O pasado sábado participei dentro dunha das mesas redondas organizadas polo Encontro Irmandiño dentro do proceso que denominaron Rolda de Rebeldía. A miña intervención, aínda que mudei o guión a última hora e contei o mesmo pero doutra maneira, fora precedida por unha achega en forma de artigo especialmente redactado para ser lido na WWW. Velaquí agora algunhas das reaccións publicadas na Rede referidas ao que alí propuxen en torno á Democracia Directa como aposta estratéxica para a esquerda social e política galega:
O Funambulista Coxo comenta que cumpriría non perder de vista a insistencia de Casal Lodeiro no potencial das novas tecnoloxías aínda que non menciona para que (punto crucial na miña proposta: para recuperarmos a soberanía do pobo, superar os teitos electorais vencellados á esquerda partidista, unirmos votos minoritarios, recuperarmos voto-protesta, etc.).
Xoán Hermida tamén se fai eco brevemente da miña intervención cando di: Tamén espertou interese póla súa orixinalidade a proposta do activista cultural Manuel Casal sobre a democracia directa aproveitando as novas tecnoloxías e o internet. Grazas, Xoán, por mencionar o aspecto clave (Democracia Directa) aínda que o de activista cultural xa o estou deixando… ;-P
O Sr. J de Outra Esquerda entra a avaliar a proposta con algo máis de extensión que os outros comentaristas: Uma intervenção totalmente diferente foi a de Manuel Casal Lodeiro, quem fijo uma proposta audaz e radical: a apresentação de candidaturas unitárias de toda a esquerda transformadora, baixo a forma da democracia direta. Careceriam de programa eleitoral e apresentariam candidatos sem adscrição partidária, e apoiariam-se de jeito fundamental nas possibilidades que oferecem as novas tecnologias (principalmente internet) para a toma de decisões de forma assemblear e assíncrona. Não totalmente inovadora, mas interessante, ainda que talvez um pouco ingenua, e digo-o porque presupom que esta forma dificultaria a manipulação da vontade popular por parte de setores/oligarquias, algo que eu—ao igual que outros do público—não vemos claro. E de facto, o próprio Manuel Casal admitiu que isto precisaria para ter êxito da existência de meios de comunicação “livres” (“não manipuladores”, entendo eu)… pero é que, se se dera esta condição, moitas outras cousas seriam bem diferentes! E outras formas moito menos radicais seriam também eficazes. Enfim, polo menos lembramos os provos, que já é algo.
É un comentario que merecerá pausada contestación, desde logo.
Os medios non reseñan nada da miña intervención nin das de moitos outros, máis centrados nas figuras coñecidas da política que participaron ao final da xornada, agás Vieiros, que trasmitiu, eludindo a cuestión central da Democracia Directa: Máis alá de moitas e moi interesantes intervencións, unha das conclusións presentouna Manuel Casal Lodeiro: “o reloxo corre contra nós”, dixo defendendo a recuperación da soberanía por parte do pobo. Creo que o do reloxo non o dixen ao final… terano lido no dossier de achegas 😉 Menos mal que o Sr. J nun comentario ao pé desa nova comenta algo máis: falou-se de aproveitar meios como este no que nos expressamos para canalizar e facilitar a participação da gente de forma assíncrona, como dizia Casal Lodeiro.
Eu respondinlle alí mesmo que: Grazas, Sr-J pola referencia. Mágoa que o sintagma clave na miña proposta («Democracia Directa») non tivese moito eco. Imaxino que por unha banda súfrese certo «cultural lag» dentro dunha xeración de líderes de esquerda (a xente nova coa que estiven a falar percibía moito mellor as posibilidades da proposta de Democracia Directa Dixital ou Electrónica), e por outro pois tamén hai que non quere perder o seu posto como intermediario político, polo poder que leva implícito. Richard Emerson seica xa falaba hai bastantes anos que de a especialización de funcións nun sistema social acaba levando a relacións de poder/dependencia. E mentres a nosa soberanía como cidadáns dependa de calquera intermediario político, sempre terán poder sobre nós.
El retrucou que: gostei da tua proposta, toca um tema moi importante e pertinente. Se não atopou melhor acolhida pode ser em parte polo que mencionas, e em parte também por ter sido formulada de uma forma moi avançada e como um radical «toma-lo ou deixa-lo». É uma proposta à que se lhe podem buscar eivas, como a todas, e como o que dizias era um pouco «tiremo-nos de cabeça à piscina» sem mirar se tem auga, é lógico que a gente ponha reparos. Mas de todas formas, graças a ela falou-se abertamente de democracia direta, o que já é moito pois está claro que é um ideal cara o que compre avançar.
…e non reproduzo máis para deixar que continúe o debate alí ou aquí ou no seu blog.
Grazas a todos os que quixeron escoitar e prantexarse a posibilidade desa vía. Agardo que haxa novas ocasións de falalo… e que sexa axiña, porque se perdemos a oportunidade das Municipais de 2010, non teremos outra tan boa ata dentro de 4 anos… e co Teito do Petróleo sobre nós coma espada de Damocles é un tempo demasiado precioso.
E dígolle a calquera interesado/a en valorar os fundamentos da miña proposta, como lle dixen ao Sr. J en Vieiros, que un bo comezo é o documento Inoculación de la Democracia Directa en el Sistema Representativo por medio de las NTIC: El sistema D3.
Penso que por outra banda temos un problema para que moita xente de esquerda comprenda a gravidade e urxencia que implica o Teito do Petróleo, e iso desde logo non axuda para que acepten unha viraxe radical de estratexia e fagan unha fronte común cos movementos sociais, de igual a igual, para apoiar unha candidatura directodemócrata.
Se observamos a gráfica que predí a evolución combinada da produción petroleira e mais da TRE (Taxa de Retorno Enerxético), veremos que non hai tempo para acumulacións de forza mediante estratexias clásicas:
A grandes males, grandes remedios. O noso tempo non só como forzas políticas ou sociais, non só como país, senón como civilización… acábase.