Hai uns días que a miña nai me ensinou unha canzón de arrolar que seica lles cantaba a miña avoa:
Rebe, rebe, reberrola
quen te ha d’acalentare?
Túa nai vai no muíño
e teu pai vaina (foina?) buscare.
Inmediatamente chamou a miña atención o de rebe-rebe-reberrola (ou talvez reverrola?). Sería unha palabra sen significado concreto, meramente introducida con finalidade musical? Semellaba demasiado diferente ás habituais na música tradicional galega —aínda que non sei en concreto nas cancións de berce—… Parecía máis algo cun significado preciso, aínda que xa perdido no tempo. Son da opinión que este tipo de palabras de significado descoñecido e conservadas por medio da música tradicional e do folklore, agachan interesantes informacións sobre o pasado da nosa lingua.
Xa que logo dei en buscar e pensar relacións e significados. Apuntarei aquí dúas hipóteses por se achegan algo:
- Reberrola = cativa de pouco tempo, e xa que logo, enrugadiña. Viría de reberse (ignoro a súa etimoloxía), que segundo Estraviz é Enrugar-se a pele fazendo pregas.
- Reberrola = meniña de pelo rizo (ou de punta). Existe un antropónimo céltico rexistrado en varios lugares, incluída Galiza, Reburro/Reburra (con variantes Reburrino/Reburrina), que significaría de pelo rizo (ou de punta). Poderíamos pensar nun hipocorístico *Reburrola, que se cadra se trasformou en Reberrola. Xa que -ola/-ula é un coñecido sufixo céltico que equivalería ao galego actual -iña (Vid. Joaquín Caridad Arias, p.ex.), tería sentido esta hipótese tamén. Segundo Caridad Arias (Toponimia céltica de Galicia, pp. 91-92), bur(r)o significaría que ten o pelo de punta ou alternativamente vermello, ardente. Re- sería un prefixo aumentativo (moi ou gran). Caberían xa que logo significados dunha hipotética *Reburrola como a pequena moi vermella, ou a pequena co pelo moi de punta ou con moito pelo de punta. Outros autores opinan que este común nome hispano prerromano de Reburrus non é céltico, pero achegan tamén o significado relativo ao pelo crespo (vid. nota 28 en The Language(s) of the Callaeci, de Eugenio Luján).
Corrixo unha palabra que pensaba era un castelanismo na cantiga, pero é lixeiramente diferente, e perfectamente galega: http://www.estraviz.org/acalentar
Segundo Vinia -> Viniola http://www.degalicia.org/antroponimia/doku.php?id=muller:viniola tamén podería ser Reburra -> Reburrola coma ti dis. Interesante hipótese.