A crise actual ocupa os medios de comunicación de masas de maneira cotiá desde hai semanas. Pero a faciana que se nos amosa neles é case exclusivamente a financieira-económica. Pouco sae á luz e ao debate público sobre un compoñente subxacente de crucial importancia: os límites do medre perpetuo capitalista. Entre eses límites hai un que salienta: o da produción mundial de petróleo.
Baixo o termo inglés de “peak oil” coñécese o fenómeno que na nosa lingua poderiamos denominar “cénit”, “pico” ou “teito” da produción de petróleo a nivel mundial. O petróleo é un ben finito e escaso, do que non podemos “fabricar” máis cando se esgota; é dicir, no planeta hai un número concreto, limitado, de toneladas de petróleo. Ben, pois todo apunta a que estamos comezando notar os efectos desa finitude. Pero non trabuquemos: o problema non é que nos vaiamos quedar sen petróleo de aquí a uns meses, senón que cando comece o descenso pola curva histórica da produción mundial (en forma de campá, denominada “curva de Hubbert”) o petróleo que vaia quedando accesible nos mercados será cada vez máis caro, de peor calidade, máis contaminante, máis difícil de extraer, de menor valor enerxético e tamén e sobre todo (velaquí o quid da cuestión)… será insuficiente para satisfacer a demanda mundial.
Por poñelo en poucas palabras: non vai haber petróleo para todos nin maneira de substituílo a tempo. Os que levan estudando este problema desde hai tempo, teñen calculado que farían falta cando menos 20 anos de preparación, de seria e profunda transformación do tecido socioeconómico nos países industrializados occidentais, para evitar graves consecuencias. Son datos do Informe Hirsch, encargado pola administración Bush no 2005. Porque, non nos enganemos: nin os biocombustibles, nin as renovables nin a agora de novo proposta nuclear son viables a unha escala comparable ao consumo mundial actual de petróleo, nin estarían listas a tempo. Os cálculos de investimentos precisos, desenvolvemento tecnolóxico e taxas de retorno enerxético non deixan lugar a dúbida: non hai substituto viable para o petróleo que nos vaia chegar a tempo antes do momento en que a súa produción non dea cuberto a demanda.
Parémonos a pensar qué significará quedármonos sen petróleo (ou sen petróleo barato, que ven sendo o mesmo na práctica): o 90% do transporte funciona só con derivados do ouro negro; a agricultura intensiva (e polo tanto a alimentación de cada un/ha de nós) tamén depende desde a súa produción (fertilizantes químicos, praguicidas, maquinaria, etc.) ata a súa distribución, do petróleo e do gas natural (outro recurso en proceso de esgotamento); os bens de uso cotián están en boa parte creados a partir de derivados do petróleo (plásticos, fibras sintéticas…) e outro tanto se pode dicir de moitos medicamentos. Isto é: todo o que nos mantén vivos e “funcionando”. É o que algúns chaman a sociedade fosilista, petrolívora, adicta ao petróleo… ou simplemente a sociedade insostible, din outros, e non sen razón. E aí é onde volvemos ligar coa cuestión inicial: a crise ou recesión económica e a imposibilidade dunha recuperación económica permanente.
O capitalismo (iso que algúns chaman farisaicamente “libre mercado”) é un sistema que precisa do crecemento continuado para poder existir. É connatural a el: sen crecemento é inviable. Ben, pois sen petróleo, tal e como está construida a sociedade industrial capitalista, non pode haber tampouco medre. Se o combustible escasea, a máquina non é que vaia máis amodo: é que ao estar pensada só para acelerar, simplemente se “gripa”. É dicir, vimos construindo un inmenso monstro de escala planetaria, chamado sistema industrial capitalista, sobre unhas bases que tiñan data de caducidade e sen recambio posible. Cando eses cementos caian… caerá todo o sistema e todas as sociedades que non se teñan desprendido del, que non teñan saído da adición a unha droga sistémica que é finita. Agora moitos se debaten en tratar de adiviñar a data de comezo dese masivo derrubamento, dese tráxico punto de inflexión na Historia da Humanidade, que virá marcado polo momento en que se alcance o número máximo de bocois de petróleo producidos no mundo (o chamado “cénit do petróleo”): 2010? 2015? …algúns mesmo din que xa estamos inmersos nel. Pero acertar na data non é o máis importante, nin debe demorar a posta en práctica das urxentes e radicais medidas políticas, económicas e sociais que esixe para tentarmos minguar o seu catastrófico efecto, porque é coñecido que non teremos a certeza de termos pasado ese pico da produción ata algún tempo despois (un par de anos, talvez) cando o vexamos no espello retrovisor da historia económica. E os prezos, cando avisen, será demasiado tarde. Se seguimos confiando nos sinais que envía o mercado, na substituibilidade dos factores produtivos, e na mítica autorregulación dos mercados, daquela o choque brutal contra os límites dos recursos do planeta está asegurado: estímase que sen petróleo, o planeta só poderá manter unha poboación duns 2.000 millóns de persoas.
(Licencia CreativeCommons: Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España)
Xusto ao comezo da sociedade petro-industrial, aló por 1900, a poboación galega era duns 2 millóns de habitantes, seica. Será esa a nosa poboación máxima cando o petróleo volva a desaparecer das nosas vidas? É previsible que teremos unha vantaxe porque agora temos técnicas e coñecementos que daquela non tiñamos e que nos axudarán a manter unha poboación algo maior. Pero por outro lado tamén son previsibles calamidades como consecuencia do cambio climático, dos conflitos polos recursos escasos, etc. É posible que uns factores compensen os outros e a poboación non poida ser moito maior.
Recomendo a lectura do artigo que publicara aí atrás o prestixioso web The Oil Drum sobre esta cuestión da máxima poboación coa que pode cargar o noso planeta, unha vez nos falte o petróleo.
Este texto foi reproducido, que nos conste, nos seguintes medios:
Tamén o sacaron en Vieiros hoxe: http://www.vieiros.com/opinions/opinion/588/o-cenit-do-petroleo-a-outra-e-derradeira-crise
Si, grazas. Xa o vin tamén.
Confirman que na Nosa Terra sae tamén este xoves día 4 de decembro.
Recomendo ler a análise que fai DanielErreCe, usuario de Vieiros, a raíz do meu artigo. Grazas, Daniel, porque a túa visión enriquece grandemente o meu texto!
[…] « O cénit do petróleo: a outra (e derradeira) crise 08 12 2008 […]
Tamén Xabre.eu, que cadra que é un galego alumno dunha das persoas que en España máis controla do asunto (Mariano Marzo), menciona e reproduce o artigo. Todo un honor figurar xunto ao profesor Marzo! 🙂
[…] que non se trata do sistema financieiro. Nin tan sequera da economía. O que está iniciando o seu derrubamento definitivo non é o sistema capitalista, senón o modelo enerxético no que baseamos toda a nosa civilización […]