[Publicado en Synapsis]
Un home óllanos dende unha páxina de web. «Non son ningún asasino. Non podo ter remordementos polo que non fixen», dinos este home por medio dun arquivo de son cando prememos nun botón. O titular da páxina reza: «Este home será executado dentro de 9 días por un crime que non cometeu». É un caso real dunha campaña contra a execución dunha condena a morte nos EE.UU. que ilustra perfectamente o auxe que está a experimentar todo tipo de activismo a través da rede.
Se sucedese nos tempos previos a Internet este caso que presentamos como exemplo, os avogados e as asociacións que loitasen pola vida deste preso estarían limitados na difusión da súa loita a mandar cartas a revistas e periódicos rogando polo envío de peticións de clemencia ao gobernador do estado. Nos primeiros tempos da rede, pouquiño máis poderían acadar a través dos primitivos sistemas de foros ao alcance dos escasos internautas que daquela pululaban polo ciberespacio, ficando a maioría da xente ignorante da súa causa. Pero hoxe en día, en plena explosión do uso da Rede, organizando unha campaña na Web poden conseguir que moita xente escoite a voz do condenado, vexa o seu rostro, coñeza de primeira man a súa historia e envíe unha petición de clemencia ao e-mail do gobernador con tan só premer co rato nunha ligazón da mesma páxina. O foro alt.activism.death-penalty fai de punto de encontro para milleiros de persoas dispostas a axudarlles.
É un claro exemplo de cómo a popularidade e a tecnoloxía de Internet pode no momento actual axudar a moitas causas de todo tipo. Xa pasou o tempo en que os activistas lle tiñan medo a cousas como HTML, newsgroups, ou RealAudio: agora calquera pode estar na Rede e eles non debían ser menos. En canto viron os espectaculares resultados das primeiras campañas organizadas na rede, tódalas ONGs están indo de cabeza, mesmo no noso país: o buscador OZÚ rexistra a finais do 98 un total de 95 enderezos de webs de ONGs españolas, e Galiciacity 20 galegas (aínda que faltan na súa lista algunhas das que falaremos nun apartado).
E como a Rede aínda é noticia (¿deixarao de ser algún día?) na prensa tradicional, os activistas aproveitan esta popularidade e poden lograr que moitas das visitas á páxina do penado a morte, por seguir co exemplo, proveñan de xente que leu sobre a campaña no seu xornal favorito e despois foi buscar o web a Internet. Este caso acadou 30.000 visitas nunha soa semana e centos de e-mails que colapsaron a caixa de correo da oficina do gobernador que tiña na súa man a vida do preso. Da medida do potencial do activismo en Internet pódenos dar idea a cifra de decenas de milleiros de lectores do grupo alt.activism.
En definitiva, demóstrase nestes casos que Internet está dando á xente a capacidade de difundir as súa loitas e de enganchar a outra xente a que actúe. Ademais a difusión é no grado que os promotores queiran, sen ter que depender do filtro que fan os medios como a TV, a radio, a prensa… ou ter que gastar millóns en campañas publicitarias para poder dicir todo o que queren. Cos medios de hoxe acabouse o acceso limitado aos medios tradicionais, nas mans duns poucos. Nestes días da aldea mundial, se sucede algo denunciable en calquera parte do planeta, pode ser rapidamente transmitido, sen censura, a millóns de persoas e pódese xerar unha resposta colectiva inmeditamente. E esta resposta acadable do público ha ser moito máis sinxela, rápida e cómoda que nunca. Por suposto, se o activista conta cos medios e os profesionais axeitados, pode sacar partido tamén ao crecente carácter multimedia da Web con vídeos, locucións, informacións interactivas, boletíns informativos, foros de conversación, etc. A mesma tecnoloxía que están a utilizar as empresas e os organismos públicos.
Campañas na Web
O xeito máis normal de facer campañas na Web é poñendo unha páxina na que se explique o obxectivo da mesma e pedindo aos interesados en apoiala que poñan o logotipo da campaña nalgunha parte das súas propias páxinas ligando co web da campaña. Así multiplícase o efecto difusor e calquera pode atopar o logotipo na páxina máis inesperada e informarse do asunto cun so click. Exemplos deste tipo de campañas son por exemplo a que reclama un dominio de primeiro nivel para Galicia, a que esixe o Windows98 en galego ou a que loita pola privacidade da correspondencia electrónica.
Ideoloxías
Entre o ciberactivismo temos organizacións que xa loitan no mundo non-virtual dende hai moitos anos (por exemplo, GreenPeace) e que agora aproveitan a Rede como outro medio máis, e outras que naceron especialmente para actuar na Rede (como a EFF ou a nosa Ciberirmandade da Fala).
Nembargantes, non todo é tan positivo na parte activa da Rede. Tamén hai outro tipo de activistas, sacándolle o mesmo (ou máis) partido á tecnoloxía de Internet, e promovendo as milicias paramilitares, a negación do Holocausto, a fabricación de drogas sintéticas, as sectas ou directamente o terrorismo. Pero é que a rede, hoxe en día, segue sendo aberta e un pode loitar por, ou defender, calquera causa.
Aínda que se hai algunha ideoloxía que atope o seu hábitat ideal na Rede esa é a ideoloxía libertaria. E isto é así porque dende hai moito tempo Internet está fóra do control directo de ningún organismo, empresa ou Estado (malia que lle pese ao señor Gates) e os poucos controles que hai son descentralizados. Por tanto é unha especie de Utopía para os libertarios, os que promulgan a libre actuación do individuo coas mínimas normas posibles. O goberno dos EE.UU. leva tempo tentando poñer unhas fortes restriccións aos contidos de Internet, principalmente mediante a Communications Decency Act, cunha enorme oposición de tódolos membros da comunidade virtual. A libre expresión é a causa número 1 en Internet.
Vantaxes de Internet para o activismo:
· Baixo costo.
· Gran repercusión.
· Libre expresión.
· Libre acceso ás fontes e ás diversas partes (versións) implicadas no tema.
· Comunicación interactiva.
· Cooperación máis sinxela e rápida.
· Intercambio de información e experiencias con outros activistas.
· Comunicación barata coas delegacións ou activistas lonxe da sede.
· Fonte de información e investigación.
Ciberproselitismo
Internet tamén é un medio ideal para a procura de novos membros para as ONGs, que pode que non sexan moitos, pero dado o perfil típico de internauta (activos, inquedos, de nivel cultural alto) han ser valiosos. Calquera pode colaborar adicando uns poucos minutos á semana enviando un e-mail de denuncia ou apoio, espallando unha mensaxe nos foros ou entre os amigos… E mesmo enviar donacións mediante as cada vez más estendidas páxinas seguras ou comprar productos en tendas-web solidarias ou ecolóxicas. Nunca o compromiso cunha causa foi tan fácil.
Pero non esquezamos eses países con réximes autoritarios e dictatoriais onde está prohibido o acceso a Internet e onde os activistas-disidentes deben correr moitos riscos para se conectar e procurar axuda e información (¡xa hai xente na cadea en varios países por se conectar a Internet!). Os seus compañeiros no exilio que montan webs de denuncia en servidores doutros países teñen unha importancia vital nestes casos (China, Cuba, Kurdistán, Timor Leste…). É evidente que Internet é unha forza democratizadora de potencial incalculable, e os gobernos estanse a dar conta.
Enderezos interesantes:
· Electronic Frontier Foundation: protección das liberdades civís fundamentais, como a privacidade e a liberdade de expresión, no terreo da informática e Internet (www.eff.org).
· Alliance for Community Media: piden o acceso universal aos medios electrónicos e loitan contra a concentración dos mesmo nunhas poucas mans (www.alliancecm.org).
· Global Internet Liberty Campaign: liberdade de expresión en Internet (www.gilc.org).
· AFL-CIO: movementos obreiros (www.aflcio.org).
· One World: comunidade de organizacións pola xustiza mundial (www.oneworld.org).
· Greenpeace: xa de todos coñecida, loitando polo medio ambiente (www.greenpeace.org).
· WWWF / Adena: conservación da natureza (www.servicom.es/adena).
· Human Rights Watch: defensa dos dereitos humanos, cun informe anual moi prestixioso (www.hrw.org).
· Amnistía Internacional: xa de sobra coñecida (www.amnesty.org).
· Acción Contra el Hambre: a coñecida ONG de axuda ao desenrolo (www.servicom.es/ach).
· ACNUR España: axuda aos refuxiados (www.servicom.es/acnur).
· Aldeas Infantiles: a prol dos rapaces desamparados (www.readysoft.es/advernet/aldeas).