//

Democracia Real Ya: cal é a súa estratexia?

Onte asistín á xuntanza do grupo de Compostela de DRY, debo dicir que un tanto enganado ou confundido, pois a convocatoria fora feita como unha asemblea de #acampadaSCQ. Dado que o que eu levaba preparado era para ese contexto e non para o de Democracia Real Ya, tiven que variar sobre a marcha a miña prevista participación no encontro. Limiteime a presentar brevemente a proposta que supón D3 por se podía achegar algo na estratexia do colectivo DRY, desde unha posición expresamente externa.

Velaquí as miñas valoracións do que alí percibín, que seguramente son inxustas e imprecisas xa que foron collidas nunha participación parcial e desde fóra dun colectivo que xa leva algún tempo xuntándose. Espero que os propios participantes de DRY-Compostela me poidan facer as axeitadas correccións ou matizacións.

En primeiro lugar expresarei a miña sorpresa porque se convoque desde AcampadaSCQ (e desde @acampadaSCQ) se non hai unha identificación clara DRY=AcampadaSCQ. Mesmo ao comezo da xuntanza un dos asistentes aclarou que entre as acampadas e DRY hai un desmarque expreso, e de feito nin tan sequera había unha idea clara do que piden as asembleas de acampados, pois tiñan a idea de que o manifesto pantasma que circula pola Rede era asumido por elas cando o único oficial é o que figura no web da AcampadaSol.

Polo demais debo recoñecer que vin boa organización e loxística, xente decidida e con gañas de facer cousas para mudar un sistema inxusto, xente polo xeral bastante noviña. Pero polo demais debo recoñecer que me decepcionou bastante o que vin por tras diso.

A xuntanza era dunha comisión lexislativa (nin máis nin menos!!) encargada de elaborar propostas políticas, como se xa se tivese acadado o poder e estiven ao mando do Estado. Tiña a impresión de presenciar unha especie de xogo de rol ou de mundo virtual onde se xogaba a gobernar. En ningún intre escoitei nada acerca de como se pretendían poñer en práctica os puntos sobre os que xiraba a xuntanza, puntos moi pouco desenvoltos e para os que os propios asistentes se recoñeceron en repetidas ocasións pouco formados para desenvolver. O interese en facer propostas políticas (podedes lelas en http://democraciarealya.es porque coido que son as mesmas decididas a nivel estatal) paréceme moi ben, pero coido que o que se fai é reinventar a roda. Propostas para a mudanza política e social témolas a paladas, moi ben desenvoltas por diversos movementos sociais e partidos políticos. Foi algo que por exemplo xa fixo a Rede Anticapitalista galega por medio dun wiki onde fomos concretando propostas sumadas polos diversos colectivos adheridos, propostas xa previamente traballadas durante anos por eses colectivos.

Por que DRY quere partir de cero e volver elaborar propostas, as súas propostas, como se as dos demais non existisen ou non fosen válidas? O que pretenden non é acadar máis democracia? Daquela por que non parten da análise de que é o que falla nesta presunta democracia e como amañalo? (Volverei sobre esa cuestión máis adiante.) Penso que é un tanto absurdo perder o tempo repetindo o labor de anos dos movementos sociais. O que precisamos non son propostas políticas novas senón unha estratexia para poñer en práctica as xa existentes. Eu non escoitei en ningún momento da xuntaza como coida DRY que van facer realidade esas propostas. Van tomar o poder polas armas? Van elaborar un completo programa político e vanse presentar con el ás eleccións? Van esixir aos gobernantes actuais que o asuman mediante accións masivas de desobediencia civil? Non se falou do tema, se cadra non era esta a comisión axeitada.

Ao meu entender hai excesiva tendencia neste grupo a crear estruturas (comisións, grupos de traballo, etc.) de maneira precipitada, antes de ter clara a estratexia. Unha organización fórmase para acadar uns obxectivos, pero se estes non están claros e a maneira de chegar a eles tampouco, a estrutura organizativa tende a convertirse nun atranco. Demasiada organización e pouca estratexia non é un bo comezo.

Para min, poñer en marcha unha auténtica democracia pasa imprescindiblemente por unha análise nítida de cal é o problema coa actual democracia. E ese problema non é a falta de propostas coherentes e detalladas, senón a imposibilidade de levalas á práctica porque a soberanía está secuestrada polo sistema representativo e os seus actores: os partidos políticos. Esa é a análise que por exemplo nos levou a crear Democracia Directa Dixital hai algúns anos. Se o problema é que o sistema representativo bloquea a democracia, como podemos trocalo ou como podemos mutalo, infectalo, hackealo, para que obedeza aos intereses maioritarios dos cidadáns e non aos dos políticos e dos que manexan os seus fíos? É dicir, unha vez identificamos o problema, procuramos unha estratexia para solucionalo. Aí non vexo lugar para propostas de redución de gasto militar ou de eliminación de privilexios dos parlamentarios ou de modificacións constitucionais… Non; esas propostas xa existen e polo que debemos pelexar agora é por facelas posibles: velaí a loita por unha Democracia Real. E se queremos que sexa Xa… cal é a estratexia máis rápida?

Aí foi onde entendín eu que a idea de D3 podía achegarlles algo, para concentrarse nunha única acción, nun único cambio radical, que fixese posibles todos os demais: lograr democracia directa, como única democracia real posible e desexable. A estratexia para isto ou é electoral ou é doutro tipo. Se se opta pola electoral… pódese crear un partido cun programa caralludo e despois presentarse ás eleccións… para conseguir como moito o teito electoral de IU, p.ex. Ou pódese optar por un partido oco, baleiro de programa, que facilite que todos os colectivos cidadáns poidan elevar as súas propostas ás institucións, eludindo os atrancos e as defensas que o sistema ten máis que probados contra a estratexia do partido-de-esquerdas-con-programa-prefixado. É a estratexia tecnotroiana que xa teño explicado moitas veces. No breve tempo do que dispuxen (porque como non integrante de DRY non lles quería acaparar o seu tempo) tentei explicala, pero percibín que a miña improvisada presentación da idea foi captada moi superficialmente por algúns, e tan só unha persoa amosou un claro entusiasmo ante a posibilidade de lograr unha democracia directa mediante Internet. Outras recoñeceron un valor parcial na proposta e en xeral a idea da democracia directa como democracia real penso que encaixaba no ideario de DRY. De todos xeitos o moderador non considerou que centrarse en seguir unha estratexia pola democracia directa a través de Internet fose unha proposta que encaixase na orde do día e a asemblea continuou o seu trascurso previsto.

Tampouco escoitei que se fixese do sistema representativo o cerne do problema, e falouse tan só do atranco do bipartidismo.

Aparte destas cuestións de fondo, tamén me decepcionou que se está supeditado a ser un punto máis dun colectivo a nivel español, sen amosar independencia estratéxica nin de contidos a nivel galego. Debátese sobre o que xordiu en DRY-España e enviaranse as propostas alí, coordinándose en todo momento co que alí se debata co obxectivo dun consenso a nivel estatal.

Saín da xuntanza, antes do seu remate, un tanto preocupado. Amólame que tanta forza e entusiasmo por mudar as cousas se perda nun esforzo reiterado por recrear propostas e demandas. Por suposto que teñen todo o dereito do mundo estas mozas e mozos a faceren as súas propostas e a non asumir as doutros colectivos ecoloxistas, antimilitaristas, feministas, de precarios, estudantes, etc. Pero polo que vin están percorrendo exactamente as mesmas liñas e van dar en parecidas conclusións. E con isto non se logrará máis democracia nin unha democracia máis real, porque boas propostas témolas xa, levan décadas xordindo da sociedade por medio de movementos sociais de todo tipo; e se non as temos, podemos crealas… mais ese non é o problema, esa non é a carencia do sistema nin o que nos levou á situación actual. Non estamos onde estamos porque falten propostas para amañar as cousas, senón porque o sistema partitocrático actual non permite poñelas en práctica. Paga a pena pararse a repensar que estamos a facer, para non queimar as nosas recén nadas forzas en esforzos que non levan a ningures, en dar pasos atrás para partir de cero sen saber nin cara onde camiñamos. Por que onde quere chegar DRY? Cando teñan elaborado un programa lexislativo detallado e marabilloso… como o van facer realidade? Como eludirán ou eliminarán esa inmensa barreira que couta a vontade popular e que é o sistema de partidos? …En que vai quedar esta #spanishrevolution se se limita a elaborar un programa político e non sabe como facelo realidade? Ao meu entender as opcións estratexias son contadas:

  1. Poñelo en práctica desde abaixo á marxe do Estado: estratexia que poderiamos denominar anarquista ou estilo Sin Capitalismo.
  2. Poñelo en práctica tras unha toma do poder mediante a violencia ou mediante a non-violencia: estratexia golpista-revolucionaria.
  3. Poñelo en práctica gañando unhas eleccións con ese programa: estratexia electoral tradicional (que xa vemos onde leva).
  4. Crear unha canle para elevar estas e calquera outras propostas cidadáns agora ou no futuro, mediante a estratexia tecnotroiana de D3, con esas siglas ou con calquera outras, mentres sexan os electos teledirixidos polo pobo mediante Internet de maneira asíncrona e permanente.

Para avaliar cada unha destas estratexias debemos prantexarmos:

  1. Cal delas requere máis forzas?
  2. Cal delas sería máis rápida?
  3. Cal delas sería máis doadamente contrarrestada polo poder actual?
  4. Cal delas choca máis de frone co atranco da escasa pluralidade dos medios de comunicación?
  5. Cal pode ter máis apoios, tanto de organizacións sociais como de cidadáns particulares?

Que imos conseguir protestando nas rúas? Que imos conseguir reclamando aos gobernantes? Existe algunha outra vía para tomar de novo por fin a democracia das nosas mans?

Ogallá as acampadas, DRY, #nolesvotes, Juventud Sin Futuro e outros colectivos que fan parte deste incipiente e ilusionante xermolo de mudanza social e política fagan unha análise nestes termos e reconsideren as accións que levarmos a cabo despois das eleccións do 22 de maio. É preciso se queremos mudar dunha vez por todas este sistema antidemocrático.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

7 Comments

  1. Gostaríame engadir que se este movemento non quere caer no testemuñalismo de simplemente redactar unha lista de demandas, debería pensar unha estratexia que rachase co sistema que precisamente impide facer reais esas demandas.

  2. Semella que algún dos participantes de onte non tomou moi a ben esta crítica (ou polo menos a parte dela que leu, porque recoñeceu non tela lido completa). Mágoa.

    O que si quero difundir aquí é o que me fai chegar, entendo eu que a nivel de representante destes grupos, a xeito de aclaración:

    En Santiago, DRX e AcampadaSQC somos o mismo e as mesmas persoas.

    Se isto é expresamente así (non estaría mal que o explicasen publicamente en ambos os dous webs) debo interpretar doutro xeito os comentarios iniciais na asemblea onde se dicía que se desmarcaban DRY das acampadas. Entendo que da que se desmarcan é da de Madrid, ou se cadra os que se desmarcan con DRY a nivel español da acampadasol. Non acabo de telo moi claro. Agardo que eles, polo menos, si.

  3. Chámame a atención que Democracia Real Ya se centre agora mesmo na elaboración dun programa de propostas no canto de tentar incidir nas eleccións do domingo cunha estratexia de urxencia.. Espero que no resto do estado español e o resto de compoñentes das acampadas que non pertencen a DRY, teñan outra planificación que teña en conta a oportunidade de influir no voto nas municipais e rexionais que se celebran mañá. Porque non haberá aínda democracia pero cómpre aproveitarmos ao máximo as exiguas canles de decisión que nos deixa o sistema representativa actual. A data elexida para as manifestacións que arrancaron a chispa desta #spanishrevolution resultou ser inmellorable, o 15 de maio, porque deu tempo xusto para que prendese e tomase a dimensión actual, sen ser excesivo para que perdese gas. Ogallá se saiba aproveitar e o 22 de maio se note que a xente, non só a xuventude, comeza a espertar.

  4. A raíz deste post comecei un diálogo cun dos membros de DRY, que virou certamente construtivo. Penso que se a idea de D3 non callou foi porque foi explicada nun contexto que non era o axeitado, e de maneira pobre e incompleta. Gustaríame que tivésemos un encontro específico sobre o que pode achegar a estratexia de D3 e a súa análise sobre a non-democracia actual, que a idea queda lanzada por medio deste representante. Espero que poidan aceptala e que teñamos ese encontro para debater estas cuestións. Se nos une un obxectivo común de lograrmos auténtica democracia, creo que acharemos de seguro puntos de confluencia ideolóxica e ogallá tamén estratéxica.

    Houbo cousas que non mencionei no meu artigo, e que tamén percibín naquela xuntanza, como que algúns membros de DRY non consideran que Internet sexa un medio axeitado para o debate, ou que D3 pretenda someter a votación programas incompatibles entre si (puxeron como exemplo IU e Falange) dunha maneira completa. Estas cuestión cómpre aclarármolas para que a valoración que faga DRY sobre D3 sexa xusta. Tamén para nós desde D3 valorarmos xustamente Democracia Real Ya, penso que precisamos informarnos máis sobre o seu debate estratéxico, sobre todo de cara ao que vai vir tras o 22 de maio.

  5. Semella que o movemento de acampados en Sol xa ten lista de reivindicacións algo máis detallada e que estas non son as mesmas (aínda que é doado atopar sintonía e coherente) cás de Democracia Real Ya.

    De entre elas destacarei a seguinte:

    9. Democracia participativa y directa en la que la ciudadanía tome parte activa. Acceso popular a los medios de comunicación, que deberán ser éticos y veraces.

    Penso que van no bo camiño pero coido que deben ser máis ambiciosos ao reclamar democracia directa por riba da ambigua participativa. E que no canto de pedir acceso aos medios de comunicación, debería reclamarse o control directo dos cidadáns, polo menos nos públicos.

  6. Menos propostas de política governamental e mais democracia para o povo através do combate da partitocracia, a luita contra a corrupçom política e conseguir mais transparência económica e política.

    E menos representantes do 15-M: twitter.com/#!/search?q=%23perosaSol

  7. Si, é posible que se trocamos uns representantes por outros e se substituímos unhas propostas por outras, non esteamos avanzando moito. Teimo en que a chave para unha mudanza revolucionaria estaría en permitir que todas as propostas fosen levadas ás institucións en igualdade de condicións e que a representación fose substituída pola democracia directa.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de En galego

A volta

Cumpre já esta volta. Cumpre já decrescer ou desaparecer.