Xa había tempo que o meu vexilófilo maxín tentaba atopar un uso do noso representativo trisquel para representar a necesaria viraxe social e cultural que o noso país (e todo o planeta) precisa para saír deste cul-de-sac civilizatorio e dar comezo á nova Era da Sustentabilidade.
Para min o trisquel é un símbolo nacional infrautilizado polos galegos. Así como os vascos teñen o seu símbolo no lauburu (literalmente catro cabezas, ou sexa, tetrasquel), nós temos un fermoso símbolo céltico que non damos aproveitado en todo o seu potencial.
José Manuel Barbosa no seu interesante libro Bandeiras da Galiza si que fai unha defensa del e o presenta entre os primeiros e máis antigos símbolos usados no país.
Eu propoño rescatar o seu significado nacional e étnico, recollendo o seu simbolismo ancestral dos ciclos naturais, do circular do sol polo firmamento, para facelo o centro dunha bandeira que represente a recuperación dese urxente re-conectármonos cos ciclos ecolóxicos: o ciclo da enerxía, da materia, etc.
Elixo a cor azul para ligar coa bandeira actual e sobre todo para representar a auga. O trisquel azul significaría así nesta nova bandeira, a reconexión humana cos ciclos da vida, representados pola auga. Mesmo as súas tres partes poderían ser os tres estados do H2O: líquido, sólido e gaseoso. Este simbolismo e a connotación solar do trisquel, pretendinos reforzar insertándoo dentro dun sol amarelo.
Os ciclos limitados polo sol, circunscritos, simbolizan o recoñecemento dos límites naturais, e o paso dun paradigma de crecemento infinito fóra da realidade do planeta, a un modelo sincronizado coa única fonte de enerxía e vida primaria da que dispón a nosa especie de maneira renovable, sustentable: a estrela solar. Tamén simbolizan que toda enerxía natural (eólica, hidráulica, maremotriz) procede da nosa estrela… mesmo en último termo a xeotérmica.
As cores no fondo simbolizan esa terra fértil, negra, orgánica, chea de humus, característica de Galiza (cando menos das súas fragas), onde se soporta toda a vida vexetal, animal e humana. O complemento necesario en simbiose con ese tesouro tan minusvalorado como é a terra fértil, é a vexetación (o verde) da que nos alimentamos os demais seres vivos. A interface mineral-biótica é así o fondo da bandeira proposta.
Sen máis, unha plasmación gráfica da revolución urxente que precisamos. Se alguén quere empregala para simbolizar esta loita, por suposto é libre de facelo.
Me parece que el negro esta demas, en general el diseño es muy bonito.
Grazas, Olga. Eu penso que a representación do solo fértil é precisa, e o negro a cor máis característica dela. Se cadra, vexiloloxicamente tería sido máis axeitado o marrón, e pensei en facer o fondo verde e marrón, pero ao final optei polo negro. Coido que ten máis forza e é máis realista, se se me permite a expresión.
Por certo, quen queira usar a bandeira, ten unha versión a un tamaño maior en http://www.casdeiro.info/graphica/albums/bandeiras/bandeira-galiza-sustentable-v2.png
Hola Manuel que tal!
Me parece muy chula la bandera.
A mi me gusta el negro sobre verde después de ver el significado que le has pretendido dar.
A lo mejor y para que resulte un poco más fácil de dibujar quitaría los bordes del sol y dejaría simplemente un circulo amarillo englobando al trisquel.
Un abrazo
César
Ola, César. Grazas a ti tamén por te pasares por aquí para deixar a túa opinión. Pois o de simplificar o debuxo, queda á liberdade do que queira usar o símbolo. A opción do sol puramente circular xa me pasara pola cabeza cando pensaba no debuxo, pero ao final optei pola estrela de 24 puntas. A versión que ti propós sería perfectamente válida.
De todos xeitos, case todos os procesadores de texto (OpenOffice, Word, etc.) teñen unha ferramenta para debuxar este tipo de símbolos, que foi o que usei eu. E xa postos… o trisquel tampouco é doado de debuxar, non é? ;-P
O trisquel é un debuxo que sacara eu hai anos baseado nun trisquel calado do século I a.C. (achado en Castromao, Celanova) e que xa usara para deseños en Fillos de Galicia como podes ver nesta imaxe
Non esquezamos que o significado central da bandeira son os ciclos representados polo trisquel: ciclo da auga, ciclo dos nutrintes, ciclo dos materiais… todos os ciclos que fan posible a vida no planeta, en contraposición ao paradigma do progreso liñal, do crecemento perpetuo, do usar e tirar, do consumir sen pensar no esgotamento de recursos e a saturación dos sumidoiros da contaminación que iso produce.
Moi chula! E o verdi-negro dá-lhe um toque «green anarchist» estupendo… ademais aos que somos do Joventut entra-nos polos olhos 😉
😀 Pois non pensara eu nesa relación co anarquismo… Será que me traizoou o subconsciente? ;-D E no do Joventut, menos. Pois dádella: agora, a utilizala e espallala onde poidamos!
Hoxe deille unhas voltas ao concepto desta bandeira… Coido que se enmarcha axeitadamente dentro desa tradición de bandeiras que representaban a aplicación dunha ideoloxía concreta a un territorio. Aí temos toda esa extensa colección de bandeiras comunistas, que foron utilizadas antes ou despois da consecución dun estado gobernado cun sistema (polo menos nominalmente) dese tipo, adoptando xeralmente símbolos ideolóxico-políticos e símbolos nacionais-histórico-culturais.
Penso que da mesma maneira podemos adoptar esta bandeira para representar os nosos anceios dunha Galiza na que a sustentabilidade, a ecoloxía (a social tamén), os modos de vida tradicionais, o respecto ao medio, a soberanía alimentar e enerxética sexan unha realidade.
Oes, guapísima a bandeirola q t curraches!!
E o significado q lle des compleméntaa.
Non pensaches en facela en tea? Ou xa a tes feita?
Un saúdo
Grazas, Banchas. Pois home, por pensar si, pero iso custa cartos… e despois da experiencia coa da Nación Mundial Galega non me quedaron ganas de facer máis bandeiras… 🙁
Se aínda houbese algún colectivo que a quixese facer súa, pois podíase falar dun proxecto de fabricación conxunta… Se cadra era cuestión de facer a primeira artesanalmente e levala á vindeira manifestación de Galiza Non Se Vende, p.ex.
Desculpade pero levaba un tempo desaparecida a bandeira, se cadra foi tras a última mudanza de hosting :-/
[…] Proposta de bandeira para unha Galiza Sustentable. This entry was posted in Bandeiras and tagged bandeira de galiza, ecoloxía, galicia, galiza, propostas, sustentabilidade. Bookmark the permalink. […]
Desculpas: a imaxe da bandeira desapareceu (novamente!) do post durante un tempo (no 2012) por un fallo na migración dos contidos da anterior versión da miña galería gráfica. Agora a galería está en http://casdeiro.info/casdeirographica/
E Horribel, nom tem nada que ver coa Galiza só o Triskel
Home, se o verde (vexetación) e o negro (terra fértil) non teñen «nada» que ver con Galiza, entón estamos fodidos e é que xa deron convertido o país nun deserto… ;-P
Tamén sería interesante que contases qué ten que ver con Galiza a bandeira oficial actual, p.ex., procedente da bandeira da comandancia marítima da Coruña e sen simbolismo ningún.
Joder, ¡¡si es la bandera verdinegra de la casa Atreides de Dune en versión céltica!!
Eu non concordo: non ten nada que ver a cor verde co noso país? E a terra negra típica dos nosos chans? E o sol ten que ver co obxectivo de vivirmos de novo del, como durante toda a etapa preindustrial… O sol é un símbolo universal.
Por outra banda habería que ver qué ten que ver coa Galiza a bandeira actual, ou outras que se propoñen como a estreleira (a estrela vermella como valor, como obxectivo político e social, equiparable ao sol na miña proposta). Nese sentido penso que non hai tanta diferenza, non si?