Desde 2005 (?) ando a teimar en que o nome que se lle escoita á festividade de fin/comezo de ano celta na Galiza é sumamente ridículo. Alguén colleu no seu día o nome gaélico irlandés (unha boa idea, xa que polo visto fomos os galegos quen lles trasmitimos a cultura céltica e xa que logo, o idioma) e adaptouno. Se cadra colleu o nome moderno, que se escribe con H (Samhain) e sooulle a Samahin e dixo: ah, aquí hai un hiato e escribiu Samaín, pretendendo adaptar (?) a palabra ao noso idioma. Pero en realidade nada que ver, xa que se pronuncia algo como Xaun. Ou se cadra colleu directamente a palabra tal e como se escribía no irlandés antigo: Samain. Pero digo eu: de onde lle sacou o til? E por qué /sama’in/ e non /’samain/ ou /sa’main/?
Coido que se quen comezaron usar esta palabra tivesen pensando en como se pronuncia, terían adaptado para que a pronunciásemos ben. Vamos, o que se fixo sen ir máis lonxe coa palabra football, xa que daquela poucos coñecían o xeito de pronunciar inglés, e neses casos o que se fai é modificar a escrita para facilitar a pronuncia. Pero non, optaron por unha escrita que nin tan sequera é fiel á orixinal e por unha pronuncia totalmente inventada, xa que ningún irlandés sabería a que nos referimos se pronunciamos sa-ma-ín.
Se queremos irnos ao antigo, por aproximar máis ás raíces comúns, eu coido que deberiamos optar por un Xauen ou Xauin, sempre con pronuncia grave e non aguda, e cun /e/ moi pechado ou un /i/ moi breve, para semellarse ao irlandés antigo. Por suposto o /n/ final, nasal, como en galego. Esta pronuncia resultaría no meu entender bastante correcta e a escrita facilitaríaa grandemente. Non podemos pedir á xente que escriba Samaín e pronuncie Xauen. Mellor apliquemos a norma habitual na adaptación de neoloxismos (cf. fútbol, líder, etc.) e modifiquemos a escrita para respectar a pronuncia.
Feliz aninovo e comezo do inverno celta a todos! Xauen no canto de Hallowe’en e nabos no canto de cabazos! Por unha festa ancestral céltica europea e non por unha charramangueira moda ianqui.
PS: Eu mesmo andei bastante despistado coas miñas propostas anteriores de escrita desta palabra, tendo proposto Xaoín e mesmo Xahún/Xahun, cun H que non saía de ningures.
PS: E para os que non gosten de recuperar palabras presuntamente célticas galegas, que lle chamen Magosto ou (Todos os) Santos e abur!
Polo miña experiencia ao respecto da festividade na zona de Cedeira eu diría que «Samaín» é unha forma de chamarlle bastante anterior a 2005, pode que xa dos anos 70 (non podo aseguralo, pero eu lembro de sempre ese nome). Resulta obvio que se tratou dunha mala adaptación tomada da escrita, probabelmente por persoas que non tiñan coñecementos filolóxicos. O caso é que o nome está tan estendido que creo que o purismo filolóxico resultaría contraproducente. A min particularmente paréceme un feito curioso do punto de vista lingüístico como pode haber outros tantos, pero estimo que é tarde para a corrección e que está até certo punto fóra de lugar substituír unha pronuncia popular de décadas por outra sacada do irlandés antigo (lingua que non se fala na zona). É certo que hai barbarismos que entraron oralmente (e por iso escribimos «fútbol») pero tamén os hai que entraron unicamente pola escrita e adaptaron a súa pronuncia. É o caso de «iceberg», por exemplo, que non pronunciamos nin escribimos como «aisber». O Xauen (Samhain) pronunciase e escríbese Samaín, ten o mesmo sentido que en Ferrolterra lles chamemos brus aos cepillos e queiques a un tipo de pastel. Os prestamos lingüísticos teñen estas historias.
Por outra banda o de «nabos no canto de cabazos» tamén depende das zonas. Non teño nada en contra de ambas variantes, pero eu non lle vexo mal ás cabazas, e creo que se estivesemos orgullosos do que somos non precisariamos de diferencialismos que ás veces tamén acaban por deturpar as tradicións, aínda que sexa pola inversa. A festa de Santos é unha cuestión complexa que todos os anos ergue algunha polémica, non creo que teña tanta importancia, aínda que ao mesmo tempo non deixa de representar un problema crónico de autorrepresentación, e exemplifica a relación intensa e ás veces traumática que temos cos mitos. Pregúntome como vivirán en Irlanda a súa relación coa festa do outro lado do mar e se tamén terán este tipo de debates.
Un saúdo, é a primeira vez que paso por aquí, pero de certo que volverei.
O da adaptación reintegracionista paréceme sumamente lamentable: Samaim. Como poden incorrer nos peores erros da ortografía oficial? 🙁
Non o vexo tan terríbel. Asumindo que é un nome que xa ten un uso popular haberá que escribilo de forma coherente con cada ortografía. É certo que en reintegrado podería manterse sen trauma o n final etimolóxico, pero non creo que un m por un n teña tanta importancia, especialmente cando xa se quitou un h que na nosa pronuncia non pintaba nada. 😉
Interesante. Se podes achar un dato máis aproximado, xenial: engadiríamolo na Galipedia.
Nin creo que estea tan extendido (que % da poboación pensas que o coñece?) nin aínda que o estiver sería impedimento para corrixir unha desfeita idiomática. Na nosa maltratada lingua temos exemplos abondo por desgraza de palabras mal ditas ou mal escritas que foron rectificadas co tempo.
Grazas, Mario 🙂
Lémonos. E que pases bo Magosto/Santos/Xaun/Samhain/Hallowe’en/…
Penso que a relación de Galicia cos celtas foi pequena.
Penso que o Samaín é unha festa de moi pouca tradición en Galicia. Unha especie de implante.
Saúdos
O meu pai, que ten 64 anos, celebraba de neno esta festividade na aldea, baleiraban cabazas, poñíanlles unha vela dentro e ían polas casas pedindo castañas e asustando á xente que atopaban… E para el foi sempre Samaín.
A verdade é que me soprende o teu comentario, non tiña eu idea de que a forma aguda tiña orixes tradicionais en galego. Se é así, aparecería nalgún dicionario… Porén non parece ser así: http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=sama%EDn&tipo_busca=lema
Podes preguntarlle a teu pai algún dato máis e dicirnos de que zona é? Falamos dos anos 1950, non é? Daquela parece improbable unha influencia irlandesa ou celtista, e sería unha proba da enxebridade do termo.
Moi interesante, así que quedamos á espera de saber máis.
Eu teño medio século máis catro anos, e de pequeno con oito ou nove lembro na terra Chá o de facer coas cabazas caras de monstruos, e logo na noitiña acender candeas dentro delas.
Como estudante de irlandés coincido con toda a exposición filolóxica verbo do Samhain (que é o mes de novembro, nin máis nin menos…). No tocante ao nome galego, nunca o escoitara antes de ~2005, así que coñecido polo norte de Lugo non era… Esta festa sempre foi o Magosto para os nenos e Todos os Santos para os vellos, e aínda que estou 100% polo labor de adoptar Samhain ou Halloween (que é o que queda da festa de Todos os Santos «All Hallows Eve» que levaron os irlandeses nas grandes migracións a América no XVIII e XIX e vén de volta desde a película E.T.), e considerando que Samaín non soa tan mal (e rima co Xabarín), penso que os nosos nenos merecen herdar un galego máis limpo, xa é malo abondo que estea cheo de castelanismos!
Efectivamente, falamos dos anos 50. Eu son filóloga, así que tamén me cuestionei este termo, e mesmo a tradición. O meu pai é do concello de Frades, e polo que sei por conversas con el e coa miña avoa, celebraron sempre o Samaín e con esta denominación.
Sobre os nomes mais tradicionais, sem entrar no empréstimo linguístico, eu decantaria-me por ‘defuntos’ (ou ‘véspera de defuntos’ ou ‘noite de defuntos’). Considero-o uma opção mais patrimonial que ‘Todos os Santos’, que na minha zona só se usa no âmbito eclesiástico.
Xa pero non é exactamente o mesmo: Defuntos é a véspera de Todos os Santos. Non é?
‘Todos os Santos’ nunca se empregou en ámbito galego, e se agora se fai é por influencia do español. Dicíase a noite de Santos (a véspera) e Santos (o 1 de novembro).
Eu referíame á denominación da festa relixiosa segundo a terminoloxía da igrexa católica.