(NOTA: O presente texto é unha versión preliminar que fai parte dun proxecto de libro que teño en preparación.)
O científico e divulgador do peak oil Antonio Turiel dicíanos nunha entrevista publicada a finais de 2012 por Altermundo, falando do caso catalán:
A independencia sería útil se for acompañada da independencia con respecto a este sistema económico insostible. A posible fractura de España abre a porta a que aquí se comecen a facer as cousas de maneira diferente, aínda que non son demasiado optimista a ese respecto. Hai algúns autores reputados, como Gail Tverberg ou John Michael Greer, que indican que unha vía que historicamente se ten usado para saír dunha trampa de débedas impagables é a secesión e a creación de novos países que se desentenden da débeda histórica: nese sentido, a secesión catalana, para ser efectiva, debería negarse a asumir ningunha débeda previa. Non esquezamos que as débedas actuais teñen unha forte compoñente ilexítima (transferíronse diñeiros públicos á banca privada totalmente de balde, coa aquiescencia de Bruxelas) e é importante non as recoñecer; facer suspensión de pagamentos (agora dicimos default, que soa máis fino) é algo que se ten repetido na historia: España fíxoo seis veces durante o seu Século de Ouro.
Eu creo que a actual tendencia á descomposición de España, que en Cataluña tomou trazos de clamor popular e que pode acabar sendo seguido por outras nacionalidades históricas e mesmo por algunha autonomía insospeitada, é un síntoma máis do colapso do Estado-nación que é España, e reforzo do necesario localismo que ha rexer o noso futuro.
Turiel non é o único autor consciente do rumo cara o colapso e como isto vai contribuír á emerxencia de unidades estatais máis pequenas, vía secesións ou disgregacións dos Estados actuais. Dennis Meadows apuntou esta tendencia nunha entrevista concedida no 2012 á revista austriaca Format, pero sobre todo paréceme interesante o detallado estudo da cuestión que fai unha das analistas máis prestixiosas da cuestión do Teito do petróleo, e que tamén cita Turiel: Gail Tverberg.
Repasando as posibles saídas á situación de débeda que afrontan diversos países, con Grecia como epicentro desta serie de convulsións económicas e políticas, Tverberg menciona unha opción vencellada coa cuestión do peakoil e da que moi pouco se fala pero que xa ten precedentes históricos recentes e que coido debería facernos reflexionar nas nacións sen Estado. Tverberg denomina a esta vía de resolución “do a disappearing act”, que poderíamos traducir libremente como facer mutis polo foro. Basicamente consiste en que o goberno que ten a débeda desaparece, se cadra reemprazado por outro, e se cadra cunha guerra ou revolución de por medio. Se a débeda era un problema demasiado grave, o novo goberno podería non facerse cargo das obrigas do goberno anterior. O exemplo máis coñecido deste tipo de saída foi a URSS, pero tambén sería o caso da separación de República Checa e Eslovaquia ou o da desintegración de Iugoslavia.
Tverberg lémbranos, como Tainter, que en situacións de colapso enerxético, manter territorios extensos requere máis enerxía da que un aparato estatal centralizado pode gastar, e que, como consecuencia, a descentralización desemboca en procesos de secesión, disgregación e independencia. En paralelo, se a enerxía escasea, o seu custo sube e resulta máis difícil recadar impostos porque a economía entra en recesión (sóanos dalgo esta situación?): xa que logo, os problemas da débeda soberana agrávanse, as solución habituais non funcionan e os Estados diríxense cara a bancarrota. Tverbeg explícanos que os servizos públicos, dependentes dun crecemento continuado da economía que forneza recursos ao Estado por vía fiscal, corren o perigo de deteriorarse gravemente ou mesmo desaparecer nunha situación así, algo que como xa vimos aínda non comezou a asumir a esquerda política.
Ao final, cóntanos a analista estadounidense, a solución máis doada e efectiva resulta ser renderse: os gobernos botan a toalla e por vía dunha revolución, guerra civil ou unha refundación do Estado, un novo goberno faise cargo e comeza de cero. Nos casos da URSS, Checoslovaquia e Iugoslavia, non houbo goberno que retomase o poder, pois se deu un desmembramento dos diversos territorios que constituían eses Estados. Tverberg considera que na actualidade ese tipo de saída resulta posible en diversos lugares, comezando por unha posible ruptura da Unión Europea, e mesmo os Estados Unidos ou Canadá, que poderían sufrir procesos de ruptura en diversas novas entidades estatais. Opina que mesmo a nivel intraestatal poderían darse alí secesións, como por exemplo dentro de estados con gravísimos problemas de débeda como California ou Illinois, que se poderían ver separados en diversas federacións de condados. Por suposto, remata Tverberg, os múltiples estados que no mundo están configurados actualmente por diversos grupos nacionais, etnias, relixións, etc. poderían sufrir análogos procesos, rachando precisamente por estas liñas de tensión diante das situacións irresolubles de débeda e de escaseza enerxética.
Resulta inevitable ollar para o Estado español nestas circunstancias xa que é un estado moi dependente do petróleo importado e un estado onde conviven malamente diversas entidades nacionais, entre elas a galega. Está tendo en conta esta perspectiva a estratexia do soberanismo galego? Levo tempo vendo o independentismo galego moi desorientado a este respecto, ancorado en marcos obsoletos, e sen consciencia das implicacións que un futuro de baixa dispoñibilidade enerxética e probable colapso estatal poden traer para as aspiracións dunha Galiza dona de seu e dos seus recursos. Vai sendo moito hora de actualizarse e traballar estratexicamente sobre estes posibles escenarios, que sen dúbida terán graves consecuencias sobre todo se a separación do Estado español non se produce pacificamente. Parece claro que Galiza non liderará a ruptura, pero se preto do 50% dos cataláns están xa a día de hoxe a favor da independencia, resulta previsible que nun futuro próximo de agravamento da situación financeira en España esa opción medre en aceptación. Resulta previsible (o referéndum escocés terá lugar o ano que vén) que outras nacións europeas sen Estado, comezando por Escocia, se constitúan en precedentes a nivel xurídico nun prazo de tempo acelerado polo colapso financeiro e enerxético (precisamente o derradeiro petróleo británico está no Mar do Norte… futuras augas baixo soberanía escocesa?). É preciso que o soberanismo galego analice seriamente estes escenarios e traballe a partir deles na construción dunha Galiza sen petróleo —que podería ben ser tamén unha Galiza independente—, que o incorpore ás súas estratexias e se cadra tamén cada día máis nidiamente nos seus discursos.
Debería transmitir á sociedade galega a idea de que non só a soberanía é posible senón que é urxentemente necesaria para afrontarmos en mellores condicións un futuro de contracción permanente e de escaseza enerxética. De non conseguirmos ser donos do noso, é previsible que se acentúe a explotación colonialoide dos nosos recursos por parte do Estado español ou das empresas multinacionais que veñen rapinar os derradeiros minerais ou os nosos recursos hídricos e hidráulicos, forestais e agrogandeiros… que en primeiro lugar deberían destinarse irrenunciablemente para a supervivencia do noso pobo. Quen podería artellar esta defensa do noso? Madrid? Bruxelas?? Velaí un argumento poderoso para a emancipación nacional, non un argumento totalmente novo pero si un contexto novo que o fai de súpeto cobrar un valor vital para a nosa supervivencia.
E por suposto debemos vencellar a soberanía aos seus aspectos alimentar, enerxético (aspectos sobre os que me pararei máis adiante) e monetario-financeiro. Cedo novamente a palabra ao economista ecolóxico Xoán R. Doldán, na miña opinión a persoa que en Galiza mellor sabe vencellar os aspectos económicos e entrópicos deste intre histórico:
Desde a perspectiva do conxunto dos pobos a solución é outra e non coincide con esta nin con outras que se poidan formular desde o poder actual para reconducir o sistema. E esa saída alternativa debería pasar por recuperar a soberanía perdida en materia monetaria e financeira, en gravar, controlar e reconducir os movementos financeiros internacionais, en evitar e penalizar a emisión de diñeiro bancario, na recuperación de formas de emisión de diñeiro vinculadas á base material da economía, etc. Evidentemente todo isto significa cambiar o rumbo xeral da economía actual e da que se promoveu todos estes anos que, compre non esquecelo, é o que nos trouxo á(s) crise(s) que estamos a vivir hoxe.
Exemplos que seguro son coñecidos para poucos de nós acerca do secesionismo en Norteamérica:
http://portlandradicle.wordpress.com/2012/08/06/interview-with-alexander-baretich-on-the-topic-of-cascadia/
O de Cascadia mesmo mereceu a atención da revista Time, que o incluía en posibles novos estados dun futuro non lonxano xunto con Escocia, Euskadi ou Quebec: http://www.time.com/time/specials/packages/article/0,28804,2041365_2041364_2041373,00.html
Outro movemento é o de Vermont: http://vermontrepublic.org/ e http://en.wikipedia.org/wiki/Second_Vermont_Republic