Dentro do meu proxecto para unha Guía de Internet para as organizacións sociais galegas, gustaríame ir recollendo as opinións da xente implicada nos movementos sociais para detectar puntos que necesiten ser reforzados nesta obra que quere axudar a que usemos con maior eficacia a Rede para conseguir os nosos obxectivos.
Anímate a deixar a túa opinión e difunde entre outros colectivos para que deixen aquí, en forma de comentario ao final deste post, o que para eles é no que máis fallan, as maiores lacunas que teñen á hora de usaren Internet ou se pensan que usan este medio dunha maneira óptima.
Tendo as vosas opinións ao respecto en conta a Guía será máis completa e atenderá mellor as necesidades concretas e reais das nosas organizacións. Grazas pola vosa participación!
Pola miña experiencia creo que hai moito voluntarismo, aínda que a situación millorou moito desde fai uns anos. Agora nas organizacións que eu coñezo hai xente nova que se manexa moi ben coas novas tecnoloxías aínda que supoño que sempre hai aspectos que mellorar, porque non tivemos formación específica nestes temas.
Espero que este proxecto se faga realidade porque a verdade é que o índice que puiden ver en Verkami ten boa pinta.
Grazas pola túa achega, Isabel. Si, é certo que en moitas organizacións hai xente nova que se manexa bastante ben, pero nin é en todas nin todos os implicados nas accións online das organizacións galegas teñen un coñecemento axeitado de todos os aspectos da Rede. Pode haber bastantes usuarios avanzados ao cargo destes temas nas organizacións (sempre se asignan aos que máis o controlan) pero non deixan de ser usuarios e non especialistas nin teñen por que abarcar todos os temas nin ter unha visión integral e estratéxica do que implica un proxecto online. Estou seguro de que todos eles han atopar moitas cousas de interese nesta obra, os que sabedes un pouco e os que sabedes bastante máis de Internet 🙂
De feito, engadiríache que pola miña experiencia colaborando con diversos colectivos coñezo moitos destes usuarios máis ou menos avanzados e o seu nivel é moi irregular: quero dicir que dentro da súa organización poden ser os que máis controlan de Internet, pero comparados cun nivel profesional teñen moitas lacunas nos seus coñecementos e experiencia. E isto non é exclusivo da área de Internet: poucas organizacións poden permitirse ter un especialista en comunicación, p.ex., un deseñador gráfico profesional, etc. etc. Arrastramos o lastre do voluntarismo e da escaseza de recursos, por iso é importante sacarmos o máximo partida formándonos naquelas áreas nas que sabemos algo e que son vitais hoxe en día para o éxito dos nosos obxectivos como organizacións. Moitas veces temos enfronte empresas ou institucións que si que teñen en nómina a bos especialistas en todas estas materias e a loita é moi desigual. Se cadra en Internet é onde temos máis ocasión de igualar un pouco esta pelexa. Ogallá esta obra poida publicarse co voso apoio e axudar nese obxectivo de melloraren a formación todas estas persoas activistas.
Concordo contigo, casdeiro, nas organizacións sociais galegas (e noutras máis tamén) hai moito voluntariado e usuarios avanzados en Internet, pero á hora de facer un uso axeitado del para comunicar o que as organizacións queren hai moitas deficiencias. Os que estamos metidos en organizacións sen ánimo de lucro temos moitas carencias na formación online. Internet é unha ferramenta moi útil para a divulgación ademáis de ser barata (comparada coas outras formas de divulgación) pero non todos temos coñecementos para facer esa tarefa de forma axeitada.
A ver si a túa guía nos pode cubrir esas deficiencias.
Apertas!!!
Grazas, Ángel. Pois si, eu despois de moitos anos cheguei a esas mesmas conclusións e penso que é o momento axeitado para concentrar a miña experiencia neste libro e que axude a subir de nivel a acción de todas as nosas entidades, que é cada día máis difícil pero tamén cada día máis necesaria, en moitos casos, imprescindible. Saúdos e grazas por participares nesta consulta dentro do proxecto #GIOSgz 🙂
Sobre todo, carencia formativa. Normalmente, as organizacións carecen de recursos para ter persoal cualificado en temas informáticos, polo que as persoas que nos temos que dedicar a estas cuestións aprendemos como ben podemos: tutoriais, libros, boca a boca, etc… Iso fai que o noso coñecemento da Rede e de como explotala ao 100% estea reducido ao funcionamento básico diario coas ferramentas que usamos de cotío e que teñamos serias lagoas, tanto de pericia técnica como de visión das posibilidades de traballo con Internet. A falla de recursos humanos tamén nos supón falla do tempo necesario para dedicarnos a estas cuestións, que deixamos de lado por outras máis urxentes e perentorias.
Entendo, Xosé.
Tamén me parece significativo que consideres a utilización que unha organización faga de Internet como un «tema informático». Falta unha visión integral do que supón a Rede como medio que se debe integrar a todos os niveis dentro da estratexia da organización, moi diferente dun uso auxiliar como podería ser a utilización de ferramentas de xestión «informática» a nivel local. Alédame que fagas fincapé no da «visión das posibilidades»: moitas veces nin se sabe qué é o que non se sabe, precisamente porque non se sabe o que pode ofrecer o medio.
Grazas pola vosa participación e a ver se conseguimos entre todos publicar a Guía 🙂
Veño de refacer a maquetación deste post pois desencaixaba a columna dereita na capa do blog. Desculpade!
Hoxe fixéronme unha entrevista no programa «Arredor de nós» de RadioFusión. Podedes ler sobre ela e mais escoitala en http://www.radiofusion.eu/manager.php?p=FichaNova&ID=14871
Outra das lacras que eu vexo é o parroquianismo organizativo, que fai que os colectivos se manteñan bastante aillados uns dos outros de xeito que os coñecementos e os recursos non se compartillan nen circulan, tendendo a reinventar a roda continuamente. Por exemplo, lembro o primeiro mapa de geotags que denunciaba os atentados medioambientáis na Galiza, feito en tagzania, posteriormente replicado DENDE CERO por Verdegaia e despois por outros. En fin, absurdo. Unha das primeiras cousas que deberiamos entender e que internet é una oportunidade para SUMAR esforzos, non para seguir replicando o minifundismo mental no que nos deixaron. Saudos e noraboa pola iniciativa.
Un comentario moi pertinente, penso eu. Grazas por compartilo. Ademais non é nada obvio para as organizacións, penso eu. Hei estudar como reflectir este problema na Guía.
…Aínda que debo dicir que o de «parroquianismo» usado como termo descalificativo non podo aprobalo… E tampouco o de «minifundismo». O futuro do país é a parroquia, como foi o seu pasado. Pero ben, esa é outra historia e deberemos contala noutro lugar -> http://VesperaDeNada.org
Gracias. En todo caso chámalle X. Eu concordo coa necesidade dunha visión, chamémoslle «modular» no político e mesmo no ciberpolítico, cousa que se podería equiparar coa «parroquia» se queres, ainda que a min persoalmente e polas evidentes connotaciósn romano-católicas é un termo que non me convence moito. O minifundismo tampouco, xa nen como termo nen como concepto de xestión territorial. Antes ben prefiro as connotacións asamblearias do Monte Común, cousa que a cibergaleguidade debera reivindicar con moita máis firmeza fronte ao leirismo fractal no que tendemos a asentarnos. De todos xeitos, é só a miña perspectiva. Agardo que a túa a recolla e a amplíe cos teus criterios propios. Saudos.
Estou moi dacordo en que a loita é desigual, pero o seguirá sendo na medida en que as ferramentas online non se simplifiquen máis e máis e sexa necesario adicar moito tempo das persoas militantes dos movementos (que invariablemente van ser voluntarias) en aprender a manexalas en vez de a contar coa visión integral e extratéxica da comunicación do movemento (tampouco se pode separar o online do offline). A ferramenta que funcionou sempre na comunicación e o boca a boca e os «cantares de cego» ou contacontos (estes últimos tiñan un elemento máis de «novidade» e de entretemento, e aínda que puideran ter as súas moralexas non se agardaba moita «retroalimentación»). Se o que se quere é comunicación para a transformación social, entón hai que tender a ferramentas boca a boca que faciliten a interacción das persoas (as máis militantes e as que se acercan a ver de que vai isto). A alfabetización dixital é clave para isto (como xa o puxestes de manifesto case todas as persoas que xa comentaron a entrada), pero tamén a simplificación das ferramentas e facelas «do procomún» (vamos, que non poida chegar X ou Y empresa e pechar o servizo, deixándoche sen servizo). Para iso o emprego do software libre nas ferramentas (xenerando unha comunidade) penso que é clave (a ferramenta tamén ten que ser expresión do cambio que se busca). O enfoque de «tecnoloxía para o desenvolvemento humano» paréceme neste caso especialmente importante http://www.slideshare.net/esfgalicia/concepto-de-tecnologa-para-el-desarrollo-humano
[…] se o índice proposto de contidos non se axustase optimamente ao que o público precisaba, fixen unha enquisa acerca das posibles melloras ou ampliacións, facendo o proxecto aberto á participación e case podíamos dicir que á demanda dos potenciais […]