Onte no Telexornal da noite falaron dunha banda de atracadores que se adicaban a roubar mediante o método do aluaxe , tradución incomprensible do alunizaje castelán. En castelán ten chiste porque é un xogo de palabras entre luna (cristal) e alunizar (posarse una nave sobre la Luna). Porén, en galego é absurdo ese xogo de palabras porque aos cristais non se lles chama lúas.
Pero aos poucos chamoume a atención outra expresión: a suposta fuxida suicida dos atracadores, perseguidos pola policía. Semella contraditorio, porque se fuxían non era para se mataren senón para que non os atrapasen. Imaxino que a desafortunada expresión foi debida a que fuxían en sentido contrario por unha estrada dun só sentido e a que ese tipo de condución adoita denominarse condución suicida. Pero cando se usa ese nome non é precisamente cando o condutor quere saír vivo e librar da cadea porque o persiguen as forzas da orde 😉 Todo o contrario dun suicidio!