[Publicado na revista Longa Lingua, nº 9]
No curto tempo que levo residindo en Galiza, procedente da diáspora na Basconia no que poderiamos chamar un xeito de «retorno transxeracional», estou confirmando para o meu abraio e tristura a impresión que xa tiña sobre o mal galego que fala a clase política deste país. Mesmo me está a dar a impresión de que o nivel vai baixando respecto ás décadas pasadas. Chegan líderes novos pero o dominio do galego vai a peor: do xeito de falar galego de Fraga podería dicirse o que se queira, pero coido que polo menos colocaba ben os pronomes con respecto ao verbo, cousa que Núñez Feixoo non fai nin de casualidade. O peculiar galego de Touriño mesmo mereceu páxinas adicadas a escolmalo e ridiculizalo na Rede. E aínda que Quintana é o máis salvable dos tres, o galego que fala Beiras dalle cen voltas.
A cousa é que cuns dirixentes políticos así (e podemos sumar aí ao resto dos representantes dos partidos e a boa parte dos xornalistas) estamos a encher as ondas e os cables cunha contaminación lingüística moi perigosa que chega ate os ouvidos dos nosos «precarios» falantes e que ha afastar a normalización do idioma aínda un pouco máis.
En que país cabe a idea de falaren os seus dirixentes nos medios tan mal tan a cotío, con tantas chatas gramaticais, de léxico, tanto estranxeirismo renxente? Imaxinamos a Zapatero metendo tanto a zoca en castelán, falando con continuos «dijistes» e metendo palabras inglesas en cada frase pronunciada publicamente no Parlamento ou nos medios de comunicación de masas? Porén, aquí semella que hai que aceptalo («eche o que hai!») e esa resignación non pode ser outra cousa que danina para o noso idioma. Porque como confiarmos en que o axuden a salvar unhas persoas que non se molestan en aprendelo?
Eu propoño modestamente -dirá máis dun que quen son eu para vir de fóra corrixir aos que dirixen o país!- desde estas páxinas unha idea: se realmente existe interese en se corrixiren para non infectaren aínda máis o idioma que deben «curar», se realmente están dispostos a facer «normalización» en serio, que acepten unha revisión lingüística sistemática de todas as súas declaracións (polo menos as que fan no Parlamento, que xa son trascritas) por parte de persoal adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística e que se lles remitan semanalmente os seus textos coas correccións ben salientadas e explicadas. Penso que sería un moi rendible investimento desta Secretaría Xeral. Se aínda así non aprenderen e melloraren a corrección da súa fala, que actualmente non pasaría unha proba básica escolar, demostrarán que en realidade lles importa ben pouco un idioma que só empregan -e ben que penosamente- de cara á galería, sen convencemento interno nin compromiso. O fariseísmo lingüístico pódeo pagar moi caro a nosa lingua.