Xa hai máis de dous anos que veño pescudando nas cuestións relativas á fraxilidade das nosas sociedades industrializadas desde o punto de vista enerxético. Recentemente achei outra información que fixo medrar aínda máis a preocupación que me causara descubrir en 2008 as implicacións do teito da extracción mundial de petróleo. Esa información procede de científicos da NASA que levan tempo avisando da alta probabilidade dunha tempestade xeomagnética que podería destruír ou danar gravemente boa parte —se non todos— os sistemas eléctricos e electrónicos do planeta. Desde hai uns días esas advertencias están a se concretar sinalando como data probable o 2013. Resúltame estarrecedor comprobar a coincidencia coas datas en que moitos xeológos prevén que comecen a palparse as consecuencias máis graves do esgotamento do petróleo: o solapamento deste posible apagón mundial coa crise de fondo do decive enerxético fósil pode resultar demoledor para unha civilización que abanea.
Teño claro a estas alturas, despois de múltiples lecturas e debates con persoas coma min preocupadas e atentas ás informacións que sobre estes problemas se van publicando (desde logo non nos grandes media), que a industrialización vai resultar sendo un gravísimo erro na evolución da nosa especie. A consecuencia deste proceso histórico, social e antropolóxico, alimentado pola ansia capitalista de crecemento e plusvalía e polo legato enerxético fósil do noso planeta, fixémonos a nós mesmos dependentes de dous factores moi fráxiles: o petróleo (elemento finito en proceso de esgotamento) e a electricidade (cuxos sistemas son susceptibles dun colapso absoluto ante as tormentas magnéticas solares). Isto é así cando menos para boa parte da poboación do planeta, xa que moitos outros —os países e áreas menos industrializados— aínda conservan parcialmente a capacidade de sobrevivir sen estes dous recursos.
The sun is waking up from a deep slumber, and in the next few years we expect to see much higher levels of solar activity. At the same time, our technological society has developed an unprecedented sensitivity to solar storms. (Richard Fisher, director do departamento de heliofísica da NASA, Xuño de 2010)
Por riba, a propia complexidade á que deu pé a industrialización fai que cada vez haxa que destinar máis recursos ao propio mantemento desa complexidade estrutural. Isto xa foi algo que fixo colapsar a outras civilizacións anteriores, segundo advirte Joseph Tainter e outros autores, e ten moito que ver coa lei dos rendementos decrecentes. Así que non é nada novo. A diferenza é que nós multiplicamos isto de maneira descomunal grazas a un consumo de recursos e enerxía como nunca antes se vira e agravámolo cunha poboación 5 veces superior á que puido soster a biosfera ata o descubrimento dos combustibles fósiles e a súa trasmutación indirecta en comida para a nosa especie, convertida deste xeito en detritívora (vid. «Overshoot» e «Bottleneck» de W. Catton), e como tal condenada a un proceso de extralimitación e colapso.
A ameaza magnética solar á civilización electrónica
Xa que sobre o Teito do petróleo teño falado longamente, vou concretar agora algunhas das informacións acerca destoutra espada de Damocles que pende sobre a nosa civilización:
In just one generation, our reliance upon uninterrupted power supplies to run our computer-rich, internet-laced, civilization; our colonization of near-earth space with hundreds of billions of dollars of satellite; and manned human activity, have placed all of these enterprises at risk for damage by solar storms. (Dr. Sten Odenwald, 1998)
Os danos que se teñen constatado durante anteriores tormentas solares rexistradas inclúen:
- Sobrecargas en cables telegráficos e eléctricos, de ata 25.000 voltios e lumes asociados.
- Correntes inducidas de entre 10 e varios centos de amperes, por campos que poden chegar a máis de 1.000 nanoteslas.
- Danos e explosións en trasformadores e disxuntores en estacións de subministro eléctrico.
- Interferencia nas emisións de radio.
- Descargas eléctricas a persoas que manexan aparatos eléctricos.
- Caídas de case 100 MW (en escasos minutos) no subministro eléctrico ás cidades.
- Perda do subministro eléctrico durante varias horas a grandes rexións por fallos na súa estabilización.
- Aumento da corrosión das tuberías de petróleo e gas natural, puidendo ocasionar así explosións ou cando menos reducindo a súa vida.
- Danos diversos a satélites artificiais: interrución do seu servizo, perda de células solares, perdas de subministro eléctrico, destrución da información por trocos pantasma de bits, perturbación das súas órbitas, etc.
- Fallos nos microchips dos equipos informáticos ou dos satélites.
- Segundo estimacións dos Oak Ridge National Laboratories unha tormenta solar de intensidade non moito maior cá que houbo en 1989 causaría uns danos á economía dos EUA duns 6.000 millóns de dólares.
- O American Electric Reliability Council comparou os danos das tormentas magnéticas de marzo de 1989 e de outubro de 1991 cos do terremoto de San Francisco de 1906 ou os dun gran furacán.
Entre as consecuencias da nova tormenta solar prevista para 2012 ou 2013 (dunha intensidade sen precedentes), os científicos citan, ademais:
- Fallos (temporais ou permanentes) en todos os equipamentos electrónicos: aparatos médicos, de navegación e control aéreos, ordenadores (domésticos, de bancos e servizos financeiros, de todo tipo de empresas), dispositivos portátiles (teléfonos, iPods, etc.), sistemas de navegación por GPS, sistemas de comunicación dos servizos de emerxencia, radios, radares…
- Sobrecarga das redes eléctricas.
- Apagóns prolongados (horas, días ou meses) en áreas extensas. Un estudo estima en 130 millóns de estadounidenses os que quedarían sen luz hoxe en día diante dunha tempestade solar como a de maio de 1921.
- A National Academy of Sciences dos EUA valorou o dano económico potencial dunha tormenta magnética solar en 20 veces o do furacán Katrina, é dicir uns 2 billóns de dólares só no primeiro ano, e que lle levaría ao país entre 4 e 10 anos recuperarse.
«If the world’s transformers are destroyed, you can’t just buy new ones off the shelf. Lose electricity and you can’t purify water, can’t treat sewage, can’t pump oil, you can’t refrigerate anything, communications, satnav and the internet go – it is Armageddon-type stuff.» (Dr. Jim Wild, Abril de 2010)
Segundo a miña propia procura de información na WWW existen aínda outros efectos perniciosos das fulguracións solares:
- Danos bioquímicos nos seres vivos pola chuvia de protóns asociada. Danos a humanos e outros mamíferos debidos á radiación de alta enerxía.
- Perturbacións aos sistemas de navegación magnéticos de varios animais: pombas, baleas, etc.
- Os satélites artificiais máis baixos poden chegar a caer por ver a súa órbita variada pola tempestade ou por ver os seus sistemas de elevación periódica danados.
- Interferencias tamén nos sinais de televisión e teléfono.
- As tempestades xeomagnéticas duran entre 1 e varios días e chegan á Terra entre medio e varios días despois da fulguración solar que as causa: a grande tesmpestade do 1 de setembro de 1859 tardou 18 horas en chegar. Polo tanto os efectos dos que avisan os científicos terían como mínimo esa duración (no caso de seren reversibles, claro).
- Se a fulguración é do tipo que emite raios X, podería tardar tan só 8 minutos en chegar á Terra.
Aínda que certas rexións (as máis achegadas ao Norte magnético) son máis proclives ca outras a ver afectadas as súas liñas eléctricas por este tipo de fenómenos (que se repiten con diferente intensidade de maneira cíclica), as consecuencias pódense encadear pola gran interdependencia dos sistemas técnicos e económicos dos diversos países. Os fallos en cascada dos sistemas eléctricos son moi comúns sen necesidade de xigantescas correntes magnéticas procedentes do espazo exterior, así que é de temer que se multipliquen con este previsto evento solar.
A web of interdependencies makes the modern economy especially sensitive to solar storms. (Dept. of Homeland Security, 2008)
As medidas que reclaman os científicos que están a dar a voz de alarma para protexer as redes eléctricas e os servizos básicos e de emerxencia, son desde hai tempo coñecidas, pero custosas e nalgúns casos só parcialmente eficaces: só permiten reducir a devastación. Desde hai uns poucos anos os científicos e autoridades dos EUA véñense reunindo para estudar os posibles impactos e a maneiras de prever os eventos solares.
Para máis información suxiro as seguintes ligazóns ademais das presentes no hipertexto anterior:
- Severe Space Weather Events—Understanding Societal and Economic Impacts
- Datos actualizados cada día sobre as fulguracións, manchas e tormentas solares.
- Animacións da última gran fulguración (ano 2000)
- Animación do impacto sobre a magnetosfera terrestre.
- As CIX (correntes inducidas xeomagneticamente)
- Mencións da supertempestade de 1859 na prensa da época
- Consellos da revista Wired para protexer os equipamentos electrónicos.
Vaia, vaia, vaia!!! A OCDE tamén está preocupada polas tormentas solares! http://www.oecd.org/dataoecd/57/25/46891645.pdf
[…] vienen lanzando desde hace un tiempo los astrofísicos acerca de una más que probable y cercana megatormenta magnética solar (2011? 2012?) y que insisten en que una de las consecuencias más claras y peligrosas será el […]
[…] todo esto sin tener en cuenta otras amenazas para la supervivencia de la Red de redes, como la megatormenta solar o las procedentes de gobiernos que tratan de cortar o limitar el acceso o la funcionalidad de […]