Tiña pensados outros títulos alternativos para esta reflexión que agora comparto convosco: «Populismo lingüístico» e «De linguas, academias, medios e mercado». Comezar mencionándovolos coido que me axudará a acoutar a cuestión, na que pretendo criticar as clásicas posicións dalgunhas persoas que rexeitan a necesidade ou pertinencia de unha lingua dispor dunha Academia, que neste peculiar reino no que vivimos, levan o cuño de Reais.
Adoitan os contrarios ás academias poñer de exemplo o inglés, lingua franca de facto da mundialización e do Empire, que non posúe unha academia con equivalente rango de oficialidade, e porén mantén unha considerable unidade ao longo dos últimos tempos e un vigor envexable (aínda que abofé por méritos máis ben alleos á lingüística). Asemade, baixo a bandeira dunha presunta democratización radical que máis ben acocha posicións ultraliberais, pretenden que a lingua a fai (e a debe facer) a xente, sen imposicións oficiais, administrativas, académicas ou políticas algunhas. Isto lémbrame necesariamente certas posicións nacionalistas españolas que agarran esa bandeira da liberdade lingüística persoal cando lles convén, partindo de premisas teóricas de igualdade entre linguas en conflito, moi afastadas da práctica cotiá dos usuarios de linguas minorizadas nesta Iberia nosa. …Mais esa é outra historia. Aquí e agora do que pretendo falar é das forzas endóxenas que determinan a evolución intralingua.
Contra esas posicións populistas de laisser faire a lingua ao pobo, eu opoño a realidade do mundo capitalista moderno: hoxe en día non é xa o pobo o que constrúe a lingua como lle peta; non pode, porque está condicionado polos medios de comunicación de masas, nomeadamente a TV, que acoutan non soamente os significados que se poden trasmitir se non tamén os significantes que conforman a lingua cotiá. E todos sabemos que na súa gran maioría eses mass media son, e pertencen a, unha presada de empresas privadas.
Polo tanto cedermos a primacía á fala da xente nas nosas mediatizadas sociedades, e darmos por boa calquera modificación ou escolla lingüística empregada pola masa, sería entregarmos o poder evolutivo dunha lingua aos propietarios dos media. Xa que logo, é precisa na constante evolución das linguas, a acción pública e resistente, allea ás leis do mercado omnívoro, dalgunha forza institucional. E do que dispomos chámase Reais Academias. Son por suposto moi perfeccionables, e moi democratizables (nun senso non deturpado da palabra). Así e todo a súa existencia é precisa como contrapeso que impida o control dun idioma polo Deus Mercado. Iso non quita para eu reclamar o meu dereito persoal á disidencia lingüística, e o concretar na miña oposición a normas marcadas por estas Academias por as considerar absurdas ou negativas para o idioma, como o vostede (de onde sae ese t se ven de vosa mercede?), o xénero feminino da palabra web fixado pola RAE, a opcionalidade do til segundo criterios subxectivables (moderna moda da RAE e mais da RAG)… ou na miña defensa do termo científico-técnico orixinal de teléfonos celulares fronte ao incoherente de móbiles imposto polos departamentos de marketing de empresas como Telefónica, cando na introdución masiva deste novo produto optou polas marcas más sonoras e vendibles de Moviline e Movistar, en troques do termo daquela empregado tanto na enxenería como no comercio: telefonía celular. Este é, coido eu, un exemplo ben claro do que pasa cando o Mercado, atendendo só ás razóns do marketing (que xa sabemos procura única e excluintemente o beneficio económico dos propietarios da empresa) impón modas terminolóxicas, que son inoculadas masivamente nos cerebros dos cidadáns-consumidores-falantes mediante a todo-poderosa maquinaria publicitaria.
Concluindo: si ás normas e mais ás Academias que as deben fixar, forzas precisas para defendermos as nosas linguas de manipulacións interesadas, pero máis pluralidade e rigor técnico nelas, se queremos que servan a quen teñen que servir: ás linguas e aos seus últimos posuidores en mancomún: os pobos. Na lingua, como noutros campos da vida social, debemos situar e defender entre o pobo e o Mercado, un Estado realmente democrático.
[…] termo científico-técnico orixinal de teléfonos celulares fronte ao … Veja o post completo clicando aqui. Post indexado de: […]