Onte tiven ocasión de escoitar a Xosé Manuel Beiras e Xosé Luís Méndez Ferrín na mesa redonda acerca da Necesidade da autodeterminación que abría as xornadas formativas organizadas conxuntamente polo sindicato CUT e por Adiante. A impresión que levei foi decepcionante porque malia a simpatía e docto saber co que nos agasallaron ambos os dous históricos líderes do nacionalismo galego, pouco se falou (cando menos ata que tiven que marchar, tras máis de 2 horas de debate) realmente do necesaria (ou non) que á a autodeterminación a día de hoxe para Galiza.
Achei en falta que se puxese esta en contexto do colapso do paradigma civilizatorio actual, que se ollara cara ao que temos diante e non tanto para o pensamento e o axir dos séculos pasados, como fixeron Beiras e Ferrín no que case pareceu unha aula de Historia, como se a loita pola independencia fose seguir nos vindeiros anos nun contexto extrapolable. Decepcionoume non escoitar ao líder da FPG, unha das poucas forzas que falan no seu programa político de cuestións de soberanía enerxética e alimentar, de que vantaxes tería unha Galiza soberana, dona dos seus recursos enerxéticos e do seu capital natural fronte a un certo futuro de competencia encarnizada pola enerxía, a auga, os alimentos… Decepcionoume non escoitar a un docto economista como é Beiras falar da necesaria liberación do noso modelo territorial, socioceconómico, enerxético… nun futuro necesariamente re-localizado, autocentrado, post-industrial e sustentado nas fontes de enerxía dispoñibles en cada territorio.
Non me explico como non vencellaron a loita contra a Recesión coa necesidade de armarnos coas nosas propias ferramentas de sostibilidade e de resiliencia, e que a día de hoxe parece claro que non van ser permitidas nin polo Estado Español nin pola Unión Europea, superestruturas (por empregar o mesmo termo ca Beiras) impostas a este pobo e que son verdadeiras cadeas que o coutan na urxente tarefa de botarse fóra do paradigma inviable do capitalimo neoliberal.
Apenas albisquei referencias ao futuro que nos espera se non tomamos as rendas do noso goberno, un futuro que pasa inevitablemente por unha escaseza dramática de recursos, nomeadamente enerxéticos e que vai supor un punto de inflexión brutal para a nosa civilización. Non escoitei referencias á necesidade de desvencellarnos de aparatos de Estado que nos obrigan a estragar a nosa biodiversidade (non hai máis que escoitar á Ministra española que xustifica que non se poden prohibir os transxénicos porque nos obriga a UE cando outros países pertencente á mesma téñenos prohibido), ou a esfarelar o que aínda nos queda de tecido agrogandeiro, fundamental para a autosuficiencia alimentar e para artellar en torno a el outro modelo de produción e consumo verdadeiramente sostible.
En definitiva pouco ou nada lles escoitei acerca da utilidade da independencia para sermos quen de crear outro modelo de sociedade sostible e viable, fóra da absurda vía cara ao abismo pola que España e a UE se empeñan en levarnos: o abismo da colisión cos límites físicos do planeta.
Xa non se pode falar de autodeterminación ou de independencia sen poñelo en relación co panorama histórico que temos por diante caracterizado en primeiro lugar pola chegada da produción mundial de petróleo ao seu teito: nada volverá ser o mesmo, e pechar os ollos a ese feito significa perdermos a oportunidade de rescatar a nosa soberanía, máis urxente ca nunca.
Saúdos! Non tiña coñecemento desta parte da túa web. De agora en diante un asiduo das súas reflexións!
Sempre aos seus pés!
Deica!
Considero que a túa reflexión é moi atinada e non necesita nin moitos engadidos nin matizacións. Eu tamén estiven alí e concordo co que ti dis. Acho, de todos modos, que había certos elementos contextuais que explican, mais non xustifican, o resultado da mesa redonda.
As xornadas tratan sobre a construción do socialismo, na súa organización está un sindicato de clase e os conferenciantes so dous históricos do nacionalismo de esquerdas na Galiza. E no público había unha notábel presenza de xente nova, outra das organizacións organizadoras é da mocidade nacionalista. Ben, que quero dicir con todo isto?. Pois que temos os vimbios para que saia un cesto como o que saíu, aínda que con un pouco de vontade podería terse feito outro. Caer na tentación da exposición histórica, das loitas pola liberación nacional neste e noutros lugares do mundo, da intrahistoria do nacionalismo galego, dos vencellos nacionalismo-marxismo… era case inevitábel. E non é que iso non debamos sabelo, ou que non deban sabelo a xente nova ou a vella que non o soubera ou o tivera esquencido (activa ou pasivamente). Compre lembralo para evitar estar dando sempre nas mesmas pedras.
Pero tamén compre pensar o presente (si, desde o coñecemento do pasado pero tamén do que está a suceder no mundo). Pensar en nós desde o que fan outros, outros combatentes deste sistema (ecoloxistas, feministas, indixenistas, labregos…), do que fan os condenados e marxinados da terra, do que se fai aquí e do que se fai en Latinoamérica, en África, noutros lugares da Europa…Das afinidades e das diferenzas, do que debemos imitar e no que debemos improvisar ou recrear, do que nos poden aprender e do que os podemos aprender. Pensar (repensar) a autodeterminación no presente. E non todo o que deste exercicio saia será unha novidade, mais será un pensamento novo (renovado).
Hai unhas semanas Marta Harnecker estivo en Pontevedra, falando da esquerda, do socialismo en América Latina. De formación marxista, materialista científica, divulgadora e defensora do marxismo, referente de moitas persoas que no seu día nos iniciamos cos seus libros na metodoloxía marxista. Debo dicir que me emocionou o seu discurso polo mesmo que me decepcionou o que nestoutra conferencia escoitei (ou deixei de escoitar).
Harnecker, exiliada de Chile, estivo vivindo en Cuba, colaborou activamente co seu goberno e agora vive e traballa en Venezuela, implicada nunha nova loita. Foi optimista, sen deixar de ser crítica, foi didáctica e rigorosa e, sobre todo, foi esclarecedora sobre o momento actual que a esquerda está a vivir noutras partes do mundo (e nos seguimos sen aprender). Falou das organizacións marxistas e de esquerdas no pasado, da destrución que as ditaduras e o neoliberalismo fixo destas e de certas redes sociais, de como os agredidos da nova orde, os derrotados, os marxinados, deberon iniciar unha loita de resistencia que, co tempo, pasaría a ser unha loita ofensiva, que de ter unha orixe en múltiples movementos sociais tiveron que dar o paso ao confronto político. Pero o novidoso é que estas novas organizacións políticas nacen de abaixo a arriba, non son froito dun grupo abandeirado como vangarda do proletariado a prol da creación dun movemento revolucionario, porque son proletariado, mais non só, son multiformes, con intereses iniciais diversos, sen líderes claros, pero unidos contra un inimigo común, o sistema económico actual (baixo algunha das súas faces). Son organizacións horizontais e non verticais, son plurais, e deciden os seus representantes como iso mesmo, representantes, voceiros temporais ao servizo do interese común. E por iso son mudados frecuentemente, son amoestados se mudan o obxectivo. Son organizacións activas, porque as bases son as protagonistas, as que arrastran e non as que son arrastradas. Son diversas, diferentes dun país a outro, en función das características dos movementos sociais que lle deron orixe, da correlación de forzas, do contexto particular, dando lugar a dinámicas e ritmos diferentes que deben ser analizados de forma particular. Non serven as comparacións miméticas, cada unha ten un camiño trazado diferente aínda que o obxectivo final sexa moi semellante.
E nestes movementos a clase obreira é moi importante, son unha das grandes vítimas, mais non só. E esta nova esquerda, liberadora, emancipadora traballa tamén polo socialismo, con novas armas, con novos actores, con novos obxectivos. A súa diversidade é a súa riqueza, a que lle outorga flexibilidade na loita contra un inimigo que fagocita discursos, que enmascara as súas accións destrutoras con discursos pseudoprogresistas, con palabras baleiradas de significado.
Quizás sexa hora de que na Galiza comecemos a unir forzas contra inimigos comúns. Marcando os puntos mínimos de entendemento e respectando a autonomía na loita particular de cada grupo. Vendo máis o que nos une que o que nos separa, con estruturas flexíbeis de traballo e de acción, que eviten liderazgos persoais fortes e onde a fortaleza estea na base. Polo mesmo as vellas superestruturas deben ser mudadas, porque a base económica e social que está debaixo está a mudar dunha forma radical (máis co afondamento da crise). A autodeterminación emerxe así como unha necesidade vital, porque ás loitas do pasado únense as deste presente e as dun futuro inmediato onde case todo está por facer e onde a supervivencia dependerá dunha acción coordenada, colectiva e radicalmente diferente ao que estamos afeitos.
Grazas, Mandián por tan bo comentario. Moi proveitoso! Teremos que prestar ouvidos logo a xente coma Marta Harnecker. Concordo contigo na aposta que fas por tecer redes inclusivas e activas desde abaixo. Coido que vai na onda do que está a facer agora mesmo xente como a Rede Galiza Non se Vende ou a Rede Galega Anticapitalista ou ferramentas coma Democracia Directa Dixital. Aínda que eu non sei se o que temos que construír é o socialismo ou o anarquismo. E matino eu: on sería posible un sistema que compatibilizase ambos, algo como o comunismo anarquista? …O cal lémbrame unha foto que fixen hai uns días diante do Campus Sur… a ver se a atopo e a publico.
Veño de publicar a foto da que falaba ;-D
[…] ao comentario que Mandián deixaba ao meu anterior post, lembrei que tiña pendente de subir esta foto. Está nunha das rúas que unen Rosalía de Castro […]
Por certo, Amauta, benvido polo meu blog (un máis deles!). E si, tes razón que non está moi ligado desde fóra pero verei de actualizar o conxunto do web un día destes… Grazas polo seguemento! Agardo que sexa activo e que nos deas a túa impresión sobre as diversas cuestións que trato.
Pilláchesme. Aínda que eu trataba de resumir o discurso de Marta Harnecker en Pontevedra, a miña identificación con moito do que alí se falou quizás me levou a que, tratando do socialismo en Latinoamérica, eu insistise en positivo nese aspecto.
Se por socialismo entendemos propiedade pública dos medios de produción e esa propiedade pública está gobernada polos representantes populares debo dicir que non me parecería mal sempre que, polo menos: 1)eses representantes fosen, como dixen, só representantes, é dicir leven a palabra do pobo pero non o substitúan, de modo que as decisións sexan de abaixo a arriba e non ao contrario; 2) de acordo co anterior, falamos dunha delegación temporal, concreta e baixo control directo do pobo; 3)en definitiva, a propiedade dos medios de produción é de todos aínda que temporalmente e colectivamente se decida unha xestión coordinada para dar posteriormente paso a un control descentralizado; 4)que o socialismo sexa en verdade unha fase previa (e curta) ao comunismo onde a propiedade sexa, polo tanto, comunitaria. Noutras condicións acho que socialismo quizás non sexa a mellor definición (e solución).
Porén, compre pensar que acontecería nun estadio en que en certos lugares marchasen no camiño comunismo-anarquismo mentres que no resto segue habendo unha elite capitalista monopolista en retroceso pero atrincheirada até a súa defunción, defendéndose e agredindo.
Mais como a miña intención non era crear un debate sobre esta cuestión, se no final do camiño hai comunismo ou anarquismo doume por satisfeito. Agora considero que é cousa de buscar intereses comúns, xa haberá tempo para as disidencias se ten que habelas. Traballando xuntos poida que mesmo cheguemos a superalas.
Pois si: como se dicía daquela: «Primeiro gañar a guerra, e despois facer a revolución» 😉
E si, os lugares onde comece esa revolución vano ter moi cru mentres por fóra ante o Becho rebulindo, agoniando… Xa se veu no 1917… e no 1937… e en certa medida agora coa evolución de Hispanoamérica. Se cadra teremos sorte de que a Recesión e o Teito do Petróleo faga que os núcleos duros do Capitalimos se centren no seu e deixen aos demais tranquilos seguiren polo camiño que queiran. Pero moito me temo que ha ser difícil, xa que o Imperio aínda que en descomposición, ha adicar as súas reservas a alimentar un exército que lles asegure o control dos recursos alleos: a estratexia de A New American Century, que Obama por suposto non desmotou nin vai desmontar por moito multilateralismo que venda.
[…] entre elas a galega. Está tendo en conta esta perspectiva a estratexia do soberanismo galego? Xa dixen hai un tempo que vía ao independentismo un tanto desorientado, ancorado en marcos obsoletos, e sen consciencia das implicacións que un futuro de baixa […]
[…] a galega. Está tendo en conta esta perspectiva a estratexia do soberanismo galego? Xa dixen hai un tempo que vía ao independentismo un tanto desorientado, ancorado en marcos obsoletos, e sen consciencia das implicacións que un futuro de baixa […]