Velaquí o texto remitido á Rolda de Rebeldía (debate político entre a esquerda social e a esquerda política galegas para buscar fñormulas de creación dun novo referente sociopolitico para o país) promovida por Encontro Irmandiño, e que foi publicado recentemente no seu web:
Reflexións para a Rolda de Rebeldía 2009 proposta por Encontro Irmandiño
- É o modelo de partido clásico inoperante? Cómpre construírmos ese novo referente?suxeito político?social? E se así é, de que modelo organizativo debemos dotarnos? É o acceso ás institucións necesario?
- Como crear as canles de comunicación, participación e irmandade entre a esquerda social e a esquerda política? Cales son as esixencias da cidadanía e dos movementos sociais no eido da súa relación coas organizacións políticas?
- Que mecanismos e accións debemos emprender para afondar na creación de masas críticas que esixan un cambio radical do noso modelo de sociedade partindo da realidade galega de hoxe?
A democracia representantiva non é Democracia, mais podemos mudala
(NOTA: O presente texto foi redactado tentando acadar un estilo esquemático acaído para a súa lectura na WWW seguindo as pautas do experto en usability Jakob Nielsen.)
Cuestión 1: Modelo organizativo
Resposta: O problema non é se o partido é unha fórmula organizativa acaída: o problema é a superestructura na que se inserta: a Democracia Representativa. O problema non é a inoperancia do xogador, senón as regras do xogo.
Tese básica para unha nova estratexia política: O sistema representativo xa non pode considerarse nin remotamente democracia no sentido de goberno do pobo desde o momento en que as Novas Tecnoloxías fan posible a democracia directa.
Subteses:
- Internet e outras NTICs (telefonía celular, TDT, etc.) fan posible que todas as decisións políticas sexan tomadas directamente polos cidadáns. Vid. http://www.d-3.info/wiki/index.php?title=Sistema_D3
- Se non se permite, é unha usurpación antidemocrática da soberanía popular. Polo tanto os gobernos, parlamentos e concellos actuais son antidemocráticos.
- A denominada democracia participativa é unha vía limitada que non se xustifica e debe por tanto ser rexeitada como un compromiso-trampa de mínimos: por que só participarmos e non decidirmos integramente a acción política? Para que queremos a intermediación dos partidos? Internet fixo desaparecer intermediarios en todos os sectores económicos: por que non neste? Por que seguimos con modelos do século XVIII? Só se xustifica por razóns antidemocráticas.
- O sistema representativo pode virar directo simplemente con que se elixan representantes que trasmitan directamente a vontade cidadá en cada cuestión a votación nas institucións representativas, e que trasmitan tamén as iniciativas maioritariamente propostas desde a cidadanía. Un concello ou parlamento cheo de representates deste tipo será, na práctica, unha asamblea cidadá permanente.
- Calquera obxección a un sistema de democracia directa electrónica ou dixital será de tipo técnico ou metodolóxico, e polo tanto resoluble se hai vontade política.
- Existen atrancos de tipo cultural pero non son insuperables (vid. experiencias de democracia mixta en Suíza, Estados Unidos, etc.). A demostración paulatina do funcionamento do sistema desque se acaden os primeiros electos ata que se obteñan maiorías, será a mellor escola.
- Quen opina que as sociedades actuais son demasiado complexas para ser gobernadas directamente polo pobo confuden un problema pedagóxico con un problema político. Seica os gobernantes actuais son expertos técnicos nas materias sobre as que deciden? Nenos de 7 anos poderían tomar decisións máis racionais que as que toman moitas veces os nosos gobernantes.
- A dicotomía reforma-revolución debe ser superada por medio da implantación dunha democracia directa de facto que non requira mudanzas legais. Para dispormos dunha múltipla Iniciativa Lexislativa Popular permanente abonda con que haxa electos que trasmitan esas propostas nas institucións: non fai falla recoller ningunha sinatura!
- Calquera partido político de esquerda baterá con atrancos practicamente insuperables se pretende combater asumindo os límites da (pseudo)democracia representativa, co obxectivo obsesivo de acadar maiorías electorais.
- Aínda no caso remoto de chegar ao poder, baterá con atrancos externos: poderes mediáticos, poder económico, organismos internacionais, etc. Será permanentemente deslexitimado por eses contrapoderes. En última instancia será desaloxado do poder mediante golpes máis ou menos encobertos baseados nesa desleximitación.
- Mudar radicalmente de estratexia pode render mellores froitos, máis rápidos e máis blindados: o partido renuncia a ser o actor político, que pasa a ser directamente o pobo -> os contrapoderes de dereita terán moito máis difícil (aínda que non imposible) desleximitar a vontade do pobo expresada directamente.
- As análises sociolóxicas indican que o pobo galego é máis de esquerdas e máis nacionalista do que o seu voto partidista expresa -> deixadas nas súas mans as políticas, serían presumiblemente máis de esquerdas e máis nacionalistas.
- Factor de influencia mediática na determinación do voto: debe ser atendido con urxencia en paralelo ao desenvolvemento desta estratexia radical.
- Que novo papel debe asumir o partido político? Aínda nunha democracia directa os partidos serán necesarios para facer propostas que voten os cidadáns: xa non gobernarán nin lexislarán, senón que farán propostas. Goberno e desenvolvemente lexislativo serían executados por funcionarios revocables baixo mandato e control cidadán.
- A fragmentada esquerda e todos os movementos sociais terían unha vía para a súa expresión política común nun sistema deste tipo. Non fai falta acordar un programa común (pouco menos có Santo Graal!). Abonda con aceptarmos todos a primacía dos cidadáns como creadores dese programa de maneira permanente.
- O proceso de conversión das institucións representativas en directas sería progresivo: unha vez acadado/a o/a primeiro/a representate directodemócrata, a demostración de que é posible a democracia directa feriría de morte a presunta representatividade dos partidos tradicionais, que falan arrogantemente en nome do pobo pero sen consultalo xamais. Como poderían seguir facéndoo se hai un voto directamente emitido polos cidadáns sobre cada cuestión? Sería razoable prever que en relativamente poucas citas electoriais todos os electores mudarían o voto para esta outra organización que se limita a trasmitir o que os cidadáns decidan.
- Só poden temer este tipo de sistema aqueles que receen da auténtica soberanía popular.
Resposta: O acceso ás institucións é preciso (aínda que talvez non imprescindible) xa que determina boa parte do marco político. Renunciar a el sería abandonar unha morea de posibilidades de acción. Pero debe facerse un acceso non como partido senón como representantes automáticos da vontade cidadá. Un acceso como cabalo de Troia da democracia directa é un ataque polo punto máis débil da lexitimidade do sistema, coa potencialidade de trasformalo desde dentro, como un virus inoculado no seu ADN.
Resposta: O modelo organizativo do nacionalismo galego debe continuar a súa propia evolución, mais renunciando a participar na actual usurpación da soberanía. Debe dotarse xunto con outras forzas de esquerda, dunha nova organización común que se limite a levar representantes sen programa ás institucións (non levar programa significará levar TODOS os programas posibles). A acción parlamentar ou municipal destes electos será:
- Diante de cada votación por realizar nesa institución representativa:
- explicar de maneira neutra todos os posicionamentos aos cidadáns facendo uso de todos os medios de comunicación posibles,
- recoller os votos que sobre a cuestión emitan os cidadáns mediante Internet, telefonía móvil, cabinas de votación e todos os sistemas posibles (tecnolóxicos e tradicionais),
- trasmitir na institución representativa o voto maioritariamente expresado por todos os cidadáns.
- Cando teña a ocasión de facer propostas de seu, fará aquelas que teñan sido maioritariamente apoiadas polos cidadáns, seguindo un sistema análogo, e presentadas por calquera partido político ou colectivo cidadán, mesmo deixando a posibilidade de recoller propostas de cidadáns a título individual. Para isto existiría un mecanismo de recollida e votación permanente de iniciativas sociais.
Resposta: O modelo organizativo resultante será absolutamente horizontal, pois por riba de todos os cidadáns soamente estarán uns electos que se limitarán a facer de trasmisores de vontades políticas. Os referentes deste novo modelo serían as comunidades virtuais en Internet (comunidade do software libre, p.ex.) e os modelos do municipalismo libertario (vid. Murray Bookchin). Pero non inventamos nada novo: son as asembleas populares que se teñen dado ao longo da Historia en diversos momentos e lugares, dotadas da asincronicidade e ubicuidade que permiten as Novas Tecnoloxías.
Cuestión 2: Relación esquerda social – esquerda política
Resposta: A relación artellaríase a efectos prácticos mediante o sistema xa descrito. Con el, calquera demanda social (con suficiente apoio) sería trasmitida por esta nova organización. A organización (chamémoslle anti-partido, pois é xusto o contrario do significado etimolóxico de parte) será un marco que deberá ser enchido de contido pola sociedade, non só de esquerdas, senón toda ela. Non cabe imaxinar relación máis fluída que unha absoluta trasmisión da vontade social. O partido político trasformaríase nunha fábrica de ideas máis, as cales sometería á aprobación popular en cada momento, competindo con calquera outra idea ou proposta social xordida dos movementos sociais, veciñais, culturais, etc.
Resposta: Non son quen para dicir cales son as esixencias da cidadanía: debemos dotar a esta das canles non só para esixa senón para que poñan en práctica a política que elixa en cada momento e sobre todo aquilo que lle atinxa.
Cuestión 3: Mecanismos e accións para o cambio radical
Resposta: En paralelo á constitución dese anti-partido, apoiado por todas as forzas galegas verdadeiramente demócratas, é imprescindible unha aposta maiúscula e común por nos dotarmos de medios de comunicación libres e de máxima pluralidade, en mans cidadáns.
Tese: A determinación do voto cidadán nesta sociedade do espectáculo é resultado en moi grande medida da influencia que sobre el teñen os medios de comunicación, nomeadamente a TV. Para que o voto expresado polos cidadáns por medio dun sistema directodemócrata como o bosquexado, sexa realmente libre, deberá equilibrarse o panorama mediático actual con poderosos medios de comunicación libres, controlados directamente polos cidadáns.
Resposta: Para isto cabe pensar nunha estratexia conxunta co maior número posible de actores sociais que inclúa, entroutras, as seguintes accións:
- Presión política permanente para poñer urxentemente baixo control cidadán os medios de comunicación públicos, mesmo mediante boycotts e outras accións de desobediencia civil.
- Creación de novos medios comunitarios de baixo custo e amplo alcance, mediante un financiamento conxunto de diversos partidos, ONGs, sindicatos, etc.
- Medidas diversas de apoio ao xornalismo cidadán e comunitario.
- Inclusión no programa electoral do antipartido dun único punto relativo á posta en marcha destas medidas naquelas institucións onde se acade representación.
Resposta: Este antipartido e todas as forzas que o apoien como opción electoral deben optar como estratexia electoral por desleximitar o carácter presuntamente democrático dos demais partidos. Diante das consabidas letanías partidistas de “os cidadáns galegos o que queren é…” deberán (e poderán) contrapoñer datos recollidos ao minuto acerca da cuestión a debate. Deberán negar que vivamos actualmente nunha democracia e apostar pola vía da democracia directa para a recuperarmos de maneira sinxela e gradual.
Resposta: Buscar a creación dunha masa crítica que leve a unha forza política concreta a unha posición de poder para mudar desde arriba o modelo? É un camiño longo e esgotador de máis. E se pensamos, en troques, en que realmente non é necesaria esa masa crítica, esa demanda de cambio global, esa toma do poder? Simplemente permitir que a xente decida debería ser suficiente. Non falar de revolucións, nin de troco de modelo, permitirá achegar potencialmente a TODOS os votantes (non ningunha masa crítica do 51%) ao tempo que poñemos en marcha en realidade a maior das revolucións: a recuperación da soberanía cidadá. Que partido pode xuntar todos os votantes? Soamente aquel que permita que todas as súas vontades sexan expresadas e elevadas a lei e a acción de goberno. Previsiblemente, en canto un/ha votante vexa que hai unha opción electoral que o/a vai consultar en cada cuestión que lle afecte, deixará de votar a partidos que só se lembran del cada 4 anos. Semella lóxico, non é? Se nos atrevemos a renunciar a defender electoralmente un programa partidista, para defendermos TODOS os programas (incluídos os de dereitas!) poderemos rachar coa usurpación da Política por parte de oligarquías ideolóxicas ou económicas, e devolverlle o poder aos cidadáns. Despois a loita política en igualdade de todas as ideas, debería demostrar na práctica a superioridade moral da esquerda. Finalmente, demostraremos que (verdadeira) democracia e esquerda acaban sendo sinónimos.
Para un desenvolvemento da idea de utilizar a tecnoloxía para facer posible a Democracia Directa, vid. a miña comunicación ao Congreso online do Observatorio para a Cibersociedade (2006): Inoculación de la Democracia Directa en el Sistema Representativo por medio de las NTIC: El sistema D3 e mais o debate ao que deu lugar naquel congreso.
…E máis artigos sobre a Democracia Directa neste mesmo blog.
Impecábel mais fico cunha dúbida. Até que punto queren as persoas ser soberanas de sí mesmas? E nesto as TICs pouco poden facer…
Grazas, Lois. Eu penso que ninguén quere ser non-soberano, pois sería igual a ser esclavo de outros. Mais si que é certo que hai que contar cunha grande pasividade, cunha escasa participación e opinión política, loxicamente meirande nos primeiros tempos en que este sistema se poñer en marcha. Pero países cunha longa tradición referendaria (democracia mixta: representativa + numerosos referenda) como a Suíza demostran que a xente, nos asuntos que lle atinxe, si que participa e vota. Hai múltiples factores que xogan a prol da desmobilización e a deixalo todo en mans dos políticos profesionais (sic), dos expertos ou mesmo dese deus máxico do Mercado que todo o resolve… E aí haberá un duro traballo de pedagoxía política.
Porén, hai que ser optimistas xa que aínda no caso en que nun determinado asunto só participar o 10% ou o 20% dos cidadáns, decidindo mediante este sistema de Democracia Directa, xa serían moitísimos máis dos que agora deciden, que son unha presada de dirixentes empresariais movendo os fíos dunha presada de supostos gobernantes. Así que gañaríamos moito, sobre todo porque a porta ficaría aberta para que, se esa decisión resulta errada, o propio sistema poida correxila nun novo referéndum no que podería participar sempre en teoría o 100% dos cidadáns (maiores de idade, claro, que esa é outra cuestión).
En definitiva, por moi desmotivada que estea a maioría, sempre haberá unha minoría motivada que tomará parte da decisión, facendo o sistema moito máis democrático do que o actual, que desde a miña visión non poden nin tan sequera ser chamado así cun mínimo de rigor.
A chave está en demostrarmos que votar, opinar, informarse, etc. serve para algo. E aí será vital o papel das TIC.
Hoxe en día calquera pode preguntarse con razón: para que carallo vou votar se despois han facer o que lles pete? Cando esa obxeción desapareza… estaremos no camiño para recuperar a capacidade efectiva da soberanía.
Boa Noite:
Pois razón non te falta.
Nembargantes, penso que o resultado é finalmente o mesmo. Ti mesmo o dis no último párrafo: «unha minoría motivada». Isto é para min sinónimo, con matices, de élite, xa sexa cultural, económica, política ou de calquer outro tipo. E volvemos de novo a estar no punto de comezo. Uns poucos deciden por todos.
Se cadra son un pouco escéptico en relación a natureza humana mais, cun pouco de perspectiva histórica, é dificil aceptar que a World Wide Web mude séculos de malformacions xenéticas e sociais.
Apertas, luis
Aínda que poida compartir o teu escepticismo final non podo estar máis en desacordo con que este sistema que propoño ao final sexa o mesmo que padecemos na actualidad cunha élite decidindo sobre a maioría. Por que? Por varios aspectos radicalmente diferentes:
Ola rapaz:
Penso que podemos continuar así até o infinito. A proba do ácido, soamente para ver quen ten razón ;-), sería levalo á práctica nun espazo delimitado, cun horizonte temporal amplo e baixo condicions 100% reais. Cando, ónde e con quén?
Luis
Se cadra nalgún concello galego? Nas vindeiras municipais? Co apoio dos movementos sociais locais e forzas políticas de esquerda verdadeiramente democrática? Ogallá. De momento D3 está aí para ser utilizado nesa «proba» de que o sistema proposto é viable.
[…] Lo he dicho en otros lugares y momentos pero merece la pena insistir para dejarlo bien claro: los partidos políticos históricamente han desempeñado la función de representar a los ciudadanos mediante la presentación de candidaturas a las elecciones. Lo habrán hecho mejor o peor, no entraré en ese debate. Lo que está claro es que desde que existen medios para que el conjunto de los ciudadanos debata y decida en una asamblea permanente, esa función intermediadora de los partidos pierde todo su sentido. Por tanto, es hora de que los partidos políticos asuman con valentía su obsolescencia como interfaz representativa en Democracia y devuelvan la plena soberanía al pueblo, depositario de la misma. […]
[…] complementar a miña máis extensa achega escrita á Rolda de Rebeldía promovida polo Encontro Irmandiño con este esquema que pretendía adiantar o que había dicir o sábado 30 na mesa redonda á que […]