(Artigo publicado en Altermundo en Decembro de 2009)
Levamos décadas escoitando toda caste de análises sobre a crise da democracia e do modelo tradicional de partido, e mesmo advertencias das consecuencias do divorcio entre representantes e representados. Mais o que escasean son propostas de saída desa vía morta en que se teñen convertido as nosas (supostas) democracias. Velaquí unha presentación comparada de dúas iniciativas políticas xordidas no Estado Español que pretenden rachar coa obsoleta Democracia Representativa para a substituíren coa Democracia Directa (DD), un soño longamente acariñado por moi diversos movementos, e que vai alén desa denominada Democracia Participativa tan innecesariamente autolimitada. Antes de nada é de rigor advertir de que eu participo nunha delas (D3); así e todo coido que, a diferenza dos partidos tradicionais, a miña militancia non debería ser atranco para ser abondo obxectivo, xa que entre partidos directodemócratas, e por tanto sen programa político, non pode haber senón diverxencias tácticas ou de metodoloxía. A miña aposta política é que a DD permita aos cidadáns recuperar a soberanía actualmente usurpada polos partidos políticos, e tanto me ten baixo que sigla(s) ou slogan(s) se faga.
Puntos en común
Tanto o Partido de Internet (PdI) como Democracia Directa Dixital (D3) pretenden introducir a vontade dos cidadáns nas institucións representativas (parlamentos e concellos) mediante o uso das Novas Tecnoloxías. A idea é tan simple como legal: elíxense deputados/concelleiros mediante o sistema electoral actual e despois o partido, carente de programa nin ideoloxía concreta, limítase a facer de trasmisor da vontade popular en cada votación, nunha caste de referéndum permanente.
Programa electoral
Ningún dos dous colectivos (o PdI, malia o seu nome aínda non está constituído como partido) tén programa político ningún. En D3 tense previso reprantexar este punto para introducir un único punto no seu programa, relativo á liberación dos medios de comunicación. D3 pretende ser a canle pola que calquera demanda cidadá cun mínimo apoio poida ser introducida nos parlamentos. Porén, o PdI non olla expresamente cara os colectivos sociais ni pretende ter actividade propositiva, limitándose ao que propoñan os partidos tradicionais e buscando a individualización da participación política (personal democracy) coa posibilidade de delegar o voto noutro partido, organización ou cidadá(n) (democracia semidirecta); D3 non recolle esa posibilidade e preséntase explicitamente como unha vía para elevar as demandas cidadáns e sociais aos concellos e parlamentos sen precisar a traballosa Iniciativa Lexislativa Popular.
Medios e Democracia
Segundo a crítica política que fai D3, sen uns medios de comunicación de masas verdadeiramente libres, non hai auténtica Democracia. Polo tanto avoga por un control cidadán dos medios de comunicación públicos e por facilitar ao máximo o xornalismo cidadán e social. Sen esa liberdade e auténtica pluralidade, advirten de que non se chegaría á DD senón a unha especie de populismo mediático, coa opinión pública á mercé dunha presada de medios empresariais. O PdI non fai ningún problema do control dos medios de comunicación, amosando un concepto da democracia limitado á capacidade de votalo todo sen ter en conta se as opinións se forman dunha maneira libre ou non. Os electos de D3 deben cumprir cunha función xornalística neutral e obxectiva, explicando todas as opcións aos electores, mentres que o PdI non inclúe esa función.
Radicalismo
Para D3 o sistema actual non pode ser considerado Democracia e os seus membros téñense pronunciado en ocasións mesmo a prol da posta baixo control dos cidadáns da economía. O PdI ten posicionamentos máis neutros ao respecto, e mesmo amosan sen agocho certa admiración polo Obamismo. D3 defínese como un antipartido e pretende unha comunicación co electorado radicalmente diferente no campo semiótico, mentres que o PdI parece optar por formas máis clásicas aínda que internetizadas. D3 rexeita a personalización dos seus candidatos e militantes, que se denominan publicamente con números, mentres que PdI aparece máis achegado á política personificada en nomes e apelidos, cando menos na figura do seu voceiro Héctor Pérez.
Fenda dixital
O PdI desde a súa propia denominación se identifica coa Rede como canle ¿única? de votación e fai do DNI dixital a súa ferramenta imprescindible. D3 aposta por combinar estas tecnoloxías coas posibilidades doutras que amplíen o alcance (TDT, SMS, caixeiros…) e tamén con medios dun nivel tecnolóxico máis baixo e asequible: teléfono tradicional, centros de votación, voto por correo, etc.
Orixes
O PdI nace co apoio dunha empresa tecnolóxica (Tractis) e bebe de conceptos como a plurarquía ou o neovenecianismo. D3 nace de posicionamentos de esquerda libertaria (anarcosindicalismo, asamblearismo, municipalismo libertario) e democracia local de base, unidos á conciencia da necesidade de medios contrainformativos en mans dos cidadáns que rachen co que denominan democracia hipnomediática.
Implantación e presenza electoral
D3, malia ser máis veterán, apenas ten pasado de ser un grupúsculo con escasa actividade, ao non ter feito campañas de afiliación. Conta cuns poucos militantes en Galiza, Euskadi, Madrid, Cataluña e Valencia, e está a debater a presentación ás eleccións municipais de 2011 tras deixar pasar varias citas electorais, a última tras rexeitar as condicións de la AVE -partido coruñés de desafortunado nome- para formaren unha coalición. O PdI ten acadado unha importante mobilización entre os internautas, amosando un pulo e actividade moi superior ao de D3 sobre todo en Cataluña e Valencia, pero non se ten aínda constituído oficialmente nin pretende presentar candidatura antes das xerais de 2012, o obxectivo final do seu planificado lanzamento. Por contra, D3 ten unha menor capacidade organizativa que depende demasiado dun voluntarismo en horas baixas. D3 considera o municipio o ámbito ideal para a demostración das posibilidades da DD, mentres que o PdI nace cunha vocación de ámbito unicamente estatal.
É o momento
É vital que este tipo de proxectos converxan e reciban achegas que os melloren, para rachar o mito que identifica na mente dos cidadáns-votantes Política con (partidos) políticos: este sería o seu éxito de máis profundo e irreversible alcance. A deriva cara o colapso civilizacional deses irmáns siameses que rexen as nosas vidas (capitalismo e democracia representativa) fai urxente a converxencia de todos os movementos sociais e partidos de esquerda trasformadora nunha candidatura deste tipo capaz de introducirse rapidamente nas institucións para inoculalas cos xens da verdadeira Democracia (goberno do pobo). Unha vez que se demostre o funcionamiento da proposta cos primeiros concelleiros e/ou deputadas, o mito da representatividade quedará ferido de morte e será só cuestión de tempo que todo o caudal de descontento social co sistema de partidos se dirixa cara esa fenda e rache a presa partidista que couta a soberanía popular. Non podemos perder tempo nin forzas na esgotadora elaboración dun programa de mínimos a gusto de todos e na construción dunha nova forza política que se comprometa na súa defensa apoiada só polo exiguo e desencantado eleitorado de esquerda, cando temos xa organizacións políticas listas para levar ás institucións o maior programa de máximos concebible, grazas ás posibilidades da Democracia Directa Electrónica. E debémolo facer cunha urxencia e responsabilidade á altura do momento histórico, sen agardarmos por mellores tempos que talvez nunca cheguen, porque a tecnoloxía que fai posible por primeira vez a DD a niveis superiores ao local, pode non estar ao alcance de tantos durante moito máis tempo, segundo nos advirte a ecoloxía e as teorías do colapso catabólico da civilización industrial. Así que é agora ou nunca. Ou damos un golpe de timón estratéxico cara esa insospeitada estratexia troiana e pillamos a oligarquía política por sorpresa, ou quen protagonizará o comezo da era post-partidista nun contexto de colapso socioeconómico será ese fascismo 2.0 que xa albiscamos agromando en Europa.
Parece ser que o PdI xa está en proceso de constitución e mesmo celebraron hai un mes un congreso. Descoñecía o dato no momento de elaborar o artigo, que leva varias semanas pendente de publicación (agardei ata hoxe porque mañá sae no suplemento impreso que publica Altermundo xunto con Galicia Hoxe). De todos xeitos aínda non aparecen no Rexistro de Partidos do ministerio do interior así que imaxino que non rematarían o proceso ou teñen pendente a inscrición.
Desde aquí os meus parabéns e deséxolles boa sorte na andaina que comezan.
Quixese engadir tamén unha terceira referencia que veño de descubrir e que polo tanto non fora incluída no artigo: http://www.wikipartido.es
Penso que as metodoloxías que propoñen estes 3 colectivos deben converxer e fecundarse mutuamente para ofrecer unha opción electoral integradora e que maximice as posibilidades da telemática para unha verdadeira Democracia.
[…] Pese a esto, acepté readaptar el texto para encajarlo mejor en el marco que él proponía, y para enlazarlo con el momento del debate en aquel entonces, que había derivado hacia el proceso de refundación de Izquierda Unida. Se lo propuse y le consulté acerca de la extensión y de los plazos… a lo cual nunca me contestó. Al final acabé traduciéndolo a gallego y publicándolo, con alguna modificación, en Altermundo. […]