///

A penetración de modismos vulgares do castelán: unha nova ameaza para a lingua galega

Historicamente o castelán sempre invadiu o rexistro léxico dos galegos por riba, polos rexistros cultos, xa que o prestixio social asociado á lingua do poder facía que logo se substituíse en usos e termos asociados coa oficialidade, a burocracia, o saber, etc. aparte do feito decisivo de estar —ata onte mesmo en termos históricos— a educación integramente na lingua do imperio pequeno.

Porén, nos nosos días, se ben no desapareceu máis que parcialmente esa invasión léxica nos rexistros cultos, podemos observar un fenómeno análogo no outro extremo do idioma: nos rexistros máis vulgares, sobre todo entre a xente moza e urbana. Unha mostra é a abraiante presenza do verbo castelán molar e expresións de aprobación do tipo «iso si que mola!» entre os galegofalantes mozos (e non tanto, pois comezou coa xente que temos agora 40 e pico anos). Pero podemos achar moitas máis expresións semellantes con léxico totalmente alleo ao galego, como «te suda a polla» (sic) (na canción Todo é mentira, de Skarallaos, cuxo propio nome é un castelanismo vulgar pois en galego nunca se elimina o D ao final dos participios, como si sucede nos rexistros vulgares de boa parte do mundo de fala castelá), «vas de guay pero non chegas a chachi» (canción de Medo me dá), «dar caña», «estar de coña / nin de coña»… e así poderiamos seguir recollendo aquí e acolá modismos que trunfaron no castelán falado en España a partir da década dos anos 1980 e que penetraron con demoledor éxito —e mínima adaptación— na fala e na escrita informal de milleiros de galegofalantes educados coa cultura popular da TV española. E non só modismos casteláns recentes, xa que expresións como «joder!», «coño!», «follar» tamén están sendo masivamente adoptadas por estas mesmas novas xeracións de galegas e galegos.

Resúltame moi preocupante observar este fenómeno. Se ben a castrapización do idioma pola parte alta do rexistro léxico era negativa, pois o condenaba a ser soamente ben falado polas clases populares e en contextos cotiás, familiares… non supuxo un risco mortal para o galego e permitiuno sobrevivir neses contextos (usos máis frecuentes da lingua cós cultos, loxicamente) durante moitos séculos. Pero o que presenciamos hoxe supón a castrapización precisamente pola nosa retaguarda, por onde máis firme tiña o futuro a nosa lingua, que xa non vai ser correctamente falada nin en contextos cultos e de prestixio nin nos informais das novas xeracións. Esvaran os dous pés e o idioma perde o equilibrio, correndo o risco de caer na dialectización máis aberrante, se continuamos por ese camiño, e se a xente moza galegofalante non se preocupa de conservar o léxico vulgar e as expresións propios da nosa lingua, parte do idioma que aínda estamos a tempo de recuperar dos xeración dos nosos avós.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

1 Comment

  1. Outra mostra extendidísima: currar, cando o propio do galego coloquial nos últimos tempos era chollar / choiar. O curro en galego é outra cousa: http://www.estraviz.org/curro Estamos desprazando eses ricos significados para substituílos na fala coloquial por un castelanismo de moda 🙁

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Cultura

Progresismo

Cuando alguien está al borde de un precicipio, lo que tiene que hacer es...