Aparte do seu enorme impacto negativo na atmosfera, como máquina xeradora de gases de efecto invernadoiro e outros contaminantes con efectos carcinóxenos e doutro tipo; aparte do seu papel na destrución das comunidades locais e a expansión insostible das urbes; aparte do ser medio para o esgotamento acelerado dos preciosos combustibles fósiles… poucas veces reparamos o perigosamente antinatural deste compañeiro mecánico das nosas vidas ao que nos temos afeito con demasiada facilidade.
O feito de que os peóns debamos coexistir a moi escasos centímetros nas rúas con obxectos de unha tonelada ou máis de peso que se desprazan a velocidades que en cidade poden chegar ata os 50 Km/h, só tería comparación no mundo natural co feito de que pasásemos parte das nosas vidas camiñando por cantís expoñéndonos a caer (enerxía cinética aproximada de 96.000 J) por precipicios de 140 metros de altura (a altura dun edificio de 37 andares, ou o do cantil do Cabo da Roca)! O que hoxe é un feito repetido ducias de veces nun día calquera, expoñernos a un choque cun obxecto de tal enerxía cinética, só podería achar un paralelismo no mundo natural con que nos caese unha rocha desde considerable altura, ou mesmo o impacto dun meteorito, feitos sumamente improbables para calquera ser humano que vivise antes da Era do petróleo.
Por continuar coa comparación do cantil, que representa visualmente moi ben ao meu entender o perigo ao que nos expón esta cotiá compaña do coche, o impacto (algo máis de medio millón de J) que sufriríamos dentro dun coche que se desprazase a 120 Km/h sería equivalente a caer un corpo humano desde 811 m de altura (practicamente a altura do edificio máis alto da actualidade, bastante máis alto có cantil de Vixía Herbeira)!
Como podemos convivir con tal normalidade cun risco creado desta magnitude? Como podemos expoñer voluntariamente os nosos fráxiles corpos a tales impactos para os que a evolución está moi lonxe de nos ter preparado, derivados de empregarmos enerxías potentísimas acumuladas durante millóns de anos (o petróleo) para mover masas moito máis grandes cás nosas a velocidades moitas veces superiores ás que é de alcanzar naturalmente a nosa especie?
(Por suposto o coche non é máis có exemplo máis común e extendido deste tipo de perigos derivados da velocidade do transporte baseado no petróleo; as motocicletas supoñen algo moi semellante, aínda que con bastante menos kilogramos de masa; un tren pode supoñer un risco de impacto aínda meirande, malia que moito menos frecuente e por tanto probable, e aínda máis un avión.)