A liberación do metano existente no Ártico podería causar unha masiva extinción da vida no planeta.
Hai unhas semanas científicos rusos deron a voz de alarma ao descubrir inmensas plumas de metano no oceano Ártico en zonas onde a capa de xeo que o cubría se está a retirar debido á suba das temperaturas. O metano (CH4) é un gas de efecto estufa 72 veces máis potente có CO2 (se o medimos nun periodo de 20 anos), e aínda que ten un tempo de vida menor na atmósfera (unha década fronte a máis dun século que permanece o CO2) cando desaparece faino converténdose por oxidación en máis dióxido de carbono. No Ártico, baixo as súas augas e enterrado no permafrost, existe metano dabondo para reverter a atmosfera da Terra a un estado inhabitable. Na comunidade científica avisan de que puido ter comezado un proceso de aceleración drástica e imparable do quecemento global.
Observacións alarmantes
Un equipo científico ruso que leva 20 anos a observar a plataforma mariña ártica do leste de Siberia ficou abraiado coa dimensión das emisións de metano que están a xordir na zona, segundo publicou o 13 de decembro o xornal británico The Independent. Para Igor Semiletov, director do equipo, atopar estruturas de emisión de metano de decenas de metros de diámetro era habitual nas súas observacións anuais nesta zona, pero este ano acharon por primeira vez formacións de máis dun quilómetro de diámetro. Ate 2003 as emisións observadas polos equipos de diversos países que traballaban na zona permanecían estables, pero desde entón non deixan de medrar. En 2008 comezaron detectarse chemineas de metano con concentracións 100 veces meirandes do habitual. A preocupación do equipo ruso ven tamén da densidade desta especie de fontes de borbullas que desde o fondo mariño xorden á tona da auga: afirmou que nunha área meirande da que eles analizaron “debe haber milleiros delas”. Á luz disto as estimacións de oito millóns de toneladas emitidas ao ano nesta rexión quedarían moi superadas. Outros estudos recentes afirman que o carbono contido baixo o permafrost é tres veces o estimado anteriormente e que está a saír á atmosfera a un ritmo maior do previsto. Semiletov presentou os seus achados a primeiros de decembro nunha xuntanza da Unión Xeofísica Americana.
Inmensos depósitos de metano
A comunidade científica ten cuantificado en centos de millóns de toneladas o metano que en forma de hidratos (cristais de xeo chamados clatratos) está atrapado baixo o permafrost que se extende desde as terras siberianas mar adentro sobre a pouco profunda plataforma ártica. O carbono retido nestas latitudes sería equivalente a dúas veces todo o carbono existente na atmosfera. O perigo é que co quecemento que se está a producir no planeta e especialmente nesta zona, o permafrost comezou a se derreter e iso está a liberar parte deste metano á atmosfera, facendo que aínda queza máis e disparando así un ciclo de feedback irreversible. Esta hipótese é coñecida como a “arma de clatratos”, que unha vez disparada non tería volta atrás e podería levar a unha extinción masiva coma a sucedida entre os periodos Permiano e Triássico, hai máis de 250 millóns de anos. Os científicos levan anos avisando de que estas emisións masivas de metano poderían suceder e observando os niveis emitidos nesta área tan sensible ao quecemento producido pola civilización industrial humana. O Ártico é a rexión do planeta cuxas temperaturas están a quecer máis axiña e as capas de xeo que reflicten a luz solar están a desaparecer, aumentando a temperatura do mar e provocando que se derreta o seu fondo xeado onde se almacena metano e tamén CO2, procedentes da descomposición de sedimentos vexetais de hai máis de dez mil anos (cando se descompón a materia orgánica en presenza de aire produce dióxido de carbono, e cando este falta, metano). Terra adentro o permafrost siberián tamén comezou derreterse, facendo abalar edificacións e bosques enteiros, sustentados ate o de agora nunha terra xeada firme e dura coma o granito. Para algúns científicos estes datos serían indicio de que a bomba de reloxaría do metano ártico foi activada.
As posibles consecuencias
A bioxeoquímica rusa Natalia Shakhova afirmaba en 2008 que se o permafrost ártico se derretía liberaría a atmosfera unha cantidade de metano 12 veces a actualmente existente, causando “un quecemento global catastrófico”. A principal dúbida dos científicos é acerca do ritmo ao que se podería producir esta liberación: anos? décadas? séculos? A posibilidade de que sexa abrupto é sinalada con preocupación por algúns e apoiada nos rexistros xeolóxicos de eras pasadas nas que se sabe que sucederon este tipo de catástrofes climáticas. Martin Kennedy, da Universidade de California, afirma que en 20 anos poderíamos ter pasado o punto de emborque cara un quecemento global desbocado. A cuestión dos clatratos relativiza moito a suposta seguridade do límite de +2ºC que se baralla nos cumios internacionais coma o recente de Durban, xa que non se coñecen os efectos de realimentación que esa suba e as concentracións de CO2 que se lle asocian poden disparar no metano atrapado no Ártico. Os modelos de predición climática parecen ter subestimado o impacto do rápido derretemento do permafrost que mantén atrapados estes vastos depósitos de carbono. Sabíase que habería feedbacks que poderían exacerbar o quecemento global pero ata o de agora asumíase que só ocorrerían en fases do quecemento máis avanzadas. Porén, segundo afirmou tamén diante da Unión Xeofísica Americana James Hansen, o coñecido climatólogo da NASA, mesmo un aumento de só 2ºC na temperatura da Terra levaría a “consecuencias catastróficas” como a desparición de xeo en ambos os dous polos e medre do nivel do mar varios metros. Hansen advirte de que o clima é moito máis sensible do que se pensaba, e que funciona mediante procesos non lineares: xa que logo permitir un moderado medre de 2ºC sería “abocarnos ao desastre”. E qué dicir se se acadan os +4ºC como moitos avisan que sucederá se continuarmos co ritmo actual de emisións!
Emisións e Teito do petróleo
Mais, é realista afirmar que pode continuar o ritmo actual de emisións que leva a estas mudanzas climáticas de gran escala se, como todo apunta, o petróleo —unha das principais fontes de emisión de carbono— comeza a declinar? Este é un debate que preocupa máis aos que estudan o teito de extraccións mundiais (peak oil) deste combustible clave para a nosa civilización máis cós especialistas climáticos, que adoitan basearse en previsións business as usual que non contan co devalar dos combustibles fósiles. Ao respecto hai dúas conclusións claras: por unha banda o carbón, material enerxético fósil que emite moito máis CO2 có petróleo, aparece como recurso alternativo a este nalgúns usos, o cal apunta a que a menos petróleo dispoñible para a economía mundial, volverá ser consumido máis carbón (ata que tamén deixe de ser enerxeticamente rendible a súa extracción); e por outra, aínda que as emisións diminuísen por simple carencia de máis materiais combustibles, a inercia das emisións producidas (lembremos: o CO2 dura máis dun século na atmosfera) seguirán facendo aumentar a temperatura aínda por bastante tempo.
Alarmados? Algúns. Preocupados, moitos
Outros científicos amósanse preocupados máis ca alarmados e negan que se activara ningunha bomba de reloxaría no tema do metano. Hai mesmo quen lle ve o lado positivo, como o xeógrafo Laurence Smith que opina que este biogás podería ser aproveitado como fonte de enerxía. Malia as mudanzas observadas nestes últimos anos entroutros por Shakhova e Semiletov, outros alegan que o proceso de liberación é previo (8.000 anos) ao quecemento antropoxénico, e que non se sabe certo se os picos que se producen agora son unha tendencia que viña de atrás ou son debidos á acción do home sobre o clima. Segundo a rede científica Permafrost Carbon aínda hai un baleiro no coñecemento de como o carbono do permafrost responde ao quecemento global. Por outra banda hai estudos que afirman que o quecemento nestas latitudes podería levar a efectos moito máis rápidos e desastrosos para a atmosfera como a aumento dos incendios forestais nos inmensos bosques boreais. A maioría dos científicos que estudan estas cuestións consideran que a liberación do metano ártico é unha razón máis para limitar urxentemente as emisións de efecto estufa de orixe humana. Aínda que outros afirman que a maior parte deste metano está baixo 200 m de fondo mariño e que non se daría liberado nin nos peores escenarios de quecemento global. As monitorizacións de metano atmosférico feitas por medio dos satélites tampouco dan aínda sinais de medres significativos na zona ártica, aínda que levan medrando continuadamente desde hai décadas. O que si se parece observarse nestas medicións é que desde 2007 hai un punto de inflexión cara unha aceleración das concentracións; ademais as medicións feitas in situ nas augas e no aire da costa de Siberia amosan concentracións de metano varias veces maiores ás habituais, como xa advertiu Shakhova en 2008. En todo caso os estudos sobre o carbono do permafrost disparáronse desde os anos 90, e máis desde os primeiros avisos feitos en 2005 polos investigadores Sergei Kirpotin e Judith Marquand de que se estaba a derreter. Os datos, porén, son aínda insuficientes, afirman os científicos, e precísanse esforzos coordinados e maior financiamento para establecer redes de monitorización deste fenómeno de liberación do metano ártico potencialmente tan perigoso.
NOTA: As fontes para a elaboración deste artigo poden consultarse en http://www.debulla.info/bookmarks.php/casdeiro/metano
Esquecín indicar que este artigo é a versión extendida orixinal do publicado por Novas da Galiza no seu número 110.