/////

“O cervo na torre” revisitado: fición ou próxima realidade? (II)

Continúo cos extractos de O cervo na torre, de D.X. Cabana:

– (…) ¿Xa estaba feita a concentración parcelaria?
– Que había de estar… Tivémola que facer nosoutros despois, e non crea que se logrou sen protestas, porque de camiño quixéronse amañar outras cousas. A igualdade… Os labradores tampouco non lle eran todos iguais. Nosoutros mesmos fomos caseiros toda a vida (…) Eu daquela pensaba que a casa morría comigo, e agora xa ve… Pero un caseiro aínda menos mal, cando o lugar era bon e o sabía traballar. O peor éranlle os que non tiñan máis ca un caseto, que lles chamaban por aquí camareiros. E mentres tanto, había outras casas que ó quedar sen máquinas non daban traballado o que tiñan. O caso é que cando o frío foi cedendo, acordouse arranxar a un tempo dous problemas, o tempo que se perdía polos camiños de lisca en lisca, e mais a desigualdade entre nós. (…)
(…)
Pois entón fíxose un proxecto dun circundo dunhas tres fanegas pra cada casa, e as agras dividíronse en tenzas máis ou menos por un igual, segundo o que se podía traballar. ¡Moito berraron os pobres dos ricos! Pero a maioría ben viu as vantaxes. Con todo, pra evitar interquinencias entre veciños, dixemos que a propiedade non perecía, que só se trataba dun usufructo en precario durante equis tempo, mentres as cousas fosen así, e nin sequera fixemos papeis. Pero conforme pasaban os anos, os vellos derregos fóronse arando, e agora xa poucos se acordan de marcos e de escrituras. E cando algúns se acorden, a posesión xa vale ben máis cós títulos vellos. De porparte, os rexistros da propiedade non se puideron custodiar como era debido, e houbo algúns incendios moi oportunos, accidentes moi lamentables… A terra sobrante, que en Outeiro foi máis ou menos a metade, aínda que non toda da mellor, xaora, quedou en fundo común pra administralo a parroquia, ou pra dotar as casas novas que se fixeran co tempo. Ó primeiro, fóra do monte baixo pra estrume e leña, o comunal pouca falla facía, pois houbera que matar moito gando por falta de con que o manter. Pero segundo aumentaba outra vez, foise poñendo a prado grande parte, sen repartilo… Nestes medios empezaron a circular os asinados tamén por aquí, e a herba de corta hai que pagala. Eso é de momento o que temos pró gasto público, pero non é só por eso, senón porque pagando a herba parece que se consolida a idea da propiedade social. Noutros sitios plantamos carballos, ou castiñeiros, ou o que cadrase mellor, que tamén son de todos. Cerca de aquí, que xa había algúns vellos nunhas rozas cativas, témoslle unha carballeiriña dunhas cincuenta fanegas que está medrando moito ben. Despois ha de a ver. E por certo, seique estes días anda por aquelas partes un cervo grandísimo. Agora haille moitos cervos tamén por acó, pero coma aquel disque nunca ningún se vira… O primeiro reparto fíxose en Outeiro do Lago, pero despois a igualdade estendeuse por todas estas partes, estivera ou non feita a concentración parcelaria. Ó principio as cousas foron a modo, e houbo os seus máis e os seus menos, pero despois xa todo marchou ben, gracias ós mestres novoso. Polas Terras Altas xa vería que é diferente. Como case ficaran sen poboación, a xente da cidade asentouse nas terras baleiras sen esa cisma da propiedade privada, e trabállase en cooperativas. Tamén axudou que, como non sabían, tiveron que depender dos equipos técnicos que organizou… que foron pra aló, sobre todo péritos agrícolas da escola que había en Lugo, rapaces moi bos e intelixentes. Por acó non nos atrevemos a tanto, porque nesas cousas haille que andar sempre con prudencia, non sexa que por moito correr se vaia pra atrás. Pero se un día se volve usar maquinaria, que é cando máis interesa, eu creo que esto tamén está bastante de xeito pra que todo se poña xunto, agás os circundos das casas, xaora. E se algún non quere avirse a razóns, que siga labrando coas vacas ou co que teña. Deixalo estar eso si, pero se é pola miña idea gasoi non debe lamber unha gota.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de Colapso

Futuro feudal

Cada vez veo más seguro un futuro en el que los nietos de quienes abandonaron el

Progresismo

Cuando alguien está al borde de un precicipio, lo que tiene que hacer es...