[Publicado en Synapsis]
Existe unha interesante teoría que compara a potencialidade do ciberactivismo cun auténtico sistema de defensa da Humanidade. Segundo esta teoría, o corpo humano pode ser considerado unha rede de comunicación en si mesmo, e tal e como se ten comprobado a súa saúde depende en boa medida dunha morea de sinais constantemente enviadas por neurotransmisores químicos. Ademais as últimas investigacións en enfermidades do sistema inmunolóxico recalcan que o modo en que o corpo se conecta como un todo determina o grado de saúde.
E se vemos a Humanidade como un sistema que se estende por todo o mundo poderíase pensar nos problemas sociais, medioambientais, etc. como unha enfermidade inmunolóxica dese sistema. A conclusión é que segundo o mundo se vai interconectando cada vez máis, está xurdindo unha nova rede de comunicación capaz de actuar como o sistema inmunitario do planeta: ao aparecer unha sociedade a escala planetaria, está aparecendo tamén un sistema inmunolóxico a escala planetaria. O éxito cada vez maior das ONGs potenciadas por sistemas como Internet o demostraría.