//////

A urxencia dun novo léxico

E non sería preciso inventarmos palabras novas para non usarmos aquelas que foron destruídas, contaminado o seu significado, mutado, tranxenizado polo poder? Da mesma maneira que considero que o maínzo xa non existe como especie, pois é inevitable a masiva contaminación por pole dese monstro de Frankenstein que é o maínzo tranxénico (non uso a palabra millo pois foi outra palabra á que lle mudaron o significado, paradoxalmente, hai cinco séculos), hoxe xa non existe o concepto austeridade, o concepto fascismo, o concepto sustentable, o concepto ecolóxico e moitos máis que ata o de agora nos eran útiles ou que poderían selo nun inmediato futuro para comprendermos a realidade. Tanto palabras que expresan significados positivos como negativos —mais sempre palabras poderosas, armas na guerra semiótica que acompaña a toda guerra como a que vivimos agora— son progresivamente trocadas de significado, construíndo un auténtico newspeak orwelliano.

Se nós seguimos a usar esas palabras unha vez que o poder as conquista e logra substituír o seu significado orixinal e lexítimo na mente das persoas, é dicir no léxico cultural dominante, estamos disparando con elas contra nós mesmos ou no mellor dos casos, con pólvora mollada. Como falarmos hoxe da necesidade de volvermos a valores como a austeridade cando esta virou sinónimo de «recurte de servizos públicos mentres se trasvasa diñeiro de todos a mans duns poucos»? Os medios de comunicación de masas son vehículo indispensable para a transmisión deses significados deturpadores, para esa conquista semiótica do noso territorio. Pero moitas veces somos tamén os propios espoliados (tamén é un espolio léxico!) os que colaboramos dando por boas esas verbas mentireiras. Dicimos «Non á austeridade!» (ou aínda peor, inventamos a estupidez léxica de «austericidio») dando por bo que a política que nos afoga para axudar a medrar aínda máis aos plutócratas sexa realmente austera e destruíndo a posibilidade de defender o positivo dunha auténtica austeridade, imprescindible nun mundo da postabundancia. Seica haberá que pedir «Austeridade real xa!» da mesma maneira que pedimos «Democracia real xa!» (o recurso ao adxectivo real é sintomático de que tamén nos roubaron a palabra democracia, nunha das primeiras grandes batallas desta guerra).

Da banda das palabras con connotacións negativas vemos como os máis fascistas tildan de fascistas aos seus inimigos, moitas veces ubicados obxectivamente nas antípodas do fascismo. Tentan así deformar o significado desa palabra para traspasar a súa poderosa carga negativa das súas costas (eles así deixan de ser fascistas xa que non poden ser etiquetados da mesma maneira cós seus adversarios, por definición) ás daqueles que queren anular, demonizar. E para que falarmos da palabra terrorismo, comodín de moda para a etiquetaxe de inimigos!

En definitiva vivimos nunha caótica e sutil guerra semántica/léxica/semiótica… parte dunha guerra cultural… case me atrevería a dicir dunha guerra civil cultural de alcance mundial propia dunha civilización en decadencia terminal.

Como reaccionarmos a esta agachada estratexia de desarme léxico que sufrimos? Penso que non sería tolo renunciarmos a usar esas palabras xa en mans do inimigo e acudir á invención de novos termos, palabras novas que serían desde o seu nacemento soamente nosas. Poderían se cadra despois sernos arrebatadas, pero durante un tempo —que ben podería ser suficiente para gañar algunhas decisivas batallas— serían só nosas e o seu poder só estaría nas nosas mans. Esas palabras deberían ser poderosas, moi directas e claras, difíciles de asimilar e deturpar polo sistema… Se cadra non sería necesario inventar todo senón máis ben botar man de léxico en desuso (facilitaría a súa comprensión maioritaria), de tropos, de figuras metonímicas, que entrasen directamente á parte máis emocional da mente, e se atrincherasen alí, palabras porcospiño, palabras tataruga.

Tense falado abondo de que a esquerda precisa unha nova linguaxe, e apélase ao exemplo da innovadora-vella linguaxe empregada polo EZLN. Se cadra por aí hai algunha boa pista de que facermos. Tamén a chamada guerrilla da comunicación e a subversión da maquinaria publicitaria (a contrapublicidade) nos poden dar ferramentas para a deconstrucción/reconstrucción de significados chave nesta guerra. Reflexionemos e creemos: loitemos contra o dominio e espolio das nosas palabras.


Post data

Curiosamente, o mesmo día que escribía este post, chegaba na miña lectura do libro Underminers de Keith Farnish ao apartado onde describe unha das que el denomina ferramentas de desconexión que a civilización industrial utiliza para manternos desconectados da realidade natural, dos demais, de nós mesmos… unha ferramenta ou mecanismo que el denomina Roubarnos a linguaxe (p. 59). Fálanos Farnish do enorme poder das palabras, que son moito máis ca simples símbolos: «son ferramentas que poden ser usadas, e o son, para manipular a nosa maneira de pensar e actuar», e que se trasmiten como un completo conxunto de memes, de xeración en xeración. Aos exemplos de palabras manipuladas polo poder que eu mencionaba no meu post el engade outros moi importantes: o «mundo real», «revolución», «liberdade», «paz», «salvaxe», «animal», «desenvolto/subdesenvolvido», «civilizado/incivilizado», «anarquía», «progreso», «educación», «natureza»… Eu engadiría mesmo «traballo», na etimoloxía orixinal un instrumento de tortura romano (tripalium). Para Farnish a manipulación do léxico é unha constante na historia da civilización e dos imperios, e así é que todos os imperios tentaron controlar a literatura e outros medios de comunicación verbal para así dominar os significados. O trasvase de significados entre palabras, continúa o autor inglés, reflicte claramente os desexos dos que detentan o poder. «Unha vez que controlas os medios de comunicación (xornais, TV, escolas, dicionarios, publicidade…) podes impoñer a linguaxe que queiras». Explica tamén que isto se realiza de dúas maneiras principalmente: unha, convertindo en inaceptables e anormais o que eran significados aceptables e normais; outra, á inversa, facendo aceptable o que era orixinalmente inaceptable.

Outro autor, se cadra inesperado, que me gustaría engadir a estas reflexións é Alan Moore, que ten escrito sobre a relación entre a palabra e a política, e sobre o poder da palabra para modificar e crear a realidade, vencellado co concepto antiquísimo da maxia, se cadra actualizado como o que outros chaman psicomaxia: para el a maxia non é senón a manipulación de símbolos, palabras ou imaxes para acadar a modificación da conciencia, é dicir, a maneira como construimos o que é real. «A xente que están hoxe usando o Chamanismo e a maxia para dar forma á nosa cultura son os publicistas», dinos Moore. Tamén William Catton lle dedica moita atención ao que el chama word-magic na súa análise da situación desesperada da nosa especie que fixo en Bottleneck: Humanity’s Impending Impasse, e pon como exemplo o tramposo concepto de «produción» de petróleo: «Cidadáns serios que negarían hoxe calquera crenza na maxia, déixanse porén enganar por unha linguaxe incorrecta, como cando a extracción de recursos non renovables da Terra é descrita coa mesma palabra que usamos para denominar o que produce unha granxa ou fábrica: produción» (p. 121). Naredo fálanos en Raíces económicas del deterioro ecológico y social (p. 122 e ss.) acerca da función mediadora da linguaxe entre o pensamento e a percepción da realidade e cómo aquel se usa como vehículo da ideoloxía e instrumento de dominación. E por suposto un linguista coma Chomsky non podía deixar de sinalar os mecanismos polos que se fabrica unha realidade en beneficio dos poderosos, algo que encontramos ao longo de toda a súa obra. Psicoloxía, semiótica, memes, poder, civilización, maxia, ritual, comunicación, tabús, dogmas, mitoloxía, propaganda, ideoloxía, epistemoloxía… moitos conceptos vencellados na historia da cultura humana e nos que a palabra sempre presente, é o elemento de acción e determinación da realidade. Non é a primeira vez que falo desas relacións e da súa necesaria comprensión para actuarmos dunha maneira efectiva se queremos trasformar a realidade, nin ha ser a derradeira.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

3 Comments

  1. Tamén moi revelador isto que nos conta Jensen nesa mesmo extracto do seu Endgame:

    I could make a similar argument about writing, but Stanley Diamond beat me to it: “Writing was one of the original mysteries of civilization, and it reduced the complexities of experience to the written word. Moreover, writing provides the ruling classes with an ideological instrument of incalculable power. The word of God becomes an invincible law, mediated by priests; therefore, respond the Iroquois, confronting the European: ‘Scripture was written by the Devil.’ With the advent of writing, symbols became explicit; they lost a certain richness. Man’s word was no longer an endless exploration of reality, but a sign that could be used against him. …For writing splits consciousness in two ways—it becomes more authoritative than talking, thus degrading the meaning of speech and eroding oral tradition; and it makes it possible to use words for the political manipulation and control of others. Written signs supplant memory; an official, fixed, and permanent version of events can be made. If it is written, in early civilizations [and I would suggest, now], it is bound to be true.”

    Linguaxe, escritura, manipulación da historia e da cultura, poder, control, sacerdocio/relixión…

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Ciberactivismo

5G vs. 7G

No necesitamos una tecnología 5G: necesitamos una ética 7G.