//

Programa político para Galiza respostar ao cénit do petróleo

[Documento en permanente actualización.]

Baseado nun texto anterior, fago aquí un resumo das propostas que coido máis aplicables para o noso país respostar política, económica e socialmente á crise múltiple que está a comezar producida polo cénit ou pico da produción de petróleo mundial.

O obxectivo último é facer fronte de maneira anticipada ás devastadoras consecuencias que a todos os niveis virán inexorablemente da fin do petróleo barato, do que tanto depende a nosa civilización. É dicir, preparar o noso país, para un troco de modelo enerxético e económico ineludible, baseado na independencia enerxética, a soberanía alimentar, a economía autocentrada e o decrecemento controlado.

É preciso que a clase política deste país abra os ollos e vexa que estamos abocados a unha transición a un modelo de sociedad que gaste moita menos enerxía e que a produza dunha maneira máis distribuida e local. Esa transición require un decrecemento económico controlado, porque crecemento económico e crecemento do consumo enerxético van necesariamente da man e ese camiño só ode conducir ao colapso, debido ao límite que impoñen as propias leis da naturaleza.

A continuación listo unha serie de medidas que tentarei manter actualizadas segundo o meu estudo do asunto me vaia fornecendo con ideas de aplicación interesante para Galiza:

Infraestruturas, enerxía, trasporte e investimento público:

  • Revisión de todos os planos de investimento público baixo un escenario permanente de petróleo caro.
  • Paralizar investimentos en infraestruturas de longa distancia moi dependentes do petróleo barato: aeroportos, autoestradas e tren de alta velocidade, nomeadamente.
  • Promoción da soberanía enerxética galega: non dependermos do exterios para a enerxía que consumamos.
  • Aposta decidida polas enerxías renovables.
  • Fomentar a venda de electricidade por parte de pequenos produtores. Fomento do cooperativismo enerxético.
  • Impulso do trasporte público. Penalización do trasporte privado non eficiente.
  • Substitución dos combustibles fósiles no trasporte público. Despregue de tranvías nas cidades.
  • Creación de liñas férreas de cercanías nas principais áreas urbanas.
  • Investigación para a aplicación das enerxías renovables á flota pesqueira galega. Apoio á recuperación da vela nos barcos de baixura.
  • Promoción do uso da bicicleta nas cidades. Creación de vías ou carrís exclusivos para bicicletas.
  • Peatonalización e disuasión do uso do coche privado nos centros das cidades.
  • Promoción do uso compartido de vehículos (sistemas de car-sharing) e do seu aluguer.
  • Promoción do coche eléctrico. O etanol podería ser unha solución temporal pero a Xunta debería promover xa o desenrolo de coches eléctricos e subvencionar a súa adquisición. Para unha mobilidade persoal de curtas distancias, como a maioría das que se producen no interior da nosa dispersa Galiza, son unha solución idónea. Producir esa electricidade de xeito sostible e local.
  • Potenciación dunha rede de comunicacións de proximidade por estrada e ferrocarril.
  • Medidas de apoio ao trasporte marítimo de mercadorías fronte ao trasporte por estrada de longa distancia e fronte ao avión.
  • Obrigar a poñer paneis solares nos edificios, miniturbinas eólicas e outros sistemas de autoabastecemento enerxético.
  • Incluir na normativa de construción a obriga de illamento térmico.
  • Gravar cun imposto especial as bombillas incandescentes e outros sistemas de uso enerxético non-eficientes.
  • Adopción do Oil Depletion Protocol (como xa comezaron facer algúns gobernos locais noutras partes do mundo) e promoción do mesmo entre os concellos galegos.
  • Aplicar as medidas que sexan posibles das incluidas no informe da AIE “Saving oil in a hurry” (febreiro de 2005) para a diminución do consumo.

Consumo e produción alimentares. Agricultura:

  • Promoción da soberanía alimentar galega.
  • Impulso maior da revitalización do agro en termos de sustentabilidade e de recuperación de sistemas de produción non dependentes do petróleo.
  • Aposta decidida polos biofertilizantes.
  • Axudas para que os cidadáns (sobre todo nos espazos urbáns) poñan en marcha hortas de auto-abastecemento (vid. en Porto, proxecto Horta na Porta). Formación, apoio económico, redución de xornadas e movilización do bano de terras nos territorios periurbáns.
  • Potenciar e recuperar os mercados locais, prazas de abastos, feiras parroquiais mensuais e outros medios para a relocalización e a soberanía alimentares e para a trasparencia no comercio de alimentos. Realizar campañas públicas de difusión e incentivar unha volta aos hábitos de consumo alimentar sustentables e locais.
  • Desenvolvemento de cadeas de suministro local.
  • Redución de cargas sobre os pequenos agricultores.
  • Potenciación do cooperativismo agrícola e da pesca na distribución.

Economía e sociedade:

  • Explicación pedagóxica do problema do cénit do petróleo, recoñecendo a súa gravidade e explicando as alternativas para respondermos a el.
  • Plano para a relocalización da economía e da sociedade.
  • Plano integral para manter vivo e recuperar poboación no rural. Reordenar o territorio en base á estructura histórica de Galiza e á Teoría do Lugar Central.
  • Reorientación da economía produtiva cara o consumo interno.
  • Apoio a iniciativas empresariais non dependentes do petróleo.
  • Supeditación total da economía ao benestar social.
  • Abxuración pública do mito do crecemento sostible.
  • Penalización do consumismo e da publicidade. Fomento dun cambio cultural con respecto ao consumo.
  • Promoción de moedas locais complementarias, bancos de tempo e sistemas de troco.
  • Máxima promoción do teletraballo.
  • Promoción do turismo de proximidade. Máxima posta en valor de Galiza como destino turístico para os galegos e para os españois e portugueses.
  • Reforma fiscal segundo criterios ecolóxicos.
  • Apoio económico a proxectos empresariais que fornezan produtos substitutivos aos importados.
  • Subvencións e vantaxes fiscais para as empresas e iniciativas cidadáns que potencien os circuitos curtos produción-consumo.
  • Incentivos fiscais ao illamento térmico, á eficiencia e á autosuficiencia enerxética.
  • Instalar medidores de consumo eléctrico nas casas para facilitar o aforro.
  • Fomento das ecoaldeas como modelo para a revitalización do rural.
  • Difusión e recuperación dos oficios tradicionais pre-industriais mediante exposicións itinerantes, programas de TV e clases en colexios e institutos.

Para poñermos en marcha estas medidas, propuxen unha actuación do Parlamento Galego definida nunha carta aberta aos nosos políticos.

Precisamos un plano de choque e precisámolo XA!

5 Comments

  1. Os nosos gobernantes non nos consultan onde queremos ou debemos gastar o diñeiro de todos. As promesas electorais son simplemente promesas que case nunca se levan a cabo e unha vez no poder, fan e desfán ao seu antollo. Son capaces, por exemplo, de non ter en conta nin sequera un punto das máis de 1.000 alegacións presentadas en Galicia contra o Plan Acuícola, unha falta de respecto total cara ao pobo. Son capaces de gastarse máis de 16.000 millóns de euros en duplicar o nº de autovías de alta capacidade, sen ter en conta a crise enerxética, o peak oil, ou o cambio climático.
    O peor é que un investimento deste tipo, hipoteca o noso futuro, enterra 16.000 millóns de euros en infraestruturas imposibles de aproveitar, traemos o AVE e acabamos co mísero transporte ferroviario de cercanias que teniamos (só de Vigo a Coruña péchanse 26 estacións) e mentres, condenamos á xustiza ao ostracismo e á inoperancia, porque ningún goberno quixo investir un duro en actualizar e axilizar a carreira xudicial. Os pelotazos urbanísticos, baséanse nesta cadencia xudicial, que permite acabar as obras antes de ter unha sentenza firme e logo, o que veña detrás que arree.
    Ninguén nos preguntou en que queremos que se gasten eses 16.000 millóns de euros, pero enterralos en autovías, coa que está caendo, descualifica a un Goberno, xera atraso ao noso país e, repito, hipoteca o noso futuro.

  2. Efectivamente, non nos consultan. E despois chámanlle democracia. Non soamente non somos soberanos senón que non somos nin tan sequera escoitados.

  3. Son capaces de gastarse máis de 16.000 millóns de euros en duplicar o nº de autovías de alta capacidade

    …e non soamente duplican o número, Anxo, en contra das tendencias marcadas polo esgotamento da etapa histórica dos combustibles fósiles, senón que literalmente duplican algunhas delas, trazando un 3º camiño viario entre Coruña e Vigo p.ex. tras a estrada nacional e a autoestrada de peaxe, como xa tamén denunciei neste blog.

  4. O peor é que un investimento deste tipo, hipoteca o noso futuro, enterra 16.000 millóns de euros en infraestruturas imposibles de aproveitar,

    E se fose só esa a hipoteca… Pero velaí temos a Cidade da Cultura, o AVE… A responsabilidade histórica dos nosos gobernantes é ineludible, e mentres eles se gaban do progreso, ese ente impalbable para o cidadán de a pé, do crecemento (dogma acientífico pola súa pretensión de perpetuidade), as oportunidades de salvar o noso país fronte á debacle da sociedade petrolívora estanlles a pasar por diante dos fociños.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso

Futuro feudal

Cada vez veo más seguro un futuro en el que los nietos de quienes abandonaron el