//

A independencia como posible consecuencia da bancarrota dos Estados e do Teito do petróleo

Gail TverbergGail Tverberg é unha prestixiosa analista da cuestión do Teito do petróleo. Foi editora do web de referencia sobre a materia, The Oil Drum, e actualmente publica as súas reflexións e análises no seu propio blog, Our Finite World. Tverberg estivo hai pouco en Aragón, nun congreso internacional organizado pola UNED acerca do tema do peakoil, e no web do congreso está dispoñible a súa ponencia (e o PDF presentado) e mais unha breve pero interesante entrevista.

Os textos de Tverberg acerca da interrelación do Teito do petróleo coa economía, a sociedade, o emprego… sempre me pareceron moi rigorosos e ben explicados. Por iso me mereceu tanta atención un recente post dela no que fala das posibles saídas á situación de débeda que afrontan diversos países, con Grecia sendo hoxe o epicentro desta serie de convulsións económicas e políticas. O texto títulase Como pode un goberno amañar o seu problema coa débeda, e nel, tras facer un repaso das habituais solucións ensaiadas neste tipo de casos (inundar de cartos a economía nacional provocando inflación; programas de recurtes e/ou suba de impostos; reestruturación da débeda), menciona unha saída vencellada coa cuestión do peakoil e da que moi pouco se fala pero que xa ten precedentes históricos recentes e que coido debería facernos reflexionar nas nacións sen Estado.

Tverberg denomina a esta vía de resolución «do a disappearing act», que poderíamos traducir libremente como facer mutis polo foro. Basicamente consiste en que o goberno que ten a débeda desaparece, e pode que outro novo o reemprace ou pode que non, cunha guerra ou revolución de por medio ou non. Se a débeda era un problema demasiado grave o novo goberno podería non facerse cargo das obrigas do goberno anterior. O exemplo máis coñecido deste tipo de saída foi a URSS, pero tambén sería o caso da separación de Checoslovaquia e da desintegración de Yugoslavia.

Tverberg lémbranos —como moitos outros especialistas no Teito do petróleo e como recollen estudosos do colapso das civilizacións ao longo da Historia como Joseph Tainter— que en situacións de colapso enerxético, manter territorios extensos requere máis enerxía da que un aparato estatal centralizado pode gastar, e que como consecuencia a descentralización remata en procesos de secesión, disgregación e independencia. En paralelo, se a enerxía escasea, o seu custo sube e resulta máis difícil recadar impostos porque a economía entra en recesión: xa que logo, os problemas da débeda soberana agrávanse, as solución habituais non funcionan e os Estados diríxense cara a bancarrota. Tverbeg explícanos como os servizos públicos, dependentes dun crecemento continuado da economía que forneza recursos ao Estado por vía fiscal, corren o perigo de deteriorarse gravemente ou mesmo desaparecer nunha situación así.

Desmembramento dos USA segundo Frank Miller (Give me Liberty, 1990)Ao final, cóntanos a analista estadounidense, a solución máis doada e efectiva resulta ser rendirse: os gobernos botan a toalla e por vía dunha revolución, guerra civil ou unha refundación do Estado, un novo goberno faise cargo e comeza de cero. Nos casos da URSS, Checoslovaquia e Yugoslavia, non houbo goberno que retomase o poder, pois houbo un desmembramento nas repúblicas ou rexións que constituían eses Estados. Tverberg considera que na actualidade ese tipo de saída resulta posible en diversos lugares, comezando por unha posible ruptura da Unión Europea, e mesmo os Estados Unidos ou Canadá, coas súas particularidades, poderían sufrir procesos de ruptura en diversas novas entidades estatais. Coida a autora que mesmo a nivel intraestatal poderían darse alí secesións, como por exemplo dentro de estados con gravísimo problemas de débeda como California ou Illinois, que se verían separados en diversas federacións de condados. Por suposto, remata Tverberg, os múltiples estados que no mundo están configurados actualmente por diversos grupos nacionais, etnias, relixións, etc. poderían sufrir análogos procesos, rachando por estas liñas de tensión diante das situacións irresolubles de débeda e de escaseza enerxética.

Nacións europeas, mapa de Eurominority.orgResulta inevitable ollar para o Estado español nestas circunstancias xa que é un estado moi dependente do petróleo importado e un estado onde conviven malamente diversas entidades nacionais, entre elas a galega. Está tendo en conta esta perspectiva a estratexia do soberanismo galego? Xa dixen hai un tempo que vía ao independentismo un tanto desorientado, ancorado en marcos obsoletos, e sen consciencia das implicacións que un futuro de baixa dispoñibilidade enerxética e probable colapso estatal poden traer para as aspiracións dunha Galiza dona de seu e dos seus recursos. Vai sendo hora de actualizarse e traballar estratexicamente sobre estes posibles escenarios, que sen dúbida terán graves consecuencias sobre todo se a separación do Estado español non se produce pacificamente. Parece claro que Galiza non liderará a ruptura, pero se preto do 50% dos cataláns están xa a día de hoxe a favor da independencia, non resulta previsible que nun futuro próximo de agravamento da situación financeira en España esa opción medre en aceptación? Non resulta factible que outras nacións europeas sen Estado, como p.ex. Escocia, se constitúan en precedentes a nivel xurídico nun prazo de tempo acelerado polo colapso financeiro e enerxético? É preciso que o soberanismo galego analice seriamente estes escenarios e traballe a partir deles na construción dunha Galiza sen petróleo, que poderá ser unha Galiza independente.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

2 Comments

  1. Moi interesante. Xa o teño pensado mís dunha vez. Galiza ten potencial e diversificación enerxética para autoabastecerse. Poderían dicir o mesmo outras partes do Estado?.
    Curiosidade: Catalunya ten alomenos 2 centrais nucleares (Ascó e Vandellós) que fan que o seu saldo enerxético sexa positivo. Que eu saiba Euskadi é unha grande importadora de enerxía.

    Saúdos.

  2. Grazas por deixar a túa opinión, Marcos.

    Sobre a posible capacidade de autoabastecemento enerxético de Galiza debo dicir que non é tan doado. De que falamos? De electricidade? De combustibles fósiles? Non é o mesmo. Recoméndoche un traballo de Xoán Ramón Doldán, compañeiro noso en Véspera de Nada e exresponsable do INEGA, onde analiza a cuestión: http://vesperadenada.org/2009/01/10/a-situacion-enerxetica-de-galiza/

    E o das centrais nucleares que queres que che diga! Xa contaches no seu saldo enerxético a súa construción e a disposición dos residuos durante milleiros de anos? Porque o contrario é facer a trampa habitual do lobby pro-nuclear.

    Separemos cada tipo de enerxía e avaliémola no seu ciclo completo, porque se non teremos unha perspectiva moi sesgada.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Economía

Futuro feudal

Cada vez veo más seguro un futuro en el que los nietos de quienes abandonaron el

Progresismo

Cuando alguien está al borde de un precicipio, lo que tiene que hacer es...