/

Cultura, mentiras e roldas de prensa

[Publicado en Vieiros o 20/10/2006]

Aínda que tres semanas despois dos feitos, a cuestión poida semellar un tanto resesa, non quería desaproveitar esta ocasión, única para min, de ser testemuña directa da manipulación informativa que contamina coma un cancro ao xornalismo de hoxe. Todo comezou coa miña
invitación ao Foro da Cidade da Cultura
que se había celebrar aquela derradeira fin de semana en Compostela.


Ao remate da segunda xornada, e cando aínda estabamos a alucinar co texto que nos dedicara a todos os alí presentes o señor Barreiro Rivas aquel 30 de Setembro na Voz de Galicia, e cuxo contido doendome moito vou
excusar comentar aquí, posto que á fin e ao cabo se trata dun artigo de «Opinión»… como dicía foi daquela cando a conselleira Bugallo deu unha rolda de prensa tras a presentación das conclusións do Foro diante dunha media ducia de xornalistas que alí acudiu. Eu asistín entre o público, ás preguntas e mais ás respostas …e tamén perplexo, á forma en que La Voz de Galicia reflectía todo aquilo nas súas páxinas ao día seguinte.

Xa a primeira, bateu na fronte. Na capa do xornal do domingo 1 de Outubro liamos: «La Xunta deja en el aire el futuro de la Cidade da Cultura tras oír al foro de expertos». Para comezar coido que iso de dejar en el aire entra dentro do que podemos chamar opinativo e que polo tanto non cómpre empregalo nun titular da capa e menos dalo por unha información obxectiva: e aproveito para advertir xa desde aquí que eu non estudei ética xornalística, aínda que algo me sei defender cando me tentar vender opinión tendenciosa por datos neutrais. Pero xa o sangrante foi dicir que eramos un foro de expertos, cando foi algo negado ab initio e ex post por todo quisque alí xuntado, por organizadores, participantes e responsables políticos. Alí estabamos os que estabamos en cualidade de membros do tecido cultural galego, na súa máis ampla definición, e sen título nen autoridade ningunha, que ninguén nos pediu, nin ninguén usou no tempo que durou o encontro.
Partindo disto, quen considera o responsable desa noticia que é para nos definir en contra da propia autodefinición do Foro? Supoño eu que o fai porque lle é útil á hora de vender o Foro como un fracaso: se chamaron a expertos e non fixeron o que eu penso que deben facer os expertos, o Foro foi un fracaso. Unha forma burda pero efectiva de contaminar: partir de que a cousa sobre a que informas é diferente do que é realmente, para sacar as capciosas conclusións que máis che peten. Se a realidade non encaixa cos teus obxectivos, fabrícaa, que carallo! que para iso es un medio de comunicación.

Pero sigamos, que aínda hai bolos no forno. «El foro de expertos convocado por el Ejecutivo gallego para dar un significado a la Cidade da Cultura finalizó sin ninguna decisión concreta». Claro, se querían que lle désemos un significado concreto e final, efectivamente non se lle deu. Pero ese obxectivo
unicamente estaba na tendenciosa mente do redactor, xa que nin a min -nin coido que a ningún dos convocados- se nos pediu tal cousa, senón que fixésemos unha reflexión en conxunto, unha especie de brainstorming do que saisen ideas coas que nutrir futuras etapas no proceso de redefinición da CdC. E todo o resto da información (?), segue no mesmo ton: como o obxectivo era A, e non chegaron a A, foi un fracaso; agachando que se perseguía B. E iso sen saír do parrafiño que liamos na capa do xornal. Pasemos agora á páxina que lle dedican na sección Galicia.

A frase baixo o titular, «El foro de representantes del sector -oíche! pero seica non eramos ‘expertos’?- concluye con la idea de cambiar el nombre del complejo», é así como de carallada, en plan: «mira tú, el parto de los montes: cambiarle el nombrecito». Quedarse unicamente con esa idea de entre todas as achegadas durante o proceso participativo que chegaba a un punto-e-seguido naquelas
xornadas, paréceme cando menos insultante para os que nos traballamos nel. A frase non só é manipuladora no sentido de destacar esa idea, que ninguén salientou sobre as demais no Foro, senón que dá a
entender que non houbo máis ideas. Caralluda forma de informar, si señor: se non queres mentir, abonda con que poñas o foco nalgo que che conveña e esquezas contar o resto.

«Visiblemente molesta con las informaciones sobre un conjunto arquitectónico (…)» informa o artigo… dando a entender que estaba molesta con todas as informacións, cando unicamente o amosou estar coas que consideraba inexactas ou tendenciosas, ou coas que non eran informacións senón opinións… e eu non interpretei nese caso molestia, senón retranca. Coido que os xornalistas a estas alturas deberían coñecer mellor ca min o carácter da conselleira e distinguir a molestia da ironía.

Despois a frase «reprobó que se cuestione lo que el propio bipartito admite: las lagunas que persisten sobre el destino final» é do máis absurda e amosa que o redactor(a?) ademais de pouca ética ten
pouco estilo. Que é o que reproba a conselleira, as lagoas? Que se cuestionen as lagoas? Que se poñan en dúbida, logo? O bipartito pode admitir lagoas, pero cando cuestiona que se critique a indefinición do
proxecto a min non me cabía dúbida de que se facía desde o desexo de escoitar alternativas e non simples críticas a un camiño, sen propoñer outro diferente.

«Pero Bugallo no quiso profundizar en las propuestas para dar utilidade a Gaiás». Ai que mala esta conselleira! Por que non nos explican por que non quería profundar? E non sería porque non é o momento? Se o Foro non se convocou para profundar en propostas, como o vai facer a Conselleira? Sería absurdo que convoque á sociedade para achegar ideas nunha fase inicial, e que ao mesmo tempo poida ela profundar nesas propostas… Se fose así, para que non tería chamado? O informador é inconsistente mesmo coa súa propia fabricada teoría da convocatoria de expertos: por un lado quere que déramos nós a solución final para a CdC e por outro lado quere que a dea a conselleira, pasando de nós! De novo queren dar a idea de que dese Foro debía ter saído algo perfectamente concretado, sexa como for. Só ao final doutro despece, citando a Antón Reixa, do consello asesor, se recoñece na derradeira frase «que en el foro no se trataba de sacar conclusiones».

Pero atentos, porque a menos sutil das manipulacións, digna de figurar nunha colección de mala prensa, témola no despeze lateral, onde trocando unha única letra se troca totalmente o significado dunha resposta da conselleira: «Ánxela Bugallo eludió hacer número. Arguyó que el coste de mantener los seis edificios que emergen al lado de la AP-9 dependerá de la funcionalidad que se les dé. [], sentenció.»

Que impresión dá isto ao lector? Que non teñen nin puta idea do que vai costar e que non a van ter ate o momento final no que lles pasarán os construtores a dolorosa en plan sorpresa: velaí tedes: foron en total tropecentos mil millóns de vellón! Pero eu son testemuña de que non dixo «nos» senón «vos» e fixo fincapé dúas veces cando menos, polo que dubido moito de que o señor ou señora S.L. que asinaba a crónica, non o escoitara ben (e ademais para algo teñen
as gravadoras, digo eu). O que dixo a conselleira era que cando o Goberno coñecese os custos finais, se lles pasarían estes datos aos medios de comunicación, para unha maior trasparencia do asunto. Trocas
unha letra e xa dá a impresión dunha neglixencia absoluta: miragres da ortografía!

E listemos xa como remate a colección de verbos empregados sobre a conselleira: «se limitó a asegurar», «visiblemente molesta», «no quiso profundizar», «con tono crispado», «se limitó a afirmar», «asume que», «eludió»,
«arguyó», «sentenció», «pese a que
tal, interpretó que cual«, «sintetizó», «echó balones fuera», «interrogada, sólo matizó», etc. Coido que subxectivos de máis e escaladosamente posicionados na súa contra, non é? Merece atención aparte o de «zanjó el interés de los periodistas por recabar ideas concretas»… cando nos aburrimos de esperar a ver se tiñan máis preguntas e os únicos bises que se escoitaron foron de preguntas xa feitas con anterioridade, ou que -díxose expresamente- facían referencia a datos xa achegados en anteriores roldas de prensa e que nada tiñan que ver co Foro.

A min o que me quedou desta historia foi unha grande decepción coa ética do principal xornal galego, e digo do xornal porque estas manipulacións non me cadran nunha actuación dese anónimo S.L.
que asina o artigo e coido que debe haber detrás unha clara liña de ataque ao proxecto, á Consellaría, á conselleira ou ao BNG. E de rebote tamén me quedei sen o pouco respecto que aínda me merecían os grandes
medios de comunicación. Menos mal que nos queda Portugal… digo, a Rede.

Manuel Casal Lodeiro, Barakaldo (1970). Escritor, divulgador, activista, aprendiz de labrador y de padre.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Lo último de En galego

A volta

Cumpre já esta volta. Cumpre já decrescer ou desaparecer.