////

A miña entrevista acerca da Guía para o descenso enerxético [VÍDEO]

Hoxe publicouse unha entrevista en vídeo na que falo de como vexo o futuro de Galiza, e en xeral dos países industrializados, no contexto do devalar do petróleo. O vídeo forma parte dunha serie de entrevistas coas que estamos a presentar a Guía para o descenso enerxético, o máis importante proxecto posto en marcha ata o de agora pola Asociación Véspera de Nada, organización da que fun cofundador hai agora xusto 5 anos. Despois de todo este tempo tentando concienciar a sociedade galega acerca do problema do peak oil lanzámonos a preparar un material de tipo práctico que dea unhas orientacións básicas para todas aquelas persoas que queiran irse preparando e axudando a preparar as súas comunidades e o conxunto do país.

Esta obra é fundamental dentro dos obxectivos da nosa asociación, pois xordimos precisamente para alertar o país e para contribuír a preparalo. Despois de moito tempo querendo realizar esta publicación e buscando apoios, por fin este ano verá a luz, se é que a campaña de micromecenado colectivo (crowdfunding) que puxemos en marcha en Verkami chega a bo remate. De momento a resposta da xente está a ser incrible: en apenas unha semana que levamos recollendo fondos, xa estamos preto do 50% do diñeiro que precisamos!

Para min é un honor e unha enorme responsabilidade participar coordinando a Guía e laborando nos seus contidos coa axuda e supervisión de varios compañeiros, de dentro e de fóra de Véspera de Nada. De especial relevancia é a achega á obra de Xoán Doldán, amigo e mestre onde os haxa nesta e en moitas outras cuestións, a referencia sen dúbida de maior relevancia no noso país sobre o problema do teito do petróleo.

Posiblemente este sexa o proxecto máis trascendente dos que teño emprendido xamais, e espero que realmente axude a que centos de familias en todo o país, se cadra ducias de comunidades locais, estean mellor preparadas e polo tanto sufran menos coa trasformación histórica que imos sufrir e poidan mudar a súa vida conscientemente e para mellor. Non nos cansamos de repetilo, tanto nós como outros estudosos e activistas da cuestión: sen preparación anticipada, o descenso enerxético será caótico e significará enorme sufrimento para a inmensa maioría da poboación, non só de Galiza senón de todo o mundo civilizado. Por iso cando me suxeriu o realizador do vídeo que tamén participase nesta serie de entrevistas non me puiden negar, aínda que non tiña intención de protagonizar ningún dos vídeos previstos e prefería ceder a voz e a presenza ás compañeiras e compañeiros da asociación para que achegasen outros puntos de vista, outras experiencias… E ao final resultou que o meu vídeo foi o primeiro en estar listo para publicación. Espero que polo menos serva para chegarmos a máis xente e que aínda algunha familia máis —ou empresa, concello, aldea…— poida estar máis preparada para o que temos por diante grazas a que veu este vídeo, escoitou o que tiñamos que dicir, e fixo posible que a Guía para o descenso enerxético chegara ás súas mans a tempo para abordar as mudanzas que tarde ou cedo todos imos ter que facer. No feito de facelas consciente e anticipadamente estará a diferenza no resultado, e a diferenza entre unha Galiza que resista o colapso e renaza próspera e un país que sucumba ás peores consecuencias debido a unha total ignorancia do problema de fondo e que teime en continuar cun sistema xa inviable.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Ciberactivismo

5G vs. 7G

No necesitamos una tecnología 5G: necesitamos una ética 7G.