…Ou máis ben debería dicir unha variante na miña hipótese de orixe céltica lanzada hai algúns anos nas páxinas de Fillos de Galicia. Penso que ademais da posibilidade dunha orixe Ando-Balo deberíamos considerar plausible outra en And-Abalo, sendo Abalo se cadra un antropónimo tamén céltico. Abalo témolo presente como apelido (é coñecido por exemplo Mariano Abalo, político da Fronte Popular Galega de Cangas) e non sería difícil pensar en que de nome de persoa pasara a apelido, se cadra pasando por algún topónimo intermedio, aínda que o Nomenclator da Xunta de Galicia non recolle ningún topónimo de tal nome.
Utilizando a metodoloxía de Joaquín Caridad Arias deberíamos preguntarnos: existe *Abalo ou *Abalus como antropónimo noutros lugares da Celtia? Buscando en Internet atopamos unha referencia a unha illa mencionada polos autores clásicos chamada illa de Abalus no mar do norte ou no Báltico. Tense vencellado ese nome co de Avalon, a mítica sede da corte do céltico Rei Artur, curiosamente tamén unha illa segundo as lendas. A Wikipedia danos como étimo de Avalon, a palabra galesa afal (mazá), da mesma orixe obviamente cá anglosaxona apple. A presenza de /v/ ou /f/ fainos pensar que se cadra orixinalmente teríamos que falar dun nome *Avalo, e se cadra dun Andavao (paradoxalmente, a mesma ortografía que defenden os que propoñen unha rebuscada etimoloxía galego-latina do verbo andar e o substantivo valo). Por contra, podería ser tan só unha derivación fonética da lingua céltica galesa que non teña correspondencia coa lingua galaica.
Sorprende que a palabra galega abalar teña como primeiro significado «Sacudir uma árvore para que lhe caia a fruta». Estraviz suxire un hipotético *advallare latino, que non sei se tería dado palabras semellantes noutras linguas, pero non semella tolo pensar que abalar en realidade proveña precisamente do nome céltico da froita máis comunmente abalada nas terras habitadas por esta cultura: a mazá. Daquela abalar sería algo así como maceirear, e o resto de significados serían translacións a outros ámbitos semánticos do mesmo tipo de movemento. As implicacións deste posible vencello etimolóxico van alén da miña hipótese toponímica e deixareinas para os especialistas en linguas célticas. O que non me acaba de casar co apelido Abalo e cun posible *And-Abalo é a posición do acento tónico, pois se a orixe é a mazá en céltico (áfal) como en Ávalon, a derivación que nos ocupa debería ser *Ábalo e posiblemente *Andábao (ou talvez o prefixo aumentativo and- modifica a posición do acento?).
Consultando o vocabulario de lingua protocéltica publicado pola Universidade de Gales, sorprendentemente achamos o seguinte: que mazá era *abal(l)o e lugar de maceiras —é dicir, pumar— dicíase *aballon. Se cadra non hai que insistir en buscar antropónimos e simplemente And-Abalo significase Gran Mazá (nada que ver con Manhattan, por suposto 😀 ). Haberá que preguntar na miña familia se as mazás desta parroquia de Boimorto son especialmente grandes, aínda que o máis probable é que as variedades antigas que puideron dar tal nome á parroquia xa haxa moito tempo que se perderan.
Infórmame o profesor Estraviz de que no
Seguramente debín buscar só nomes de lugares e non de parroquias, cando consultei o Nomenclator online. Habería que averiguar se nesa parroquia de Catoira se dan ben as mazás 🙂
Acerca da posible etimoloxía latina do galego avalar infórmame amablemente tamén o profesor Isaac Alonso Estraviz que existen:
Vexo que precisamente no dicionario portugués Priberam indican que a etimoloxía do avalar é controversa.
Infórmame Higino Martins de que a pronuncia de afal en galés non é como no inglés apple, senón que é acentuada na sílaba final, e por tanto afál / abál considero que cadraría coa posibilidade de viren de aí os nomes Abalo e un hipotético *And-Abalo.
Seguindo coa miña improvisada pescuda na WWW atopo que en 1180 consta un documento que menciona:
Orixinalmente era «-vaa» ou «-avaa», logo? Isto pon en dúbida a miña teoría, posiblemente.
Se cadra achegaría algunha pista descifrar a etimoloxía doutro lugar que terminación idéntica: Mollabao, en Pontevedra. Segundo Joaquín Caridad Arias no seu libro sobre toponima céltica de Galiza, probablemente teña que ver co deus céltico Mollus, pero para a miña frustración non apunta hipótese algunha sobre o significado da terminación -abao 🙁
Non sabía eu que no Wiktionary había termos en protocelta: http://en.wiktionary.org/wiki/Appendix:Proto-Celtic/abalo-
Gostaria contribuir a este trabalho. Em Poio, na província de Ponte Vedra, existe o lugar de a Abal.
Grazas, Breo. É así, en feminino? Non coñezo a gramática céltica como para saber se as mazás eran femininas, pero coido que as árbores si, polo menos as froiteiras, de aí que en galego aínda o sexan.
Vaia! Nun mapa antigo que veño de descobrir nun marabilloso visor gratuíto de mapas antigos (grazas a Ernesto Vázquez Souza) vin o topónimo escrito como Aldabao (aparentemente) ou Aldabar, o cal, de estar baseado en datos certos, botaría por terra a miña hipótese. Alguén sabe se é factible esa trasformación de ALDA- a ANDA- no galego? E ese -BAR -> -BAO?
O nome do mapa é Charta geographica regnum Galæciam (hispanice Galicia) in suas provincias divisum repræsentans, e data de 1800.
De ser algún destes o nome antigo, está bastante clara a etimoloxía: aldabao = aumentativo de aldaba; aldabar = lugar de aldabas ou ben aldrabar.
Nese mesmo web outro mapa duns anos antes, nos resolve a dúbida sobre o texo escrito no de 1800: o topónimo era Aldabar. O mapa é Mapa geográfico del reyno de Galicia, 1, de 1784.
Por certo, que topograficamente o mapa está mal, pois sitúa Mezonzo na beira esquerda do Tambre, cando está na dereita.
Procurando nun dicionario portugués atopo significados para aldrabao e aldrabar vencellados cun substantivo referido a home mentireiro ou tolo. Tamén aparecen no Estraviz. Ademais resulta curioso que no portugués tamén haxa dúbida entre o B/V nesta palabra, como se ten visto no caso do topónimo ata os nosos días: Andavao/Andabao, pero se cadra porque certas hipóteses etimolóxicas o situaban vencellado coa palabra vao, o cal non me parece plausible pois deixa o anda sen explicación verosímil.
Segundo o Priberam, estes significados terían a súa orixe no árabe al-bardan (tolo, doido).
De todos xeitos, citaba eu nun comentario anterior que moito máis atrás no tempo constaba nun documento como «Sancto Martino de Andauaa». Como é posible que haxa unha evolución adiante e atrás co ANDA/ALDA?? É verosímil a evolución ANDAVAA (s. XII) -> -> -> ALDABAR (s. XVIII, XIX) -> ANDABAO (s. XX)??? Non me parece nada crible. Máis ben aposto a que esa denominación con ALD- é un erro se cadra trasmitido dun mapa a outro. A permanencia do topónimo ao longo de 900 anos nunha forma tan semellante ANDAVAA / ANDAVAO (ou ANDABAO) non me deixa outra explicación.