/

Resume de ideas para a mesa redonda da Xeira da Irmandade (Rolda de Rebeldía)

Quero complementar a miña máis extensa achega escrita á Rolda de Rebeldía promovida polo Encontro Irmandiño con este esquema que pretendía adiantar o que había dicir o sábado 30 na mesa redonda á que tiven o honor de ser convidado:

Como crear as canles de comunicación, participación e irmandade entre a esquerda social e a esquerda política?

Cales son as esixencias da cidadanía e dos movementos sociais no eido da súa relación coas organizacións políticas?

Ben sei que esta non é a xeira que vai tratar sobre o modelo de partido. E que tampouco é a que vai falar das estratexias. Mais a miña proposta abrangue eses aspecto tamén: é unha proposta global. E radical.

Partirei dunhas ideas básicas con respecto ás preguntas que se prantexan como base para este debate:

  1. A esquerda social e a esquerda política non teñen sentido como entidades separadas. O social é político. Se por esquerda política entendemos partidos políticos de esquerda, estes deben desaparecer como entidades diferenciadas e abandonar a súa faciana de interface no sistema de representación política a prol dun novo tipo de entidade, que hei propoñer.

  2. A esquerda social non precisa canles de comunicación nin participación política. Precisa canles de decisión política no sentido da Democracia Directa. O novo tipo de entidade que hei propoñer, serviría como canle.

  3. Non debemos preguntarnos nosoutros cales son as esixencias dos cidadáns nin dos movementos. Tampouco os partidos políticos. Nin tan sequera debemos preguntárllelo directamente a eles. Precisamos un medio para esas esixencias se materializaren directamente, sen preguntas nin intérpretes nin intermediarios, en políticas públicas.

A estas engadirei un dato de contexto:

  1. O reloxo corre contra nós: non só a esquerda, non só Galiza, senón contra a civilización industrial e o destino da especie humana. Un choque contra os límites físicos do planeta, encabezado polo denominado Teito da produción mundial de petróleo, segundo as máis fiables prognoses é inminente en termos históricos: talvez unha década se temos sorte. Non podemos perder o tempo en estratexias a longo prazo. É tempo de grandes e atrevidas apostas que se poidan materializar agora mesmo.

A miña proposta:

Unirmos todas as organizacións de esquerda trasformadora do país, incluídos os partidos políticos, para apoiar unha candidatura unitaria ás eleccións municipais de 2011 baseada na Democracia Directa, e caracterizada por:

  • Non ter programa político para facer posibles todos os programas; alén dun único punto: posta baixo control cidadán directo dos medios de comunicación públicos.

  • Os seus candidatos/as serán cidadáns non vencellados con ningún partido.

  • Empregarán tácticas da guerrilla da comunicación para trasmitiren a súa radical diferenciación coas propostas partidistas.

  • Os electos/as desta candidatura trasmitirán aos cidadáns todas as cuestións que se vaian votar nos plenos municipais, e solicitarán o seu voto ao respecto, empregando as novas tecnoloxías (Internet, telefonía móvil, e outras) pero non só (oficinas de votación): é dicir, mantendo aberta unha asemblea cidadá permanente e asíncrona. O voto maioritario dos cidadáns así expresado, será trasmitido polos electos.

  • Os electos desta candidatura presentarán nos plenos as mocións que sexan apoiadas pola maioría dos cidadáns empregando os mesmos medios, mediante unha metodoloxía de presentación, aceptación e votación de propostas por definir, e que comezará na propia campaña electoral (ou mesmo antes): os actos políticos serán actos de recollida de propostas.

  • Loxicamente, non estabelecerá ningunha coalición con ningún outro grupo municipal.

  • No caso de gobernar nalgúns concellos, aplicará esta mesma dinámica adaptada para as accións de goberno.

  • Os electos aceptarán nesta asemblea os votos de todos os cidadáns do concello sen importar se os elexiron ou non nas eleccións municipais.

  • A plataforma técnica para poñer en práctica este sistema de goberno será desenvolta como software libre por unha equipa multidisciplinar que tomará como base experiencias de democracia electrónica xa existentes.

  • As votacións serán verificadas por unha comisión independente por definir.

Obxectivos:

  • Recuperar a soberanía do pobo: poñer en mans dos cidadáns a resolución dos seus propios problemas.

  • Demostrar que a representación dos partidos é obsoleta e innecesaria.

  • Demostrar que o sistema representativo non é unha auténtica Democracia.

  • Abrir camiño para a replicación do modelo en instancias superiores de goberno.

  • Mudar a imaxe da Política entre os cidadáns.

  • Superar as barreiras mentais e os teitos electorais vencellados co concepto de esquerda.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de En galego

A volta

Cumpre já esta volta. Cumpre já decrescer ou desaparecer.