásicos mecanismos revolucionarios e de contestación social: a folga. Xa falei anteriormente de que non só non podemos esperar que a clase obreira sexa a protagonista dunha soñada toma revolucionaria do poder, senón que se irá esfarelando rapidamente como propia clase proletaria, arrastrada pola progresiva creba de sectores industriais enteiros. Xa que logo, como debemos considerar a eficacia dun medio de loita como é a folga, especialmente a folga xeral?
Dado que xa hai tempo que vivimos instalados na época da sociedade de consumo (a fase final dentro da época industrial), o terreo de batalla social coido que se trasladou en boa medida desde a rúa e a fábrica para un lugar novo: o supermercado. Se aceptamos a validez desta mudanza nos parámetros que sitúan as nosas loitas, se cadra a folga de consumo permanente podería ser unha ferramenta da loita de clases máis acaída a esta época terminal do capitalismo, que superase en efectividade a folga laboral, e —o máis importante, seguramente— nos servise como práctica transformadora —nese sentido, revolucionaria— ao nos obrigar a desvencellernos das cadeas de subministro de bens de consumo e, desta maneira, tamén do propio sistema capitalista. Deixarmos de mercar cando menos ás grandes empresas —que son a fin de contas as que marcan a política económica— mediante un boycott selectivo, podería ter meirande efecto ca deixar de traballarmos un día en todas as empresas e protestar na rúa diante do goberno monicreque de turno, ademais de ser algo ao alcance de todos, non só dos traballadores en activo, xa que absolutamente todas as persoas —paradas, fixas e precarias, funcionarias, autonómas ou asalariadas— temos neste sistema, antes que ningún outro, o papel de consumidoras. Este sería só un paso (iso si, estratéxico) nun plan de abandono masivo da mecánica capitalista, que combinado coa autoxestión a todos os niveis, o abandono do sistema financeiro —comenzando pola banca non-ética—, a autoprodución de alimentos, e a economía alternativa para fornecernos doutros bens básicos mediante troca, bancos de tempo ou moedas complementarias/alternativas, pode ir creando o modelo que substitúa na práctica —sen esperarmos máis, sen reclamalo a ninguén— un capitalismo agoniante. A verdadeira folga revolucionaria é comezarmos a vivir sen capitalismo —como reclama Trainer ou, máis preto de nós as iniciativas cooperativistas postas en marcha por Enric Duran e os seus compañeiros en Cataluña—, algo que ademais, teremos que comezar a facer antes ou despois.
“Non podemos dicirlle isto á xente”
Se despois de ter superado as reticencias mentais dalgún(ha) dirixente de esquerdas especialmente informado/a e concienciado/a sobre o problema do devalo enerxético, se chega ao punto de propoñerlle alternativas das dimensións que o momento histórico requere, é moi probable recibir por resposta sinxelamente que iso non llo pode dicir o seu partido á xente. É dicir, a revolución remata por non poder ser nin tan sequera enunciada. Aí achamos un atranco final na carreira de obstáculos para conseguir que a esquerda actúe conforme a súa misión neste intre crucial da historia humana. Xa sen folgos despois de loitarmos contra o resto de barreiras que vivimos enunciando, abátenos comprobar como os partidos políticos tradicionais, mesmo sendo de esquerdas, non son quen de librarse do que poderiamos denominar o efecto Carter. Jimmy Carter, daquela presidente dos EUA, no contexto de crise enerxética dos anos 70 lanzou un discurso televisado ao seu pobo no que chamaba por unha urxente transformación social para reduciren drasticamente a súa dependencia do petróleo, sen agachar que iso implicaría, loxicamente, un certo nivel de sacrificiosxiv:
“O petróleo e o gas natural dos que dependemos nun 75% da nosa enerxía, simplemente están esgotándose… A produción de petróleo mundial pode que se manteña durante outros 6 ou 8 anos, pero nalgún momento dos anos 1980 non vai poder seguir aumentando. A demanda superará a produción. Non podemos evitalo.
(…)
Ata certo punto, os sacrificios serán dorosos, pero así é como son os sacrificios que realmente contan. Levará a un certo aumento de custos e a algúns meirandes inconvintes para todos. Pero os sacrificios poden ser graduais, realistas e son necesarios.
(…)
Non debemos ser egoístas ou tímidos se queremos ter un mundo decente para os nosos fillos e netos.”
Os votantes daquel país escoitaron na seguinte cita electoral, celebrada tres anos despois, outra cantiga moi distinta procedente dun exactor chamado Ronald Reagan que lles prometía non teren que facer sacrificios, e que a festa do consumo podería continuar tras unha década de baixo crecemento, alta inflación e altos tipos de xuro. Durante o debate televisado a todo o país naquela campaña electoral de 1980, Carter deu unha visión bastante realista da situación enerxética do país e reclamou o desenvolvemento de fontes propias de enerxía e unha mellor política de aforro enerxético. Porén, Reagan non replicaba con dato algún e se limitou a apelar ás emocións e ao orgullo nacional resumindo a súa postura en que “EUA é un país rico en enerxía” e que o chamamento de Carter para reducir o consumo era ridículo. Naquelas eleccións presidenciais de 1980, o optimismo sen fundamento de Reagan venceu o sensato realismo de Carter e tivo a inmensa sorte de que efectivamente baixo o seu mandato a festa puido continuar uns anos máis grazas á explotación de novos xacementos de petróleo en Alaska, que prolongaron o pico do petróleo local aproximadamente durante cinco anos.
Non podemos esquecer o que lle pasou a Carter cando interpretamos estas posturas de gobernos ou oposicións de esquerda: instalados como están na mecánica electoralista teñen terror a que o tipo de mensaxes que habería que dar, lles fagan perder as eleccións. Aínda que saiban no fondo que son mensaxes necesarias, fan os seus cálculos e cren non poder convencer á xente de que son a única medida necesaria, cren que os votantes van preferir as mentiras que lles falen de saír da crise, de volver ao crecemento, de continuar a festa… E daquela, se lles pasa como a Carter, non poderían gobernar para tomar as medidas políticas, que aínda que parciais e cunha motivación non claramente exposta aos votantes, puidesen axudar —na súa lóxica pretendidamente pragmática— a paliar o colapso. Vense atrapados na trampa mortal co curtopracismo electoral dos sistemas parlamentares, que supón un grave atranco social para abordarmos con eficacia problemas de fondo nas nosas sociedades que requeren sólidas e prolongadas actuacións cun marco temporal alén dos malditos catro anos.
II. A imprescindible adaptación e anticipación da esquerda transformadora
A necesaria reorientación que veño reclamando das esquerdasxv non debería ser tan inasumible pois no fondo só requere fidelidade aos seus valores diferenciadores (a defensa do comunal, nomeadamente), e cunha nova solidariedade extendida ás xeracións futuras e ao noso propio e inmediato futuro: non loitarmos só pola obreira despedida hoxe senón tamén pola labrega en que se converterá mañá e polos seus fillos que tamén dependerán da terra para subsistiren, como dependeu a inmensa maioría da nosa especie durante a práctica totalidade da súa historia. Iso implica decatarse de que o gasóleo que hoxe gasta a fábrica na que traballa esa obreira, se cadra era mellor conservalo para o tractor que poida cultivar o pan que han comer os seus netos ou a ambulancia que leve o seu fillo a un hospital ou simplemente a bomba que subministre auga á súa casa.
Sendo optimistas poderíamos ver nos últimos anos signos de que algo comeza a mudar a este respecto na esquerda en Galiza e noutros ámbitos achegados, algo que nos gustaría fose o paso previo imprescindible para unha asimilación profunda do panorama de inminente catástrofe civilizatoria. En agosto de 2009 o concello de Teo, liderado por Martiño Noriega, aprobou a primeira declaración municipal en todo o Estado recoñecendo o peak oil e comprometéndose a actuar localmente ao respectoxvi. En xullo de 2010 Gaspar Llamazares, de Izquierda Unida, presentou ao goberno español unha pregunta acerca das manipulacións da Axencia Internacional da Enerxía que algúns medios de comunicación europeos destaparan pouco antes no sentido de agachar este organismo da OCDE a realidade do devalar do petróleo. En abril de 2011 o parlamento portugués aprobou o Protocolo do Esgotamento do Petróleo, aínda que o goberno do país irmán ignorou ata o de agora a súa aplicación. Grazas á implicación de César Santiso —quen sería elexido finalmente concelleiro— Esquerda Unida-Os Verdes asumiu toda unha batería de medidas para preparar a cidade da Coruña para o peak oil no programa co que concorreu ás últimas eleccións municipais. Alternativa Galega de Esquerda presentouse en 2012 ás eleccións galegas asumindo as propostas da asociación Véspera de Nada para preparar Galiza para a fin do petróleo desde o poder autonómico; uns meses antes, na constitución da nova forza política Anova, o peak oil apareceu reflectido nos seus principios fundacionais grazas á proposición de Miguel Anxo Abraira, outra das persoas que na esquerda galega máis consciente é da gravidade da situación. E en Cataluña a CUP logrou en xaneiro de 2013 que se aprobara a unión da cidade de Girona ás Transition Townsxvii.
Alén destas declaracións e programas políticos que non teñen dado aínda froitos concretos fóra do papel, o que non parece que estea próximo é a profunda e necesaria revisión de parámetros identitarios sagrados como os que debullei neste artigo: a resituación da loita de clases e do papel da clase traballadora no contexto do colapso, a relativización do emprego (e do dereito ao traballo) como un simple instrumento para satisfacer as necesidades humanas, a necesaria re-agrarización de boa parte do proletariado, etc. E, por suposto, tamén falta aínda a pública abxuración dos mitos do crecemento e da tecnoloxía salvífica, do industrialismo, do produtivismo e da visión da economía como algo separado da biosfera, mistificacións que non lle son exclusivas senón que fan parte da suicida cultura común desta civilización que nos morre. E tal como lle falta aínda á esquerda arriar un tanto a bandeira do proletariado, fáltalle tamén izar coa máxima forza novas/vellas bandeiras que viran fucrais para a loita no contexto de colapso capitalista-industrial: entre elas salientan a soberanía enerxética e alimentar e mais a protección do territorio, dos seus recursos e do dereito a eles, nomeadamente o dereito á terra. As voces reclamando esta transformación comezan a multiplicarse a medida que progresa o colapso, e nese sentido ler textos como o recente “Alternativas a la crisis. ¿Cómo afrontar la futura escasez de energía?” de Joaquín Sempre supón un asomo de esperanzaxviii. Tamén é moi relevante que algunhas outras voces da esquerda, nomeadamente as que fan parte dos chamados Foros Sociais, como Xosé Manuel Beiras ou Boaventura de Sousa Santos, comecen a falar, probablemente grazas á influencia dos movementos indíxenas, cando menos dunha crise de civilización e dunha mudanza necesaria a nivel civilizacional. Así e todo, na miña opinión aínda lles falta un bo treito para acabar de asumiren as consecuencias e ritmos do proceso histórico no que entramos, así como a perspectiva nidia do colapso, alén dos conceptos crise ou transición.
E por suposto hai que recoñecer á esquerda libertaria, polo menos no ámbito español, unha posición algo máis avanzada a respecto desta mudanza necesaria de paradigma, se cadra por lle encaixar dun xeito moito máis natural nos seus parámetros identitarios. Así, non resulta sorprendente atoparmos algúns autores —o máis destacado sería Carlos Taibo— e textos que vencellan o Decrecemento coa autoxestión, p.ex., e organizacións como CGT e CNT que teñen feito unha aposta máis ou menos clara, no terreo teórico, polo Decrecemento como unha das respostas máis coherentes no contexto de colapso no que estamos inmersos. Pero alén desta ubicación “tendencial” (en palabras de Taibo) dos libertarios na liña do Decrecemento, tamén nestas esquerdas achamos en falta unha teorización máis extensa e profunda sobre estas cuestións e, sobre todo, moita máis práctica.
En calquera caso aínda falta que a esquerda no seu conxunto comprenda e asuma que o xogo político mudou para sempre e que o seu obxectivo xa non pode ser conquerir para as masas un anaco máis grande dunha riqueza social sempre crecente, nin tan sequera se pode limitar a defender as conquistas sociais e os supostos dereitos cuxa realización material depende da abundancia de enerxía fósil… Agora o seu obxectivo debería mudar para axudar á sociedade a autoorganizarse e sobrevivir ao colapso da estrutura social e económica que fixo posible o petróleo que desbaldimos coma novos e necios ricos. A vía para facelo non pode ser outra que recuperarmos os valores orixinais da esquerda, e construír sobre eles estratexias adaptadas aos tempos de emerxencia que nos tocou vivir; é dicir, volver ser máis ideoloxía e menos relixión, máis construción e menos dogma.
Ese rol histórico de tipo práctico que lle toca cumprir á esquerda no seu conxunto sería o de construír e liderar as lanchas salvavidas nas que a sociedade poida abandonar o Titanic capitalista-consumista-industrial para comezar a erguer desde baixo alternativas autoxestionadas o máis diversas posibles (a biodiversidade entendida tamén como estratexia para a resiliencia política) que non só sexan unha saída tanxible para os millóns de náufragos do sistema senón que dean corpo a unha revolución alén do social, do político ou mesmo do enerxético. A revolución que precisamos con urxencia debe ser antropolóxica ao nivel das outras dúas grandes revolucións na historia humana: o xordimento da Agricultura no Neolítico e a Revolución Industrial.
Sen dúbida estamos a falar dunha mutación nas esquerdas moi difícil porque implica desprenderse de vellos discursos e linguaxes, requere renegar de fes profundamente arraigadas, renunciar a conceptos baleirados de significado polo devir histórico e adoptar outros que son alleos ás tradicións hexemónicas e eurocéntricas da esquerda, para adoptar probablemente bagaxes semánticas dos pobos orixinarios non europeos e das culturas tradicionais labregas, como o Suma Qamaña (Bo Vivir). Adoptarmos esa linguaxe facilitará moldearmos o novo paradigma mental con todas as súas dimensións ecolóxicas, antropolóxicas, bioeconómicas, termodinámicas… Mudar esa visión que ten actualmente a esquerda é imprescindible para ser quen de lla trasmitir á sociedade dominada e cada día máis aterrada diante de mudanzas sociais que non comprende. O mundo que representaba o vello modelo mental xa non existe máis, porque por baixo dese sistema de organización capitalista que pensaba a esquerda que era a base de todo, existe un modelo de civilización, o industrial, cuxa base física comezou a se esborrallar irremediablemente. O habitual é vermos a ecoloxía ou a enerxía como unhas áreas temáticas máis de acción política, un departamento ao mesmo nivel (ou se cadra de inferior rango) nos aparatos organizativos, nos programas políticos dos partidos de esquerda, como se fose posible desligar calquera outra área da realidade política, social e económica daquilo que constitúe a súa base e fundamento imprescindible. Coida así a esquerda que o único que limita a liberdade humana é o sistema de dominación capitalista, se se decatar de que, como explica Catton nas súas obras, a capacidade de carga do planeta é o límite definitivo e ineludible. A esquerda debe aceptar o errado destas concepcións para poder axudar á sociedade a interpretar o que está a pasar, antes de que os desabastecementos poñan en marcha un caos no que xa sexa impracticable unha comunicación razoada e só fique lugar para o discurso do medo. Cómpre mudarmos o relato como paso previo a mudarmos o mundo. A nova civilización que suceda á industrial será necesariamente máis simple e modesta, pero na man da esquerda está loitar por que sexa unha civilización máis xusta.
Notas
iUso aquí, como exemplo, as palabras textuais de Alejandro Teitelbaum, nun artigo publicado no nº 136 do bimensal Diagonal e que tomei como base para unha crítica que publicara en Rebelion.org en 2010 (http://www.rebelion.org/noticia.php?id=119266) e que utilizo de novo no presente texto.
iiJoseph Tainter, “The Collapse of Complex Societies” (Cambridge University Press, 1988, republ. 2003).
iii“Peak Oil – the clear and present danger” http://www.theoildrum.com/node/8044
iv“O inevitable colapso do sistema financeiro (e o que nos fan pagar namentres)” http://vesperadenada.org/2011/06/23/o-inevitable-colapso-do-sistema-financeiro-e-o-que-nos-fan-pagar-namentres/
vAntonio Turiel: “Imos ter que decrecer por forza. Esta crise non rematará nunca” http://www.altermundo.org/antonio-turiel-imos-ter-que-decrecer-por-forza-esta-crise-non-rematara-nunca/
viVid. p.ex. http://www.guardian.co.uk/technology/2011/oct/25/thailand-floods-hard-drive-shortage Para unha análise en profundidade da vulnerabilidade sistémica á que nos expón o brusco devalar enerxético, vid. o informe “Tipping Point. Near-Term Systemic Implications of a Peak in Global Oil Production ” de David Korowicz dispoñible en http://www.theoildrum.com/files/Tipping%20Point.pdf
viiCitado na miña resposta en http://www.rebelion.org/noticia.php?id=123771
viiiEn “Membros de Véspera de Nada contestan ao Ateneu Proletário Galego a conta do Decrecemento” http://vesperadenada.org/2011/08/23/membros-de-vespera-de-nada-contestan-ao-ateneu-proletario-galego-a-conta-do-decrecemento/
ixRobert Hirsch, “Peaking of World Oil Production: Impacts, Mitigation, and Risk Management” (US Department of Energy, 2005).
xSen esquecermos que a familia dos presidentes Bush procede do negocio petroleiro. O citado informe Hirsch foi encargado precisamente pola administración de George W. Bush.
xi“Configuración y crisis del mito del trabajo” http://www.ub.edu/geocrit/sn/sn119-2.htm
xiiWilliam Catton describe este roubo xeracional nas súas obras “Overshoot: The Ecological Basis of Revolutionary Change” (1980) e “Bottleneck: Humanity’s Impending Impasse” (2009).
xiiiTed Trainer: «O obxectivo non é loitar contra a sociedade capitalista, senón construír a súa alternativa» http://vesperadenada.org/2012/01/04/ted-trainer-o-obxectivo-non-e-loitar-contra-a-sociedade-capitalista-senon-construir-a-sua-alternativa/
xivJimmy Carter, “Energy Address to the Nation”, 18/04/1977. http://www.presidency.ucsb.edu/ws/?pid=7369
xvAs ideas incluídas neste texto compleméntanse coas que no seu día incluín no texto “Implicacións do Teito do petróleo para a sociedade e para a esquerda política e social” dispoñible en https://casdeiro.info/textos/wp-content/uploads/2010/10/implicacions-teito-do-petroleo.pdf
xviPódese ler máis sobre os pasos dados polo concello de Teo en http://vesperadenada.org/5-teo-sen-petroleo/
xviiNa listaxe non figura o Partido da Terra malia tamén teren incoporado en 2012 as propostas de Véspera de Nada para preparar Galiza perante o peak oil, porque me limitei ás formacións autodenominadas de esquerdas. Tampouco é unha lista exhaustiva e poden faltar outros partidos de fóra do ámbito galego que teñan comezado dar pasos cara a transformación da que falo.
xviiiDispoñible en http://www.espai-marx.net/es?id=7948 Outras interesantes reflexións de Sempere con respecto á esquerda española están contidas nestoutro artigo: “Desde la izquierda no se puede seguir haciendo política como hasta ahora” http://www.mientrastanto.org/boletin-105/notas/desde-la-izquierda-no-se-puede-seguir-haciendo-politica-como-hasta-ahora
Pois eu, coincidindo no essencial e desde a minha ignorância no tema, estou mais preocupado pela escasseza de materiais e a degradação dos espaços habitáveis que pela energia.
Eu penso que a energia neste planeta é inesgotável (quando menos até que se extinga o Sol). Há estudos que indicam que as fontes de energia renováveis são suficientes para suster até o nosso irracional sistema económico baseado no consumo compulsivo e na obsolescência programada. Até se continuássemos a esbanjar recursos a ritmo crescente ainda teríamos energia para as medras. É claro que para um aproveitamento óptimo das renováveis cumpriria ainda melhorar a nossa tecnologia (cousa que já se teria feito se não for pelas pressões do lobby petroleiro).
Outra cousa são os materiais. Se pensamos por exemplo nas inúmeras utilizações dos polímeros plásticos, os quais na sua maioria procedem de subproductos do petróleo, resulta muito difícil conceber possíveis substitutos para todos eles (em particular nas escalas nas que hoje são consumidos). O mesmo acontece com os metais e outros materiais empregues pela indústria electrónica. Os materiais não são renováveis nem o podem ser (não sendo que os vaiamos buscar a Marte, o qual, até se for possível/rendível, não faria se não adiar o problema). Neste caso sim é claro que a única solução é a redução drástica do consumo (junto com programas eficazes de reciclagem e reutilização). É claro que uma tal redução não é em absoluto compatível com o nosso modelo económico baseado no «crescimento» ilimitado.
O segundo ponto que me preocupa mais que a energia é a poluição. O ser humano e o resto dos seres vivos cada vez vêm mais reduzidos os espaços salubres (ou até simplesmente habitáveis) do planeta. A água mais ou menos limpa é cada vez um bem mais precioso. Até se queres ir passear livremente ou dar-te um banho no rio ou no mar é cada vez mais difícil. O mundo «limpo» (e livre) é um espaço cada vez mais reduzido. O mesmo acontece com o ar e os alimentos. Estamos a degradar até o extremo as condições que fizeram possível a aparição da nossa e outras espécies sobre a Terra.
Tamén hai estudos, máis sólidos e fiables na miña opinión, acerca do contrario. Recoméndoche p.ex. a serie de artigos de Antonio Turiel titulados «Los límites de las renovables»:
Por suposto os materiais escasean, como ti ben dis, algúns precisamente críticos e limitadores da escalabilidade dos sistemas de enerxía renovables… pero acho que ha impactar antes o problema da enerxía pois é conditio sine qua non para a extracción e procesado de calquera material.
Por outra banda non podemos confundir, aínda que sexa frecuente por comodidade da linguaxe, a enerxía (renovable) cos sistemas de captación e aproveitamento da enerxía (renovable).
Acerca da degradación do medio e da polución, é gravísimo tamén, sen dúbida. Mais a non ser por efecto dalgo como Fukushima, do que xa teño falado tamén neste blog, acho que ritmo en que nos afecta como especie é máis lento có ritmo de declive da enerxía fósil, mesmo no referido ao efecto invernadeiro ou estufa. Por suposto, pode ser de efecto máis duradeiro.
Por desgraza todas estas cuestións interrelaciónanse, mesmo de maneiras non liñais, o que complica os pronósticos. Porén, coido que hai aspectos claros na perspectiva á que nos enfrontamos, e veñen principalmente do papel insubstituíble da enerxía nas sociedades.
Non vou dicir eu que esas presións non existan, pois penso que é obvio e lóxico dentro do funcionamento capitalista. Mais non é ese o problema único da tecnoloxía nin das renovables. Teñen límites moi diversos e o tecnolóxico é un deles, pois está sometido á Lei de Rendementos Decrecentes da que falan, entroutros, Joseph Tainter, quen o identifica como a lei que marca o momento no que as civilizacións colapsan. E aí andamos nós… caendo pola parte dereita desa curva, tamén da de Hubbert, e tamén a da Taxa de Retorno Enerxético. Demasiadas coincidencias para librarnos da súa confluencia devastadora… Por non falar do resto que ti ben sabes: mudanza climática, morte dos océanos, perda de solo fértil, esgotamento dos acuíferos, etc. etc.
Así é. E non deixa de ser a outra cara do problema da civilización industrial. Volvo unha e outra vez ao símil dos lévedos na botella de mosto: non só morren por quedaren sen azucre senón vítimas dos seus propios residuos alcohólico-carbónicos. Tan arrogantes que somos os humanos e estamos a facer tres cuartos do mesmo coa nosa botella (o planeta Terra)!
Na verdade, se levas razão, então o acabamento dos combustíveis fósseis seria o melhor que lhe poderia passar a todas as formas de vida sobre o planeta Terra 😉
1.- Colapsaria o sistema económico com a conseguinte paralisação das actividades productivas e do consumo.
2.- Diminuiria de maneira drástica a emissão de gases de estufa.
3.- Diminuiria a emissão de milhares de xenobióticos poluentes.
4.- Diminuiria a producção de todo tipo de refugalhos.
5.- Voltaríamos à tracção animal, com a conseguinte diminuição do paro 😉
6.- Provavelmente a fome, as epidemias e as guerras rematariam com a superpopulação humana no planeta.
Tudo isto seria, obviamente, muito trágico ao começo, mas a longo prazo é o «melhor» que poderia acontecer sempre e quando aconteça de maneira muito rápida sem nos dar tempo a destruir o mundo antes. NOTA: Desculpa o humor negro.
Eu penso que este cenário apocalíptico é inevitável porque os valores dominantes actuais são completamente incompatíveis com qualquer redução significativa do consumo, já não falo duma mudança de paradigma económico. Já não apenas no primeiro mundo, mas, muito particularmente, nos países «emergentes» com mais população como a Índia e a China.
Também estão os Estados Unidos, os quais possuem no seu território as mais grandes reservas petrolíferas do planeta, que se acham na região dos Grandes Lagos. Estas grandes bolsas de combustíveis fósseis são conhecidas desde há décadas, mas ficaram sem explorar propositadamente. Reparemos em que, antes de começar com a sua exploração, a política energética dos EUA consiste na conquista doutros territórios productores. Apenas quando não ficar nem uma pinga mais de petróleo no mundo será quando começarão a tirar das suas reservas.
Para além destas guerras a grande escala também vai haver guerras a pequena escala por tudo o mundo para acceder aos recursos. Os que tenham capacidade para produzir alimentos (independentemente da escala) vão ter que proteger as suas colheitas e gado, armados até os dentes, contra hordas de esfomeados procedentes das cidades que deambularão por toda a parte.
Dado que, cada segundo que passa, centos de hectares de terras férteis do mundo tudo são compradas por corporações e grandes investidores internacionais, e perante o previsível colpaso (total ou funcional) de muitos estados, as corporações precisarão de grandes exércitos privados para proteger os seus investimentos.
Então, sim que vamos voltar a um sistema néo-feudal.
É claro também que os nossos valores estão a mudar, já for por convicção ou por necessidade, mas eu acho que nunca se chegará a ter uma massa crítica suficiente. O ser humano não vai aprender até que não seja tarde demais. Para além disso, tenho as minhas dúvidas a respeito de se o Planeta poderia suportar a «ruralização» duma porção significativa, não já da população mundial, se não da população que haverá no momento em que tudo isto seja tão evidente que as maiorias comecem a ver as orelhas do lobo.
Assim sendo, o melhor que podemos, pois, fazer, é ir apanhar o carro e fazer 1000 quilómetros por dia a tudo meter para acelerar o processo 😉 Juntos podemos! Eu, como nao tenho carro, tenho a calefacção a tope e as janelas abertas. Total aqui estamos a 0° (nem frio nem calor).
Ollo, Miro! Evidente: se non hai nada máis que queimar, así será… Pero por desgraza a fin do petróleo está a supoñer a volta a forma máis poluíntes de enerxía fósil: o carbón. Van «queimar todo o queimable», temo. Non pararán ata «queimar o mundo», como din algúns.
O mesmo concepto de paro/traballo é produto da civilización industrial. Desde logo que unha volta ao rural e ao local, como será inevitable unha vez remate este paréntese na historia da humanidade, vai implicar que teremos que voltar a empregar moita man de obra no campo, pero moita dela, posiblemente, non estea asalariada nin o faga como un «emprego». Será como eran os meus avós e bisavós e tátara… Labregos, que se cadra tiñan algún oficio secundario para sacar algúns cartos de vez en cando e que subsistían co que lles daba a terra e obtiñan algo a maiores, do que non producían, mediante o troco ou venda de excedentes nas feiras. Ese será o principal «mercado» que nos quede, e non o mercado mundializado capitalista industrial e de consumo.
En canto á visión positiva do colapso, abofé, existe. E tentamos incidir nela p.ex. no libro que estamos a piques de publicar coa axuda de moita xente (se cadra ti tamén fiches mecenas, non lembro): http://galiza.pospetroleo.com Como di Tainter, estamos demasiado afeitos a ver os colapsos das civilizacións históricas como grandes traxedias, pero non deixa de ser unha visión tradicional dos historiadores que só miran a vida das elites, dos aristócratas de turno, das grandes batallas e as grandes cidades… Pero para a xente do común, moitas veces o colapso dun sistema que xa non lles achega nada útil, é a mellor saída.
E en canto ao de que mellor canto máis rápido colapse, si… hai xente que o ve así e que mesmo promove que se sabotee o sistema para provocar a súa máis rápida caída: http://www.derrickjensen.org/ ou http://underminers.org/ serían algúns exemplos.
A verdade é que me sorprende ese dato. De que reservas falas? Que tipo de petróleo é? Refíreste ás areas asfálticas de Alberta?
Si, ese é un dos escenarios que debuxan algúns autores. Por iso cantos máis esteamos producindo alimentos e menos agardando nas cidades a que a fame nos leve ao saqueo, moito mellor para todos 😉
De todos xeitos, as «hordas de esfomeados» tamén precisan enerxía para se transportaren e realizaren saqueos. Non digo que non sexa posible, pero non é tan doado como pode parecer a primeira vista.
Si, o acaparamento de terras é un problema moi grave que nos preocupa a moitos, e do que temos falado p.ex. na asociación Véspera de Nada: http://www.vesperadenada.org/?submit=Search&s=terras
E por suposto, o neofeudalismo ten moitas posibilidades de ser o herdeiro do moribundo capitalismo industrial.
A loita pola terra centrará as vindeiras décadas, non o dubidemos. Diso tamén falamos na «Guía para o descenso enerxético». Hai que ver as forzas que agora tentan expulsar poboación do campo galego neste contexto.
Si, a capacidade máxima do planeta para cargar connosco é algo que me preocupa e do que xa teño escrito en Praza: http://praza.com/opinion/1213/nos-os-detritivoros/
Teño unha ampliación moi importante dese texto esperando a súa aprobación para ser publicada nunha revista electrónica, en castelán, nos vindeiros días. Espero poder dar boas novas neste blog… aínda que o texto non dá precisamente moi boas novas!
Propóñoche algo mellor: gasta ese combustible en preparar unha casa e un terreo para a vida autosuficiente en comunidade nalgunha aldea do país. Será o mellor emprego que lle poderiamos dar aos últimos combustibles fósiles: axudarnos a preparar unha vida sen eles.
O meu comentário era retranqueiro quase no 100% 😉
Nós já temos uma casinha tradicional com horta para o retiro na Eslováquia rural. Se houver que ir antes também se vai…
Agora faltam-nos os kalashnikovs e dous cães-lobos checoslovacos bem feros XD
Não pensemos que estes nachos andam a vê-las vir:
http://en.wikipedia.org/wiki/Offshore_oil_and_gas_in_the_United_States
http://en.wikipedia.org/wiki/US_offshore_drilling_debate
http://www.law.cornell.edu/uscode/text/42/15941
http://en.wikipedia.org/wiki/Strategic_Petroleum_Reserve
http://www.reuters.com/article/2013/04/30/usa-energy-bakken-idUSL2N0DH26020130430
http://www.dailymail.co.uk/news/article-2463148/U-S-overtakeS-Saudi-Arabia-worlds-biggest-oil-producer-jump-output-shale.html
Bo, o WordPress estame a tocar os collóns e bórrame os comentarios que teño a medio escribir cando mudo a outra pestana do navegador… >:-(
A ver, o que che dicía é que claro que non están a velas vir, pero por moito que queiran facer non poden ir contra a realidade xeolóxica e termodinámica, que é a que é. E nese sentido claro que queda moito petróleo, pero outra cousa moi distinta é o seu custo, e non me refiro só a termos económicos, senón tamén enerxéticos, sobre todo ao custo enerxético. Petróleo de augas profundas, do Ártico, de esquistos, de areas asfálticas… é moi custoso de obter e de refinar e ten un balance enerxético (medido pola súa TRE) moito máis baixo có petróleo convencional. Por iso comparalo co petróleo «doce» de Arabia é facer trampa. Como o é a medida de pirolas que difunde o Daily Mail, xa que como di dentro do texto, están incluindo líquidos procedentes do gas natural e os biocombustibles! Gha! Iso é dupla contabilidade e facer trampas. Recoméndoche que sigas http://crashoil.blogspot.com/ e http://lacrisisenergetica.wordpress.com/ para ler as críticas de Turiel e Prieto a estas noticias tan rechamantes que cada certo tempo publica a prensa. O de Bakken xa se está a ver, p.ex., como está a caer en picado o seu rendemento… O fracking todo está a resultar un enorme bluff, un bluff moi custoso en termos enerxéticos e ambientais, por certo.
En resume: poñamos todas as presuntas reservas moi en dúbida, se non coñecemos a enerxía neta que ofrecen, que ao final e a única que conta.
«Besides the crude reserves, the two formations hold a mean estimate of 6.7 trillion cubic feet of as-yet undiscovered natural gas and 530 million barrels of natural gas liquids that are within reach.»
Imos facer a abstracción que eses NGL (líquidos do gas natural) puidesen equipararse en termos de enerxía neta ao petróleo, cousa que non é nin de lonxe. Sabes para canto darían? Para apenas 6 días de consumo mundial!!! Como ves, as noticias hai que sabelas interpretar en termos de utilidade real, aínda que sexan certas as cifras absolutas que contan, e aínda que pensemos que vai haber o financiamento e a enerxía suficiente para obter eses millóns de barrís!
Parece que como queira que sexa antes ou despois este sistema no que estamos a viver se vai autodestruir soíño, pero entón aí está dando no clavo o título deste longo artigo, cómo construirmos a alternativa, como cambiar o paradigma ao noso favor, refírome a favor das clases populares, alén de que cadaquén de nós (os conscientes do problema) teña o seu plan B persoal, xa sabedes, ou nos salvamos colectivamente ou non vai haber kalasnikof que cheguen, entón é urxente construir un ideario do Decrecemento en positivo, renunciando voluntariamente ao superfluo e asumindo qué é o verdadeiramente irrenunciable, ao tempo que nos autoorganizamos á marxe dun estado cómplice do gran capital. É preciso protagonizarmos o cambio porque senón imos quedar moi mal parados, deixarannos sin nada e corremos o perigo de acabar nin de asalariados no campo nin de labregos autosuficientes senón de esclavos pola comida para engordar aos de sempre.
Si, é unha posibilidade esa que apuntas ao final. Lembras o que faláramos en Véspera?
Sí, e mira para onde imos coa lei mordaza, non lles costa nada pasar por riba do que sexa, e aquí o pobo acha ntando con todo, de momento….