/////

Implicacións do Teito do petróleo para a sociedade e para a esquerda política e social

Foro Ecoloxía - Refundando a esquerdaO pasado sábado tiven a ocasión de falar no I Foro sobre Ecoloxía do proceso Refundando a Esquerda, sobre a cuestión do Teito do Petróleo.

Veño de preparar para publicación o PDF da miña poñencia, o cal quero ofrecer desde aquí para tentar prolongar o debate coas persoas que asistiron ao foro, xa que por cuestión horaria tivemos que deixar un interesante debate a medias e ficaron moitas cousas no aire ou por aclarar.

Por suposto calquera outra persoa, aínda que non asistira, pode deixar aquí os seus comentarios, dúbidas, críticas ou cuestións acerca do que expliquei.

PS 06/10/2010: A xente de Esquerda Unida ven de publicar no YouTube os vídeos das intervencións. A partir desta ligazón pódese ver e escoitar a miña.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

6 Comments

  1. Aínda que o post-debate parece que vai ter lugar virtual no blog de Ouveando, vou deixar aquí algúns dos meus comentarios, por redundancia:

    Unha das cuestións básicas que quedei sen tocar e que despois saiu na exposición de Ángel Culebras e nalgún comentario entre os asistentes… foi a do dereito ao traballo. Di Culebras que sen traballo non existe ningún outro dereito humán. Eu penso que esa concepción nace coa civilización industrial e morrerá con ela.

    O traballo (entendido como asalariado) é algo que xa moitos historiadores nos teñen feito ver que é un concepto inoculado na mentalidade dos humildes por necesidade do Capital. Eles eran quen precisaban man de obra para construír o capitalismo, o industrialismo… e por iso millóns de seres humanos durante os séculos XIX e XX abandonaron as súas aldeas e comezaron «traballar». Ata entón non traballaban, non tiñan esa necesidade (obriga, máis que dereito), e só existía o «labor» agrícola, gandeiro, artesán… que era o que lles permitía vivir.

    Xa que logo, non estou de acordo en que sexa o traballo o que asegura outros dereitos nin o que debe ser o factor clave da acción da esquerda no mundo post-petróleo.

    Outro debate sería tamén que dereitos poden subsistir nese mundo… por mera posibilidade física, pero esa é outra cuestión, e ben dura por certo.

  2. Por outra banda Culebras defendía que o problema da fame non é de produción total de alimentos, senón de inxusta distribución.

    Non podo estar máis de acordo… polo menos no que foi o inmediato pasado.

    A partir duns anos atrás os rendementos marxinais da agricultura industrial están a decrecer, mentres a poboación mundial non deixa de medrar. Isto fai que os alimentos per capita, mesmo na teoría, nesa distribución irrealmente igualitaria que implica sacar medias mundiais, cada vez tocan a menos. Están a decrecer. Podemos dicir que tocamos o peak-food, e sobre ese tema hai moitos artigos na WWW analizándoo.

    En calquera caso o que é inviable é alimentarmos a poboación que fixo posible o petróleo e o gas natural, sen contar con eles. Porque cando non os houbo o planeta tiña unha poboación varias veces menor e sen eles deberá volvela ter: é lei ecolóxica fundamental, como tentei explicar na miña exposición. Como substitúes esa fertilidade artificial? Como volves dar de comer a toda esta xentiña que estamos hoxe no planeta se non vas poder nin trasportar alimentos dunha zona fértil a outra carente de recursos bióticos? A xente morrerá de fame ou migrará a zonas onde haxa alimento, cos previsibles conflitos.

    O discurso tradicional da esquerda de: «hai alimento para todos, só hai que repartilo con xustiza» penso que hai que revisalo con urxencia, porque xa non vai ser así.

    Comprerían accións tendentes á redución da sobrepoboación e ao tempo unha viraxe revolucionaria de volta á agricultura orgánica e tradicional, mellorada se cadra con técnicas innovadoras como a Permacultura. Teño debatido con compañeiros da asociación se dá para comermos todos ou non esa combinación e non chegamos a un consenso. Ogallá estea eu trabucado e atopemos a maneira de comer todos cando non haxa petróleo.

  3. Román (coido que escoitei que o chamou alguén así), o primeiro que abriu o debate tras as exposicións na mesa, dicía que había un gran problema en explicarlles aos traballadores (poñía como exemplo os da Citroen de Vigo) que se tiñan que adaptar ao futuro, que dicir non ás subvencións para mercar coches, etc.

    A cuestión é crítica, efectivamente. E temos moi poucas expectativas de lograla explicar, por iso a miña teima en que perdamos pouco tempo tentándoo, e máis creando as redes de resiliencia ás que terán que acudir eses e outros traballadores cando inevitablemente o sector industrial do automóvil e derivados morra xunto co petróleo e coa mobilidade elefantíasica que padecemos hoxe en día.

    Eu explicaría a ese traballador que o sector ten os días contados e que mellor estarían eses cartos metidos nunha reconversión e formación para empregos non consumidores de recursos esgotables, ou para facilitar unha volta ao rural para que desexar, etc.

    Cando non imos poder evitar unha cousa só nos queda dedicir que facer coas nosas forzas (e cartos e enerxía): teimar no imposible ou prepararnos para resistilo e sobrevivir.

  4. Os asistentes de Salva o Tren (magnífica e sen dúbida necesaria iniciativa) sacaron varios temas a relocir na súa intervención que quedei con mágoa de non poder contestarlles:

    Dicían que un atranco á necesaria acción municipal que eu propoñía como opción estratéxica para a esquerda, era a supeditación dos alcaldes ao que lles ordeaban os seus partidos, cando gobernaban en instancias superiores. Certo é que ese problema existe. Xa que logo parece claro que haberá que apostar polos concelleiros máis independentes, os que non teñan que cumprir disciplinas de partido en contra do futuro do seu concello 😉

  5. O representante de Salva o Tren dicía que é preciso convencer aos gobernantes. Eu diría que non se moleste, que adique as súas forzas a outra vía de acción, porque os gobernantes nin queren escoitar nin aínda que escoiten os vai facer baixar da burra do seu beneficio a curto prazo e despois de min o caos

    Dicía que o coche eléctrico non era solución porque aínda non tiña un custe competitivo para as prestacións que ofrece. Entristeceume ver esa visión tan ortodoxa vindo de xente coma eles. Hai que asimilar que hai que vivir sen coche (eles dicían que en Galiza é imposible; non o é, e menos o vai ser cando o prezo pohibitivo da gasolina os faga quedar case todos aparcados). E se o coche eléctrico é algo criticable é principalmente porque é un malgasto de enerxía e materiais e porque prolonga o mito do coche e da mobilidade esaxerada.

    Dicía que non é posible o trasporte de mercancías co motor eléctrico e aí trabúcase, pero non serei eu o que defenda a imposible reconversión de milleiros de camións a motores eléctricos, algo claramente delirante cando se comproba e escala e custo enerxético da operación.

  6. Dicían tamén os de Salva o Tren que o goberno fai todo o posible para acabar do rural, que lle é un estorbo e un gasto…

    Non digo eu que non queiran eliminar xente de alí coa ollada posta en deixar o campo libre (nunca mellor dito) para a instalación de empresas que o exploten… pero coido que sería algo errado, pois o retorno poboación masivo ao campo é algo inevitable tras o Teito do petróleo.

    Desde logo a política que se segue hoxe en día parece seguir o obxectivo que apunta Salva o Tren, e iso provocará que cando queiran volver moitos ao rural teñamos grandes atrancos e atopemos un campo desertizado.

    E finalmente criticar que demanden da esquerda ofertas competitivas, darlles alternativas reais á xente. Se iso vai na onda das prestacións do coche eléctrico que comentaban… mal imos.

    A esquerda caracterízase por primar a cooperación sobre a competencia. Esquezamos esa palabra xa que logo, do vocabulario básico para a Nova Revolución que precisamos. Non podemos facer ofertas xogando coas reglas do mercado capitalista, porque son as súas regras e porque o xogo vai rematar e sería pouco intelixente meterse nel con tan malas cartas a piques de rematar a partida. Preparemos as nosas cartas para xogar o novo xogo da vida despois do capitalismo, en troques, e afortalemos as únicas solucións que van existir cando esas bonitas ofertas de serea do capitalismo xa non existan, sexan inviables por mero imperativo termodinámico.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso

Futuro feudal

Cada vez veo más seguro un futuro en el que los nietos de quienes abandonaron el

Progresismo

Cuando alguien está al borde de un precicipio, lo que tiene que hacer es...