E imos, sen tomar respiro, cunha segunda entrega para Galego inventado.
Recentemente La Voz de Galicia publicou un artigo no que lle pegaba un bo repaso á calidade do idioma galego que empregaban os principais líderes do PSdeG, BNG e PPdeG. Resumo as invencións detectadas no mesmísimo presidente da Xunta, que son abraiantes mesmo para un neofalante coma min:
Do presidente da Xunta, os especialistas da Mesa consultados por Efe explican que o seu déficit se aprecia tanto en morfosintáxis como en fonética e «realiza mesturas incomprensibles entre o galego e o castelán», o que lle leva a dicir en ocasións «cosas disparatadas».
Como exemplo, recordan a firma do acordo de Goberno, cando Pérez Touriño falaba de «subliñalo», no canto de «asinalo», coma se estivesen «cun lapis escollendo algunhas partes en lugar de ratificalo no seu conxunto».
Os lingüistas pon como outros exemplos as palabras e expresións seguintes, recollidas de intervencións do presidente da Xunta: «artígolo», «eneiro», «>xa son houras», «ochocentos mil», «pasar holla» ou «furato» e «aguxeiro».
Vou explicar aquí brevemente estes disparates, para os non galegos:
- *artígolo: en galego dise artigo, pero parece que lle parecía mal ao presi perder a esdruxulosidade da palabra.
- *eneiro: en galego é xaneiro, pero se ve que lle soaba raro que comezase por X un mes que en castelán non comece por J, e pensou que con lle poñer -eiro ao final xa o convertía automaticamente en galego.
- *houras: inaudito e inexplicable. Isto é o colmo do hiperenxebrismo. Contaxio tal vez de moras (ES) mouras (GL)?
- *ochocentos: parecido ao caso de *eneiro. En galego 8 dise oito.
- *holla: imperdoable. Calquera neofalante sabe que unha chea de palabras que en castelán comezan con H- en galego fano (como no orixinal latín) con F-. Será que non quería dicir unha palabra fea! 😉
- *furato: un híbrido cachondo entre os correctos burato e furado.
- *aguxeiro: carallo, un sinónimo para *furato! Que riqueza léxica! ;-D
Alguén se imaxina a Rodríguez Zapatero falando un castelán tan trapalleiro?
E a estas gustaríame acrecentar unha que lle escoitei en vivo e en directo ao añorado ex-alcalde coruñés, Paco Vázquez, nunha voda civil que oficiou cando aínda rexía os destinos da súa La Coruña, aínda que algúns non o crean, totalmente en galego. Aínda que nun galego bastante deficiente. Quedeime sobre todo co detalle de que aos aneis dos noivos, lles chamou anelos ;-D