////

Só a ciencia nos pode salvar… ou se cadra non (É suficiente o Decrecemento?)

(Por unha banda…)

Penso que a única posibilidade que ten a especie humana de saír do cul-de-sac evolutivo no que se meteu, é a través da Ciencia. Pero non como adoitan pensar os cornucopiáns, por medio das aplicacións da ciencia, é dicir, por medio dalgunha tecnoloxía milagreira ou dalgún descubrimento de novas e infinitas enerxías… A nosa oportunidade ha de vir por medio da comprensión científica da realidade xa presente nas nosas vidas. É preciso -como William Catton moi ben explicaba en 1980 na súa obra fundamental Overshoot: The Ecological Basis of Revolutionary Change– aprendermos a ver o funcionar do mundo humán en termos ecolóxicos se queremos evitar as peores consecuencias da situación de extralimitación na que xa se atopa a nosa especie. É dicir, non fai falla descubrir nada novo, senón comprender o vello e o actual cos ollos da Ciencia (con maiúscula): ver o absurdo termodinámico do crecemento económico continuado, comprender as implicacións ecolóxicas de pasar a nos alimentarmos (case literalmente, por vía da agricultura moderna) dun detrito orgánico como é o petróleo en troques de facelo a partir da produción renovable do biosfera… e outros novos ollares que conformen un cambio revolucionario de paradigma interpretativo do mundo, un novo modelo mental para comprendérmonos e as nosas sutís pero suicidamente acumulativas accións de cada día.

(Mais por outra…)

Temo que nin isto sería de abondo. O propio Catton, moito antes de que se comezasen a difundir en ámbitos alternativos ou contraculturais (como diría el) termos como o de decrecemento, xa advertía da futilidade da vida sinxela, do insuficiente que podía ser a persoa que optase consciente e voluntariamente por reverter a súa mutación en Homo Colossus para voltar a ser un Homo Sapiens de baixo impacto ecolóxico e baixo consumo enerxético e de materiais. Efectivamente a taxa de aparición deses desertores do consumo industralizado, deses apóstatas do crecemento continuado, deses decrecedores… debería ser como mínimo igual ao incremento anual da poboación humana do planeta para ter algún efecto na deriva cara o colapso da nosa especie: é dicir, máis de 80 millóns de novos decrecedores cada ano, máis de 200.000 cada día… 2 e medio cada segundo!! A inercia do crecemento demográfico converte o movemento polo Decrecemento nunha ferramenta de moi improbable éxito para a trasformación do mundo, aínda que seguramente fornecerá unha maior resilencia a título individual-familiar a aqueles que adopten esa ética da vida frugal.

Se lemos a Catton (pp. 173-174 do devandito libro) veremos que algo semellante ao paradoxo de Jevons actúa tamén invalidando o efecto global deste tipo de accións. Se Jevon falaba no s. XIX de que canto menos carbón gastaban as máquinas (i.e. máis eficientes eran), máis se usarían esas máquinas e ao final acabaríase doadamente consumindo en total unha maior cantidade de carbón… Catton á súa vez fainos ver que canto menos recursos consuman unhas persoas, máis deixarán para que outros Homo Colossus segan a consumir, e ao final o consumo total pode ser o mesmo, ou mesmo pode virar máis voraz (se máis Homo Sapiens caen na trampa do consumo colosal de recursos e viran Homo Colossus) e rematar antes o conxunto da poboación de consumir os recursos non renovables (petróleo, gas natural, carbón, uranio, minerais…). Ese risco do efecto rebote do Decrecemento xa está sendo posto enriba da mesa por varios pensadores como crítica á súa validez como medio para a nosa volta como especie aos límites planetarios. Porque aínda que decrezamos conscientemente para deixar sitio a un maior consumo dos menos favorecidos que non atinxen un nivel digno de vida, nada nos asegura que sexan eles quen aproveiten o que nós deixamos de consumir, que en troques pode ir parar a un maior consumo dos nosos paisáns ou ao doutros cun nivel de consumo xa elevado. Como naquela escena de Amanece que no es poco, a xenial e surrealista película de José Luis Cuerda, podemos preguntarnos… «y ¿cómo les aprovecha a los negritos de África mi ayuno?» Pero ao contrario do que Cassen no papel de cura respondía, non hai un «Cuerpo místico de Cristo» que distribúa os nosos recursos conscientemente non-consumidos a quen os precisaren.

A formiga decrecedora abandona o tesouro desbaldido polas cigarras colosaisTentarei ilustrar esta crítica cuestión coa parábola do tesouro fósil que tan ben souberon empregar varios autores divulgadores do Teito do petróleo. Imaxinemos que a Humanidade é unha familia que desde sempre viviu grazas a uns ingresos que acadaba co seu labor diario. Un malfadado día descubren enterrado no xardín un tesouro abraiante, un cofre cheo dunha cantidade de moedas de ouro que en principio lles semella case incontable. E comezan alegre e irreflexibamente a gastar esas moedas en todo tipo de cousas, necesarias ou non… Cada mes cada un dos membros da familia gasta e consume máis e máis, elevando o seu nivel de vida por riba do que os ingresos que percibe polo seu traballo lle tería permitido. Ben, pois esa é en resume a historia da Revolución Industrial e do descubrimento da maneira de explotar os aforros enerxéticos de centos de millóns de anos do planeta terra: o carbón, o petróleo e o gas natural.

Pero seguindo coa nosa historia, un bo día, un dos membros da familia dase conta de que levar ese nivel de vida grazas a un tesouro visiblemente finito -malia enorme-, non pode levar máis que ao seu esgotamento tarde ou cedo, e decide en consecuencia deixar de lle meter man ao cofre para volver a vivir dentro das súas posibilidades de ingresos mensuais. Loxicamente ese membro da familia estaría sendo moi cabal, e estaría preparándose para o día en que o cofre quedase baleiro. Mais, ao compartir o tesouro e a casa co resto da familia, que efecto tería a súa decisión no conxunto? Seguramente o seu acto de deixar de botar man do tesouro permitiría aos que seguisen a desbaldilo, despreocuparse un chisco máis polo futuro, xa que agora o tesouro habíalles durar un pouco máis. E se en troques dun, fosen 2 ou 3 os membros que se abstivesen de tocar o tesouro… mesmo aínda que só quedase un membro desbaldidor, o tesouro había por rematar consumíndose por completo, para perxuízo final de todos, que xa non poderían botar man del en caso de houber na familia unha mala racha laboral no futuro (incluíndo as seguintes xeracións). E mesmo pode que os afeitos a vivir sobre as súas posibilidades descoidasen os seus traballos e cando quedasen sen tesouro e tamén sen ingresos mensuais, acudisen a pedir ou roubar aos seus irmáns menos pródigos. Esta situación ilustra o dilema que afronta na miña opinión o Decrecemento como filosofía ecolóxica e de acción política, e que non é senón un caso máis da coñecida como tragedy of the commons.

Que facer?

Con esta reflexión non pretendo concluír que debamos negarnos a ser formigas temendo que non serva máis que para permitir as cigarras viviren máis tempo alén dos límites. Sen dúbida a única opción ética na actual crise ecolóxica é optar polo Decrecemento. Pero faise preciso reflexionar sobre como complementalo a nivel social con outras medidas e accións políticas de distribución de recursos, para evitarmos que os beneficios que para as xeracións futuras pode supor deixar de lles roubarmos os recursos que tanta falta lles van facer, se perdan no presente a mans de competidores trampulleiros. Debemos ser decrecedores por xustiza social pero tamén por compromiso coa pervivencia da nosa especie, tamén para defender o legato dos nosos fillos (e mais dos fillos das irresponsablemente pródigas cigarras), un legato que está a sucumbir nunha inxusta competencia entre a xeración actual e as que están aínda por vir. A liberdade de mercado virou -por obra e graza dun capitalismo industrial petrolívoro- na liberdade de saquear o futuro dos nosos fillos e netos. A ética reclama que desertemos dese roubo planetario e que defendamos politicamente os dereitos á existencia desas indefensas xeracións, e da nosa propia, a primeira que ha empezar a pagar o pratos rotos dunha civilización que lle virou as costas ás realidades ecolóxicas do planeta.

8 Comments

  1. Se hai algo co que non concordo de Catton son as opcións que sinala como viables e non viables, é o seu desprezo pouco fundado da acción política. Coido que cae precisamente no mesmo erro que el imputa aos revolucionarios que non teñen en conta a faciana ecolóxica dos problemas da Humanidade. El -nun eco-determinismo moi radical- considera que o sistema económico-político que dirixiu a conversión do ‘Homo Sapiens’ en ‘Homo Colossus’ non tivo maior influencia, e que esta era inevitable desde un punto de vista antropolóxico e mesmo ecolóxico, xa que toda especie que atopa un tesouro enerxético como o que atopamos nós cando a máquina de vapor nos permitiu aproveitar os combustibles fósiles, acaba na súa opinión medrando máis da conta e colapsando.

    Aínda que parto de que ese condicionante ecolóxica existe e é a tendencia a longo prazo da nosa especie, que dúbida cabe que foi o Capitalismo quen obrigou a explotar ese tesouro a un ritmo imposible de frear e que evitou a toma de conciencia ecolóxica da sociedade do que estaba a pasar. Ignorar a influencia do modelo socioeconómico neste proceso de extralimitación (‘overshoot’) non semella realista. E na medida en que un determinado modelo levou a un determinado tipo e ritmo de extralimitación, podemos pensar en que outro modelo podería ter maior éxito en corrixilo ou mitigalo, xa que é a única opción que en opinión de Catton (xa no 1980!) nos quedaba.

    Polo tanto insisto en que as necesarias accións decrecedoras a título individual-familiar deben ser complementadas cunha viraxe política radical que permita deter o crecemento e comezar a distribuír os recursos actuais e os que faltan por consumir. É dicir, unha distribución non-capitalista da riqueza, guiada por criterios científicos de Economía Ecolóxica. Se aínda podemos facer algo, será por esa vía.

  2. Pode que a miña crítica do Decrecemento como insuficiente estea baseada nunha concepción deste como unha opción ética máis do estilo do Downshifting que como a opción ética-política que se está a configurar hoxe en día. Se cadra eu como persoa que ven practicando un certo tipo de Downshifting desde o inicio da miña vida laboral, vexa a miña opinión lastrada por unha traslación demasiado directa entre ambos os dous conceptos.

    O Decrecemento como programa político radical de trasformación social penso que encaixa nesoutro nivel de acción que eu reclamaba neste texto. Podemos ler na Wikipedia que é:

    una corriente de pensamiento político, económico y social favorable a la disminución regular controlada de la producción económica con el objetivo de establecer una nueva relación de equilibrio entre el ser humano y la naturaleza, pero también entre los propios seres humanos.

    Nese sentido comprería máis ben falar de que o decrecemento persoal non é suficiente e que cómpre unha política do Decrecemento a todos os niveis (local, rexional-comarcal, nacional e internacional).

  3. Pero volvendo a Catton e ás súas advertencias e recomendacións do 1980 reproducirei algunhas frases do capítulo 14 (Turning around) do seu devandito libro:

    If instead, guided by knowledge based on the new paradigm, we can face reality, we may recognize that we still could make some adjustments to stem the tide of our de-civilization. Those adjustments will note «lead to an even better life», but they may keep us from making our future more gruesome than it has to be. (p. 231)

    E algo máis adiante (p. 235) insiste:

    If we do make ourselves stretch out the drawing down of exhaustible resources, it will undeniably delay the darkening of our future and it will slow the rate at which we steal from our descendants.

    Aínda así, no seu libro de 2009 Bottleneck: Humanity’s Impending Impasse (actualización daqueles conceptos e das súas previsións sobre o futuro da Humanidade) un Catton xa na súa oitentena admite que desperdiciamos o tempo que nos quedaba e que agora estamos en moito peores condicións para lle evitarmos á nosa especie a catástrofe. Serve dalgo aplicar as receitas que Catton nos daba hai 30 anos ou cómpre mudarmos de estratexia para tentar salvar o máis valioso desta civilización para os posibles supervivintes do colapso?

  4. […] Por otro lado me parece muy interesante el planteamiento que realiza C. Vilas acerca de la situación que se produciría entre sociedades que avanzasen hacia la autosuficiencia local que propongo y otras que acaparen los últimos restos del oro negro y traten así de mantener un poco más el nivel tecnológico industrial. Sobre este aspecto recomiendo estudiar el Protocolo de Uppsala, propuesto por científicos y activistas del “peak oil” y que defiende que una renuncia voluntaria y anticipada al petróleo no sólo no sitúa a una colectividad en peor situación que una que insista tozuda en mantenerse en la vía imposible del consumo creciente, sino que en realidad le aporta una ventaja. De hecho, un aspecto muy valioso de este protocolo es que no hace falta que todos los países lo asuman para que funcione —como sucede por contra con el de Kyoto— sino que desde el momento en que un país —o comunidad, o ayuntamiento, o empresa— lo adopta, se sitúa en mejor punto de partida para resistir la escasez que tarde o temprano alcanzará a todos: en otras palabras, aumenta su resiliencia. No olvidemos que los cambios sociales, económicos y energéticos que implica pasar del modelo basado en el petróleo a otro basado en energías renovables y locales necesitan décadas para realizarse, y eso en el mejor de los casos: es decir, en el caso de que haya suficiente financiación y suficiente energía para llevar a cabo tan ciclópea labor, sin precedentes en la historia humana. Por tanto, aunque parezcan disponer de una ventaja en el corto plazo aquellos que no renuncien al petróleo hasta el último momento, serán en realidad los peor preparados cuando inevitablemente a ellos también se les cierre el grifo. Así que no se trata de “razón” vs. “fuerza” como plantea mi crítico, sino de “anticiparse” vs. “cerrar los ojos”: esta fábula no va de corderos y lobos, sino más bien de hormigas y cigarras. […]

  5. Por desgraza a ilustración deste artigo non se visualizou durante unha boa tempada, nomeadamente durante o 2012 e se cadra finais de 2011. O 10 de xaneiro de 2013 detecteino e amañeino aproveitando que estaba restaurando a miña galería gráfica.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso

Futuro feudal

Cada vez veo más seguro un futuro en el que los nietos de quienes abandonaron el