No novo número da revista O Golpe, onde tiven o honor de participar xunto a autores do nivel de Carlos Taibo ou Xoán Doldán, lin con moito interese os artigos de Carlos Calvo e Antom Santos, galegos secuestrados polo Estado Español. Quero comentar aquí un apartado do artigo de Carlos —a quen leo cada día con máis interese, impresionado pola súa capacidade de crear e analizar malia estar privado da liberdade— polas alusións que fai a un debate no que tomei parte. Fala Carlos no seu extenso, rico e diverso artigo titulado Alguns apontamentos para desertar do deserto, dunhas palestras e debates que tivéramos membros de Véspera de Nada con membros do Ateneu Proletário a conta do Decrecemento e da continuación delas na WWW, algo que me sorprende gratamente ver que aínda dá que pensar e que falar en certos círculos da esquerda galega. Pero considero requere unha contestación para aclarar algunhas avaliacións súas:
Desde os começos da crise a confussom conceitual foi enorme. Slogans sindicais como “Este sistema já (?) nom vale” contribuírom o seu. Os debates entre o marxismo ortodoxo e o decrescimento organizados pola Escola Popular Galega –e continuados na rede- resultam umha boa mostra desta confussom, e a esterilidade dos debates quando se configuram falsas dicotomias.
Por umha parte, a confussom entre a queda do capitalismo como sistema de dominaçom e a queda da dominaçom. A conclusom de que o capitalismo é um sistema com limites internos que fôrom ou estám a piques de serem rebasados atingindo o colapso, é confundida amiúde com a desapariçom da dominaçom através dumha espécia de determinismo ecológico. Paradoxalmente, recupera-se o teleologismo marxista –conforme o qual a queda do capitalismo chegaria quase mecanicamente o socialismo- em versom “caseira” e ecologista. Mas nada assegura que umha queda do capitalismo seja seguido de um ecosocialismoo e nom um ecofascismo ou um neofeudalismo.
Determinismo ecológico ou marximo ortodoxo constituem, afinal, um jogo de espelhos, justificando-se mutuamente o um polas carências do outro, à vez que o problema fica sem ser abordado na sua plenitude. O sociologismo da luta de classes ignora as consequências do colapso civilizatório, reduzindo-o a mais umha crise cíclica através do que Benstein chama “espécia de marximo conservador”, que luta polo reparto de um minguante pastel do que nom se questiona a sua origem. Por sua parte, o decrescimento ingénuo obvia o componente conflitivo, reduzindo-o –através do ponto de vista tipicamente escolástico que confunde as cousas da lógica com a lógica das cousas- a um problema meramente científico ou técnico.
Entendo que Carlos se refere nestes parágrafos a nós (Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo) cando fai mención do determinismo ecolóxico, porque somos nós quen participamos naqueles debates en representación do movemento e as posturas decrecentistas, no noso caso moi marcadas polo concepto do peakoil, obviamente. Eu non sei se Carlos asistiu a algún daqueles debates ou simplemente despois fixo unha análise a partir do que se continuara na Rede. En calquera caso penso que non percibiu correctamente o noso posicionamento. Ninguén en Véspera de Nada considera que con «a queda do capitalismo chegaria quase mecanicamente o socialismo», e de feito en moitos dos nosos textos teimamos en advertir precisamente da máis que probable saída autoritaria e da posible neofeudalización das relacións sociais e económicas, como se pode constatar en numerosos textos dispoñibles no noso blog e nas nosas declaracións públicas. E nunca falamos de que a queda do capitalismo sexa «a queda da dominación», máis ben ao contrario advertimos de que dunha situación de explotación xeralizada (no sentido de utilización abusiva da forza do traballo e do forzamento ao consumo perpetuo para crear necesidades que cubrir a clase traballadora precisamente cos seus salarios, é dicir, da filosofía co capitalismo do consumo de masas… agravada coa suma do factor do crédito nestas últimas décadas) estamos volvendo a unha dominación pura e dura, unha dominación mesmo xenocida, como prevía xa hai uns anos o Informe Lugano.
En canto á acusación de determinismo ecolóxico sorprendeume moito, xa que resulta obvio que o medio natural (os seus recursos) determinan nun grao maior ou menor toda a vida humana, tanto a nivel individual como social. O determinismo entendo que quere dicir que esa determinación é absoluta ou case absoluta, o cal é certo ata certo punto e só en certas cuestións. A ecoloxía non o determina todo, por suposto, pero si determina cales son os límites do posible, da mesma maneira que a xenética dun individuo (o seu xenotipo) non determina exactamente como será (o seu fenotipo), xa que existen desde mesmo antes do momento do nacemento condicionantes externos que influirán en como se irá conformando ese ser, tanto desde o punto de vista fisiolóxico como psíquico, mais resulta obvio que os xenes dese ser humano determinarán que será incapaz de voar coma un miñato ou de saltar 200 m dun golpe: é dicir, marcan uns límites. Da mesma maneira o medio natural marca os límites do posible para unha sociedade humana, con independencia dos conflitos de clase ou doutro tipo que se produzan nela, e do sistema produtivo, do modelo social, da forma de goberno e centos de características sociais máis nas que poidamos pensar. E nese sentido, si determina algo: os límites, os marcos do fisicamente posible. Polo tanto… somos deterministas? Si, porque hai condicionantes absolutos que son as leis físicas que rexen o universo, e nós recoñecémolos. Pero tamén sabemos que máis alá deses límites o medio ambiente condiciona de maneira menos absoluta outras cuestións, en moi diversos grados: p.ex. determinará o volume total máximo de alimentos que podemos producir para alimentar a poboación humana no planeta, mais non a cantidade de comida a disposición dun determinado individuo, ou o reparto de recursos entre as clases sociais ou entre os diversos estados. Acusarnos de deterministas, por tanto, carece de sentido, a non ser que se queira negar a realidade dos límites físicos, e mesmo podo dicir de prantexalo en termos de (falsas) dicotomías: u-la dicotomía exactamente?
Tampouco considero como Carlos que o debate resulte estéril, e boa proba diso é que aínda está vivo e as súas repercusións levan a textos coma o seu e a irmos consolidando unha mudanza de paradigma urxente na que se comprenda o transfondo entrópico da problemática política e social pasada, presente e futura.
Non nos vemos reflectidos na frase de Carlos criticando que o decrescimento ingénuo obvia o componente conflitivo, pois non perdemos nunca de vista o conflito: tan só ollamos máis alá do que se adoita facer na esquerda para comprender o movemento histórico de longo alcance, para ver o escenario completo, o que hai ao redor e por baixo, pois o conflito de base é entre a nosa especie e a súa base natural. Quen obvia entón o conflito? Nós recoñecemos a visión marxista ortodoxa e non a negamos nos seus parámetros principais, senón que engadimos a perspectiva máis ampla da situación antropolóxica, da deriva da nosa especie e da civilización actual en relación ao uso dos recursos. Tamén ollamos o problema cultura e ético que acompaña esta situación. Se cadra non temos respostas perfectas ao que sucede, e na nosa análise non poñemos moito énfase nalgún problema social concreto, mais son probablemente estes problemas esquecidos cuestións de superficie, e nós ollamos por baixo do iceberg, ao fondo da cuestión que ninguén quere ollar, ao nivel profundo e ineludible, a eses condicionantes que por seren determinantes dos límites se cadra moitos non queren recoñecer, pois están en boa medida fóra das posibilidades da acción política e nos fan ser conscientes do limitado das nosas opcións como individuos e como especie. Debe entenderse a realidade por capas, en círculos concéntricos, como tentaba explicar eu no texto que aparece publicado na mesma revista. Xa que logo non se trata de negar un círculo, unha capa da realidade, ou de contrapoñela a outra de nivel inferior ou superior (as dicotomías que dicía Carlos), senón de entendela precisamente abranguida e circunscrita, restrinxida mesmo fisicamente, por outra. As políticas e as economías poden moverse e diverxer moito das actuais, por suposto, mais nunca poderán escapar das limitacións termodinámicas (e físicas en xeral) que impón a realidade física na que existen.