////

As miñas propostas para un Plano de Acción Anticapitalista Galego no 2009

A convocatoria posterior ao FSGal que nos ha xuntar mañá en Compostela para comezarmos falar entre movementos sociais e activistas a título individual, deume a ocasión de plasmar unha serie de propostas na liña do que defendía no meu último post. Velaquí o que propoño de cara a un Plano de Acción Anticapitalista na Galiza no ano a piques de comezar:

Propostas no Terreo da Comunicación:

  • Comunicación interna entre os movementos: optimizar o emprego de ferramentas online:
    • un wiki como ferramenta estratéxica para elaborarmos conxuntamente propostas, campañas, materiais comunicacionais, etc. e darmos continuidade aos encontros presenciais;
    • dotarmos de RSS a todos os webs dos movementos; crearmos un lugar común de referencia onde publicarmos un agregador de novas RSS e unha axenda RSS que xunte todas as convocatorias e actos dos movementos sociais galegos;
    • crearmos unha lista de correo de coordinación interna;
    • crearmos un boletín ao que se subscribiren persoas interesadas en coñecer convocatorias, etc. (complemento ao agregador e axenda RSS);
    • difundir a encriptación PGP entre os movementos para asegurar privacidade;
  • Comunicación externa (ao resto dos cidadáns):
    • aproveitarmos ao máximo a comunicación de guerrilla;
    • considerarmos a conveniencia e posibilidade de crearmos unha especie de xornal impreso, que se xeraría distribuidamente en formato PDF para ser despois imprimido e distribuido localmente por activistas por toda a xeografía galega.

Propostas organizativas:

  • Funcionarmos en rede creando nodos funcionais, para coordinación e dinamización de áreas concretas: estratexia, comunicación, alternativas económicas, etc.

Propostas de acción socioeconómica:
Habida conta de que o Capitalismo vai a velocidade de cruceiro cara ao seu propio colapso -a mais tardar tras o cénit do petróleo-, irmos poñendo en marcha -mediante campañas, apoio mutuo, coordinación, compartición de recursos, formación, difusión, etc.- como única opción viable tras o seu derrubamento, outro modelo socioeconómico, baseado en:

  • Decrecemento, obxeción ao consum(ism)o, boycotts comerciais.
  • Economía alternativa, social e disidente paralela á capitalista.
  • Comercio local+ético+responsable.
  • Moeda alternativa galega: poderían ser os galeuros, abertos ao control da pluralidade de movementos ou cidadáns e non só da Asociación Fillos de Galicia, ou unha nova que se crease.
  • Sistemas de troco e bancos de tempo.
  • Economía autocentrada (local=Galiza).

Con esa economía fóra do sistema, conseguiríamos darlles onde máis lles doe, e onde máis poder temos: na compra cotía. Xa que un euro ten máis poder ca un voto, e exercemos o noso poder como consumidores todos os días, contra cada 4 anos como votantes, teríamos a maneira de causarlles perdas económicas ás grandes empresas nun momento de gran debilidade delas. Imaxinemos p.ex. un boycott capaz de restar un 5% de vendas a unha gran empresa: sería xa algo que os obrigaría a reaccionar, non é?

(«Non fagas o que máis che apetecería facerlle ao teu inimigo, senón aquilo que menos lle gustaría a el que fixeses.»)

Ademais, e o máis importante: estariamos a construir o único salvavidas que imos ter cando o Capitalismo colapse pola súa propia irracionalidade.

Proposta política:
Finalmente non podemos renunciar á participación no sistema electoral, porque aínda que o rexeitemos por principio, ofrece unha oportunidade demasiado boa de chegar á xente. Por que non aproveitala, instrumentazila ao noso favor? Introducirnos no sistema coma un cabalo de troia?

Propoño crearmos unha opción electoral baseada na Democracia Directa que levase as iniciativas e voto dos movementos sociais tanto ás campañas electorais (e con iso a moitos milleiros de persoas vía medios de comunicación tradicionais), como ao propio parlamento galego se se obtén aínda que fose 1 só/a parlamentario/a.

Podería ser algo semellante a Democracia Directa Digital, pero limitando o voto que trasmitiren os nosos electos, a aquelas persoas inscritas nos movementos ou ampliando o círculo ate o conxunto dos cidadáns, se se prefire, à la D3. A tecnoloxía existe e non é complexo de artellar: todo o mundo ten un móbil capaz de enviar un voto por SMS cada vez que os nosos electos teñan que participar nunha votación parlamentar, e para que non o teña, ou prefira, argallaríanse outros sistemas: Internet, locais públicos de votación, centraliñas telefónicas, etc. O sistema que tomo como referencia está descrito en http://www.d-3.info/wiki/index.php/Sistema_D3

E habería que presentar esta candidatura troiana xa ás eleccións do 1 de Marzo.

Conseguiríase un duplo obxectivo con esta nova opción electoral:

  • Visibilizar a loita e as propostas cidadás/sociais, forzando a súa entrada no debate político, cando menos durante o periodo electoral, e alén se se obtén representación.
  • Deslexitimar a pseudodemocracia partidista ao facer ver que existe outra maneira de facer política, vía un auténtico empoderamento popular, unha auténtica soberanía, grazas á democracia directa. Axudaría a socavar o imaxinario da falsa representatividade parlamentar.

Todo isto conformaría un triángulo cuxos 3 vértices serían:

  • Acción economica.
  • Acción política.
  • Comunicación.

…ou, dito doutra maneira:

  • Outra economía.
  • Outra política.
  • Outra comunicación social.

Quedaría algo máis que valorar, un novo eixo de acción, se cadra: a acción directa e/ou desobediencia civil, complementaria das outras.

Espero que estas propostas poidan chegar ao debate de mañá e contribuír a definirmos unha estratexia eficaz de cara á loita no 2009 na Galiza.

(Grazas a Susan George, Carlos Taibo e tantos outros pola inspiración.)

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

2 Comments

  1. Deixo aquí algúns apuntamentos subxectivos sobre o que escoitei na reunión de Compostela:
    Negativo:

    • Existe imporante descoñecemento do que pode achegar a tecnoloxía: p.ex. algúns se queixaban de que se fose crear 1 lista de correo máis: iso é non comprender o carácter segmentado da Rede, e se queremos estar todos apoiando e coordinándonos coas loitas dos demais e non facer compartimentos estancos de loita (minifundios) debemos aceptar a multiplicidade de listas, unha por tema cando menos, ou por organización.
    • Non houbo resposta nin boa nin mala á necesidade de presentar unha candidatura pro-Democracia Directa ás vindeiras eleccións. Non se capta a importancia de aproveitar con urxencia a cita electoral do 1 de marzo, con contadas excepcións entre os asistentes, que vían maneiras diferentes de o facer.
    • Hai quen aínda xente entre os movementos que cre os mitos capitalistas e que pensa que o sistema non vai colapsar.
    • Hai escasa conciencia da necesidade da guerrilla da comunicación.

    Positivo:

    • Hai importante acordo en eixos de acción e a?eas organizativas.
    • Vaise comezar andar sen máis demora autoorganizándoos vía correo electrónico.
    • Houbo bastante interese por parte dalgunha organización en saber máis sobre as propostas tecnolóxicas que fixen.
    • O ano 2009 vai ser moi activo en loitas sociais locais-europeas-mundiais e hai moitas gañas de estar en todas elas.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Ciberactivismo

5G vs. 7G

No necesitamos una tecnología 5G: necesitamos una ética 7G.