Hoxe Touriño facía a posta en escea da presentación do seu estupendo Plan (sic) contra o Cambio Climático. Semella nunha primeira ollada un plano pouco ambicioso, paliativo, de axudar a mitigar, como o propio Touriño subliñaba sen rubor. Non direi eu que sexa negativo, pero parece un balde un chisco maior co que tentar sacar a auga dun Titanic que afunde… É tamén unha oportunidade perdida para afrontar dous problemas (moi vencellados) nunha acción conxunta, se de verdade lle preocupa a este goberno a sustentabilidade ecolóxica e económica do país: o cambio climático e as consecuencias do cénit do petróleo.
Para cando esperten este e outros gobernos, será demasiado tarde. Algúns países do norte (Dinamarca, Suecia, Reino Unido, Irlanda…) están espertando, e aínda que quizáis tampouco consegan mitigar moito o catastrófico efecto que se prevé desde fenómeno xeolóxico-económico, cando menos estarán un chisco mellor preparados para o aturar. A nivel local e como país teríamos que estar xa, en paralelo a estas iniciativas insuficientes, covardes, contra o cambio climático, poñendo en marcha unha auténtica transición enerxética e socioeconómica para poñer alicerces a unha próxima Galiza sen petróleo.
Touriño debería saber que un modelo sustentable pasa por diminuír enormemente o consumo enerxético, trocar o sistema de trasporte, eliminar a dependencia dun combustible cada vez menos asequible e menos accesible (o petróleo). E non pasa precisamente por estupideces como o AVE ou crear (mesmo duplicando trazados) máis e máis autoestradas cada ano para uns coches que de aquí a pouco estarán tirados nas cunetas abandonados por falta de combustible.
As medidas que este PSOE pon en marcha tanto en España como en Galiza non se saen unha coma do guión do capitalismo mundializado, un sistema abocado á morte por esgotamento do seu insubstituíble motor: o petróleo barato.
Todo o que sexa eficiencia enerxética e paso a combustibles limpos (non fósiles, renovables) será positivo para prepararnos para o descenso da dispoñibilidade de cru, pero se o obxectivo se fai entorno ás emisións, pode que perdamos eficacia no cambio de modelo, único camiño á auténtica sustentabilidade social e económica.
A Xunta debería ollar máis cara a Uppsala que a Quioto.
Touriño debería ler a Jorge Riechman:
Moita xente nas suas exposicions ten razon, pero en parte.
Se lle vota a cupa do que pasa os políticos, as empresas, os organismos, as nacions,…etc. Pero na miña modesta opinión o problema son EU, TI, EL, ou sexa cada un dos habitantes «do primeiro mundo… en consumo/contaminación» principalmente.
Eu quedo abraiado por exemplo cas persoas que para baixar un piso utilizan o ascensor. encenden a luz dos pasillos no día. para entrar no garaxe a pe ou en moto utilizan o portal eléctrico existindo porta manual. comprando agasallos e xoguetes a esgalla. ¿onde acaba a publicidade a esgalla tamén dos buzóns?. a polo pan a pe nin de coña. se o árbol de enfrente no me deixa ver as vistas ou ensucia a picina, pois a sacarlle polvo a motoserra. todos queremos cobrar ben pero pagarlle o mínimo os demáis – cando os demáis somos nos respecto dos outros -. cambian de tv/móvil/gafas/coche, estando en perfecto estado. engullen unha colilla na area da praia mentras pensan o linda que está, … e sería interminable a exposición.
E agora…. e no futuro… ¡ay…ay probriños de nos, que non temos combustible, alimentos, que me despiden do chollo, non chego a fin de mes, ou que non chove nos campos cando o ten que facer!. MAL QUE NOS PESE … MERECEMOLO.
non os nenos/as. ….e remato: QUIEN COMA CARNE QUE RILLE EL HUESO.
Estou contigo en que o consumo individual tanto de produtos superfluos, como de produtos máis baratos (veñen de China pero tanto me ten que así estea escravizando a un neno alá ou deixando sen choio a un veciño meu), como de enerxía innecesaria (que adición ao coche, meu Deus!)… ten moita da culpa. Pero se botas atrás a vista e ves como, cando e por qué entramos nese modelo, verás que non foi algo voluntario, senón principalmente inducido polo complexo industrial-publicitario que domina as vidas de cada vez máis capas sociais e cada vez máis países. Os nosos pais vivían con menos, e os seus pais aínda con menos… Se compramos tanto e porque insisten en nolo vender. Loxicamente, estamos atrapados na nosa propia mentalidade consumista, pero a realidade dos límites do planeta devolveranos a cordura… polas malas!