Lin con noxo o seguinte no último editorial (31 de Decembro) do periódico A Nosa Terra, tras una columna adicada a deitar a dúbida sobre a actuación do goberno español á hora de adquirir doses do antigripal Tamiflu:
Quizais non sexa demasiado conspirativo supoñer que estamos a falar dunha subvención pública encuberta dirixida a empresa(s) químico farmaceúticas.
Esa estratexia podería ser igualmente aplicada ao debate sobre o cambio climático. A súa presentación alarmista parece influída por empresas que agardan realizar un bo negocio na chamada industria ecolóxica. A falta de transparencia sobre este obxectivo permítelles manexar os calendario e tomar unha mellor posición no mercado.
Debo recoñecer que xamais pensei ler algo tan delirante como editorial deste histórico medio. Delirante polo que dá a entender: ¿Seica o goberno español presenta dunha maneira alarmista a mudanza climática? Entón que dirán os responsables de A Nosa Terra dos colectivos ecoloxistas ou dos grupos de científicos que o presentan aínda peor?!
É unha verdadeira mágoa pero non podo interpretar doutra maneira este editorial: A Nosa Terra nega a gravidade da mudanza climática, non sabemos baseándose en que datos, e o que é peor, deita a sospeita talvez dunha confabulación gobernativa-ecoloxista-industrial que tentaría convencernos de que o problema é grave, cando en realidade, para A Nosa Terra, non sería para tanto.
Outro medio de comunicación que deberei renunciar a mercar, xa que logo.
A gripe A e o cambio climático no mesmo saco, e tira para diante. Será por iso de que a climatoloxía afecta á nosa saúde e algúns somos propensos a pillar no inverno a gripe (a de sempre). Descubre A Nosa Terra que as grandes compañías fan negocios, grande descubrimento este, por certo. As compañías farmacéuticas fan negocios coa saúde; as enerxéticas coa venda e distribución de enerxía; as alimentarias cos alimentos necesarios e cos supérfluos, mesmo cos alimentos que non alimentan; as automobilísticas coa venda de automóbeis; ou as mediáticas coa información e o entretemento. Nada novo. E para faceren negocios usan (e abusan) das súas armas: a propaganda, a manipulación, a mentira…ou para sermos máis finos o márketing e o merchandising. E iso significa facer pasar por saudábel o que (cando menos) non o é, ou mesmo é nocivo. Pasar por limpo o que (cando menos) non o é, ou mesmo é polucionante. Pasar por nutritivo o que (cando menos) non o é, ou mesmo é o contrario. Pasar por sustentábel o que (cando menos) non o é, ou mesmo é insustentábel. Pasar por certo o que (cando menos) non o é, ou mesmo é falso.
A mellor forma de xogar a este xogo é facelo co significado das palabras, cambiar, for levemente, o seu sentido, para confundir, para parecer que dicimos e non dicilo, que facemos e non facemos. Xogar ao equívoco de misturar allos con bugallos, gripes A con cambio climático, tamiflús con CO2, farmacéuticas con accións contra o cambio climático. A sospeita ponse sobre a mesa, non afirmamos pero afirmamos, non dicimos que sexa pero semella que é.
Non hai dúbida de que hai, e haberá, empresas que tiren proveito do cambio climático, das accións contra o cambio climático, e de non facer nada contra o cambio climático, da súa afirmación e da súa negación: «les affaires sont les affaires». Ese non é problema (séndoo). Ou acaso achamos que nunha economía capitalista as grandes compañías van deixar de facer negocios polo ben da humanidade?. Caeu nesa inxenuidade A Nosa Terra?. Acho que non.
O problema d’A Nosa Terra é que opta polas teses da negación do cambio climático, mais dunha forma cativa ao non afirmar a súa posición ás claras senón mediante unha acusación de sospeita da «existencia de negocios».
Mais supoñamos que as teses negacionistas estivesen no certo. Cal é o problema de, por precaución, encamiñar a nosa sociedade cara actividades e actitudes menos polucionantes? Que alguén vai facer negocios? Se este é o problema, defende A Nosa Terra a eliminación de toda actividade lucrativa?.
Agora supoñamos que as teses negacionistas erran. Esta A Nosa Terra disposta a defender abertamente que o cambio climático non se vai a dar? En base a qué? A que algunhas empresas fan negocios?. Defende A Nosa Terra manter prácticas que xeren gases de efecto invernadoiro? Sabe A Nosa Terra que é o cambio climático, ou só viu a reportaxe de Al Gore?. Que dificil é para algúns superar as teses do progreso continuado baseado no crecemento económico!.
Vai ser que realmente «os negocios son os negocios». Tamén os da súa empresa (mágoa!).
… ou se cadra todo é moito máis sinxelo. Lembrades que determinados sectores nacionalistas xa puxeran reaccionaran cando se abriu a posibilidade de que As Pontes diminuira a súa emisión de CO2? claro, había postos de traballadores do CO2 ameazados e iso está por diante de todo…