////

Sobrevivirá a clase obreira ao petróleo?

O día 10 de marzo celébrase o Día da Clase Obreira Galega, e semella unha boa ocasión para prantexar unha cuestión que escapa á consideración da inmensa maioría da esquerda do noso país: ten futuro a clase obreira ou clase traballadora alén do petróleo?

Traballadores-Vulcano

É dicir: se os traballadores como clase naceron coa industrialización, semella lóxico pensar que desaparezan como tal clase co previsible colapso da civilización industrial derivado do esgotamento do insubstituíble recurso no que esta se basea. Sen petróleo, non hai industria, e sen industria, non hai traballadores. Se cadra, poderá quedar unha pequena clase artesá, pero a meirande parte dos traballadores, historicamente procedentes da inmigración ás cidades, volverá a converterse necesariamente en labregos.

Probablemente esa clase neolabrega non sexa asimilable á dos nosos avós e bisavós (a historia da clase obreira galega é bastante máis curta cá doutros países cun proceso máis temperán e máis completo de industrialización): probablemente sexa unha clase de labregos sen terra, porque no proceso de colapso da presente civilización, os posuidores do capital, mellor situados e máis conscientes da inevitabilidade do proceso de colapso, seguramente desvíen —xa o están a facer— a súa ollada con disimulo á terra e farán o posible por desprazaren os actuais habitantes ou desposuílos, coa colaboración do poder que seguirá a negar coa colaboración dos medios de masas que haxa un problema de tal trascendencia e que, como sucedeu xa noutros momentos da historia, tentará afogar con impostos aos modestos habitantes do rural ao tempo que lles retira o soporte de servizos públicos (escolas, transporte, sanidade…) para atraelos a unhas cidades condenadas. «Deixade o campo, que é o atraso e non é calidade de vida, e ide vivir ás cidades, onde os vosos fillos atoparán un futuro e vós unha vellez con mellores coidados. Ide, ide! Nós xa vos mercamos as leiras e as vacas.»

Así, a prezo de saldo, o capital farase dono do terreo de xogo da futura Galiza: o rural. E cando os habitantes das cidades, desposuídos de traballo e de futuro, queiran volver ao rural que abandonaron nesta ou nas anteriores xeracións da súa familia, atoparán que as condicións que lles imporá o poder serán dunha explotación que agora non podemos nin imaxinar. Serán os novos foreiros, os novos caseiros, os novos xornaleiros, traballadores sen terra de seu… enganados pola historia escrita polos que mandan.

Para resistir esta deriva da historia do noso país, debemos ser en primeiro lugar conscientes de que non podemos evitar que o industrialismo colapse. Non só a clase obreira non será a protagonista dunha soñada toma revolucionaria do poder, senón que se irá esfarelando rapidamente, arrastrada por sectores industriais en progresiva quebra. O Teito do petróleo é un fenómeno contra o que foi posible unha preparación, pero xa nin temos o tempo nin as condicións socio-económico-políticas para o facermos. Xa que logo, estaremos abandonados aos seus peores impactos.

O que si que podemos é anticiparnos, termos perspectiva histórica da oportunidade que temos e do que vai vir, e evitar que o capital se sitúe acaparando terras (e montes, fragas, auga…) no rural con vistas a se converter na nova clase feudal do país. Podemos loitar contra o desmantelamento dos servizos públicos no rural, porque aínda que o Estado poida rematar por colapsar, debemos defender que durante o maior tempo posible se manteña a infraestrutura que lle facilita a vida ao noso campo, mesmo por riba da que haxa que sacrificar nas cidades, onde sería investida nunha vía sen saída en detrimento dos recursos aplicables á consolidación rural. Podemos loitar por tecer redes sociais resilientes e resistentes no rural, construírmos unha sociedade neoagraria preparada para vivir sen petróleo e para facer fronte aos seguros ataques que sufriremos, que estamos xa a sufrir: esmagamento de pequenas explotacións, invasión de tranxénicos, contaminación das augas, expolio de bens naturais comúns de todo tipo…

Non poderemos facer pervivir a clase obreira despois do petróleo, pero si que podemos axudar a (re)nacer unha meirande clase labrega, digna e forte, que será a columna vertebral dunha Galiza sen petróleo.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso

Futuro feudal

Cada vez veo más seguro un futuro en el que los nietos de quienes abandonaron el

Progresismo

Cuando alguien está al borde de un precicipio, lo que tiene que hacer es...